Vicenç Navarro en Público (aquí).
Estase a amosar en EEUU un documental sobre as orixes da crise financeira en EEUU (Inside Job) que está a ter grande impacto. Concedéuselle hai unhas semanas o Oscar ao mellor documental do ano e está a crear gran balbordo nos departamentos universitarios de Economía e en centros de investigación económica daquel país. Amosa, entre outros temas, como o centro financeiro de EEUU (Wall Street) estivo configurando a sabedoría convencional do coñecemento económico universitario, reproducido nos centros académicos de maior prestixio daquel país.
A banca, a través do financiamento de congresos, de revistas supostamente científicas de gran renome, de financiamento de centros de investigación económica, de pagos a famosos economistas que directamente ou indirectamente están ao seu servizo e do establecemento de cátedras universitarias, configurou a "ortodoxia" do pensamento económico que estivo servindo, na súa gran maioría, aos intereses do capital financeiro de EEUU. Estableceuse, así, un dominio case absoluto que dominou a cultura económica do país. O documental presenta tamén a existencia de economistas críticos con este pensamento único, un número moi reducido, ignorado polo establishment académico económico.
O documental amosa como este pensamento único, ortodoxo, levou ao país e ao mundo ao desastre. As enormes crises financeiras e económicas baseábanse nas políticas derivadas dos supostos que rexían tal coñecemento ortodoxo económico. A comunidade académica de grandes departamentos universitarios de Economía, onde se reproducía a ortodoxia, fallou estrepitosamente, non só en previr as crises, senón que contribuíu a que se producisen. E o que a documental denuncia é que, a pesar deste gran fracaso e incompetencia, continúan dominando o pensamento económico, guiando as respostas á crise a través do Estado federal, propondo medidas que están a favorecer ao capital financeiro á conta do benestar das clases populares estadounidenses.
Sería aconsellábel que un documental parecido se fixese en España amosando unha situación case idéntica á que ocorre en EEUU: o dominio da banca na reprodución da sabedoría convencional económica. Só basta sinalar a coincidencia de puntos de vista e propostas de cambio que fai o gobernador do Banco de España (o maior lobby da banca, que supostamente é o seu regulador), os que fai FEDEA (Fundación de Estudos de Economía Aplicada), financiada pola banca, e os sucesivos manifestos (patrocinados por FEDEA) dos 100 economistas, a maioría académicos. Todos eles reproducen a mesma ortodoxia económica. A súa maneira de resolver o desemprego é despedir máis facilmente aos traballadores e baixar os seus salarios; a de resolver a suposta inviabilidade do sistema público das pensións é a base de reducir as pensións; e para resolver a suposta insostenibilidade do Estado do benestar propoñen reducir aínda máis o emprego e o gasto público (no país da UE-15 que o ten xa máis baixo), e así un longo etcétera, medidas todas elas que están a causar unha enorme dor ás clases populares. Nunca inclúen nas súas análises o estudo do comportamento especulativo da banca responsábel do colapso do crédito (unha das causas da crise financeira e económica) nin as propostas que reducisen o excesivo protagonismo que os intereses da banca teñen para o bo facer da economía española, nin a moi necesaria reforma fiscal que corrixa a enorme regresividade existente en España.
O seu comportamento inspírase no pensamento neoliberal xurdido dos maiores centros universitarios de reflexión económica de EEUU e as súas revistas supostamente científicas. É demostrativo diso que nunha das escasas ocasións que un portavoz do manifesto dos 100 economistas respondeu ás miñas críticas, non o fixo respondendo aos meus datos, senón "nun intento de descualificación persoal" á miña suposta falta de coñecemento en Economía que segundo el quedaba mostrada en que (horror dos horrores!) eu nunca publicara un artigo en American Economic Review, unha revista que foi un fórum de promoción do pensamento neoliberal naquel país.
Durante 40 anos fun catedrático de Políticas Públicas (unha especialidade en Ciencias Políticas e Económicas) en The Johns Hopkins University. Á volta do exilio, fun proposto como catedrático extraordinario de Economía Aplicada na Universidade Complutense. Máis tarde fun catedrático de Economía Aplicada na Universidade de Barcelona, e despois catedrático de Ciencias Políticas e da Administración na Universidade Pompeu Fabra. En canto a publicacións, segundo o instituto de análise de literatura científica (Lauder Institute of Management and International Studies de Pensilvania), son un dos economistas e politólogo españois máis citado na literatura científica internacional en Ciencias Sociais (que inclúe Economía, Ciencias Políticas e Sociología, entre outras disciplinas). Escribo estas notas con certa incomodidade (procedo dunha familia e dunha tradición que non ve con bos ollos falar dun mesmo) para denunciar os estreitos canons de ortodoxia económica profundamente ideoloxizada existente en España, detrás da cal está o enorme poder da banca, que ao promover o pensamento neoliberal (que presenta como ciencia económica) está a danar o benestar da maioría da poboación española.
Vicenç Navarro é Catedrático de Políticas Públicas na Universitat Pompeu Fabra e profesor de Public Policy en The Johns Hopkins University
Nenhum comentário:
Postar um comentário