Notícia tirade de aqui.
“A coordinación interna dos populares deixará ao descuberto o totum revolutum que son os bipartitos”. O pasado 5 de outubro, o voceiro do PPdeG, Antonio Rodríguez Miranda, sintetizaba deste xeito o espírito da precampaña da formación conservadora de cara aos comicios do vindeiro maio nos 315 municipios galegos e, moi especialmente, nos sete concellos urbanos do país.
Coa vista posta en derrocar as coalicións de PSdeG e BNG, o número tres popular daba conta dunha “nova fase de comunicación” dos seus candidatos ás alcaldías, “conectada a través do lema e dunha filosofía xeral, que é que teñen unha mesma mensaxe e un mesmo proxecto”, insistía. Menos dun mes despois daquela presentación, celebrada case simultaneamente nas sete cidades, a precampaña do PPdeG comeza xa a desenvolverse e faino sen a prometida unidade, cando menos nun aspecto, o relacionado co idioma.
Na liña do avanzado polo candidato á alcaldía da Coruña, Carlos Negreira, que na súa presentación xa avogara abertamente por centrar parte da súa campaña na cuestión lingüística e, nomeadamente, na recuperación da forma deturpada do topónimo da cidade, os aspirantes do PPdeG a algunhas das alcaldías optaron pola tradución non só do lema Onte por Galicia, hoxe polo teu concello, senón por realizar o groso da súa precampaña unicamente en lingua castelá, cunha elección que, a priori, non semella casual.
Así, mentres que o lema en galego se mantén nas accións comunicativas da formación en cidades como Lugo ou Ourense, o castelán é a única lingua de comunicación, ademais de na Coruña, en Vigo e en Ferrol, cidades nas que, xa en anteriores comicios, caso das autonómicas do 1-M, a cuestión lingüística foi argumento da formación.
Deste xeito, é posible observar que o candidato á alcaldía de Lugo, Jaime Castiñeira, apoia parte do seu inicio de precampaña nunha páxina web co título xenérico de O teu alcalde. Nunha liña semellante, o aspirante ourensán, Rosendo Fernández, emprega o lema xenérico en galego, engadíndolle ademais a consigna Ourense, entre todos, lonxe da castelanización do seu homólogo da cidade da Coruña.
Na banda contraria sitúanse os candidatos ferrolán e viguesa. No caso da cidade departamental, José Manuel Rey Varela, tamén da o seus primeiros pasos de precampaña a través dun blog –ao pouco de ser elixido, comezou a instalar paneis publicitarios, retirados despois ante as críticas por “despilfarro”– redactado unicamente en castelán. En Vigo, Corina Porro vén tamén de inaugurar a súa propia páxina web, encabezada polo lema Ayer por Galicia, ahora por Vigo en considerables dimensións e, como no caso ferrolán, unicamente en castelán. Onte, na presentación da súa candidatura, a presidenta da Autoridade Portuaria deu o seu discurso ante un panel co lema en galego e con outro propio (Vigo a tope con Corina), pero fixo un discurso integramente en castelán e recuperou o discurso da teórica “imposición” do galego apoiada por PSdeG e BNG. “O único que lles preocupa é a imposición dunha lingua que é patrimonio de todos”, dixo nunha cidade, feudo de Galicia Bilingüe, onde calla a polémica.
A duplicidade de discurso lingüístico contrasta coas palabras de Núñez Feijóo que, no inicio da precampaña, en Silleda, cargaba contra os bipartitos para asegurar que “ante os que dividen, está o PP”, un partido “fiable” que, enfatizaba, quere “estar xunto” fronte aos “dobres” discursos de PSdeG e BNG. Mentres, nese mesmo acto, o presidente do PP de Ourense facía seu o discurso do “galeguismo” para asegurar que a formación que dirixe se asenta “en tres piares”, a saber, “unha terra, un pobo e unha fala”.
Nenhum comentário:
Postar um comentário