11/06/2012

7 de xullo: asemblea constituínte da Mocidade Irmandiña


O 7 de xullo celébrase a Asemblea Constituínte da Mocidade Irmandiña que estará aberta a participación de todas aquelas mozas e mozos que o desexaren. Tamén a partir das 19:00 horas no acto de clausura contaremos con delegacións de numerosas organizacións e movementos sociais e coa presenza do portavoz e viceportavoz do Encontro Irmandiño: Xosé Manuel Beiras e Martiño Noriega.






Podedes consultar toda a información sobre a Asemblea do día 7 no site elaborado en exclusiva para tal fin, que inclúe información de como participar, regulamento, teses... Non deixedes de visitalo e participar na nosa asemblea: http://asembleadamocidadeirmandinha.wordpress.com/.
 


O 7 de xullo de 2012 celébrase en Compostela a Asemblea Nacional Constituínte da Mocidade Irmandiña, co obxectivo de reforzar a organización da mocidade do Encontro Irmandiño como ferramenta – non como fin en si mesmo – para a consecución da soberanía nacional e social do noso pobo, para procurar un sistema máis xusto, igualitario, participativo, respectuoso coas características nacionais dos pobos e coa vontade de traballar a prol do progreso social e non de chuchar da política en beneficio propio.
Así, celebramos unha asemblea aberta, na que poderán participar con voz e sen voto todas as persoas que o desexen, e abrimos un periodo de afiliación ao Encontro Irmandiño para poder participar nesta asemblea con plenos dereitos (ata o 28 de xuño; información en mocidade@encontroirmandinho.org).

Este noso reforzo organizativo quere contrubuír para:

1- a colaboración entre todas as organizacións xuvenís nacionalistas e toda a mocidade interesada en organizármonos para combater este sistema depredador e acadar unha Galiza ceibe nun mundo xusto.

2- á creación dunha nova organización de carácter asembleario, aberto e plural, de integración individual e organización territorial, con vocación de continuidade na acción social, de carácter nacionalista, expresión política do galeguismo, e enmarcada tanto na tradición plural da esquerda como nas novas expresións da mesma.

Por iso, a mocidade irmandiña está a participar activamente nas asembleas por un novo proxecto común e fai un chamamento á mocidade galega para integrarse nelas como cidadanía activa e crítica para construír todas as persoas en igualdade un instrumento político útil para a maioría social.

No convencemento de que estamos nun cambio histórico, cremos que debemos tecer hoxe a política do mañá para liberármonos dos distintos mecanismos de dominio que nos esmagan.

Galiza, xuño de 2012.
ASEMBLEA DE MOCIDADE IRMANDIÑA

Um comentário:

Anônimo disse...

Ten boa traza, parabéns.