07/11/2010

De Lula a Dilma: o desquite dos que fan a historia (I)

Xosé Manuel Beiras en Galicia Hoxe (aquí).


Non me non estou a referir a esas duas persoas singulares, senón ao povo que un e outra representan. Hai quen di que os povos non fan a Historia, senón que a padecen. E a primeira vista, para as xentes do común, a maior parte do tempo semella acontecer asi. Durante longos, demasiado longos períodos, a palabra que se escoita e o poder que se exerce ténos o fato de privilexiados que, dende o cumio da pirámide social, dominan, explotan, esbullan e asoballan ás xentes do común, o cerne do povo mesmamente. Mais ises non fan a Historia, senón que a desfán: tentan sempre darlle marcha atrás. Se poden, destruen o que a Historia construíu. Se non poden, paralísana, conxélana, teiman en que non camiñe máis: a "fin da Historia" é hoxe o seu desideratum, a pócima coa que se drogan iles e tentan narcotizar ao común dos cidadáns. Inútel pretensión. Mal saben que a Historia non é un continuum lineal: procede "per salta", a brincos -dixera don Carlos. Namentras iles teiman en paralisala, a "vella toupa" fura tobos e galerías baixo dos seus pés. E néstas, reaparece, soérguese o común e o povo asume o protagonismo dun salto histórico: é o desquite dos que fan a Historia, iles si.

A batalla incruenta que ven de librarse no Brasil ten este sentido. Hai oito anos, o mestizo común brasileiro dera un salto adiante na historia popular, e colleu carreira. Lula foi o vértice desa frecha en vóo. Agora, aproveitando o seu relevo por Dilma Rousseff, o fato dos privilexiados tentou deter o avance desa historia, e meterlle a marcha atrás. Como fose. Magnates ultraliberais, grandes grupos mediáticos, xerarquía eclesiástica católica, empregaron toda caste de medios e armamento sen reparos, até a distorsión, a patrañada, a difamación. A última hora, esgotados os recursos, acusaron a Dilma de lesbiana e abortista. Ela reaxíu sereamente: "Cada quen pode opinar, mais os problemas compre defrontalos e resolvelos, e as liberdades amparalas e exercelas". A víspora dos comicios, no "dia da reflexión", o Financial Times londinense propalou unha especie desacougante. E o mesmísimo Papa emitiu unha mensaxe impertinente. Foilles inútel: perderon. Categóricamente: doce pontos de vantaxe. O povo "inculto" non se deixou enganar. Tiña memoria, e coñecía ben a Dilma Rousseff. Dende cando nova, inda estudante, loitara contra a ditadura militar: prendérana, torturárana e estivera tres anos na cadea. Logo como activa militante nos movementos sociais. Despois no PT. Finalmente na equipa de governo con Lula, no núcleo de confianza. E decote en contacto coa xente, asequíbel e achegada aos cidadáns: coñecíana ben, abofé. Apostaron por continuaren, consolidaren e profundizaren o labor acometido na nova xeira da historia social e política contemporán do Brasil, de governar para os máis e os de abaixo, encetada hai oito anos: o desquite dos que fan a Historia nas encrucilladas nas que dá a reviravolta e salta.

*****

Vai pra oito anos tamén que, en conversas con Fernán Vello e Pancho Pillado, deramos en falar do Brasil e América Latina, do que alí comezaba outravolta a alborecer. Levabamos xa ano e meio a grabar intermitentemente os paliques que ían dar contido ao seu libro A estrela na palabra. En xaneiro do 2003, Lula viña de encetar o seu primeiro mandato como Presidente do Brasil. Ao remate dese mesmo mes celebrárase o IIIº FSM en Porto Alegre, ao que asistiramos, como adoito, un mollo de galeg@s militantes na rede frentista do nacionalismo, e no que Lula, nun acto paralelo, fora acollido por unha moitedume entusiasmada até o delirio. Chávez, que estaba a sufrir un agobiante acoso político, recibira alí tamén un rotundo apoio solidário. Evo Morales estaba en vertixinoso ascenso, mais inda non gañara a presidencia de Bolivia. Tampouco vencera aínda o Frente Amplio no Uruguai, nen Correa en Ecuador, nen Lugo no Paraguai. Na Arxentina, Menem estaba ao cabo do seu catastrófico mandato, habería eleicións meses despois, e Néstor Kirchner ía ser o novo Presidente -mais, obviamente, non o sabiamos. Velaí o contexto imediato no que, a fins de marzal, Miguel Anxo, Pancho e eu grabamos unha nova sesión das nosas conversas na que falamos do emerxente panorama latinoamericán visto con lentes galegos -e, portanto, máis que nada do Brasil. Non resisto á tentación de vos transcribir algúns anacos: vós xulgaredes se daquela acertamos.

*****

"Existen concomitancias en parte dos fenómenos e problemas sociais e políticos que dan lugar aos casos Lula e Chávez, e tamén nas fontes de inspiración de parte do ideario. Mais a partir de aí as diferenzas son enormes. O caso Chávez é un fenómeno populista latinoamericano, un populismo progresista, todo o contrario dun populismo fascista. Mais o caso Lula non ten nada de populismo. O fenómeno Lula representa un proxecto político estratéxico de esquerda, que asume, dende o principio, a diversidade ideolóxica, incluso a diversidade de crenzas (...). A orixe do PT comeza nos anos 70 no mundo sindical (baixo o rexime militar). Lula é un obreiro metalúrxico, sindicalista (...). De aí sairá o sindicato que, a partir dos anos oitenta, é virtualmente hexemónico en Brasil [a CUT]. Polo tanto temos un movemento obreirista. Mais non se ensimesma. Chegado o momento en que ten unha forza determinante, deciden crear un partido sobre esa base: o PT. E ese PT evolue, ábrese a camadas sociais non obreiras, vertébrase como plural e diverso sociolóxica e mesmo ideolóxicamente arredor do que ben poderiamos chamar un "proxecto común", e convértese no instrumento político dunha alianza de clases. E dese xeito incide na dinámica política do Brasil até o punto de que Lula accede á presidencia. (...) E, nese aspecto, penso que inflúe moito a idiosincrasia brasileira, é dicir, o fenómeno da mestizaxe. Brasil é incomprensíbel sen o fenómeno da mestizaxe, que empeza por ser étnica e cultural, pero que se traslada a unha mestizaxe ideolóxico-cultural nunha forza política como o PT. Esa, na miña opinión, é unha das claves do éxito do PT " (...).

"Así como no espazo europeo se pode veiculizar unha cosmovisión, un ideario, unha metodoloxía de análise e unhas diagnoses marxistas nunha prática socialdemócrata no sentido máis cabal, creo que o PT e Lula están a facer algo análogo, pero en claves latinoamericáns e brasileiras. Porque a aposta que fan consiste, primordialmente, en lograr unha redistribución a fondo (...) a partir do postulado de que, malia ser Brasil unha economía periférica e, nese sentido, subdesenvolvida, a economía brasileira xera un volume de excedente económico brutal (...) e ten unha base produtiva moi diversificada. Polo tanto, un acordo entre o poder político, (comandado por) Lula, e sectores autóctonos do capital produtivo e non do especulativo, permite que, a cambio dunha estratexia do Estado brasileiro que defenda os intereses dese capital produtivo fronte á política imperialista USA, haxa unha marxe de manobra para a redistribución. (...) Por outra parte, non se fía só a esa estratexia a desaparición da miseria, (...) senón á posta en valor de potenciais imensos que ten Brasil na economía campesiña" (...).

"E logo está a maneira intelixente en que acaban de formular a problemática de todo iso no escenario internacional (...). Así que Lula convértese nun referente, e creo que ten unha marxe considerábel de posibilidades. Outra cousa é que o imperio é o imperio. Mais non será fácil meterlle o dente a ese Brasil (...). E logo un dado final, algo que aconteceu nos dias en que estabamos en Porto Alegre. Dende que trunfa o PT en Brasil, Venezuela e Chávez ven aí un paraugas ao que acollerse. Lula decátase de que non pode deixar de prestarlle apoio a Venezuela, mais (...) que lle creará moitos problemas, non só a nivel internacional senón tamén interno. (Pensa): "eu non podo deixar colgado a Chávez nin a Venezuela, ademáis é fundamental estar recíprocamente protexidos fronte ao imperialismo, pero tampouco me podo meter só nunha dinámica bilateral". E que fai?. Propón a creación dunha Asociación de Estados Amigos de Venezuela, co cal ampara o rol do Brasil (...). Esta é unha historia que rebenta a operación que Bush estaba intentando para cercar a Vezuela. Rebéntalla".

"Ben, todo isto para min son síntomas, son dados positivos. Falta ver se agora, nas inminentes eleccións presidenciais arxentinas, perde Menem e sae un presidente con ideas claras e unha dose indispensábel de coraxe para endereitar a situación. Un eixo Arxentina-Brasil sería a salvación do Merco-Sur e un bastión decisivo para frustrar as pretensións ianquis de abranguer toda América Latina nunha área de librecambio [o ALCA] controlada e dirixida por eles, como están a facer na que xa meteron a México e Canadá".

*****

Á vista do acontecido dende aquela, vós diredes. Eu direivos algo máis o día que ven -se é que vos prace..

Nenhum comentário: