05/08/2011

Retrato urxente da loita dos estudantes chilenos

Andrés Figueroa Cornejo (collido de aquí e traducido ao galego por nós).

(Mentres se escribe este artigo, o 4 de agosto de 2011 ás 13:30 hrs., en todo Chile e en especial en Santiago, os estudantes de secundaria son duramente reprimidos, centos son detidos, os gases lacrimóxenos respíranse en todo o centro da capital e o goberno acaba de promulgar a prohibición de reunión de escolares en lugares públicos. Mentres se está a un paso do Estado de Excepción, os mozos que levan meses loitando pola educación pública, gratuíta e estatal, son vangarda social e expresión dun aberto ciclo de combate contra o mal goberno e o Estado ultraliberal que reina en Chile desde a tiranía militar).

1. O contido do Estado chileno corresponde ao libreto ultraliberal establecido polas institucións reitoras do capitalismo na súa fase mundializada e de preeminencia financeira. O seu programa é o dos intereses do capital transnacional e nativo, máis aló das disputas entre fraccións da mesma clase gran propietaria e sobre todo, polos lazos de dependencia histórica entre o capital criollo e os polos imperialistas.

Pero o Estado é un produto humano, resultado das relacións de poder, da loita de clases. Por iso é un terreo en disputa. Tanto para o sometemento dunha clase sobre outra, como para o establecemento de reformas progresivas ou limitadas, ou a transformación radical dos seus cimentos e proxecto, a loita de clases é movemento vivo que impacta no complexo estatal, na economía e, por tanto, na política.

O Estado non é un artefacto inmóbil de relacións sociais fatais. O Estado é un organismo ampliado que ten poros fráxiles e custodios blindados. E, a máis loita social, máis oportunidades de provocar cambios no seu comportamento. Así mesmo, o longo refluxo do movemento popular en Chile reverte con máis ou menos celeridade a súa conduta.

Naturalmente que os estudantes por si sós non realizan as sublevacións populares vitoriosas. Sen o concurso protagónico do pobo traballador e a necesaria formación orgánica dun instrumento político á altura do actual estadio de loita de clases e capaz de conducir-participando desde as veas profundas do movemento xeral, sintetizando a doutrina, proxecto e programa político dos intereses das grandes maiorías, só é posible esperar estalidos potentes, pero sen a mira posta no poder. No entanto, os levantamentos, neste caso, estudantís, son a condición sen a cal tampouco é probábel o anterior.

E só a converxencia máis ampla política e social, co límite na alianza imposíbel cos intereses dos representantes do gran capital, criollo, transnacional ou entreverado, é o paso subseguinte necesario para a construción dunha alternativa política entre a Concertación e a dereita tradicional.

2. A resposta do Executivo piñerista ás demandas estudantís está compilado no texto "Políticas e Propostas de Acción para o Desenvolvemento da Educación Chilena", datado o 1 de xullo de 2011. A contraproposta dos estudantes de secundaria, universitaria e os docentes agrupados no gremio maxisterial entregarase á Moeda o venres 5 de agosto.

O documento do Executivo, edulcorado con fraseoloxía democratista e republicana, na superficie e baixo o texto, mantén incólume estruturalmente a situación da educación do país. Mantense o curso da privatización do ensino, proponse maiores posibilidades de endebedamento crediticio para estudar nos Centros de Formación Técnica, Institutos Superiores e Universidades, tanto tradicionais como privadas. Fálase dunha reforma constitucional, vaga e abstracta, onde a educación agora sería "de calidade", polo demais, adxectivo que consagra o ensino como unha mercadoría calquera. Así mesmo, exponse unha Superintendencia e Subsecretaría de Educación -as existentes caracterízanse por rimar a súa actuación cos intereses dos donos de todo e as súas pobres facultades fiscalizadoras-, e unha Axencia de Calidade, é dicir, unha sorte de evaluadora de riscos no plano formativo. Os contidos das institucións propostas non son distintos ás políticas aplicadas desde hai décadas na realidade. Só se legalizaría de modo manifesto a supersegmentación do sistema educativo do país, a discriminación, e o ensino de clases propia dunha sociedade de clases tan nítida e desigual como a chilena.


O escrito do Executivo, mentres reprime con violencia a menores de idade, significa un "pacto pola educación", maior transparencia do modelo xeral de ensino; contenta aos reitores das universidades tradicionais cunha "achega basal" para o seu funcionamento. A última iniciativa rompe o vínculo de loita entre os mozos e as autoridades máximas das casas de estudos superiores, e a transparencia redúcese ao que xa existía: pór nota de acordo a parámetros non convidos aos establecementos, o que nas actuais condicións, beneficia ostensibelmente ao sector privatizado da educación. En materia técnico profesional, subordina os programas de estudo aos requirimentos do empresariado a cambio dunha eventual maior empregabilidade. O texto de goberno acolle a esixencia estudantil de desmunicipalizar a educación, pero nun sentido inverso e confuso. Os mozos buscan que o ensino público, dos municipios, volva ao Estado; pero o documento expresa a xeración dunha desmunicipalización parcial que quede en mans dunha opaca "institucionalidad baseada en organismos públicos".

O absurdo que está na base dos papelaxos, supón a creación dunha Superintendencia que "fiscalice o uso dos recursos e a non existencia de lucro nas universidades (privadas)". Pero se lucro significa "Ganancia, beneficio ou proveito que se consegue nun asunto ou negocio", e é a motivación primeira e última das institucións privadas, como podería "regular" contraditoriamente a natureza mesma que orixinou a educación privada, a cal xera utilidades até multimillonarias?

3. Finalmente, a resposta dos partidos da Concertación, que administraron o Estado durante 20 anos, di que "Pola nosa banda asumimos e somos autocríticos de que, nas políticas educativas implementadas, non logramos fortalecer de maneira eficaz o rol do Estado, a calidade da educación pública e o dereito á educación entendido como un ben público e dereito social". Logo de raxar vestiduras, a Concertación "a mesma componenda que creou as condicións para a presente crise- promete nun futuro posíbel goberno o que xamais fixo: "un sistema nacional e articulado (?) que estableza ao Ministerio de Educación como responsable final do seu funcionamento". O resto dos postulados non distan sustantivamente do proxecto piñerista. Con todo, para quen teñen memoria, o documento só é un conxunto de palabras pegadas. Que importa. A última enquisa Adimark de xullo deulle apenas un 20 % de aprobación cidadá aos partidos da Concertación.

Nenhum comentário: