Ao redor do decreto do carbón, que deixa no aire centos de postos de traballo en Cerceda e As Pontes, mais non muda un chisco o suicida esquema enerxético do Estado, hai dúas cuestións sobre as que cómpre reflexionar.
A primeira e máis importante fai referencia ao posicionamento do movemento ecoloxista, que publicou o manifesto "Dez razóns para pechar as térmicas de carbón", avalado por persoeiros ben representativos da sociedade galega. Chama a atención sobre a necesidade de eliminar a xeración de electricidade queimando carbón, o combustíbel fósil máis contaminante, independentemente da orixe do mineral. As térmicas son as principais responsábeis da mudanza climática, elevan a nosa pegada ecolóxica, esnaquizan a calidade do ar e acentúan a nosa dependencia enerxética, amais de ser ineficientes e innecesarias, por canto para satisfacer o consumo eléctrico dos galegos e galegas -que ademais debería minguar-, estariamos en condicións de prescindir das centrais das Pontes e Meirama a curto prazo, empregando só enerxías renovábeis en 2050.

Non ter en conta as razóns da Galiza verde, e menos aínda os motivos para dar esas razóns, que son os relacionados coa meirande crise ambiental da historia -mudanza climática, perda de biodiversidade, extinción masiva, contaminación, destrución dos ecosistemas, esgotamento de recursos non renovábeis, etc.-, supón unha fuxida da realidade extraordinariamente nociva para o futuro da humanidade, no que Galiza ten o seu anaco de responsabilidade. E cadaquén debe facer a súa parte. Engadamos que, dentro do panorama multicrise que afecta ao noso modelo civilizatorio -crises económica, financeira, alimentar, xenofóbica, de desigualdade...- a crise ecolóxica é a única irreversíbel.
Se a primeira cuestión fala dun futuro cada día máis achegado, a segunda ten que ver co presente laboral de centos de persoas e co soporte económico de dúas comarcas galegas. É máis que xustificábel o posicionamento desa xente que marcha en negro polo país reivindicando o mantemento do "seu" posto de traballo.
Malia que sería máis acaído reivindicar "outro" posto de traballo, non son eles e elas quen teñen que soportar esa responsabilidade, por canto as súas urxencias son outras. Mesmo é entendíbel que, por mor do perigo inminente, os sindicatos defendan o emprego dun carbón no canto doutro.
Porén, tanto gobernos como sindicatos, e especialmente estes últimos por responder a posicionamentos políticos -ou en orixe- de esquerdas, demostran tan pouca eficiencia e utilidade para a sociedade futura como as térmicas para o noso insustentábel modelo enerxético.
Unha cousa é saír á rúa pola urxencia da situación e outra moi diferente non contribuír un chisco, como así foi, é, e parece que seguirá a ser, con ideas, alternativas e proxectos de futuro á necesaria redirección dos nosos sistemas produtivos, enerxético, de consumo e, xa que logo, laboral. Se cadra os sindicatos poden ter utilidade para resolver os problemas de mañá, pero non os do día de mañá.
Nenhum comentário:
Postar um comentário