11/04/2012

O FMI ten razón, para nós Non hai alternativa

Antom Fente Parada.

O tristemente célebre Fondo Monetario Internacional (FMI) ten como unha das súas principais "virtudes" o feito de existir unha correlación provada entre as súas intervencións e o descenso da esperanza de vida. Así se corroborou coas políticas ultraliberais en América Latina e na Asia. Tamén é coñecido por repetir o vello mantra ultraliberal There is no alternative como no 1984  de Orwell repetia o Grande Irmán aquilo de "I waching you!" ou o Nevermore do corvo de Poe.

No entanto, o organismo do capital financeiro internacional, que ten como parceiro o moi "independente" Banco Mundial, que foi incapaz de previr a crise económica mundial xerada polas súas políticas segue a dar receitas por toda a parte. Receitas de "austeridade" e miseria para as maiorías socias que só benefician a rendistas e especuladores.

Christine Lagarde, á frente do FMI na actualidade.

Ao igual que o Banco Mundial, o FMI fai informes "independentes" para exixir ao goberno que adopten políticas e "axustes" na liña da mesma política ultraliberal que levou a Eurolandia a un beco sen saída. Desta volta, os "expertos" do FMI (algúns deles ben coñecidos como Rodrigo Rato, ministro con Aznar, vicepresidente do FMI e agora presidente de Bankia) fan unha "extensa análise" sobre o envellecemento da poboación europea que achan é un grande perigo para os estados... Segundo eles, non hai alternativa (There is no alternative coñecido como TINA).

Na cima do tsunami da crise ultraliberal em Europa o FMI carga sem rubor e con toda a artillería contra as xubilacións. There is no alternative. Algunhas das medidas que propón, coa súa absoluta e habitual falta de vergoña na cara, é o recorte das prestacións de xubilación e que se retrase a idade de reforma perante o risco de que "a xente viva máis do esperado" (sic.). Na xíria dos economistas ultraliberais, baixo a dirección de José Viñals Íñiguez (subgobernador do Banco de España até 2006), falan de "risco de lonxevidade". Segundo estes "técnicos" do FMI "se o promedio de vida aumenta tres anos máis do previsto para 2050, o custe do envellecemento - que xa é enorme para os gobernos, as empresas, aseguradoras e particulares- aumentaría 50% nas economías avanzadas tomando como referencia o PIB de 2010. Para os BRICs (estados emerxentes) ese custe adicional segundo o FMI sería de 25%. Daquela, There is no alternative.

Sería bo partillar este razoamento co empoderamento do neofascismo na Hungría, onde Orban ve o renacemento nacionalista en que sume ao país nunha clase media de emprendedores valentes e mozos. É unha volta ao culto aos mozos dos cadros nacional-socialistas. Aos idosos, aos xitanos, aos estranxeiros, aos eivados... que lle den! (1). Indirectamente, o FMI vén expresar unha vella arela do darwinismo social militarizado ultraliberal: é unha desgraza que os traballadores e traballadoras toda vez que xa non están en idade de traballar continúen drenando recursos que doutra forma podería ir para as mans desa cada vez máis feroz, desbocada e suicida burguesia financeira. E así como advirten apocalipticamente unha e outra vez que é necesario rebaixar as pensións perante os custos que supoñen para as sustentabilidade das finanzas públicas ao disparar, pretensamente, os niveis de endebedamento público e pór en risco a solvencia de "entidades privadas" (bancos e aseguradoras).

Para Viñals, responsábel do Departamento de Mercado de Capitais do FMI, "vivir máis é bo, mais trae consigo un risco financeiro importante". Para iso, o estudo baséase na evolución da esperanza de vida en Europa Ocidental, empregándoos como grande (e anticientífica e demagóxica dito sexa de pasaxe) arma a prol dos seus argumentos. En 1750 a esperanza de vida no momento do nacimento nestes estados non chegaba a 40 anos. Desde 1900, no entanto, seguíu un incremento liñal até acadar os 80 en 2010. A escala global pasamos de 48 en 1950 a 70 no último ano de referencia. O FMI carga as tintas en que a esperanza de vida a partir dos 60 anos aumentará segundo Nacións Unidas en 2050 para 26 anos nas economías avanzadas e 22 nos BRIC (as colonias, o resto, nin importan) tomando como referencia que en 1910 vivían até os 75 (65+15) e 24 anos máis en 2010.

Semella entón que o FMI mantén no cálculo a evolución da inversión pública e o estado do benestar existente após 1945 e explica o aumento da lonxevidade (sen entrar en colapso en ningún momento a pesar das alarmas continuadas desde a dereita) como este non estivera sendo desmantelado polas súas propias políticas. Algo así de simple e comprensíbel pola maioría do cidadán medio serve para desmantelar a pretendida veracidade, rigor e ciencia que ten o estudo do FMI. Ou sexa, temos un organismo internacional que se dedica a fabricar literatura para as políticas do capital financeiro. Unha literatura do xénero totalitario que nega a posibilidade de calquera outra narración: There is no alternative. Como é sabido a literatura nunca é verdade, o importante é que resulte verosemellante e o apelo aos medos do cidadán medio (e aínda até a parte do capital industrial), fan que o relato ultraliberal funcione. 

Ese apelo vai a todo o que non sexa a bancocracia mundial. Por exemplo ameazan as empresas dicindo que os custes que lle supoñen os planos de pensións se dispararán, polo que xa agora se debe correxir ese risco... literatura para novos recortes e máis "austeridade" para "ver a luz ao final do túnel". O túnel ou TINA que eles constrúen e do que eles mesmos se lucran xogando a Penélope ou máis ben ás Parcas cos fíos de millóns de vidas.

Por súa parte, Christine Lagarde, directora xerente do FMI, exixe dos gobernos que combinen o retraso na idade de xubilación, no Estado español aprobado xa por Zapatero, xunto co recorte das pensións, o aumento das cotizacións e a posibilidade de que os Estados contraten aseguradoras privadas para cobrir o "risco de que a xente viva máis do agardado", máis un negocio para a bancocracia. Non obstante, ten e debe ser así porque There is no alternative.

Aínda resoa nos nosos ouvidos, véxase por exemplo Inside Job, como a queda do xigante financeiro Lehman Brothers, ao escachar o esquema Ponzi dos CDO's (paquetes financeiros que combinaban activos sanos con activos tóxicos como as subprime provocando apacalancamento) que abriron a caixa de Pandora da crise utlraliberal, arrastrou consigo a aseguradora que cubría os seus CDS (credit default system) AIG que, ao igual co banco, eran antes de 2008 supostamente (e tamén para o FMI) "demasiado grandes para faliren".

Lagarde di que a idade de reforma ten que ir da man da esperanza de vida co gallo de que o número de anos en que os xubilados cobran a pensión non aumente. Hai que dicir, porén, que na reforma do PSOE xa se introduciu un mecanismo que podería activarse en calquera momento e que se coñece como "factor de sustentabilidade", podendo revisar a idade de xubilación cada 5 anos a partir de 2027 (aínda así é doado que isto sexa modificado: podería facelo Rajoy contra o final ou o máis esperado e que se fixese na próxima lexislatura - se un "goberno técnico" non perturba o cenario estatal). Xa o saben: There is no alternative.

O descaro do diktat do grande capital chega a proporcións maiúsculas ao indicar entre liñas o que os estados deben aplicar. Di que hai que recorrer aos mercados de capitais para que se transfira "o risco de lonxevidade" dos plans de pensións ás "institucións que teñen máis capacidade para xestionalo".  There is no alternative.

Traducido ao galego: depositen [os estados] as cotizacións de toda unha vida das súas clases traballadoras [80% dos votantes ou máis de calquera presidente burgués electo] no casino mundial do capitalismo desregulado ultraliberal para facilitar aínda máis a sobreacumulación de capitais na banca que desencadenou esta grande depresión e se produza un novo colapso financeiro que deixe a unha parte subtancial da poboación (a que ten a sorte ou a desgraza de chegar a esa idade de reforma despois de vivir sen sanidade pública, vivir con soldos de entre 200-400€ e pagar a cotización, etc. - a ver que é o chulo!) cunha man de diante e outra por tras no momento das súas vidas en que xa non poderán traballar [70, 80 anos? como idade de xubilación?]. Viva o comunismo de 1% e a escravitude de 99%!

Canto tardaremos en ver como muitísima xente non pode cotizar? Cantas mulleres voltarán como hai tantos anos na Galiza non cotizar porque só o podía facer un  dos membros da familia (non fai falta explicar a que responde que sempre fora o home)? Canto en ver reducida a esperanza de vida en 15 ou 20 anos como aconteceu no Chile de Pinochet, na Rusia de Yeltsin ou na Polonia de Walesa após a terapia de choque ultraliberal? Canto tardaremos, en fin, en acudir desde a esquerda a chamada de Dimitris Christoulas e colgar da prazas públicas os mesmos que desexan tirarnos todo: tamén a vida? Acredito que para nós é ben certo iso de que NON HAI ALTERNATIVA.


(1) Tamás, G. M. (2012), "Hungría, laboratorio de una nueva derecha" en Le Monde diplomatique en español, nº197, ano XVI, marzo 2012, p.4.

Nenhum comentário: