11/04/2012

A primavera enfronta o inverno

Mike Davis. Publicado en español na New Left Review, nº 72, enero/febrero 2012 e traducido por Xosé M. Beiras para o site do Encontro Irmandiño.



Nas grandes convulsións, as analoxías voan coma metralla. As electrizantes protestas do 2011 -a inda activa primavera árabe, o 'cálido' vran ibérico e heleno, o 'ocupado' outono nos EEUU- levan sido inevitábelmente comparadas cos anni mirabiles de 1848, 1905, 1968 e 1989. Certamente, algunhas cousas fundamentais seguen a ser aplicábeis e os patróns clásicos repítense. Os tiranos tremen, as cadeas crébanse e os pazos son asaltados. As rúas convírtense en laboratorios máxicos nos que se crian cidadáns e camaradas, e as ideas radicais adquiren un súpeto poder telúrico. Iskra convírtese en Facebook. Mais, persistirá este novo cometa de protesta no ceo invernal, ou é só unha breve e deslumbrante choiva de meteoritos?. Como nos advirte o destino de anteriores journées révolutionnaires, a primavera é a máis curta das estacións, maiormente cando os communards loitan en nome dun 'mundo diferente' do que non teñen un verdadeiro proxecto, nen sequer unha imaxe idealizada.

Mais se cadra iso virá despois. Polo de agora, a supervivencia dos novos movementos sociais -os ocupas, os indignados, os pequenos partidos anticapitalistas en Europa e a nova esquerda árabe- esixe que afundan as suas raigañas na resistencia masiva á catástrofe económica planetaria, cousa que á sua vez presupón -sexamos sinceiros- que a actual fasquía de 'horizontalidade' poda ao cabo encaixar 'verticalidade' abondo como para debater e aplicar estratexias de organización. Hai un camiño estarrecedoramente longo apenas para chegar aos pontos de partida de anteriores intentos de construir un mundo novo. mais, cando menos, unha nova xeración ten encetado destemidamente a andaina.

Acelerará necesariamente esta crise económica a cada pouco máis fonda, que agora engule boa parte do mundo, unha renovación económica (sic) da esquerda?. As 'estampas' que deseño a seguida son as miñas conxeturas. Ideadas para fomentar o debate, son simples matinacións de voz alta a respeito de algunhas das especificidades históricas dos acontecementos de 2011 e dos resultados que poderían dar nos anos vindeiros. A premisa subxacente é que o Segundo Acto do drama conterá principalmente escenas invernais, interpretadas sobre o pano de fondo da queda do crecemento económico baseado nas exportacións, nos países BRIC, e a continuación do estancamento en Europa e nos EEUU.

1.PESADELOS CAPITALISTAS.

En primeiro lugar, debemos render homenaxe ao temor e á pavura que sinten nas altas esferas do capitalismo. O que semellaba inconcebíbel hai só un ano, mesmo para a maioría dos marxistas, é agora unha estadea que adoita visitar as páxinas de opinión da prensa económica: a inminente destrución de boa parte do marco institucional da globalización e enfeblecemento da orde internacional posterior a 1989. Hai unha crecente aprensión perante a posibilidade de que a crise na zona euro, seguida dunha recesión mundial sincronizada, puidera convirtirnos nun mundo similar ao de 1930, con bloques monetarios e comerciais semiautárquicos, entolecidos por resentimentos chovinistas. Neste suposto, deixaría de existir a regramentación económica do diñeiro e da demanda: Estados unidos, demasiado feble; Europa, demasiado desorganizada; e China, con pés de barro, demasiado dependente das exportacións. Cada potencia de segundo rango querería a póliza de seguro que supón o enriquecemento do uranio; as guerras nucleares rexionais convirtiríanse nunha posibilidade. Esaxerado? Se cadra, mais éo tamén a crenza na viaxe de volta no tempo aos entolecidos anos noventa. As nosas mentes analóxicas simplesmente non dan resolto tódalas ecuacións diferenciais xeradas pola incipiente fragmentación da eurozona ou pola rotura dunha xunta no motor do crecemento chinés. Mentras que diversos expertos prediciron con máis ou menos precisión o estampinazo sufrido por Wall Street no 2008, en troques, o que agora se aviciña está moi por riba da predición de calquer Casandra ou, do mesmo xeito, de tres Karl Marx.

2. DE SAIGÓN A KABUL.

Se a apocalipse neoliberal chega a producírese, Washington e Wall Street será vistos como os principais anxos exterminadores, que destruíron simultánemante o sistema financeiro noratlántico e Oriente Meio (ademáis de acabaren con calquer oportunidade de mitigar o desastre climático). As invasións de Irak e Afganistán por parte de Bush pódense considerar en retrospectiva histórica actos da clásica sobre-expansión desmesuradamente fachendosa: rápidas vitorias dos Panzer e espellismos de omnipotencia, seguidos de longas guerras de desgaste e atrocidades que corren o risco de rematar tan mal para Washington coma a aventura de Moscú á outra banda do Oxus un coarto de século antes. Estados Unidos bateu nunha desas frontes cos talibáns, apoiados por Pakistán, e na outra cos chiítas, apoiados por Irán. Inanque aínda xunguido a Israel, capaz de encher os ceos de zunidos asasinos e de coordenar un letal ataque da OTAN, Washington ten sido incapaz de obter unha garantía de inmunidade para as forzas inaquis en Irak, limitando o número de ataques sobre o terreo nun país fundamental de Oriente Meio. Os levantamentos democráticos de Tunisia e Exipto contemplaron a un Obama e unha Clinton obrigados a aplaudiren amabelmente o derrocamento de dous dos seus reximes favoritos.

3. UN 1848 ÁRABE.

A inacabada revolución árabe ten un alcanzo e unha enerxía social épicos, e é unha solpresa histórica similar a 1848 ou 1989. Está a remodelar a xeopolítica do norte de África e Oriente Meio, convirtindo a Israel nun obsoleto posto avanzado da Guerra Fría (e xa que logo máis perigoso e impredicíbel que nunca), e ao mesmo tempo permitindo a Turquía, rexeitada pola UE (cousa que ao cabo semella non ter resultado tan mao), reivindicar unha influencia fundamental en territorios outrora pertencentes ao Imperio otomano. En Exipto e Tunisia, os levantamentos axudaron tamén a afastar o auténtico significado da democracia das versións censuradas que a OTAN distribuíra. Pódense establecer provocativos paralelos entre as 'revolucións florais' pasadas e presentes. Como en 1848 e en 1989, a megaintifada árabe é unha reacción en cadea contra un sistema autocrático rexional, sendo Exipto o análogo a Francia no primeiro exemplo, e cecais a Alemania Oriental no segundo. A función da Rusia contra-revolucionaria desempéñana hoxe Arabia Saudí e os principados do Golfo. Turquía encarna á Inglaterra liberal como modelo rexional de parlamentarismo moderado e prosperidade económica, mentras que os palestinos (estirándomos a analoxía deica o ponto de fractura) son unha romántica causa perdida coma os polacos; os chiítias, estranxeiros irados como eslovacos e serbios. (The Financial Times, pola sua banda, animaba recentemente a Obama a pensar como o 'novo Metternich').

Paga a pena follear os voluminosos escritos de Marx e Engels (así como as posteriores glosas de Trotski) sobre 1848 en percura de ideas a respeito da mecánica fundamental das ditas revolucións. Un exemplo éo a convición de Marx, convirtida co tempo nun dogma, de que ningunha revolución -democrática ou socialista- podería trunfar en Europa até que Rusia fose derrotada nunha grande guerra ou revolucionada dende dentro. Sustituamos por Arabia Saudí, e a tese segue a ter sentido.

4. O PARTIDO DO POVO.

O islam político está a obter un mandato popular tan esmagador coma o que deran os acontecementos de 1989 aos liberais na Europa Oriental (inanque cecais igual de breve). Non podería ter sido douto xeito. No pasado meio século, Israel, EEUU e Arabia Saudí -os dous primeiros invadindo, o terceiro facendo proselitismo- práticamente destruíron a política laica no mundo árabe. De feito, co inevitável óbito do derradeiro baathista no seu bunker de Damasco, os grandes movementos políticos panárabes da década de 1950 (nasserismo, comunismo, baathismo, os Irmáns Musulmáns) terán ficado reducidos aos Irmáns Musulmáns e os seus rivales os wahhabítas.

A Sociedade dos Irmáns Musulmáns, especialmente no seu lugar de nacemento exipcio, é a solteirona suprema dos movementos políticos, e leva agardado máis de 75 anos para asumir o poder malia o apoio masivo en todo o Nilo, que xa se calculaba en varios millóns a finais da década de 1940. A permanencia en cando menos cinco países árabes deste veterano movemento político multinacional é tamén unha das diferencias claves entre o levantamento do 2011 e os seus precedentes europeus. Tanto no 1848 coma no 1989, os movementos democráticos populares só posuían unha organización política embrionaria. En 1848, de feito, non había práticamente ningún partido político de masas no sentido moderno fóra dos Estados Unidos. En 1989-1991, pola contra, o valeiro de organización política e de expertos en relacións públicas axiña foi enchido por unha intimidante caterva de conservadores alemáns e comisarios de Wall Street, que afastaron á maioría dos líderes de base reais.

A Sociedade dos Irmáns Musulmáns, pola contra, presidíu a escena exipcia silandeiramente, como a esfinxe. As suas masivas organizacións-pantalla, que operaban na semilegalidade, construíron impresionantes elementos dun estado alternativo, incluídas cruciais redes de axuda aos pobres. As suas listas de mártires (como o 'Lenin islamista', Sayid Qutb, asasinado por Nasser en 1966) son tan coñecidas para a maioría dos exipcios devotos coma as listas dos reis para os ingleses ou as dos presidentes para os estadounidenses. Malia a sua imaxe temíbel en Oucidente, leva evoluído e agora inclusive abrangue aspectos do islamismo de libre mercado representado polo Partido da Xustiza e o Desenvolvemento en Turquía.

5. O DEZAOITO BRUMARIO EXIPCIO?.

Mais, como claramente demostrou a primeira fase das eleicións parlamentares exipcias, os Irmáns Musulmáns xa non poden afirmar seren os representantes esclusivos da devoción popular. O feito de que o improvisado partido Al-Nour, de tendencia salafista, obtivese arredor do 24% dos votos (fronte ao 38% dos Irmáns) suliña a turbulencia nas bases da sociedade exipcia. De feito, os salafistas, malia terense abstido ao comenzo na revolución do 25 de xaneiro, cecais constitúan agora a meirande organización de cadros do mundo sunnita. Camiñando polo antigo vieiro da Sociedade dos Irmáns Musulmáns, e moi subvencionados por Riad, cultivan un ominoso conflito vixiante con coptos e sufís. O equilibrio de poder entre eses dous campos islamistas decidiráse probábelmente o vindeiro ano polo prezo do pan e a política do exército. Se os Irmáns Musulmáns tivesen chegado ao poder nun intre anterior da pasada década, o crecemento mundial tería afortalado o atractivo e a posibilidade do vieiro turco. Mais, poisque tódolos cataventos apuntan agora á baixa, o paradigma de Ankara (como o modelo brasileiro en Sulamérica) pode ficar desprovisto do éxito económico e perder un considerábel atractivo rexional.

Por outra banda, a imaxe pública dos salafistas -incorruptíbeis, antipolíticos e sectarios- resultará automáticamente imantada co aumento da miseria e as supostas ameazas ao islam. Sen dúbida, algúns elementos do exército exipcio xa teñen analisado a 'opción pakistaní' de alianza tácita ou formal cos salafistas. Diversas circunstancias poderían facer avanzar ese suposto: a continua resistencia dos xenerais a efectuaren unha sustancial cesión do poder; a incapacidade dos Irmáns Musulmáns para cumpliren as mínimas espectativas populares de benestar económico; ou que a coalición liberal de esquerda se convirta no árbitro das maiorías parlamentares. (Israel, pola sua banda, podería desestabilizar a democracia exipcia cun simples ataque aéreo. Cómo respostarían os partidos sunnitas a un ataque contra Irán?).

Por se acaso, a esquerda exipcia leva estudando o Dezaoito Brumario dende Nasser. Sábeo todo sobre plebiscitos, lumpenproletarios, gobernantes napoleónicos e sacos de patacas. Os seus grupúsculos e redes, en alianza con traballadores e xovens de tódalas tendencias, foron o tendón da revolución do 25 de xaneiro e da reocupación da praza Tahir en novembro. Garantirá un governo de maioría islámica o dereito da nova esquerda e dos sindicatos independentes a se organizaren e faceren campaña abertamente?. Esa será a proba decisiva da democracia exipcia.

6. A DESCOMPOSICIÓN DO MEDITERRÁNEO.

Pola sua banda, o sul de Europa afronta a mesma devastación provocada polo axuste social e a austeridade forzosa que Latinoamérica sufríu na década de 1980. As ironías son mortais. Malia que a Europa norcentral desenvolveu de sócato un agudo síndrome de amnesia, o caso é que inda hai poucos anos a prensa económica gababa a España, Portugal e inclusive Grecia (máis Turquía, non pertencente á UE) pola sua capacidade para disminuiren o gasto público e elevaren as tasas de crecemento. Imediatamente despois da debacle de Wall Street, os temores da UE centráranse primordialmente en Irlanda, o Báltico e Europa oriental. O Mediterráneo, en conxunto, considerabase relativamente ben protexido contra o sunami económico que cruzaba o Atlántico a velocidade supersónica.

Canto ao Mediterráneo árabe, tiña pouca importancia nos circuitos trombóticos de investimento de capitais e comercio de derivados, e xa que logo unha mínima exposición directa á crise financeira. O sul de Europa, endemáis, tiña governos obedientes e, no caso de España, bancos fortes. Italia era simplesmente demasiado grande e rica para caír, mentras que Grecia, inanque molesta, era unha economía minúscula (apenas o 2% do PIB da UE), cuxas fallas apenas ameazaban aos brobdingnaxiáns. Dezaoito meses despois, os Rush Limbaugh alemáns e austríacos bradan que as raíñas do benestar mediterráns están a chantaxearen aos prudentes burgueses, esixíndolles que entreguen os seus aforros e vendan aos seus fillos para que os gregos podan manifestárense todo o día e os españois botaren sestas máis prolongadas. Mais poderíase alegar, con meirande verosimilitude, que a prosperidade alemá está, de feito, a afundir a eurozona. Cos seus méxicos baratos no Leste, as suas incomparábeis vantaxes de produtividade, e un fanatismo semellante ao de China tocantes aos enormes escedentes comerciais, Alemaña compite con vantaxe contra os europeus do sul. Pola sua banda, a totalidade da UE manten o seu maior escedente comercial relativo con Turquía e os países non petroleiros do norte de África (34.000 millóns de dólars no 2010), ocasionando que istes dependan das remesas, o turismo e o investimento económico para equilibraren as suas contas. Como resultado, todo o Mediterráneo é sensíbel aos movementos cíclicos da demanda e as taxas de xuro na UE; mentras que Alemaña, Reino Unido e outros países ricos do norte dispoñen de grandes mercados secundarios que lles fan de amortecedor.

O euro é o volante desa economía Grosseuropaïsche de múltiples velocidades. Para Alemaña, o euro fai de marco alemán dinamizado, porque é menos vulnerábel a unha apreciación súpeta, garante os prezos competitivos das exportacións alemás e detrai unha parte moi pequecha do poder de veto que Berlin ten de facto na economía europea. Para os europeus do sul, pola contra, é un acordo fáustico que atrai capital nos bos tempos, pero impede o uso das ferramentas monetarias para combater os déficits comerciais e o desemprego nos maos. Agora que as vixigas negras ibérica e helena pegaron o andacio en Italia e ameazan a Franza, de Berlin e Paris emergulla unha visión namorada da Europa do euro: a integración fiscal meiante unha revisión do Tratado. Aos países debedores, que xa perderon o control da política monetaria e vense obrigados a desfollaren os seus sectores públicos baixo supervisión de técnicos da UE e do FMI, esíxenlles agora que acepten un permanente veto franco-alemán aos seus orzamentos e gastos públicos. No século XIX, Gran Bretaña adoitaba enviar aos seus buques de guerra para impoñer semellantes sindicaturas aos países incumplidores de Latinoamérica ou Asia. Os Alilados escravizaron de xeito semellante á Alemaña de Versalles e sementaron así o Terceiro Reich.

Tanto se se someten a Merkel e Sarkozy coma se se negan e saen da zona euro (e cecais da UE), as economías mediterráns están sentenciadas a anos de deterioro e hiperdesemprego. Mais as suas povoacións non se deixarán afundir sen máis nesa 'boa noite'. Portugal e Grecia, que se achegaron máis ás revolucións sociais de feito na década de 1970, conservan a cultura esquerdista máis pura de Europa. En España, o novo governo conservador ofrece un claro e tentador alvo a unha revitalizada IU e ao moito máis amplo, inanque aínda amorfo, movemento de protesta xuvenil. De feito é probábel que o remol do anticapitalismo volva labarear en toda Europa. Mais a dereita xenófoba e antieuropea pode gañar moito máis cá esquerda coa descomposición da eurozona, e coa disposición do círculo das carretas europeas arredor do núcleo. Como no caso dos salafistas en Exipto ou do Tea Party en USA, os novos partidos dereitistas de Europa xa teñen empacotadas a política de identidade e a furia centrada en chivos expiatorios para o seu envío interno. Unha extraordinaria ambición da esquerda anticapitalista en Europa oucidental sería a de recuperar o espazo político ocupado polos comunistas durante os trinta anos posteriores a 1945. Os movementos liderados por Marine Le Pen e Geert Wilders, pola sua banda, teñen verosímeis espranzas de opoñeren un serio repto na sua polìtica nacional á franquicia conservadora máis seria e dotada de fondos. A toma do Partido Republicano pola extrema dereita nos USA fornécelles un modelo inspirador.

7. O MOTOR DA REVOLTA.

As rebelións universitarias do 1968 en Europa e nos USA foron alentadas espiritual e políticamente pola ofensiva do Tet en Vietnam, a insurxencia guerrilleira en Latinoamérica, a Revolución cultural en China e os levantamentos dos guetos nos USA. De xeito similar, os indignados do ano pasado derivaron unha forza primordial dos exemplos de Túnis e O Cairo. (Os varios millóns de fillos e netos de inmigrantes árabes no sul de Europa fan que esa conexión sexa íntimamente vívida e militante.) Como resultado, apaixoados vinteaneiros ocupan agora as prazas en ámbalas duas beiras do fundamental Mediterráneo de Braudel. Porén, en 1968, poucos dos mozos brancos que protestaban en Europa (coa importante excepción de Irlanda do Norte) e nos USA compartían as realidades existenciais dos seus homólogos do sul. Mesmo estando profundamente alienados, a maioría podía esperar convirtir os seus títulos universitarios en prósperas traxectorias profisionais de clase meia. Hoxe, pola contra, moitos manifestantes de Nova York, Barcelona e Atenas afrontan perspectivas drásticamente piores que as dos seus pais, e achegadas ás dos seus homólogos da Casablanca e Alexandría. (Algúns dos ocupantes do parque Zuccotti, de térense titulado dez anos antes, poderían ter entrado direitamente nun fondo de cobertura ou nun banco de investimentos con soldos de cen mil dólars. Hoxe traballan en Starbucks.)

Globalmente, o desemprego de xente moza acada níveis récord, segundo a OIT: entre o 25 e o 50% na maioría dos países con protestas lideradas polos xovens. Asimesmo, no cruxol da revolución noredeafricán, un título universitario é inversamente proporcional á probabilidade de atopar traballo. Tamén noutros países o investimento familiar en educación, cando se considera o endebedamento que trae consigo, está a producir dividendos negativos. Ao mesmo tempo, o acceso á educación superior tense restrinxido, de maneira máis drástica en EEUU, Reino Unido e Chile.

8. AS COLAS DO PAN.
A crise económica combina a deflación dos activos populares (valor da vivenda e portanto do patrimonio familiar nos USA, Irlanda, España) cunha forte inflación en artigos esenciais do custe da vida, nomeadamente combustíbel e alimentos. Na teoría clásica, na que se espera que as tendencias xerais dos prezos avancen ao unísono co ciclo económico, ésta é unha bifurcación inusual; en realidade, pode ser máis ominosa. A crise hipotecaria nos USA e noutros países é un elemento interno da crise financeira en xeral, e resolveráse mediante intervención estatal ou mediante a simples destrución de dereitos de valor. Á sua vez, o prezo base do petróleo pode caír a medida que a Asia industrial se ralentice e que en Irak aumente o nível de produción. (O debate sobre o pico do petróleo paréceme indeterminábel e interminábel.) Mais os prezos dos alimentos semellan achárense nunha tendencia secular ascendente, determinada por forzas en boa medida alleas á crise financeira e á desaceleración industrial. De feito, un crecente coro de voces de expertos indica dende comenzos da década do 2000 que o sistema mundial de seguridade alimentar está a escachizarse. Diversas causas retroaliméntanse e amplifícanse mútuamente: o desvío de cereais para a produción de biocombustíbeis e carne; o recorte neoliberal das subvencións alimentares e de sostemento dos prezos; a desenfreada especulación en mercados de futuros sobre colleitas e terreos agrarios de primeira calidade; a falla de investimentos en investigación agraria; os voláteis prezos da enerxía; o esgotamento dos solos e os acuíferos; a seca e o cambio climático; etcétera. Na medida en que o menor crecemento reduza algunhas desas presións (que os chineses coman menos carne, por exemplo), o enorme ritmo de aumento da povoación -outros tres mil millóns de persoas no tempo de vida dos actuais manifestantes- manterá as presións da demanda. (Por suposto, os cultivos xeneticamente modificados están a ser promocionados como unha solución miragreira, pero máis probabelmente para os beneficios das agroempresas do que para as colleitas netas).

"Pan" foi a primeira esixencia da protesta na praza Tahrir, e a verba resoa cáseque con tanta forza na Primavera árabe coma o fixo no Outubro ruso. As razóns son sinxelas: os exipcios do común, por exemplo, gastan arredor do 60% do orzamento familiar en petróleo (quencemento, cociña, transporte), fariña, aceites vexetais e sucre. No 2008, os prezos des produtos básicos disparáronse nun 25%. A porcentaxe da povoación oficialmente pobre aumentou abruptamente nun 12%. Se aplicamos esa mesma proporción noutros países de 'renda media', a inflación dos produtos básicos eliminará unha fracción sustancial da "emerxente clase meia" promulgada no seu día polo Banco Mundial.

9. AGARDANDO A QUE ATERRE CHINA.

Marx culpaba a California -a Febre do Ouro e o conseguinte estímulo monetario para o comercio mundial- do prematuro fin do ciclo revolucionario na década de 1840. Imediatamente despois do 2008, os denominados BRIC convirtíronse na nova California. A aeronave Wall Street caíu do ceo e esnafrouse en terra, mais China seguíu a voar, con Brasil e o sul de Asia en estreita formación. A India e Rusia tamén conseguiron manter os seus avións en vóo. A resistente levitación dos BRIC deixou abraiados a asesores de investimentos, columnistas económicos e astrólogos profisionais que, por unanimidade, proclamaron que China, ou a India, podían soster agora o mundo cunha man, ou que axiña Brasil sería máis rico ca España. Por suposto, a sua eufórica credulidade derivaba da ignorancia das enormes técnicas de prestidixitación empregadas polos houdinis do Banco Popular de China. O proprio Pekin, en agudo contraste, expresa dende hai tempo significativos temores a respeito da excesiva dependencia que o seu país ten das exportacións, a insuficiencia da capacidade de gasto das familias, e a escaseza de vivendas asequíbeis combinada cunha imensa burbulla inmobiliaria.

A finais do pasado outono, os artigos de fe dos optimistas a respeito de China disminuiron de sócato nas páxinas editoriais, e o suposto da "aterraxe forzosa " tornouse o favorito dos escritores de libros. Ninguén, nen sequer os líderes chineses, sabe durante canto tempo máis poderá seguir voando a economía contra os ventos de proa mundiais. Mais a inevitábel lista de baixas de pasaxeiros estranxeiros xa está confeccionada: Sulamérica, Australia, boa parte de África e a meirande parte do suleste asiático. E -ollo: de especial interés- Alemaña, que agora comercia máis con China ca cos USA. Unha recesión mundial -profundamente triangulada, por suposto- é mesmamente ese pesadelo non lineal ao que aludía eu ao comenzo. Ven ser cáseque unha tautoloxía observar que nos países do bloque BRIC, onde tanto levan aumentado recentemente as espectativas populares de progreso económico, a dór de volvérense empobrecer pode ser completamente intolerábel. Milleiros de prazas públicas suplicarían que as ocupasen. Incluída unha chamada Tiananmen.

Os postmarxistas oucidentais -residentes en países nos que o tamaño absoluto ou relativo da man de obra fabril disminuíu drásticamente no lapso dunha xeración- remoen con indolencia se o "axente proletario" está xa obsoleto, inducíndonos a pensar en "moitedumes", en espontaneidades horizontais, o que sexa. Mais non é iso o que se debate na grande sociedade industrializada que Das Kapital descrebe mesmo con máis precisión cá Gran Bretaña victorián ou os EEUU do New Deal. Douscentos millóns de obreiros fabrís, mineiros e obreiros da construción en China son a clase máis perigosa do planeta. (Perguntémoslle, se non, ao Consello de Estado de Beijing.) O seu espertar da burbulla podería determinar se é ou non posíbel unha Terra socialista.



Nenhum comentário: