Shangay Lily, artigo tirado do Sin Permiso e traducido por D. Balado. Shangay Lily é o nome artístico Enrique Hinojosa Vázquez, drag queen, escritor e actor nado en Málaga o 1 de marzo de 1963.
O asunto da
mercantilización do Orgullo Gai, a explotación dunha reivindicación, unha
loita, por parte dun grupiño de empresarios ou gaympresarios -agrupados en
AEGAL- que aproveitan a lexitimidade da loita para sacar zumarentos beneficios
degradándoa, cada ano chega a novas cimas de corrupción. Este ano non foi
menos. De feito, quizais sexa o primeiro
ano no que se comezou a percibir a decadencia e extinción da esencia do
Orgullo: a presenza de heteros e concertos agradábeis para eles e a
desaparición de expoñentes da nosa cultura e historia (como o escenario drag de
Pelayo que este ano foi cancelado) até converter a cita nunha verbena
heteroamábel máis.
O fenómeno de
desintegración de Chueca como símbolo, como xeografía da diversidade, como
capital da liberdade, xa o tratarei en profundidade no meu vindeiro libro Adiós, Chueca (Memorias del gaypitalismo:
construyendo la marca gay), un ensaio no que cronificarei a complexa
degradación e dereitización da comunidade LGTB coa minuciosidade que merece,
pero creo que xa son evidentes algunhas das consecuencias dese feroz monopolio
consumista que a asociación privada AEGAL, creada polo meu ex-socio Alfonso
Llopart para poder lexitimar a súa explotación mercantilista de causa gai, está a traer a un evento que perdeu toda
esencia, pluralidade e espírito daquel Stonewall que os sectores máis auténticos
(e menos asimilados) da nosa comunidade converteron nunha explosión de
visibilidade.
O modelo gaipitalista
creado por esa oligarquía monopolística
que formaron a mediados dos 90, tras roubarme a revista e a festa nunha sucia
estrataxema, os meus ex-socios da
revista Shangay (quedándose co relativo a mercadotecnia, música e prensa) con Pedro Serrano (locais de lecer e noite,
causa do meu enfrontamento cos meus ex-socios ao negarme a incluílo no noso
Shangay Tea Dance), Pedro Zerolo (político, unido aos anteriores ao comprar a
miña parte da revista con 9 millóns de pesetas herdados da súa avoa,
contáronme) e máis adiante Kike Sarasola (hoteis e negocios políticos herdados
do seu pai, como o contacto co ex-vicealcalde pepero e armarizado Villanueva)
ou o absurdigay Juan Pedro Tudela (turismo por vía de facerlle o xogo ao PP e a
Ana Botella) ou Juan Carlos Alonso (secretario de Pedro Serrano e socio de Tryp
Family á vez que secretario xeral de AEGAL), baleirou de contido reivindicativo
o Orgullo e encheuno de negocios construídos a base de secundar os patróns heteronormativos
hexemónicos, de utilizar figuras xa premiadas polo patriarcado por asimilarse e
representar o heteronormativo como Paloma San Basilio, Chenoa ou Leticia
Sabater, e esquecer ou esconder calquera discurso ou figura alternativa ou
disidente (os e as verdadeiras activistas que non gozan da popularidade destes
produtos asimilados porque o seu discurso foi incómodo para o sistema ao
negarse a asimilarse). En lugar de utilizar esta data para dar visibilidade a
todo o negado polo sistema homófobo, óptase polo xa exitoso (modelado polo heteronormativo)
para alardear dun poder de convocatoria que é un espellismo (habería que ver
cantos deses absurdigais e heteros de festa ían viaxar a escoitar á gran Kim
Pérez falar de transfobia ou a escoitar as cancións disidentes de Putirecords).
Os intereses de
AEGAL, coa complicidade da FELGTB e COGAM que seguen sen deter esta pantomima,
tráenos este ano unha nova rea de insultos, traizóns e incongruencias que AEGAL
impuxo para os seus intereses, negocios e favores de ida e volta (xa mencionei
máis dunha vez eses paquetes promocionais que Llopart ofrece a alto prezo a
artistas en decadencia, con aparición en portada do Shangay Express, carroza,
concerto e algún premio). Vexamos algunhas das escandalosas situacións impostas
este ano en nome dos e das activistas que crearon a nosa identidade (aos que
Llopart xa negou en dous editoriais que negan a vertente reivindicativa e
queren quedar cun Orgullo empresarial para facer negocio, iso si, aproveitando
as subvencións e visibilidade que activistas, reivindicacións e loitas conseguiron).
Listaxe de disparates gaipitalistas:
En Vázquez de
Mella este ano aparece unha caseta promocionando o turismo a Fuerteventura. Só había
3: unha da FELGTB, outra do Home Transexual e a terceira de Fuerteventura. Ese
espazo cédeo o Concello para asociacións LGTB, pero desde o 2012 converteuse
nun espazo de pago. Nin Fundación Triángulo nin Apoio Positivo, que
tradicionalmente usaran ese espazo entre outras, puidéronse permitir pagar.
Quen esixiu que fose de pago foi o Concello, pero iso é un paso máis nesta
explotación mercantilista dunha reivindicación que acaba con surrealismos como
que quen se promociona é o turismo dunha illa e exclúese ás asociacións que
orixinan esta data.
O certame estrela
este ano foi o repugnante concurso reificador de Míster Gai Pride, unha
creación de AEGAL que impón un modelo heteronormativo
competitivo de corpo novo, musculado, depilado, bronceado, sexuado, branco…
para crear hexemonía e discriminación cara ás diverxencias. O xurado de
semellante evento machista é dun absurdo e carente de compromiso algún que tira
polo chan: Fernando Tejero (suposto
heterosexual buscando á súa muller ideal a pesar de numerosos rumores sobre o
seu armarización), Abraham de Gandía Shore (sen comentarios, estes os valores
só os viron en latas de chocolate Valor), Carmen Lomana (clasista, conservadora
reaccionaria e machista) e Nacho Montes (colaborador 8 anos na COPE da Schlichting
que avoga por “curar” aos homosexuais e declarado pepero). É de destacar que
este concurso se dea de patadas cos estatutos da FELGTB que declaran incompatíbeis
discursos que normativicen o corpo, como me comentou o vicepresidente de COGAM,
Ronny, engadindo que pronto terían que cancelalo desde a FELGTB que mira cara outro lado.
Este ano souben
que as carrozas cobran aos gais que se soben, até 70 euros! E no caso que me contaron era un mozo que
ía de drag ao que deberían pagarlle por dar imaxe pero tivo que pagar.
O pregón leuno
Paloma San Basilio, unha señora que será estupenda, pero que xamais fixo nada
pola comunidade LGTB á parte de beneficiarse das compras de parte da comunidade
e a promoción (de feito en breve empeza unha xira que promocionou abundantemente).
O tema do pregón ten a súa faragulla: a FELGTB rexeitou o pregón orixinal que
escribiu un vogal de COGAM por ser “demasiado político e reivindicativo, isto é
un festexo e debe ter un ton máis festivo”, cito literal.
Tras 3 revisións
refugouse completamente e Paloma San Basilio acabou lendo un surrealista pregón
que falaba de zapatos titulado Tacóns
próximos e que, ese medio tan pouco homófobo e tan próximo á comunidade
LGTB que é o xornal cristofascista ABC publicou en primicia (casualidade) para
suliñar a mensaxe clasista, machista e consumista (se non mencionou o
importante que era ter bos zapatos vinte veces non o dixo ningunha) que resume
esta frase na que vemos a unha privilexiada, de clase alta, que merenda
ensaimadas nunha España pobre, xoga á canastra e vai a colexios privados: “Aprendía
moitas cousas coa miña nai: como pintarse os beizos, como facer empanadillas,
como conseguir que a nosa casa fose o mellor espazo posible con e sen diñeiro,
como dicir o que pensas é bo para ti e os demais. Aprendín por exemplo a xogar
ás cartas, xuntábase coas súas amigas e, á miña volta do colexio, aínda co
uniforme, sentábame con elas gozando das súas conversacións e sobre todo da
merenda que interrompía a partida de canastra para cambiar os naipes polos
pasteis e ensaimadas”. Nótese o empeño en declarar “tarefas femininas” como o
que aprendía da súa nai. Neste acto tamén participou Chenoa para, oh
casualidade, presentar o seu novo single que é especialmente relevante para a
comunidade LGTB xa que se titula ”Quinta dimensión” / “Life´s an
equation” que esgazadora narración da nosa vida!
A musa do Orgullo
(imposta por AEGAL) non foi outra que a trepa machista clasista facha Carmen
Lomana. A esta habería que engadir a trepa facha clasista Leticia Sabater que
ante o escándalo das cartas a deputacións pedindo “un pouquiño de tráfico de influencias e corrupción , por favor, que
son dos vosos” insiste en declararse orgullosamente pepera e fan de Aznar
(gran aliado da comunidade LGTB como todos saben).
Yanela Brooks, a
concursante cubana de La Voz á que lle faltaron minutos para cantar para unha
asociación de extrema dereita, Fundación Para A Defensa da Nación Española
(DENAES), e declararse de dereitas (ese delirado anticomunismo convertido en
fascismo tan dos disidentes), é outra das actuacións estrela.
Quere AEGAL impor
os valores da dereita? A representación da clase traballadora ou excluída (a
maioría de transmaribolos son precarios pola homofobia/transfobia) destaca pola
súa ausencia. Pero a culpa de todo tena o Concello, un discurso que é moi útil
como bote de fume.
Todos estes
dislates xustifícanos ou ocúltanos co hipócrita discurso vitimista e de
resistencia inventa unha loita contra un inimigo que en realidade non existe. O
Concello (especialmente con Villanueva) foi un socio e aliou deste saqueo e
explotación dunha manifestación pública. En realidade o que vemos é unha
aplicación das estratexias neoliberais ao Orgullo, unha sorte de privatización
do Orgullo que quedou en mans dunha asociación privada sen ningún tipo de
control democrático externo. AEGAL é notoria pola súa opacidade e endogamia.
Hoxe mesmo a
FELGTB, COGAM e AEGAL sacaron un comunicado denunciando a inatividade do
Concello e a falta de servizos mínimos, papeleiras e instalacións. É extremadamente
hipócrita denunciar a falta de intervención do Concello cando AEGAL converteu o
Orgullo nun evento privado que eles controlan até o punto de (como lle
recriminei na SER a Juan Carlos Alonso ante o seu silencio) impor a seguridade
privada que eles controlan exclusivamente e da que se serven para monopolizar
espazos e negocios. Se queren que todo estea regularizado e a responsabilidade
sexa do concello, que o declaren festexo público, pero AEGAL leva anos opóndose
a este status que racharía o seu monopolio e obrigaría a permitir a
intervención doutros axentes sociais.
A isto hai que
sumar que Alfonso LLopart en varios editoriais
na revista que me roubaron (e que segue levando o meu nome) pide que se
saque ás asociacións e o carácter reivindicativo do Orgullo para deixalo en
mans dos gaimpresarios. É o terríbel modelo de Barcelona que os gaimpresarios
de aquí exportaron con éxito: dúas marchas, unha (menor) para as asociacións ou
reivindicativa, e unha maior privada e empresarial.
En realidade, o
discurso de “Ana Botella está a acabar co Orgullo” esconde a verdadeira
traxedia: é AEGAL a que está a acabar co Orgullo desde dentro. Vamos, que xa se
acabou. Léase, como exemplo este correo que me enviou ao meu facebook Sede
Vacante:
“En vistas que o actual Orgullo é só unha máquina
de facer diñeiro para os mafiosos de AEGAL, moitos amigos, coñecidos e eu pasamos
diso e faremos todo o posíbel para que non se celebre nun futuro, moito menos o
do 2017.”
Dío alguén que
leva asistindo desde o 92.
Ver o “espectáculo”
de onte: matóns con botas humillando á xente coma se a rúa fose súa, non é xa
só para botarse a chorar, senón a vomitar.
Ou esta acertada
análise que fai o meu amigo SalidaxLaIzquierda a colación do enganoso titular “Os organizadores do Orgullo Gai denuncian o
“boicot” e as “cambadelas” do Concello de Madrid”:
“Dicir que Botella se dedicou a boicotear o
Orgullo é algo simplista. O que Botella fixo moi sibilinamente dedicarse a
infiltrar as comisións organizadoras con membros que o irán baleirando de
contido reivindicativo e convertérono nun evento mercantilista para maior
gloria dunha serie de empresarios mafiosos e unicamente destinado a xerar
beneficios”.
A máxima parece
ser “Que a reivindicación non poida molestar ao negocio”.Con este modelo de
Orgullo, non combativo, servil, mercantilista,… Botella está moi satisfeita e
non ten ningunha intención de boicotealo.
AEGAL é a
organización que de verdade controla e organiza até o último detalle do
Orgullo, impondo as súas demandas a unhas moi submisas e dóciles COGAM e
FELGTB.
AEGAL é unha
asociación de empresarios subvencionada directamente por Botella e repleta de
empresarios moi próximos ao PP (con moi boas relacións como as que tiña Miguel
Ángel Flores, o do Madrid Area).
AEGAL contrólao todo
dun modo completamente mafioso e gangsteril, cada detalle deséñase do modo que
máis poida beneficiar ao negocio dos seus empresarios e non á causa da
igualdade LGTB. Fagocitaron e usurparon un evento que debera ser de carácter
político e reivindicativo para convertelo nunha máquina de facturar.
Polo tanto, eu
denuncio á organización mafiosa AEGAL e denuncio tamén a complicidade ou canto
menos a falta de oposición de COGAM e FELGTB.
Que non tenten
agora distraer a atención con Botella, o Orgullo converteuse no que se
converteu por acción ou omisión de todos eles.
Acabo de ver a
peza que dedicaron ao Orgullo no Telexornal de TVE e máis da metade do tempo
foi dedicado a dar cifras económicas globais e de gasto individual de diversas
persoas entrevistadas pola rúa.
Este é
exactamente o Orgullo que queren AEGAL e Ana Botella, o das cifras, o das Visas,
as Mastercards e as American Express.
Tolérase o evento
e aos seus protagonistas (o colectivo LGTB) na medida en que supoñen un
negocio, sopórtaselles porque teñen diñeiro e consomen, pero iso non é respecto
á persoa, é respecto ao diñeiro e a quen o ten.
A dignidade do
colectivo LGTB non pode vir das súas carteiras, senón de ser persoas tan dignas
como as demais.
Ademais isto
converte ao Orgullo nun evento excluínte porque, en contra do imaxinario gaicapitalista,
non todos os LGTB están forrados de pasta. Tamén hai LGTB que non teñen un
duro, que están en paro e non teñen prestación algunha, que foron desafiuzados,
que son inmigrantes e négaselles a asistencia sanitaria,… E todos eles non son
benvidos neste Orgullo no que “tanto tes, tanto vales”.
Isto converteuse
nun evento clasista e capitalista moi afastado do que foi nun inicio.
Responsables:
AEGAL e por omisión tamén COGAM e FELGTB.
En efecto, AEGAL
está a desaloxar o gai para impor entretemento amábel para os heterosexuais
benpensantes. Este problema da “heterosexualización” e, sobre todo,
mercantilización do Orgullo gai podería chegar ás súas peores consecuencias se,
como leva anos tentando, O Corte Inglés consegue ser aceptado como patrocinador
(algo ao que se opón COGAM pero que AEGAL ve con bos ollos). Xa que podería
elixir os lemas, contidos e actos que se fagan durante o Orgullo. Non é moito
desvarío pensar que o principal promotor das cristofascista JMJ acabaría
impondo un Orgullo Cristofascista.
Quizais ese fose
o modelo perfecto para AEGAL, Ana Botella e o PP que xa babea ante a súa
expropiación do Orgullo coa complicidade dos seus amados “emprendedores”.
Non ao gaipitalismo,
non á mercantilización do Orgullo Gai, non ao negocio á conta de moitas loitas,
vítimas e sufrimento.
Nenhum comentário:
Postar um comentário