11/04/2011

O rescate de Portugal

Manuel Mera. Artigo tirado de aqui.

http://s01.s3c.es/imag/_v3/farruqo/grande/20110329.jpg
A decisión do Goberno portugués de aceptar o rescate ofrecido pola Comisión Europea máis que unha solución é un retroceso, aínda que sexa menos agresivo que a lei da rapiña que hoxe manda nas finanzas internacionais. Esta é unha realidade que se confirma pola teimosa oposición de Sócrates a aceptar a proposta, mesmo imposición, de axuda que desde Bruxelas se lle fixo hai pouco máis dun mes.

Dicir que a Unión Europea non ten ningunha responsabilidade nesta desfeita é de necios, porque foron as políticas de salvamento do sector financeiro e para tapar os buratos que fixo na economía produtiva a especulación e a burbulla inmobiliaria, as que xeraron os desequilibrios actuais nas contas públicas. Tampouco se pode ignorar que mentres os gobernos teñen que recorrer a préstamos bancarios e na Bolsa, a banca privada recibe inxentes cantidades de liquidez ao 1,5% por parte do Banco Central da Unión Europea. Cartos que despois o sector financeiro presta aos gobernos cun tipo de xuros tres e catro veces superior.

Tamén serán altos os xuros do rescate a Portugal, aproximadamente dun 5% se segue a tónica de Irlanda e Grecia. Porén, ademais impoñendo duras condicións que restrinxen, non só o gasto social, senón o consumo e polo tanto a actividade produtiva. As imposicións para conceder os créditos extraordinarios agudizaron a crise en Grecia e Irlanda e só están garantindo que os bancos (alemáns, franceses, etcétera) que no seu día outorgaron préstamos podan cobralos integramente e, con seguridade, recibindo xuros extras. Teñen razón aqueles analistas que din que a finalidade destes rescate non é salvar a Grecia, Irlanda ou Portugal senón á gran banca europea.

O rescate de Portugal agroma tres atrancos que padecerá ou se agravarán en Galiza. O primeiro, é que o rescate vai incidir negativamente na economía do noso país que mantén importantes troques comerciais coa nación irmán. O segundo, malia que a propaganda di o contrario, os mercados (ou sexa, a gran burguesía especulativa) centrará agora os seus ataques para obter novas vitorias no seguinte da lista (posíbelmente o Estado español). E o terceiro problema é o do euro, que neste intre só serve para manter o nivel de crecemento das nacións máis fortes da Unión Europea a costa de sacrificar os países máis débiles.

Por último, dicir que non ten razón Sócrates cando afirma que non hai outra solución. Minte! Portugal pode pactar a súa saída do euro, recobrando o control da economía para debilitar a presión dos mercados. Pode apostar por unha política redistributiva, ampliar as súas relacións comerciais e aumentar os impostos aos máis ricos e á actividade especulativa (rebaixando o déficit público). Non o fai porque ás clases dominantes, que miran o seu rédito inmediato, non lles interesa, aínda que así afundan nunha longa noite de pedra a maioría social.

Nenhum comentário: