08/08/2011

A decadencia dos Estados Unidos

Noam Chomsky en Público (aquí).

"É un tema común" que Estados Unidos, que "apenas hai uns anos era visto como un coloso que percorrería o mundo cun poder sen paralelo e un atractivo sen igual (...) está en decadencia, enfrontado fatalmente á perspectiva da súa deterioración definitiva", sinala Giacomo Chiozza no número actual de Political Science Quarterly.

A crenza neste tema, en efecto, está moi difundida. E con certa razón, aínda que habería que facer certo número de precisións. Para empezar, a decadencia veuse desenvolvendo desde o punto culminante do poderío de EEUU despois da Segunda Guerra Mundial, e, nese proceso, o triunfalismo dos anos noventa na posguerra do Golfo foi basicamente un autoengano.

Outro tema común, polo menos entre os que non se cegan deliberadamente, é que a decadencia de EEUU, en boa medida, é autoinfrinxida. A ópera bufa que vimos este verán en Washington, que desgustou ao país e deixou sorprendido ao mundo, podería non ter parangón nos anais da democracia parlamentaria.

A ascendencia do poder corporativo sobre a política situou aos partidos moito máis á dereita da poboación

O espectáculo mesmo está a chegar a asustar aos patrocinadores desta parodia. Agora, ao poder corporativo preocúpalle que os extremistas aos que axudou a pór no Congreso poidan derrubar o edificio do que dependen a súa propia riqueza e os seus privilexios, o poderoso estado-aia que vela polos seus intereses.

A ascendencia por agora basicamente financeira do poder corporativo sobre a política e a sociedade chegou ao grao de que as dúas formacións políticas, que nesta etapa apenas se parecen aos partidos tradicionais, están moito máis á dereita da poboación nos principais temas a debate.

Para o pobo, a principal preocupación interna é o desemprego. Nas circunstancias actuais, esta crise pode ser remontada só mediante un significativo estímulo do Goberno, moito máis ambicioso que o recente, que apenas fixo coincidir a deterioración do gasto estatal e o local, aínda que esa iniciativa tan limitada probabelmente salvase millóns de empregos.

Con todo, para as institucións financeiras, a principal preocupación é o déficit. Polo tanto, só está en discusión o déficit. Unha gran maioría da poboación (o 72%) está a favor de abordar o déficit gravando aos moi ricos, segundo precisa unha enquisa de The Washington Post e ABC News. Recurtar os programas de atención médica conta coa oposición dunha abafadora maioría (69% no caso de Medicaid; 78%, no que respecta a Medicare). A realidade é, por tanto, moi distinta ao que pregoa o discurso dominante.

O Programa sobre Actitudes de Política Internacional (PIPA, polas súas siglas en inglés) investigou como eliminaría o déficit a xente. StevenKull, director de PIPA, afirma: "É evidente que tanto o Goberno como a Cámara (de Representantes) dirixida polos republicanos están fóra de sincronía cos valores e prioridades da xente no que respecta ao orzamento."

A enquisa ilustra a profunda división: "A maior diferenza en gasto é que o pobo favorece recortes profundos en defensa, mentres que o Goberno e a Cámara de Representante propoñen aumentos modestos. O pobo tamén favorece aumentar o gasto na capacitación para o traballo, a educación e o combate contra a contaminación en maior medida que o Goberno ou a Cámara."

O "compromiso" final ou máis precisamente, a capitulación ante a extrema dereita é o oposto en todos os sentidos e, case con toda certeza, conducirá a un crecemento máis lento e causará danos a longo prazo a todos, menos aos ricos e ás corporacións, que están a gozar de beneficios sen precedentes.


Nin sequera se discutiu que o déficit se podería eliminar se, como demostrou o economista Dean Baker, se substituíse o disfuncional sistema de atención médica privada de EEUU por un semellante ao doutras sociedades industrializadas, que teñen a metade do custo per cápita e cuxos resultados médicos son equivalentes ou, mesmo, mellores.

As institucións financeiras e as grandes compañías farmacéuticas son demasiado poderosas para que sequera se analicen esas opcións, aínda que a idea non é nada utópica. Por razóns similares, tamén se atopan fóra da axenda outras opcións economicamente sensatas, como a do imposto ás transaccións financeiras pequenas.

Entre tanto, Wall Street recibe regularmente xenerosos agasallos. O Comité de Asignacións da Cámara de Representantes recortoulle o orzamento á Comisión de Títulos e Bolsa, a principal barreira contra a fraude financeira. E é pouco probable que sobreviva intacta a Axencia de Protección do Consumidor.

O Congreso blande outras armas na súa batalla contra as xeracións futuras. Confrontada co rexeitamento republicano á protección ambiental, a importante compañía de electricidade American Electric Power arquivou "o esforzo máis destacado do país para captar o bióxido de carbono dunha planta actualmente impulsada por carbón, dándolle un forte golpe ás campañas por refrear as emisións causantes do quecemento global", informou The New York Times.

O triunfo ideolóxico das "doutrinas de libre mercado", moi selectivas como sempre, asestou aínda máis golpes

Estes golpes autoinfrinxidos, cada vez máis potentes, non son unha innovación recente. Datan dos anos setenta, cando a política económica nacional sufriu importantes transformacións que puxeron fin ao que adoita chamarse a "época de ouro" do capitalismo (de Estado).

Dous importantes factores para que se producise este cambio foron a financiarización (o desprazamento das preferencias de investimento da produción industrial ás finanzas, os seguros e os bens raíces) e a externalización da produción. O triunfo ideolóxico das "doutrinas de libre mercado", moi selectivas como sempre, asestou aínda máis golpes conforme se traducían en desregularización, en regras de administración corporativa que vinculaban enormes recompensas aos directores xerais coa obtención de beneficios de curto prazo, e noutras decisións políticas similares.

A concentración resultante de riqueza produciu maior poder político, acelerando un círculo vicioso que achegou unha riqueza extraordinaria ao 1% da poboación, basicamente directores xenerais de grandes corporacións, xerentes de fondos de garantía e cargos similares, mentres que a gran maioría dos ingresos reais practicamente se estancaron.
Ao mesmo tempo, o custo das eleccións disparouse até as nubes, facendo que os dous partidos tivesen que escarbar máis fondo nos petos das corporacións. O que quedaba de democracia política foi socavado aínda máis cando ambos os partidos recorreron a poxar postos de liderado no Congreso, como sinalou o economista Thomas Ferguson en The Financial Times.

"Os principais partidos políticos adoptaron unha práctica das grandes compañías comerciantes polo miúdo, como Walmart, Best Buy e Target", escribe Ferguson. "Caso único nas lexislaturas do mundo desenvolvido, os partidos estadounidenses no Congreso ponlle prezo a postos clave no proceso lexislativo". Os lexisladores que achegan máis fondos ao partido son os que obteñen eses postos.

O resultado, de acordo con Ferguson, é que "os debates se basean excesivamente na repetición interminabél dun puñado de consignas que foron probadas no terreo e demostrado ser atractivas para os bloques de inversionistas e grupos de interese nacionais dos que dependen os dirixentes para obter recursos". E que se afunda o país.

Antes do crac de 2007, do que foron en gran medida responsables, as institucións financeiras xurdidas tras a "época de ouro" obtiveran un sorprendente poder económico, máis que triplicando a súa participación nas ganancias corporativas. Despois do crac, numerosos economistas empezaron a investigar a súa función en termos puramente económicos. Robert Solow, premio Nobel de Economía, concluíu que o seu efecto podería ser negativo. "O seu éxito achega moi pouco ou nada á eficiencia da economía real, mentres que os seus desastres transfiren a riqueza dos contribuíntes cara os financeiros."

Ao triturar os restos da democracia política, as institucións financeiras están a sentar as bases para facer avanzar aínda máis este proceso letal ... en tanto as súas vítimas estean dispostas a sufrilo en silenzo.

Nenhum comentário: