“[...] a tea tecida na sombra acaba terminándose, e
entón parece que a fatalidade arrástrao todo e a todos, que a historia non é
máis que un enorme fenómeno natural, unha erupción, un terremoto, do que acaban
sendo vítimas todos, quen quixo e quen non quixo, quen sabía e quen non sabía,
quen foi activo e quen foi indiferente. E este último irrítase, querería
subtraerse ás consecuencias, querería que quedara claro que el non quixo, que
el non é responsábel. Algúns choriquean piadosamente e outros maldín obscenidades,
pero ningún, ou poucos, pregúntanse: se eu tamén fixese o meu deber de home, se
tentase facer valer a miña voz, a miña parece, a miña vontade, sucedería o que
sucedeu? Pero ningún, ou poucos, se botan a culpa pola súa indiferenza, polo
seu escepticismo, por non dar o seu apoio moral e material a aqueles grupos
políticos e económicos que combatían, precisamente, para evitar ese mesmo mal;
que se propuñan conseguir ese mesmo ben. Eles, en cambio, prefiren falar de
fracaso das ideas, de programas definitivamente afundidos e doutras grazas
semellantes. Continúan na súa indiferenza, co seu escepticismo. Mañá seguirán
coa súa vida de renuncia a toda responsabilidade directa ou indirecta?”
Antonio Gramsci, 26 de agosto de 1916
Durante anos a esquerda máis combativa considerou as institucións e os representantes políticos como a parte máis interesada e mísera da política. Fronte a eles reivindicábase a entrega xenerosa do activismo social, a rúa como lugar de encontro político por excelencia, os movementos sociais como o tecido máis honorábel onde se catalizaban as loitas e a organización. Nembargantes, os cargos políticos tiñan o pecadiño de teren un soldo -o que en moitos casos non era verdade-, un despacho, un poder que non sempre puñan ao servizo dos cidadáns.
Como resultado de
todo iso, pedir o voto era encartarse/pregarse á parte menos honorábel da
política da esquerda. Moitos dos cidadáns máis críticos tiñan a gala non votar
ou, polo menos, non votar a ningún partido con representación institucional, o
que lles deixaba -ante os seus propios ollos e os de moitos- sen ningunha responsabilidade
ante calquera falcatruada que algún cargo ou carguiño fixese, ou se dixese que
fixo. Evidentemente, en ningún foro formal ou informal de discusión lle podían
botar en cara a ese cidadán o comportamento de ningún cargo electo porque co
seu voto non fora elixido ningún. Ningunha traizón nas institucións tiña
relación co seu comportamento electoral, porque nada do que sucedía nesas institucións
aparentemente o tiña.
A dereita, en
cambio, facía todo o contrario. Non se caracterizaba por colaborar nos
movementos sociais, nin por adicar moito do seu tempo libre ao activismo ou a
militancia. Iso si, cando chegaban as eleccións, relixiosamente ían á urna e
levantaban aos seus partidos ao poder nacional, autonómico e municipal.
Con esa
situación, e mentres as mobilizacións por cuestións compartidas pola esquerda
non deixan de aumentar, son moitos os que se preguntan por que non avanzamos.
Por que non se logran frear os recurtes ou cambiar as políticas. A resposta
máis primaria está clara. Porque os que gobernan son outros, porque os votos
foron para eles e porque esa forza crítica da sociedade non se reflectía nas
elecións. Sen dúbida hai moitos máis elementos a analizar (individualismo
cidadán, desconfianza na política, sistema electoral inxusto), pero resulta
paradoxal que os movementos sociais falen de ocupar o Congreso simbolicamente
en xornadas de mobilización e non de ocupalo literalmente con deputados que nos
representen elixíndoos nas urnas.
Non sei se os que
saen ou saímos á rúa nos representan ou representamos. En calquera caso, de
pouco serve iso porque os que deciden son outros. Non hai outra opción que
lograr que eses que deciden nos representen, e os que deciden saen dunha urna.
As enquisas din que a xente confía máis na Plataforma de Afectados polas
Hipotecas (PAH) e as ONGs que nos partidos. Pero esa xente debe comprender que
as leis as fan os deputados elixidos que se presentaron nas listas dos
partidos. Haberá que buscar persoas nas que confiar e logo elixilas como
deputados.
Eses mesmos
activistas que se moven nun bucle de idealización do movemento social, esixindo
o candidato perfecto e, ante a ausencia da perfeción, optan pola abstención ou
o voto testemuñal sen posibilidade de reflexo institucional, defenden o valor
dos procesos de esquerda latinoamericanos como o resultado da chegada ao poder
de Gobernos dignos mediante o voto cidadán. Afirman con contundencia que “si se pode”, a pesar de que, seguro,
haberá -e percibirán- erros e miserias neses Gobernos. Gobernos que tamén
tiveron que enfrontar todos os obstáculos dunhas democracias cheas de trampas
de leis electorais, campañas mediáticas de agresión e diñeiro ao servizo das
candidaturas de dereitas; e, con todo, lograron salvalos.
O seguinte
problema é a fragmentación da esquerda, unha fragmentación que para a
mobilización non é necesariamente negativa se logo existe fronte común e
coordinación, pero si que é tráxica en convocatorias electorais. Son moitos os cidadáns
concienciados politicamente que logo se desesperan ao atopar á esquerda
dividida en infinidade de grupos políticos nas eleccións. Parece que ese “narcisismo das pequenas diferenzas”,
como diría Freud, está instalado nos líderes da esquerda española. A discusión
sobre que grupo ou líder ten máis ou menos responsabilidade na disgregación
tamén sería estéril. Probabelmente os máis grandes deberían ser máis xenerosos
na incorporación de compañeiros dos partidos minoritarios, e probabelmente sempre
quedaría algún nestes últimos para manter a sigla e a bandeira, porque xa se
sabe que se prefire ser cabeza de rato que cola de león.
O xornalista
Pablo Iglesias sinalaba nunha entrevista que o que logra o éxito electoral da
esquerda non é tanto un avance na difusión do seu ideario entre a poboación,
como a percepción dun proxecto alternativo fronte aos Gobernos da troika que
pode ter éxito político. Mesmo Chávez chegou ao poder en Venezuela cun programa
político bastante difuso, sería logo, empuxado pola cidadanía, e pola súa
coherencia, honestidade e valentía, polo que se lograron os avances sociais.
Ante esta
división, a única opción que lle queda ao cidadán crítico é aglutinar o seu voto
xa que non o fan os responsábeis das siglas. É dicir, hai que votar, porque
-sen as rexeitar- non son as manifestacións, os movementos sociais nin as
ocupacións de prazas as que deciden as políticas e as lexislacións, senón os
tipos que saíron elixidos nas urnas. A non ser que se interrompa a
institucionalidade mediante unha revolución, algo difícil de imaxinar en
Europa. E, ademais de votar, débese facer a unha opción que defenda todas as
mobilizacións que hoxe se están desenvolvendo, pero tamén que despois teña un
reflexo institucional, que cambie a distribución actual dos escanos, dominada
polos dous grandes partidos que levan gobernando España desde fai máis de
trinta anos. Se logramos esa aglutinación, é verdade que ningún deputado nin
Goberno pode garantirnos que non se produza a traizón, pero de momento teremos de
verdade varrido aos que dominaron nas últimas décadas e percibirase unha luz.
Se despois seguimos loitando na rúa e esixindo coherencia aos recentemente
chegados, demostrarase que esa luz era unha alternativa.
Se non facemos
iso, de nada servirá que sigamos dicindo que non nos representan, porque non
fomos capaces de demostralo.
Nenhum comentário:
Postar um comentário