17/06/2013

Xosé Manuel Beiras: «O éxito electoral de AGE acabou sendo un problema para Anova»

Entrevista concedida por Xosé Manuel Beiras, portavoz eleito na I AN de Anova-Irmandade Nacionalista (formação política que nasceu o 14 de julho de 2012), a La Voz de Galicia (aqui). Recomendamos pôr em relação esta entrevista com três textos fundamentais para entendermos a importância do rigor nos debates políticos: o primeiro é de Mandel (aqui), o segundo uma entrevista a David Harvey (aqui) e o terceiro uma entrevista feita por Público a Boaventura de Sousa Santos (aqui).


Beiras admite que pasou un mal trago na recente asemblea de Anova, pero que nunca pensou en tirar a toalla. XOÁN A. SOLER
A recente asemblea nacional de Anova dividiu a esta xoven organización en dúas metades. Uns querían preservar a autonomía da formación para elixir en cada momento aos seus socios electorais; outros aspiraban a formalizar o matrimonio con Esquerda Unida no seo da coalición Alternativa Galega de Esquerda (AGE). A confrontación só amainou coa intervención de Xosé Manuel Beiras, o valor máis común de Anova, que aos 77 anos foi reelixido portavoz da organización por unanimidade.
-A primeira asemblea parece que deixou un pouso de división.
-Coido que non, o que houbo é moita tensión, e mesmo se exacerbou con algún episodio que colisionaba coa carta ética. Tivemos unha asemblea ordinaria, pero converteuse nunha segunda constituínte porque se volveu sobre os textos fundacionais.
-¿E que sucedeu, houbo un choque xeracional, cultural?
-Xeracional penso que non, porque eu mesmo son dunha xeración e non se dá ese choque. O que hai é unha colisión de hábitos de militancia entre as vellas formas forxadas na clandestinidade do franquismo e a nova cultura dos movementos sociais. E cada quen ten os seus tics, os seus vicios, a xente nova tamén.
-Pero a colisión terá unha razón, ¿unha loita polo poder quizais?
-Non, pero si houbo unha reacción de loita por non quedar fóra, e non digo máis... [pausa]. Iso foi o que deu lugar a que os que apostaban por listas abertas ao final acabaran todos coas plantillas marcadas. Que clase de listas abertas son esas?
-¿Rompeuse esa «irmandade» da que se fachendaban?
-Ao remate da votación, arredor miña estaba esa xente nova, coma Raúl [Asegurado], que me abrazou, e Manuel Santos, Paula Verao..., pero eu fun abrazar a Palleiro [Luís Eyré] e busquei a Mario [López Rico] e tamén a Mariano [Abalo] o da FPG. Cos novos si, pero tamén cos veteranos que sempre estiveron na esquerda e no nacionalismo. E con Martiño [Noriega] fun xantar, porque sufriu moito e saíu mancado, que estas cousas mancan. A irmandade non rachou, pero hai que facer o prometido.
-¿E cal é ese compromiso?
-O dos obxectivos, que Anova se poña a traballar e que a carta de principios éticos non se pode vulnerar. E quen a vulnere non merece estar en Anova. Xa que, malgré moi, danme lexitimación directa pola asemblea, non a vou utilizar para a potestas, pero si para a autoritas.
-¿Non cre que están xestionando mal o éxito de AGE?
-O éxito electoral de AGE acabou sendo un problema para Anova, porque acaparou os focos e parte da militancia inverteu a relación, dándolle máis importancia a AGE cando é unha coalición no Parlamento. E entón que fas? Acaba de nacer a criatura, Anova, e deixámola morrer de fame? EU-IU ten un proxecto estratéxico que non é o noso. Se desnutrimos Anova, arrastraríannos a iso do que tendenciosamente nos acusaba o BNG, de pasarnos ao españolismo.
-¿Recoñécese entón máis como líder de Anova que de AGE?
-De Anova, si, e viuse na votación para portavoz, foi unánime. Iso non ocorrería en AGE, onde só intento ser catalizador do esforzo de dous grupos con culturas diferentes para confluír.
-¿E onde quedou na asemblea o proxecto de país de Anova?
-É certo, non estivo; apenas foi enunciado nos seus nódulos, como ocorre coa música contemporánea, que non ten liñas melódicas, só células que logo hai que desenvolver. Na asemblea están os enunciados e agora hai que poñerse a traballar.
-EU-IU tamén tivo a súa asemblea e apostaron por afianzar AGE. E Anova non quere compromisos previos. Non se están comportando os de Beiras como unha moza moi recatada?
-Sexamos sinceros, EU é lóxico que aposte por AGE, porque que peso electoral tiña en Galiza? Nas primeiras reunións para as candidaturas teimaban que Yolanda Díaz tiña que encabezar pola Coruña e xurdiu aquilo de «e si só sacamos un?». O resultado foi moito mellor, así que é lóxica a aposta por AGE.
Beiras recoñece que pasou un mal momento na asemblea, complicado logo cun cólico nefrítico do que xa se recuperou.
-Deixoulle algún sinsabor a asemblea de Anova?
-Si, no momento si, despois xa pasou. O sábado estábame cuestionando mesmo se acataba o de candidatarme como portavoz nesas condicións, porque...
-Está dicindo que pensou en tirar a toalla e en dar o relevo?
-En non candidatarme, non en dar o relevo; eu non dou relevos.
-En poñerse de lado, entón?
-Martiño [Noriega], que nunca me mentiu, dixérame na véspera que non estaba disposto a presentarse a portavoz de Anova, así que imaxina que situación teríamos, quen sería o portavoz? Tiven unha conversa con algunha xente para contar con todos eles, e entón aceptei, porque senón a lectura que se faría sería a de «menudo fiasco».
-¿Canto prevé que poda durar o seu «epílogo» político?
-Cada vez menos [ri]. Eu non son Fraga, que diga que teño que estar aí, pero Anova ten que ser realidade para forxar unha serie de cadros, unha referencia colectiva e plural que faga máis doado o relevo, ¿está claro?
-Moi claro non, ¿hai algún exemplo para ilustralo?
-Temos o exemplo venezolano. Maduro non é Chávez, claro que non, pero si un observa ese proceso e como se expresan os membros da equipa, ve que son unha piña. Maduro é un, pero hai máis detrás. Ese é un exemplo ben claro.
-¿Reprocháronlle moito o puñetazo no escano de Feijoo?
-¿Quen?
-Non sei, pregunto, eu oín reproches, ¿acaso vostede non?
-Non, ao contrario, hai moita xente que me dixo «moi ben». Pasoume en Vigo na manifestación do 1 de Maio, en Madrid tamén me abordaron para dicirmo, pero reproche, ningún.
-¿Canto hai de teatro na súa forma de facer política?
-De teatro non hai nada, hai unha linguaxe xestual, se queres unha certa escenificación. Eu son como son, tímido e moi emotivo, irónico e cada vez máis indignado. Pero non desenvolvo un rol teatral na política.

Nenhum comentário: