18/09/2012

11 de setembro de 2012: un antes e un despois para Catalunya?

Daniel Raventós e G. Búster. Artigo tirado de Sin Permiso (aquí) e traducido por À revolta entre a mocidade.


A manifestación do 11 de Setembro en Barcelona, Diada Nacional de Catalunya, foi un acontecemento político que terá consecuencias nos próximos meses. Non soamente toda a prensa do Reino de España, de distintas cores, é unánime en destacar a masividade desta manifestación, tamén a doutros moitos países destacou á mañá seguinte a gran cantidade de asistentes (a Garda Civil apunta 600.000, a policía catalá 1.500.000 e os organizadores 2.000.000). De feito foi a maior reafirmación nacional do pobo de Cataluña desde a morte do ditador. E falamos de Barcelona, unha cidade que ten tradición de manifestacións dunha magnitude excepcional: obreiras, antiguerra, polo dereito á autodeterminación e tamén, como non, do 15-M. Pero ademais, trátase dun proceso de mobilización democrática polos dereitos nacionais que ten os seus precedentes nas manifestacións de 1977 ("Liberdade, Amnistía, Estatuto"), 2010 ("Somos unha nación, nós decidimos"), así como a recente campaña de consultas populares nos municipios que agora se concreta na reivindicación dun estado propio en Europa.
 
A frustración da reforma do Estatut
 
Por tanto, antes de calquera valoración política, cousa difícil, xa que houbo e haberá moitas interpretacións ("máis que a Torá", dicía Enric Juliana na Vangarda) resulta indispensábel lembrar eses antecedentes.

En 2005, o entón presidente da Generalitat, o socialista Pasqual Maragall, promoveu un primeiro borrador de reforma do Estatut. O recentemente elixido presidente do goberno español, o tamén socialista José Luís Rodríguez Zapatero, comprometeuse entón a apoiar o Estatut que saíse do Parlamento de Catalunya [1]. Poucos meses despois, o Estatut foi aprobado no Parlamento catalán por unha ampla maioría que incluíu á formación nacionalista conservadora Convergència i Uniu (CiU). O 5 de outubro do mesmo ano, o Estatut entrou no Congreso español. O 30 de marzo de 2006, un Estatut moi reformado ("cepillado" foi a palabra que provocativamente elixiu o satisfeito deputado do PSOE e vicepresidente dos gobernos de Felipe González, Alfonso Guerra, que expresaba o sentimento de boa parte do sentimento granespañol de moitos deputados) foi aprobado polas Cortes. O 18 de xuño daquel ano, a poboación catalá foi convocada a un referendo para votar sobre o texto final, previamente "cepillado" polas Cortes españolas. E votouno a favor. O 31 de xullo, o PP presentou un recurso de inconstitucionalidade contra 114 artigos e 12 disposicións do Estatut, argumentando que se trataba dunha "reforma constitucional encuberta" e dunha "constitución paralela". Obsérvese: o texto fora aprobado por dous parlamentos, o catalán e o español, e por un referendo popular, mais só un maxistrado de todo o Tribunal Constitucional pronunciouse contra a admisión a trámite do recurso. Unha vez admitido, o PP recusou de maneira xuridicamente discutíbel a un dos maxistrados do TC, o cal propiciou un escenario de bloqueo e de instrumentalización partidista do texto. O 28 de xuño de 2010 o TC deu a coñecer o fallo da súa sentenza. Fallo que declaraba inconstitucionais, total ou parcialmente, 14 artigos do texto aprobado polas Cortes, o parlamento catalán e ratificado nun referendo. O constitucionalista andaluz Javier Pérez Royo comentaba recentemente que a sentenza do Tribunal Constitucional sobre o Estatuto foi unha "barbaridade". [2]

O 10 de xullo de 2010, unha manifestación baixo a lema "Som una nació, nosaltres decidim", convocada en resposta a esta sentenza, tivo unha participación que superou a previsión máis atrevida. Foi convocada por máis de 500 entidades, ademais dos partidos que sumaban o 88% do Parlamento catalán, tamén polos principais sindicatos. Só dous partidos, o Partido Popular e Cidadáns (partido testemuñal) non deron o seu apoio. Falouse dun millón de manifestantes. Até a imprensa máis centralista e rancia como ABC deu por boa esta cifra.

O 28 de novembro de 2010 gañaba as eleccións ao Parlamento catalán CiU. A partir da formación de goberno por parte desta coalición de dereitas, o ataque ao conxunto da poboación traballadora tomou un impulso en Catalunya sen precedentes. Un ano despois, o 20 de novembro de 2011, gañou as eleccións das Cortes españolas o PP, un partido de herdanza franquista (lembremos que o seu fundador, o recentemente falecido Fraga Iribarne, foi un destacado e moi represivo ministro de Franco) que utiliza doses fortes de nacionalismo español (o que inclúe descartar calquera idea que cuestione nin levemente que "España" sexa outra cousa que unha única nación) como constatada forma para gañar votos e apoio entre a poboación do conxunto do Reino de España aínda que iso sexa á conta de ser un partido minoritario no País Vasco e moi minoritario en Catalunya. [3] O PP e CiU non discreparon sobre a política económica a seguir ao longo destes meses en que ambos están nos gobernos respectivos. É máis, CiU votou á beira do PP nas Cortes españolas multitude de veces, e o PP fíxoo en apoio de CiU no parlamento catalán. A discrepancia está na repartición da recadación fiscal en Catalunya. CiU considera que a balanza fiscal, é dicir, o que recada Catalunya e o que queda a administración central, está moi descompensado en contra da primeira (o goberno catalán calcula que son 16.500 millóns de euros a diferenza entre o que achega Catalunya e o que recibe). Todas as forzas políticas e sindicais catalás, aínda que con matices e cálculos moi distintos, recoñecen este desequilibrio fiscal. Pero a súa reivindicación dunha negociación co estado central para reequilibrar este déficit fiscal é utilizada, non soamente pola dereita española máis cerril, para denunciar a "insolidariedade" e o "egoísmo" cataláns. Calquera entende a diferenza entre imposición e solidariedade. A solidariedade se non é asumida voluntariamente (e a idea, por certo, de achegar máis do que se recada nunca foi posta en cuestión por ninguén significativo politicamente en Catalunya; o que se cuestiona é a proporción) será calquera cousa menos solidariedade. Unha constante ao longo destes case dous anos de goberno catalán de dereitas foi a mobilización por parte dos sindicatos, asociacións en defensa da sanidade e o ensino públicas e estudantes universitarios, entre moitas outras.
 
Do pacto fiscal á independencia?
 
O goberno de Catalunya de CiU concentrou todos os seus esforzos ao longo dos últimos meses no chamado "pacto fiscal". O seu obxectivo, a negociar co goberno de Madrid -que dixo por activa e por pasiva que non ten a máis mínima intención de facelo-, sería dotar á Generalitat de Catalunya dunha facenda con capacidade recadatoria propia que discutise posteriormente co estado central a súa contribución ao orzamento xeral. Algo similar ao chamado "concerto económico" que teñen as comunidades autónomas vasca e navarra. Para o pacto fiscal, CiU contou co apoio parlamentario de ERC e de IC-EUiA, ademais dalgunha outra forza moi minoritaria, aínda que con posicións propias moi diferenciadas.
 
Neste contexto, unha asociación de creación bastante recente, a Assemblea Nacional Catalá (ANC), realizaba a convocatoria da manifestación popular do 11-S deste ano. As orixes da ANC cabe buscalos no proceso de referendos en moitos concellos cataláns a favor do dereito de autodeterminación, iniciado polo de Arenys de Munt o 13 de setembro de 2009. A lema da manifestación do 11-S de 2012 era "Catalunya, nou estat d'Europa". Era unha convocatoria claramente independentista como non se cansaron de afirmar os promotores cada vez que foron preguntados.
 
A masividade da manifestación deste 11-S foi o resultado de moitos factores: apoio mediático da televisión pública catalá, declaracións provocativas de representantes do goberno central (unha mostra: o presidente do goberno Mariano Rajoy, pouco antes da manifestación, afirmou que non eran momentos para "algarabías"), intento de CiU de desviar e canalizar a resistencia á súa política de austeridade e recortes neoliberais cara a un apoio á Generalitat para a negociación do pacto fiscal... Porén ante todo e sobre todo a convicción dunha parte substancial da cidadanía de Catalunya de que ten dereito a decidir por si mesma o seu réxime político e, en base de igualdade, estabelecer a forma da súa relación co resto do Reino de España e a Unión Europea. Nisto resúmese a idea dunha República catalá. Unha idea que non ten cabida no actual deseño institucional borbónico.
 
A crise do estado das autonomías, que foi a fórmula territorial do pacto da transición monárquica de 1977, é terminal. O desequilibrio da balanza fiscal entre as distintas autonomías do Reino é consecuencia directa, ademais do deseño institucional monárquico, das políticas neoliberais, da crise económica do euro, dos recortes dos servizos públicos que están a afogar ao conxunto do Reino de España nunha crise financeira, económica e social que dura xa cinco anos e que se agrava baixo as ameazas dos rescates. A "segunda transición" que debían iniciar as reformas dos estatutos de autonomía do País Vasco e Catalunya, aprobados maioritariamente nos seus parlamentos, foron rexeitas ou "cepilladas" nas Cortes do Reino, recorridos polo PP ante o Tribunal Constitucional e finalmente afogadas polo Goberno Rajoy nunha onda de recortes ao seu financiamento, que ameazan directamente os servizos públicos básicos da poboación. Rompeuse así un pacto implícito da transición: ceder soberanía nacional democrática a cambio do desenvolvemento duns servizos públicos universais xestionadas polas autonomías. O PP substituíuno por recortes e recentralización. E iso é o que combina de maneira inevitábel a crise económica e social provocada polo neoliberalismo, a crise do estado das autonomías e a crise da cuestión nacional democrática.
 
O que a manifestación da Diada de Catalunya puxo de manifesto, como o farán tamén as próximas eleccións o 21 de outubro en Galiza e a comunidade autónoma vasca, é que ante esta crise combinada e a incapacidade das oligarquías neoliberais do Reino de España de ofrecer unha saída, é a maioría da xente a que quere ter o dereito a decidir por si mesma, o dereito a decidir con que réxime e institucións nacionais e con que políticas defenderse dunha crise que elas non provocaron.
 
O problema histórico de como dar unha resposta democrática ás aspiracións das nacionalidades históricas do Reino de España exponse agora de novo con toda a súa agudeza. É inevitábel que o faga baixo a hexemonía que ostenta en todos os campos a dereita, incluídas as dereitas nacionais catalá e vasca, que buscan así xustificar no nacionalismo as súas propias políticas neoliberais e os seus intereses. Por iso é fundamental que a esquerda, como fronte á crise económica e social, ofreza a súa propio modelo de país e loite pola hexemonía do conxunto das clases traballadoras, defendendo os seus intereses fronte aos das oligarquías neoliberais nunha saída democrática que só pode ser o dereito a decidir en todos os ámbitos, incluído no das institucións nacionais

Por tanto, hai que tomar nota de que existe unha nova situación, unha nova realidade. Unha parte substancial da cidadanía de Catalunya iniciou o camiño que debe permitirlle exercer o seu dereito a decidir. Pódese obstaculizar, pór paus ás rodas, pero xa non se pode impedir de forma democrática. Hai un punto de non retorno que está na consciencia colectiva como pobo. É a cidadanía catalá, homes e mulleres, traballadores, comerciantes, mozos sen traballo, cidadáns vindos de lonxe que viven agora en Catalunya, quen deben decidir, quen deben expresarse democraticamente nun referendo. Sen inxerencias. Sen presións. Sen ameazas.

O primeiro en tomar nota foi o moi honorábel presidente da Generalitat Mas e o seu partido, CiU, que tentan canalizar a favor das súas políticas neoliberais en Catalunya a inmensa mobilización popular en defensa dos seus dereitos nacionais e sociais reforzando o seu papel de mediador ante o goberno central español, defendendo unha axenda que lle permita presionar continuamente tanto ao Goberno de Rajoy no Pacto fiscal para equilibrar a balanza financeira da Generalitat como ás clases populares catalás para que acepten como inevitables os recortes neoliberais. Fronte á fórmula de recortes e recentralización do PP, CiU ofrece recortes e desenvolvemento negociado dunha política fiscal catalá baixo a ameaza da autodeterminación. Ese foi a súa mensaxe en Madrid inmediatamente despois da Diada, para rendibilizala ao seu favor. E ese será o que traslade o día 20 no seu previsto encontro con Rajoy na Moncloa.

De feito, fronte a quen cren que a reivindicación do pacto fiscal está xa simplemente superada por consígnaa de independencia, hai que subliñar con escepticismo que nin Mais é independentista, nin CiU como representación política da oligarquía catalá acreditou nunca nela desde Prim e Cambó. Mais rendibilizará a Diada para esixir precisamente unha vía gradualista de construción nacional que lle permita presionar continuamente a Madrid, pero que evite unha ruptura coa monarquía borbónica. Porque xa non sería entón o mediador, senón o representante do poder da oligarquía catalá fronte ás clases populares. E CiU tería que transformarse completamente noutro tipo de partido, renunciando a un interclasismo que é a base social do seu proxecto catalanista.
 
Por tanto, vanse a mover as distintas posicións políticas ao longo das próximas semanas e meses. O principal beneficiario a curto prazo da gran manifestación, queda dito, é CiU. Aínda que na manifestación non se gritou a favor do pacto fiscal e aínda que o representante de CiU nas Cortes españolas, o reaccionario católico ultraliberal Durán i Lleida, fóra apupado na manifestación. E ante a negativa a negociar do goberno Rajoy, Mas convocará eleccións anticipadas, previsibelmente na primavera, para lexitimar cunha maioría absoluta o seu papel de mediador por encima das clases sociais, en nome da unidade nacional de Catalunya. Pero as súas políticas de axuste non lle deixaron moita marxe de manobra e nunca se sentiu cómodo no terreo da mobilización popular por razóns obvias.
 
O Partido Socialista de Catalunya, o segundo maior en número de deputados, sae esnaquizado. Oficialmente non apoiou a manifestación, pero algúns destacados dirixentes do chamado sector catalanista asistiron á mesma. Existen presións inmensas dentro das súas propias filas para cambiar a relación que ten co PSOE, entre elas, ter grupo parlamentario propio. Houbo momentos que as contradicións entre o que dicían algúns dirixentes do partido en Catalunya e o que votaban nas Cortes españolas eran tan xigantescas que algúns militantes e dirixentes do PSC esixen solucións inmediatas. O partido independentista de esquerda moderada ERC e a coalición máis de esquerdas no parlamento catalán IC-EUiA poden saír reforzados despois da manifestación, pola que apostaron sen a menor vacilación desde o principio, e non hai dúbida que esta última forza política converteuse na referencia parlamentaria da oposición á política económica ultraliberal de CiU. O PP en Catalunya, á parte de seguir sendo o partido do españolismo en Catalunya, difícil teno nestes momentos para saír da súa condición de partido minoritario. O único protagonismo que tivo ao longo destes últimos meses foi a súa privilexiada relación co goberno español. Nada máis.
 
O dereito democrático a decidir de Catalunya
 
É probábel da crise constitucional do Reino de España xa non teña solución "española" ou "ibérica". Ten que ser necesariamente europea ("Cataluña, novo estado europeo"), cuestionando o modelo neoliberal e antidemocrático de construción europea. Pero tamén é iluso pensar que non existen enormes lazos de todo tipo entre Catalunya e os outros territorios peninsulares ou entre a burguesía catalá e o resto da española, que seguirán sostendo vías de solución federalistas.
 
Pero, en definitiva, o esencial é defender que o dereito a decidir, o dereito á autodeterminación (que inclúe, innecesario é lembralo, o dereito á independencia) é unha cuestión democrática elemental, así como o respecto á decisión da maioría dos cidadáns que deciden exercelo. As diferentes opcións que se expoñan no seu exercicio dependerán moito de en que medida sexan instrumentos institucionais e políticos útiles para defender os intereses da grande maioría, hoxe acosada polas políticas neoliberais. É en relación a este principio democrático de respecto ao dereito a decidir que será posíbel construír unha alternativa de esquerdas unitaria. Quen o esqueza, está condenado ao fracaso.
 
 
 
Notas:
[1] Para unha ampliación véxase Gerardo Pisarello e Daniel Raventós, "O día que Catalunya ditou sentenza", Sen Permiso, 2010, http://www.sinpermiso.info/textos/index.php?ide=3479.
[2] El País, 13-9-12.
[3] Daniel Raventós, "Reino de España: primeiros meses do goberno Rajoy, preparación de loitas outonales", Sen Permiso, 2012. 

Nenhum comentário: