11/04/2012

Facer convocatorias por Internet será delito de integración criminal

Nova tirada de aquí e traducida e adaptada por nós.

Foto de Público.


O ministro do Interior, Jorge Fernández Díaz, avanzou no Congreso dos Deputados algunhas das novidades da reforma legal que pretende levar a cabo o Goberno para facer fronte aos "actos vandálicos", como os que tiveron lugar en Barcelona durante a folga xeral. O ministro anunciou que se incluirá como "delito de integración en organización criminal" alterar "gravemente a orde pública" e concertar concentracións violentas por calquera medio de comunicación como Internet e as redes sociais. Equipárase xuridicamente, xa que logo, o "vandalismo" co "terrorismo".

Onte mesmo publicamos un artigo ("Ilegalidade do poder, criminalización da protesta e resistencia popular") que, desde o punto de vista xurídico deixaba ás claras cal é a índole deste novo ataque á democracia e á liberdade que recorda as páxinas máis escuras do Estado español.

  "Parécenos fundamental para facer fronte a estes movementos que actúan concertadamente previamente e con técnicas de guerrilla urbana incluír como delito de integración en organización criminal as accións cuxa finalidade sexa alterar gravemente a orde pública e aquelas que, con tal fin, se concerten por calquera medio de comunicación", explicou o Ministerio a Europa Press debido a que no interior do hemiciclo Fernández Díaz non puido terminar de concretar esta medida por falta de tempo.

  "Tamén pretendemos incluír como delitos de desordes públicas os supostos nos que se penetre en estabelecementos públicos ou se obstaculice o acceso aos mesmos ampliando o tipo de danos con alteración da orde pública aos danos que se produzan por interrupción ou perturbación de calquera servizo público", engadiu.

RESISTENCIA PASIVA, ATENTADO CONTRA A AUTORIDADE

Antes, Jorge Fernández Díaz, avanzara na Cámara o desexo de Interior de incluír "como delito de atentado contra a autoridade a resistencia activa ou pasiva grande ante as forzas de seguridade e incluír entre as modalidades de acometimento as ameazas e comportamentos intimidatorios, a arremetida e lanzamento de obxectos perigosos e considerar como agravante a comisión destas condutas delituosas".

Na súa intervención, o ministro lamentou que "por desgraza" estes actos non suceden só en Barcelona. "Non hai que responder o Código Penal a iniciativas de guerrilla urbana mais tampouco recorrer ao boísmo xurídico".

  Segundo dixo estas reformas parten dunha iniciativa de reforma do ordenamento xurídico en que o seu Departamento vén traballando desde hai dous meses en colaboración co Ministerio de Xustiza que dirixe Alberto Ruiz Gallardón.

Nenhum comentário: