20/03/2011

Indagacións sobre a cidadanía (III): menores e a súa condición de cidadanía (II)

Raul Asegurado Pérez, membro da Coordenadora Nacional do Encontro Irmandinho, sócio fundador da AIS O PETO e membro de Fiare. Artigo tirado de aqui.
http://gastropolis.bitacoras.com/emigracion.jpg


É moi dificil estabelecer nun marco xenérico de seiscentas palabras máis ou menos, no que pretendo restrinxir estes artigos, para tratar un tema tan sensíbel como este, o feito de non ficar conforme co anterior levoume a aprofundar máis neste tema tentando agora cinguirme ao cerne da cuestión que tento abordar, a construción da cidadanía nos menores no contexto das sociedades actuais, con todas as súas peculiaridades.

En primeiro lugar a capacidade de obrar dentro da lexislación vixente por parte dos menores está recoñecida no grao da súa autonomía social, que non política, mais nisto entra un tan enorme amalgama de consideracións que tentarei remitirme só ás que considero imprescindíbeis para encetar o propósito dun, tal vez, máis longo estudo; a saber, a capacidade de obrar, o dereito á información, a liberdade ideolóxica, as relacións da educación e a dimensión política dos menores por parte de toda a cidadanía no seu conxunto.

A capacidade de obrar dos menores. A capacidade de obrar é algo innegábel a toda persoa, sexa cal sexa a súa condición e capacidade, mais os menores actúan na sociedade en que viven de forma inevitábel, inducíndoa e confrontándoa continuamente a novos esquemas nas relacións sociais: paterno-filiais, ocio xuvenil, educativas, etc… Segundo a infancia vai avanzando, a capacidade de obrar e tomar decisións tamén aumenta sobor dunha meirande capacidade de responsabilidade, vencellada esta (ou debería estar) a unha aceitación maior dos deberes sociais da autonomía así como da posta en acto dos dereitos que teñen. A capacidade de obrar dos menores de idade está case sempre suxeito ao dereito penal polo cal se determina as consecuencias dos seus actos, mais está moi pouco lexislado alén disto cales son as capacidades defendidas por lei desta capacidade. Hai pouco un meniño da localidade española de Ceuta (creo que era) chamaba a RNE para dicir que non teñen lugares para xogar á pelota os rapaces que xa non querían xogar nos parques infantís, na construción urbana non tiñan lugar o seu ocio e contaba como a instancia administrativa non atendía as súas demandas se non estaban asinadas por un adulto… Este caso, tomado como tal, pode evidenciar cal é o papel atribuído aos menores no conxunto da cidadanía e por onde poden ir os tiros para ampliar a cidadanía a este colectivo.

O dereito á información dos menores. Os menores son consumidores de todo (e de case todo por lei), mais o circuíto informativo case sempre salta a este colectivo, se nos decatamos case a totalidade da esfera pública afecta aos menores, lei educativa, lei de emisión de contidos televisivos, lei “sinde”, lei etc…, mais se para a cidadanía no seu conxunto moitas veces o aceso á información das cousas que a afectan é dificultoso, para os menores moito máis, tanto polas súas capacidades como pola inaccesibilidade. Mais que acontece con cousas aínda máis persoais? Por exemplo, co dereito a saber o estado de saúde proprio? Ou co coñecemento real dunha medida de internamento nun centro de proteción? 

A liberdade ideolóxica nos menores. A importancia da liberdade ideolóxica ten unha transcendencia enorme no proceso educativo do menor, así como dela emana o sentido profundo do pluralismo ideolóxico como valor xurídico da cidadanía política; e por tanto, o atender a este dereito no proceso de constituír a personalidade é fundamental. O dereito dun menor a ir -ou negarse a ir- a un rito relixioso aínda que os seus proxenitores ou titores o estimen oportuno, ou a un acto político (manifestación, folga, etc…). Claro que todo isto vai vencellado ao dereito á información (polo menos) do que falamos antes, a explicación do por que sustentada nun dereito non na vontade ou non didáctica dos maiores de idade. Sobre todo porque por forma da inversión dos factores, pódese negar o aceso da información dunha serie de aprendizaxes por razóns ideolóxicas, e entón que?

As relacións da educación cos menores. Dende unha pedagoxía republicana hai que desterrar dos modelos educativos os procesos de dominación unha e outra vez repetidos polos “clichés” que se perpetúan na sociedade no seu conxunto. Un sistema educativo que vaia no senso de atribuír unha maior autonomía a todos os níveis da persoa e que se enmarque no propósito da autorresponsabilidade e non tanto en contidos académicos dos que se dan en chamar prácticos, é fundamental. As relacións entre educador (mestre/profesor/nai etc…) e educando (alumna/estudante/filla etc…) que sexan encontro entre persoas, encontro que acompañe e non que impoña, que sexan de mutua interpelación e consecución, axudaría a elevar e estender o significado de cidadanía máis alá do que hoxe entendemos como tal.

A dimensión política dos menores por parte da cidadanía. Unha connotación innegábel da cidadanía é o dereito á participación política, salvando a restrición do dereito ao sufraxio por parte dos menores, non debería haber máis, matización que tería lóxica nun contexto diferente ao actual, onde a instancia pública fose máis permeábel á cidadanía no seu conxunto e a este colectivo en particular polas razóns que apuntei en entrega anterior, mais esta proposta “de lege ferenda” estaría encadrada dentro dun afondamento nos piares da democracia participativa. Por outra banda, a dimensión política dos menores tamén está vencellada á relación destes co que é o elemento central da democracia formal, cos partidos políticos, mais alén disto, tamén coa carestía de mecanismos de presión social e política: non son un grupo estábel para poder autoorganizarse (en poucos anos os suxeitos son diferentes, “cúrase co tempo!”), carecen do interese por parte dos grupos políticos pois non son votantes, a súa situación é considerada na meirande parte dos casos como asuntos privados (cousa que imposibilita a publicidade da relevancia das súas situacións). A dimensión política dos menores por tanto é unha responsabilidade de toda a cidadanía, é a cidadanía no seu conxunto a que debe atender esta situación de indefensión e vulnerabilidade que padece para poder así ser ela mesma máis consciente da súa identidade, apostando polo futuro e poñendo en práctica o valor civil republicano máis esixente, a fraternidade.

Nenhum comentário: