03/10/2010

Pequeno mapa para despois dumha folga

David Rodríguez Rodríguez. Artigo tirado do blogue do autor.

Justificar completamente


Se cadra, perderse por completo constitúe unha experiencia máis ben rara para a maioría dos habitantes da cidade de hoxe. Apoiámonos na presenza dos demais e nos medios específicos de orientación, como mapas, rúas numeradas, sinais de rota e letreiros de autobuses. Pero se chega a producirse o percance, a sensación de ansiedade e ata de terror que o acompaña revélanos ata que punto está vinculado co sentido do equilibrio e do benestar. A mesma palabra «perdido» significa no noso idioma moito máis que a mera incertidume xeográfica; ten resoancias que connotan completo desastre.

A imaxe da cidade. Kevin Lynch


Unha nova arte política —se tal cousa fose posible— tería que arrostrar a posmodernidade en toda a súa verdade, é dicir, tería que conservar o seu obxecto fundamental —o espazo mundial do capital multinacional— e forzar ao mesmo tempo unha ruptura con el, mediante unha nova maneira de representalo que aínda non podemos imaxinar: unha maneira que nos permitiría recuperar a nosa capacidade de concibir a nosa situación como suxeitos individuais e colectivos e as nosas posibilidades de acción e loita, hoxe neutralizadas pola nosa dupla confusión espacial e social. Se algunha vez chega a existir unha forma política de posmodernismo, a súa vocación será a invención e o deseño de mapas cognitivos globais, tanto a escala social coma espacial.

O posmodernismo ou a lóxica cultural do capitalismo avanzado. Fredric Jameson



Porque, ao fin e ao cabo, un mapa que é? É unha imaxe que representa á realidade e que nos permite tomar decisións para nos mover por ela. O que os medios de comunicación producen todos os días e a todas horas son mapas. Mapas nos que trazan as pistas, camiños e rúas polas que queren que transitemos. Mapas que sobredimensionan algúns accidentes xeográficos a costa de camuflar outros e nos que se enxalzan a determinadas figuras en detrimento doutras con certeza máis merecedoras de aplauso. Se hai trinta ou corenta anos aínda era posible atopar lugares nos que os seus habitantes xeraban os seus propios mapas a partir das súas experiencias directas (pensemos nunha aldea á que non chegase o sinal da televisión ou nun barrio no que a vida, e polo tanto a comunicación, aínda transcorrese na rúa) hoxe en día non hai lugar nin segmento social que non empregue, para se guiar, os mapas producidos polos medios de comunicación. Unha das grandes eivas da esquerda nos últimos tempos foi a incapacidade para facer chegar ás maiorías sociais os seus propios mapas, as súas propias representacións da realidade. Esta tarefa de produción alternativa da vida é tanto ou máis importante ca confección de listas electorais nas que a esquerda inviste tanto do seu tempo e das súas enerxías.


Contribuír —na medida das miñas capacidades— a tracexar un pequeno mapa do noso presente pos-folga xeral partindo do que veu sucedendo no Estado Español desde a segunda metade do século XX ata os comezos do século XXI é o motivo deste artigo. Non se trata de obtermos aquí a exhaustividade das fotografías aéreas ou das cartas de navegación, antes ben trátase de debuxar toscamente, con trazo groso e nun rústico pergameo, unha senda; artefacto suficiente, entendo eu, para non nos perder agora que semellamos estar chegando a unha sorte de mudanza de ciclo.

Cando finaliza a segunda guerra mundial e os EEUU, no apoxeo do welfare state, comezan a reconstrucción dunha Europa imprescindible como mercado para os seus produtos, o Estado Español atopábase en plena ditadura franquista. Como mostrou Berlanga, Mr. Marshall non parou por aquí, así que as bondades da economía keynesiá foron menos dadivosas cos protagonistas de Cuéntame que cos de Aqueles marabillosos anos. O máis parecido a un estado do benestar que gozou o Estado Español habería chegar coa morte de Franco e a chamada Transición. Para poder lexitimar socialmente esta continuídade de facto co réxime fascista (posto que as elites franquistas seguiron sendo as elites da democracia) foi necesario algo máis que legalizar o Partido Comunista e deixar que volvese Tarradellas: precisáronse moitos cartos. Se a Europa da altura estaba xa a abandonar o keynesianismo en favor das teorías neoliberais de Milton Friedman aplicadas por Thatcher e Reagan, o Estado Español viu como por medio dos gobernos de Felipe González se financiaban servizos públicos e pensións ao tempo que se potenciaba unha modernización cultural (Movida Madrileña e sucursais) que renovase a imaxe dun país moi atrasado en comparación co seu contorno. Este Estado do benestar tardío sería financiado en boa parte con cartos alemáns (aquí arrincaría a famosa financiarización da economía española que agora fixo augas) e combinaría o intervencionismo keynesián con políticas liberais tendentes tanto a desmantelar a industria pública (pensemos nas sucesivas reconversións que viviron os estaleiros galegos) como a vender aquela a prezo de saldo á empresa privada (pensemos en Repsol ou Telefónica).


Se os anos oitenta viron como o goberno Thatcher conseguía dobregar aos díscolos sindicatos mineiros propiciando así o lento devalar das organizacións obreiras británicas que desembocará, pasado o tempo, no desmantelamento ideolóxico do laborismo e na asunción das teses socio-liberais por parte do New Labour de Blair e a súa Terceira Vía, a proximidade no tempo da ditadura fixo que o combate ás organizacións sindicais no Estado Español non se producise tanto pola vía da confrontación e deslexitimación social como pola vía da cooptación e a suxeición económica. A paz social no Estado pos-franquista propiciou un crecemento económico que mesmo fixo falar do milagre español. A contrapartida a esta amnesia colectiva sería a destrucción do sector primario (que no caso galego é exterminio), a progresiva precarización do mercado de traballo a través das sucesivas reformas laborais do PSOE, a polarización das rendas e a emerxencia da figura dos novos millonarios españois, a transformación da economía industrial en economía de servizos e de especulación inmobiliaria así como a transformación de España, sobre todo coa adopción do euro, nun mercado comprador dos produtos fabricados nos países industriais da UE, especialmente Alemaña.


A victoria por maioría simple de José María Aznar o ano 1996 e a súa posterior maioría absoluta o 2000 marcan un punto de inflexión importante no que respecta aos cambios sociolóxicos do Estado Español. Que un representante do franquismo ideolóxico e detractor confeso da constitución de 1978 chegase a ser presidente do goberno indicaba que o proceso de amnesia colectiva iniciado tras a morte de Franco estaba a dar os seus froitos. A posterior implicación de España na guerra de Iraq e Afganistán, así como o feito de ser Madrid o escenario dun atentado do novo terrorismo global evidenciaba que o Estado Español estaba a deixar de ser un país periférico para pasar a se sincronizar perfectamente co resto de países do centro do sistema. É a partir deste cambio sociolóxico que hai que ler a recente sentenza do Tribunal Constitucional a respecto do Estatut de Cataluña, sentenza que impide seguir co proceso descentralizador iniciado en 1978, así como o regreso a concepcións unitaristas do Estado. Se cadra é tamén por causa desa consciencia da Transición ter rematado que se produciu agora o anuncio de alto o fogo definitivo por parte de ETA (o que quedaba, canda o resto da esquerda abertzale, de irredentismo rupturista organizado).


Se a socialdemocracia española nacera xa homologada ao social-liberalismo europeo, o legado de Aznar consistirá en homologar á dereita española coas dereitas do resto de Europa e dos EEUU. A partir dos gobernos de Aznar o proceso de desmantelamento ideolóxico da sociedade española será brutal. O culto ao diñeiro fácil froito da especulación e a sobredose de banalidade e estupidez televisiva transformarán aos pobos do Estado nun bloque homoxéneo de traballadores precarios durante as longas xornadas laborais e de consumidores compulsivos durante o resto do tempo. É neste panorama individualista e hipercompetitivo que o programa cultural da dereita campará ás súas anchas. O mesmo que o resto das sociedades Europeas, desde mediados dos anos 90 a sociedade española parece terse escorado en bloque a posicións reaccionarias. Medios de comunicación e comportamentos sociais retroalimentaranse para que o sentido común se sitúe un pouco máis á dereita no abano ideolóxico.


Será agora —cando a sociedade e as súas elites estean totalmente homologadas ao resto de Europa e aos EEUU— que aparecerán entre nós as mesmas estratexias e discursos que sempre vimos funcionar fóra. Do individualismo furibundo de raigaña angloamericana que inspira as leis educativas feijonitas ao ataque frontal aos sindicatos co gallo da folga xeral do pasado mércores por parte dos mass media, asistimos a unha tentativa de dar o golpe de graza ao que queda de Estado de benestar e de eliminar toda pegada de dereitos colectivos nas institucións. Desde o social-liberalismo á ultradereita a axenda semella clara: lonxe de mudar unhas políticas que privilexiaron a acumulación de capital especulativo en detrimento do investimento na economía produtiva, trátase de poder seguir bombeando diñeiro da base da sociedade á elite. Se polo camiño é necesario destruír os servizos públicos, o sistema de protección laboral ou mesmo o que queda de democracia, farase. Neste sentido, Latinoamérica ensínanos que se as poboacións sometidas á despiadada lóxica neoliberal acaban por refugaren do capitalismo e por se arrimaren a quen lle presente unha alternativa económica máis solidaria (a demonización do chavismo ou o golpe de estado en Honduras e en Ecuador só pretenden evitar que esas alternativas coallen), China nos ensina que o ultracapitalismo sen democracia non só é perfectamente viable senón que mesmo se reproduce a mellor ritmo.


Debullado a grandes rasgos o camiño percorrido ata chegar á situación presente e coa experiencia aínda fresca da folga do pasado 29 de setembro cómpre dicir, a respecto da alta participación de certos sectores sociais na mesma, polo menos tres cousas:


1. Que malia a existencia duns sindicatos cooptados e/ou influíntes unicamente no sector industrial e malia a incapacidade da esquerda para se reorganizar segundo o requiren os tempos, aínda hai unha masa importante de persoas que prefire non empregar mapas alleos para xulgar a realidade e para actuar nela.


2. Que malia a existencia dun número importante de persoas que non queren transitar polas sendas marcadas polo neoliberalismo este non ha mudar un ápice a súa axenda (o día seguinte á folga xeral a axencia Moodys rebaixaba a calificación da débeda española e pouco tempo despois Zapatero anunciaba que non ía retirar a reforma laboral) porque o seu é un proxecto totalitario e antihumano.


3. Como consecuencia dos puntos anteriores é previsible que o capitalismo neoliberal non poida seguir apropiándose do termo democracia coa facilidade con que o facía ata o de agora. Deste xeito, se a política das últimas décadas estivo condicionada pola anestesiante teoría da fin da historia, todo semella indicar que nos vindeiros anos a historia vai facer a súa reentrada baixo a forma do que si debería ser un verdadeiro choque de civilizacións. Isto é: democracia (e solidariedade) ou barbarie.

Nenhum comentário: