19/04/2011

A taxa de paro dos mozos galegos sen estudos elévase a 57%

* Nova tomada de Xornal (aquí).




O nivel de desemprego entre as persoas de 16 a 34 anos é oito puntos superior á media xeral da comunidade


O último boletín publicado polo Consello da Mocidade de España (CJE) sobre a situación do mercado laboral entre os mozos evidencia que ter estudos ou non inflúe de forma decisiva á hora de atopar un traballo. No caso de Galicia, a taxa de paro dos mozos de entre 16 e 34 anos sen estudos é do 56,6%, que descende até o 17,6% no caso dos que teñen estudos universitarios.
Se os datos de desemprego a nivel estatal, onde a taxa de paro é do 20,3%, son alarmantes, o boletín do CJE pon de relevo a enorme precariedade daquelas persoas sen estudos. Aínda que a situación da mocidade galega é menos negativa que a estatal, os datos son bastante preocupantes en comparación coa taxa de paro xeral, que na comunidade é do 15,7%, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) a peche de 2010. O nivel de desemprego entre os mozos de até 34 anos é do 23,5%, case oito puntos superior. No conxunto de España, o 27,5% deste colectivo non ten traballo, sete puntos máis que a media global. Comparado con Galicia, dedúcese que na nosa comunidade os mozos teñen máis problemas para atopar emprego a pesar de contar cunha taxa de paro máis baixa (15,7%) que noutras autonomías.
No que Galicia empeora os datos a nivel estatal é na taxa de contratos temporais, que se eleva ao 40,9%, fronte ao 37,7% da media española. Con todo, o informe tamén destaca o alto grao de emprendimiento dos mozos galegos, pois o 11,8% son empresarios.

NON HAI XERACIÓN 'NIN-NIN'

A mocidade española ten unha taxa de actividade do 72,2%, que se divide entre quen teñen emprego (72,5%) e os que non (27,5%). A taxa de inactividade é do 28,8%, aínda que o Consello explicou que inactividade non significa "non facer nada". Así, o 67,4% das persoas novas inactivas realizan estudos regulados e un 13,5% non regulados.
O coordinador do informe e profesor da Universidade do País Vasco, Benjamín Tejerina, quixo aclarar que o nivel de inactividade non se corresponde coa denominada xeración nin-nin, isto é, que non traballan nin estudan. Así pois, o 67,4% dos mozos inactivos está a realizar estudos regulados e o 13,5% non regulados, polo que só o 5,6% dos mozos non está a traballar nin estudando.
Mesmo Tejerina matizou que nesta porcentaxe se poden incluír mozas que poden realizar traballos sociais, labores do fogar ou accións benéficas sen remunerar.
Ante a "preocupante" situación laboral das persoas novas, desde o CJE advertiron de que recuperar os niveis de actividade previos á crise "vai custar moito", aínda que si que esperan unha "lixeira" caída ou a retardación do paro xuvenil a partir do primeiro trimestre deste ano. Ademais das propostas para "abrir" o mercado de traballo aos mozos, o responsable do Consello tamén apoiou a iniciativa do movemento estudantil Juventud sin futuro, ao considerar que reivindica os dereitos dos mozos e persegue mellorar as condicións laborais.
En canto á xornada laboral, a modalidade máis común tanto na poboación nova (83,4%) como a poboación xeral (86,5%) é a tempo completo. Respecto da xornada a tempo parcial, existen diferenzas con respecto á poboación xeral (un 23,2% de mulleres e un 5,5% de homes teñen este tipo de xornada) e na mocidade (24,2% das mulleres e 9,6% dos homes).
Por comunidades, existen desviacións significativas das taxas de paro respecto da media estatal. Por unha banda, están cuxa taxa de paro é superior á media: Canarias, Andalucía e Murcia. Entre aquelas con un paro inferior á media están Asturias, Cantabria, Galicia, Aragón e Castela e León.

Nenhum comentário: