20/03/2011

O roubo da auga (III)

Xosé Manuel Beiras en Galicia Hoxe.



[Imaxe da manifestación de hoxe, 20 de marzo de 2011,
contra a Lei de Augas da Galiza].


A Carta Europea da Auga, que data do 1968, fai unha declaración de principios, nunha ducia de artigos, que comenza por esta afirmación (art. 1): "Non hai vida sen auga. A auga é un tesouro indispensábel para toda actividade humana". Consecuentemente con ese principio cardinal declara logo (art. 10): "A auga é un ben común, cun valor que debe ser recoñecido por todos". Xa que logo, se é un ben común, non pode ser nen privatizado nen mercantilizado -é dicir, non pode ser sometido ás leis do mercado, non pode ser convirtido nunha mercaduría que se vende no mercado, non pode ser obxeto de compra-venda meiante un prezo. É máis: se a auga "é un tesouro indispensábel" para a vida humá, o seu valor non ten prezo. E máis aínda: se "non hai vida sen auga", ningún ser humán poderá ser obrigado a pagar un prezo por ela -a satisfación da sua necesidade de auga non pode depender da sua capacidade adquisitiva.
Derívase do devandito que o acceso ao uso ou consumo da auga é un dereito consustancial co proprio dereito á vida: un dereito humano fundamental. No entanto, así como o dereito á vida xa fora proclamado pola ONU na Declaración Universal dos Dereitos Humanos do 1948 (a. 3), e mesmo esplícitamente referido á alimentación como unha das suas concrecións (a. 25), en troques compriría agardar a xullo do 2010 para que as Nacións Unidas fixesen outro tanto a respeito da auga, e declarasen o "dereito á auga potábel" como "un dereito humano esencial para o pleno disfroite da vida e de tódolos demáis dereitos humáns". Ora, unha vez sentado esplícitamente ese principio, fica amparado pola norma (a. 30) da Declaración Universal que lle nega "dereito algún ao Estado, a un grupo ou a unha persoa para (...) realizar actos tendentes á supresión de calquera dos dereitos e liberdades proclamados nesta Declaración": ou sexa tamén, portanto, do "dereito humano esencial" á auga.
Pois ben: á luz destes principios universalmente declarados pola ONU, resulta que a Lei de Augas de Galicia, aprobada o pasado outono no Parlamento autónomo pola metade máis un dos seus membros, constitue un "acto (lexislativo) tendente á supresión" do "dereito humano esencial" dos cidadáns galegos ao uso da auga "para o pleno disfroite da vida e de tódolos dereitos humáns". Non é unha brincadeira: esa Lei consuma unha confiscación das augas todas do noso país para convirtilas nunha mercaduría que pon en mans de "Augas de Galicia": unha "entidade de dereito público", disque, mais que "axustará regularmente a súa actuación ao dereito privado" -atádeme esa mosca polo rabo.
Dicíavos eu nunha entrega anterior que a mercantilización da auga comezara pola dos servizos de suministro -as "traídas de auga potábel"- ás aglomeración urbáns: a prática das "concesións" deses servizos, feitas polas administracións públicas municipais a favor de empresas privadas, implicou unha encuberta mercantilización de facto dos servizos públicos de abastecemento a traveso da privatización da sua xestión. Mais agora, coa nova Lei, é a propria auga o que se mercantiliza: non só deixa de ser un ben libre, non só deixa de ser un recurso natural obxeto dun "dereito humano esencial", senón que tamén perde a sua índole de ben público, universal e social pra se convirtir nun produto estritamente mercantil. En concisas palabras recentes do meu amigo Lolo Docampo: "Esta Lei permitirá facer negocio coa planificación hidrolóxica, coa construción de infraestruturas (que normalmente fanse con axudas públicas), co prezo a pagar polo uso do ben (canon da auga), coa taxa polo suministro, e co canon de vertido". Nefeito, atinxe a todos eses eidos e dimensións dos sistemas hídricos e do "ciclo da auga", e abrangue tódalas castes de augas, formas de captación e reximes de posesión e uso delas.
Duas son as chaves mestras do espólio "legal" da auga como ben común. A primeira estriba na reforma da administración hidráulica galega preexistente, que deturpa a sua natureza. Até agora existía (Lei 8/1993), por unha banda, un "organismo administrativo autónomo " (denominado Augas de Galicia) dependente do Consello da Xunta e, pola outra, unha Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos. A nova lei méteo todo no saco dunha soa entidade de nova criación: a nova Augas de Galicia. Disque pra "rematar con esa dicotomía administrativa", seica "insuficientemente fundamentada". Mais o que non "fundamenta" o lexislador é mesmamente as vantaxes desa unificación. E o que escamotea é a mudanza de natureza xurídica que implica: a nova Augas de Galicia é un "ente público", mais non un organismo de rexime administrativo, e que se rexe polo dereito privado (a. 9), e non polo dereito público administrativo -"agás as excepcións que prevé esta lei". Está claro: é unha camuflada privatización de facto da administración hidráulica galega. Por riba, "a vontade da lei é facer da entidade Augas de Galicia a administración única e ordinaria da política de augas en Galicia (...) atribuíndolle (a. 11) as competencias xerais no ámbito das augas e as obras hidráulicas, e engadindo as competencias proprias da política de abastecemento e de saneamento, así como a intervención na planificación territorial e urbanística que lle corresponde á administración da Comunidade Autónoma" (!!). Nada menos. Ou sexa: que tódalas competencias do poder político autónomo galego pasan ás mans dunha "entidade (que) axustará regularmente a sua actuación ao dereito privado"!. Maravilloso xeito de utilizar a instalación nas institucións do poder político para erradicar a natureza pública, administrativa e política dos trebellos operativos desas mesmas institucións: razón teño eu en chamar "brigada de demolicións" aos actuais inquilinos das institucións da autonomía política galega.
A segunda chave mestra do espólio consiste na descaradamente esplícita conversión da auga -das augas todas do noso país- en mercadoría sometida a un prezo. Mercadoría de obrigada adquisición -poisque ninguén pode prescindir do uso e/ou consumo da agua. Prezo de monopólio de oferta, asemade -poisque só a entidade Augas de Galicia pode estabrecelo. E prezo de monopolio coercitivo -poisque adopta o aduvío dun imposto, que é unha exacción coercitiva... e sen contraprestación. Eis por qué falo de confiscación da auga, e non, nen tan sequer, de expropriación: a expropriación implica a contrapartida do pago dun prezo ou dunha indemnización polo ben expropriado -que neste caso non existe. Vexámolo.
Nun inconcebíbel exercizo de hipocrisía, o lexislador rotula como "Da política de recuperación dos custos dos servizos" a sección da lei (título IV) na que regula o "rexime económico-financeiro" de Augas de Galicia (Cap. I) e pon prezo á auga -o invento do "canon da auga" (Cap. II). Falo de hipocrisía porque o lexilador invoca, como coartada, "o principio comunitario (léase da UE) de recuperación de custos dos servizos relacionados coa auga", apela á "cooperación" (económica) dos "beneficiarios dos servizos de abastecemento e depuración", e asegura (a. 43 e 44) que o "canon da auga" ten "finalidade extrafiscal" e o produto da recadación destinaráse a "programas de gasto" con "obxetivos medioambientais", "prevención en orixe da contaminación", "mantemento de caudais ecolóxicos" e outras lindísimas músicas celestiais polo estilo.
Mais é tudo unha falsidade de cabo a rabo. Primeiro: o canon grava, non só o consumo da auga das "traídas" municipais, senón da "procedente de captacións proprias, superficiais ou subterráneas" (a. 45.3). Neste país noso, de histórica preponderáncia do habitat rural cunha estrutura territorial espallada en milleiros de entidades de poboación, onde os paisanos tiveron que dotarse polos seus proprios medios de "captacións proprias" individuais ou comunais ("traídas viciñais"), sen axuda pública ningunha, mesmo sen servizos de saneamento ("alcantarillados") inda hoxe en moreas de aldeas e vilares, acaso son todos iles "beneficiarios dos servizos de abastecemento e depuración" prestados pola administración pública?. Pois terán que pagar o canon, ou sexa, pagaren o prezo da auga que iles mesmos arrecadaron. É un retorno ao feudalismo e á servidume: a Xunta reconvírteos en foreiros nove décadas despois da redención dos foros. Segundo: a paranoia do lexislador inclue no gravame "os consumos ou os usos de augas pluviais e mariñas que efectuen os usuarios": nunca millor dito aquilo de que "mexan por nós e compre dicir que chove", literalmente. Terceiro: "constitue o feito impoñible do canon da auga o uso ou consumo real ou potencial da auga de calquera procedéncia" (a. 45.1). Ou sexa: pagas se tes un pozo, inda que non o uses. Enfin, cuarto: non hai, no texto legal, absolutamente ningunha concreción das vougas "declaracións de intencións" verbo do destino "extrafiscal" da recadación do canon, nen garantías dos tais "compromisos" meioambientais dunha Xunta súpetamente conversa ao "ecoloxismo". En troques, hai evidencias a esgalla da contumaz incuria dos sucesivos inquilinos do poder autónomo ao longo dos trinta anos que leva de existéncia -poder ocupado durante vintecinco deses trinta pola sucursal da dereita española máis reacionária, compre sinalalo. Mentras a Lei fai pagar aos paisanos pola auga que iles amañaron con moita habelencia durante séculos, a Xunta entrégalles de balde os ríos ás elétricas e asubía de esguello perante a atrocidade espoliadora que Iberdrola está a facer no espazo natural protexido dos canóns do Sil ou o irreparábel destrago dos acuíferos do Courel polas depredadoras louseiras.
Esta lei é un aldraxe á intelixencia e á dignidade da cidadanía galega. Compre dármoslle a resposta cívica que merece: a esixencia da sua imediata derrogación. En defensa do "dereito humano esencial" á fonte de vida, ao ben común, social, público e universal que é a auga.

Nenhum comentário: