21/06/2012

As nacionalidades e os seus dereitos

Ramón Zallo. Artigo tirado de SinPermiso (aquí) e traducido por Revolta Irmandiña.



O modo de xestionar xuridicamente a cuestión nacional remite ao principio de autodeterminación como vía para un horizonte de recoñecemento cultural, económico e político por parte da comunidade internacional.

Porén en Dereito Internacional a cuestión complícase nas áreas xeopolíticas que non foron colonias nin imperios en descomposición. Catalunya, Galiza ou Euskadi non son colonias que poidan, mediante título habilitante, proclamar a independencia sen máis, ou mediante referendo unilateral avalado internacionalmente, como en Timor Leste ou o Sur de Sudán. O Estado non o permitiría e a comunidade internacional non o apoiaría. Tampouco é a Centroeuropa das posguerras, nin os Balcáns en descomposición de onte pola mañá... coas súas descarnadas oportunidades para xeografías en construción.

Porén España tampouco é, nin de lonxe!, Gran Bretaña ou Canadá... Estes países aceptan os feitos políticos como dignos de amparo democrático. Non se refuxian na norma para negarse a dar saída aos problemas nacionais, senón que entenden que as democracias son para resolver situacións, e non para enquistalas.

A democracia española, lamentabelmente, é doutra pasta porque se trata dunha democracia demediada, nacida dunha transición amnésica e sen ruptura, estigmatizadora do adversario, que goberna a golpe de norma e de lecturas formalistas da Constitución, ou sexa a base de encaixes rigoristas na norma constitucional amparándose en maiorías de Estado, en lugar de resolver as novas situacións mediante lecturas abertas ou cambiando as normas.

Trátase dun Estado orgulloso, que se endureceu nunha guerra civil, e que xa en democracia vai construíndo un nacionalismo español tardío e reactivo unha vez eliminado o complexo franquista. Para iso recorre a vestirse co mito do patriotismo constitucional, sacralizando a Constitución Española, mentres oculta a preeminencia da cultura castelá e do español como opcións culturais dominantes do Estado, ou sexa como Cultura de Estado, deixando en desigualdade as outras culturas integrais, visíbeis nos seus propios territorios e invisíbeis no espazo común.

Estariamos ante unha norma formal (veto desde o parlamento do Estado unitario e rexional) que di moito e mal dun Estado e a súa clase política maioritaria. Son incapaces de asumir a natureza das nacións sen Estado, dando curso a un novo empaste da convivencia, a través de fórmulas satisfactorias ou de procesos de divorcio maduro.

Tentouse superar esa visión, compartida pola dereita e a esquerda española maioritaria, mediante consulta ou Estatuto maioritario no Parlamento propio (intentos do lehendakari Ibarretxe) ou mediante metodoloxía convencional (vía catalá) sen que poida dicirse que o un tivese máis éxito que o outro, deixando un regueiro de frustracións.

Claro que as frustracións teñen efecto en forma de mapas sociais de desafección que poden ampliarse se o centralismo se supera a si mesmo. O resultado é o desapego nacional das cidadanías por unha lóxica evidente: se non me queren, ou me maltratan, voume. E cada vez máis españois deixarán de selo, como dicía Gregorio Morán.

No caso da Comunidade Autónoma de Euskadi é 50% quen sente só vasco ou máis vasco que español, cunha zona intermedia de "tan vasco como español" de 36%, e de só un 12% que sente "máis" español que vasco ou "só" español. 45% ten fortes e altos desexos de independencia contra 49% con escasos desexos ou ningún (Euskobarómetro Nov 2011). O crecemento do sentimento soberanista en Catalunya tamén é obvio. Aquel 37% de sentimento só catalán ou máis catalán que español do 2010, xa era do 50% en 2012, segundo o Baròmetre d'Opinió Política.

Lexitimación e demos

As nacións sen Estado como suxeitos colectivos ostentan dereitos nacionais pola dobre vía da insistencia histórica nun proxecto nacional en pugna co dominante e da lexitimidade engadida por uns apoios sociais maioritarios repetidos.

O dereito de decisión é un título que conecta con varios desenvolvementos sociais, doctrinais e xurídicos actuais como a democracia avanzada, a doutrina dos dereitos colectivos, a presenza de suxeitos comunitarios na época da globalización e da diversidade, os principios de subsidiaridade (que o faga quen o pode facer mellor) e o respecto interinstitucional, participación e fiscalización cidadá da gobernanza. Hai outras evolucións doctrinais na mesma dirección: diversidade, sustentabilidade, acceso, conectividade...

É esta unha visión etnicista e fracturante? De ningunha maneira! Faise depender de maiorías reais do colectivo implicado. Sería moi democrática, en todo caso. E, ademais, é ao revés! Sería o etnos da elite da nación maioritaria do Estado quen, ocupando as bancadas das institucións comúns, impediría os demos da nación minoritaria. Cando se impide que se pregunte a se mesma a unha comunidade ou non lla recoñece desde os aparellos de Estado -Congreso, Tribunal Constitucional, Goberno ou Policía- estaremos ante unha imposición intolerábel. Opresión pode ser un termo forte mais o de dominación encaixa á perfección. 

Dereitos

Parece adecuada a matizada e moderna versión da Corte Suprema do Canadá, como base dunha teoría xurídica aplicábel a contextos nacionais en países avanzados. Trataríase dun "dereito de decisión" dun suxeito colectivo e da existencia duns dereitos nacionais nun Estado plurinacional.

Esa formulación acomódase ben ao dereito interno dos Estados desenvolvidos plurinacionais e democráticos: dereito de decisión non unilateral; con obrigación de consulta á poboación propia; e de negociación co Estado anfitrión cuxa integridade ou estrutura se vería afectada, sexa por secesión sexa por acomodación.

Trátase de procesos por etapas e desde a lexitimidade democrática sempre. Isto leva un xiro de porca nalgunhas tradicións nacionalistas.

Apúntase así a obrigatoria compatibilidade entre un dereito de decisión que non se discute, mais que debe contar co Estado anfitrión, e a obrigación, sen escusas, deste de respectar e atender a proposta democrática dunha nación ao redor dunha pregunta clara e con respaldo suficiente. O maior problema adoita proceder do Estado.

As nacións sen Estado teñen así dereito a catro pasos: a) debater e formular propostas de cambio seguindo procedementos democráticos; b) auto-consultarse para contabilizar o si ou o non dun proxecto, e que ninguén llo impida; c) en caso de ser maioritario, dereito a unha nova negociación co Estado para redefinir o status quo; d) e decidir. No noso caso temos, ademais, os títulos complementarios dos Dereitos Históricos recoñecidos.

Quedan así curtos os proxectos de referencia só étnica. Son superados polo impulso comunitarista, sexa nacionalista ou non, que se referencie triplemente na identidade comunitaria con ancoraxes na historia, lingua e institucións; na convivencia da sociedade real, non a estrañada; e no benestar colectivo.

O patriotismo unidimensional (máis que unha ideoloxía un modo de vida) lentamente vai sendo substituído polo soberanismo, ou sexa pola concreción da autodeterminación como dereito a decidir responsábel e democraticamente, en chaves de dar vida, protagonismo e visibilidade á comunidade, paralelamente á preocupación por unha ampla panoplia de temáticas.

De feito requírense proxectos integrais que respondan o perfil polivalente das persoas que teñen unha identidade propia, son nacionais, cidadáns e seguramente demócratas, están afectadas polas indeseadas derivas da economía ou a sustentabilidade, teñen dereitos sociais, pertencen a algún xénero, son dalgunha xeración e/ou ven con moita preocupación o futuro. Responder, non só a un, senón a todos eses perfís que configuran a multiplicidade das identidades persoais é o reto do bo goberno.

En suma, son as sociedades políticas nacionais as únicas que deciden, tendo en conta, iso si, realidades e dificultades externas e internas, incluída a opinión do Estado anfitrión de quen non se admitiría, de ningún modo, un dereito de veto.

Nenhum comentário: