23/12/2011

China e Tailandia asinan acordo histórico

Redacción.

Ao tempo que coñecemos que máis 84.000 estadounidenses veñen de fechar as súas contas bancarias, como mostra de indignación e ataque á plutocracia ("somos o 99%!"), aparece unha desas novas que normalmente a midia non lle outorga importancia, mais que corrabora as teses de moitos dos teóricos do sistema-mundo que veñen advertindo de que vivimos nun caos sistémico (Giovanni Arrighi, Immanuel Wallerstein, Xosé Manuel Beiras...).   

Aos EUA, e tamén a Eurolandia, pode que as uvas de fin de ano se lle comecen a atragantar xa antes da chegada de Papa Noel. Os goberno de China e Tailandia asinaron un acordo por valor de 11.000 millóns de dólares (por volta de 8.400 millóns de euros) para desligar progresivamente as súas transaccións comerciais da divisa norteamericana, o dólar, segundo un acordo asinado en Bangkok por Yingluck Shinawatra (primeira ministra tailandesa) e Xi Jinping (viceprimeiro ministro chinés). Ou sexa, un síntoma máis do esfarelamento desa globalización que Occidente e os pseudocientíficos ultraliberais pintaban como eterna.

Os dous estados apostan por transaccións realizadas no yuan chinés e no bat tailandés cando menos durante os próximos tres anos (prorrogabéis). O alvo semella claro para os asinantes: reducir a dependencia do dólar, en virtude dos crecentes problemas financeiros dos EUA e xa non digamos de Eurolandia, ao tempo que reducen custes nas transaccións comerciais recorrendo a un proteccionismo encoberto como o que foi agromando co esfarelamento da libra como moeda padrón na I globalización. Cómpre subliñar que en Tailandia 90% das transaccións do seu comercio exterior se facía en dólares cando China é o maior mercado das exportacións dese Estado (entre xaneiro e novembro a balanza comercia entre os dous estados ascendeu a 59.440 millóns de dólares (45.444 millóns de euros), 24'4% máis que en 2010.

De por parte, o goberno tailandés segue afastándose das gadoupas do FMI (cuxa ortodoxia trouxo consigo consecuencias nefastas após a crise asiática e xa antes) ao recibir da China un empréstimo por valor de 400 millons de dólares (305 millóns de euros) en condicións especiais.

Nenhum comentário: