11/04/2012

A ignorancia histórica da chanceler Merkel e a súa selectividade moral

Vicenç Navarro. Artigo tirado de Público (aquí) e traducido por Revolta Irmandiña.



Unha das motivacións que definiron as políticas de austeridade impostas polo goberno alemán da chanceler Angela Merkel a Grecia foi a de penalizar a este país polo seu comportamento, considerado por tal chanceler como irresponsábel, ao vivir por encima das súas posibilidades, cun Estado supostamente derrochador, atributos dunha sociedade enferma e inmoral. A mentalidade que hai que "castigar a Grecia" foi dominante no establishment financeiro, económico e político alemán, reproducido a través dos seus medios de información de maior difusión, que conteñen, todos eles, artigos, reportaxes e páxinas de opinión claramente anti-Grecia, reproducindo estereotipos insultantes para a maioría das clases populares daquel país. O grego "vago" e "dependente do Estado" financiado pola axuda alemá través de fondos públicos alemáns, converteuse nunha imaxe moi común dos medios alemáns con maior capacidade de persuasión entre a súa poboación. Convido o lector que non se crea o que estou a dicir a que pegue unha vista de ollos os diarios alemáns de maior tiraxe e busque artigos que fagan referencia a Grecia, e verán que raramente aparecen imaxes ou narrativas que sexan minimamente obxectivas ou equilibradas na súa reportaxe. A grande maioría de artigos son condenatorios do Estado grego e da súa poboación.

Nesta actitude alemá cara a Grecia hai varios problemas graves, resultado dunha enorme ignorancia por parte da chanceler Merkel e do establishment alemán, non só da propia historia de Alemaña, senón tamén da de Europa. Vaiamos por partes. A primeira ignorancia é descoñecer as terríbeis consecuencias de querer penalizar a todo un país polo seu comportamento supostamente inmoral. Alemaña é un exemplo diso. O Tratado de Versalles, asinado o 28 de Xuño de 1919, era o Tratado de Paz que terminaba coa Primeira Guerra Mundial. Os vencedores daquel conflito, Francia, Gran Bretaña e EUA, impuxeron un castigo a Alemaña, perdedora daquela guerra, castigo que tiña como obxectivo penalizar ao pobo alemán pola súa responsabilidade en causar a I Guerra Mundial. Con aquela penalización tentábase previr que Alemaña causase no futuro outra guerra. Como dixo o Primeiro Ministro francés Georges Clemenceau, o obxectivo central das enormes sancións impostas ao pobo alemán era previr unha II Guerra Mundial. A historia, con todo, mostrou o enorme erro daquelas políticas de sancións encamiñadas a penalizar o comportamento considerado inmoral dun país. A Segunda Guerra Mundial seguiu á Primeira, e en certa maneira, a II Guerra Mundial era unha resposta á política de sancións asinada en Versalles en 1919. En realidade, o economista Keynes, de Gran Bretaña, que dimitira da delegación británica en Versalles polo seu desacordo con aquelas políticas sancionadoras que ían aprobarse no chamado Tratado de Paz, tiña xa alertado que aquelas sancións empeorarían aínda máis a situación alemá, creando as condicións para que aparecese un movemento de protesta, canalizado polo nazismo, tal com oocurreu. O que Keynes aconsellou ao Primeiro Ministro británico Lloyd George, foi o que se fixo despois da II Guerra Mundial (e que se tiña que facer despois da I Guerra Mundial): perdoarlle a Alemaña máis da metade da débeda pública, débeda que Alemaña, debía aos vencedores (que eran os mesmos que gañaron a Primeira Guerra Mundial), a fin de axudar á reconstrución daquel país. Detrás de tales medidas había o acertado suposto de que non se podía condenar a todo un pobo polos erros e malas prácticas políticas e económicas das seus establishments.

Penalizando a Grecia polo seu comportamento inmoral?

Este suposto poderíase aplicar tamén a Grecia, país que estivo gobernado por uns establishments de ultradereita pola maioría do tempo desde o final da II Guerra mundial. As políticas corruptas, responsábeis duns Estados altamente represivos e con escasa sensibilidade social, foron realizadas polas súas clases dirixentes gregas apoiadas precisamente polas clases dirixentes alemás. O enorme endebedamento do Estado grego, baseado en parte na escaseza de recursos (xerada por unha enorme fraude fiscal por parte dos compoñentes da súa clase dirixente) e nunhas políticas fiscais enormemente regresivas, cuns gastos militares (aproximadamente o 30% do seu orzamento público) totalmente hiperbólico, realizouse co apoio do capital financeiro alemán e estadounidense. É máis, a banca Goldman Sachs xogou un papel importante na creación da débeda pública, a súa ocultación e, máis tarde, a súa especulación. O establishment alemán estaba involucrado nas políticas levadas a cabo en Grecia, que conduciron directamente ao mal chamado "problema da débeda pública grega". E a banca alemá foi a que financiou a expansión do gasto militar en Grecia (ver o meu artigo "O que non se di sobre Grecia", publicado no meu blog www.vnavarro.org o 28.03.12). Onde está a crítica da suposta moralista Angela Merkel dos banqueiros do seu país, que se beneficiaron enormemente do comportamento irresponsábel e inmoral da clase dirixente grega). E, como é que a prensa do establishment alemán está tan silenciosa sobre o papel central que o capital financeiro, incluído o alemán, xogou en crear "a crise da débeda pública grega"? O pobo grego non se beneficiou daquelas políticas. Foi a burguesía financeira alemá a que se beneficiou.

Non é, pois, Alemaña versus Grecia o maior conflito actual. Nin Alemaña axuda a Grecia, nin Grecia é corrupta e inmoral. Debe coñecerse que dentro de cada país hai clases sociais con intereses distintos, e mesmo contrapostos. O que se chamaba antes a burguesía financeira alemá xogou un papel crave na creación do problema da débeda pública grega, o cal fixo coa activa colaboración da burguesía grega, corrupta, reaccionaria e represiva, prexudicando así tanto ás clases populares gregas como ás clases populares alemás, pois o dominio da burguesía financeira sobre o Estado alemán foi responsable das políticas de baixos salarios e escasa demanda, exportando o capital en lugar de investilo no propio país, Alemaña, e así aumentar a súa demanda doméstica, o cal estimulase a economía alemá e á europea á vez. Disto con todo, apenas se fala nos medios de maior difusión alemáns e españois.

Nenhum comentário: