04/07/2012

Alemaña vota o pacto fiscal

Ángel Ferrero. Tirado de SinPermiso (aquí) e traducido por Revolta Irmandiña.





O resultado era previsíbel, mais a expectación foi máxima. O Bundestag votou claramente a favor da ratificación do Pacto Fiscal europeo: necesitándose 414 votos, dos 608 votos emitidos finalmente 491 foron a favor e 111 en contra, contándose 6 abstencións. O único grupo que votou como tal en contra foi A Esquerda, cuxos parlamentarios se manifestaron xunto aos movementos sociais fronte ao Bundestag antes do pleno. Unha vez aprobado, o trámite seguiu o seu percorrido até o Bundesrat, a Cámara Alta, onde foi aprobado sen sorpresas co voto de 65 dos 69 representantes dos estados federados (Länder). Xa só queda que o Presidente da República firme a lei, pero Joachim Gauck declarou que esperará ao fallo do Tribunal Constitucional, ante o cal A Esquerda presentou un recurso de inconstitucionalidade.

Como é sabido, o Pacto Fiscal supón unha medida disciplinaria para os estados asinantes, aos que subtrae a súa soberanía nacional -os parlamentos deixan de ter o control dos orzamentos do estado- e priva, ancorando a medida na súa constitución, de levar a cabo medidas expansivas, convertendo as políticas keynesianas, como apuntaron xa numerosos analistas, nun delito: o Tribunal de Xustiza da Unión Europea pode penalizar aos países infractores con multas de até un 0'1% do seu Produto Interior Bruto. O Pacto Fiscal bloquea, por tanto, todas as saídas á crise menos unha: a austeridade orzamentaria, que para o cidadán do montón consiste, non fai falta dicilo, en novos recortes de prestacións sociais e falta de investimentos públicos. No caso de Alemaña, obrigará á República Federal a aforrar 25 mil millóns de euros anuais, a mesma suma que os orzamentos do estado destinan ás axudas para os parados de longa duración (Hartz-IV) para a súa reincorporación ao mercado laboral. Non custa imaxinar por tanto de onde se sacarán ese 25 mil millóns de euros. Porén o venres ratificouse no Bundestag algo máis que o Pacto Fiscal: a súa aprobación dá viso de lexitimidade á interesada lenda de que a actual crise orixinouse no endebedamento estatal e serve ás inquietantes tendencias antidemocráticas das elites europeas, ao traspasar as decisións dos parlamentos electos -os cales, debido ás inxustas leis electorais vixentes ou aos privilexios legais dos deputados, presentaban xa serias deficiencias democráticas- a un corpo de tecnócratas.

A aprobación na maior economía de Europa podería frustrarse de votar socialdemócratas e verdes na súa contra, pero ambos os partidos aliñáronse coa coalición gobernamental. Este paso, poucas horas despois de cualificar o Cimeira da Unión Europea de «fracaso estrepitoso», por utilizar as palabras exactas do socialdemócrata Carsten Schneider,[1] xustifícase, segundo ambos, polas contrapartidas que arrincarían ao goberno, a saber: a promesa dun imposto ás transaccións financeiras -que os conservadores aceptaran xa tempo atrás e que, en calquera caso, non xerarán máis de 2.000 millóns anuais en Alemaña- e unhas medidas de estímulo ao crecemento. Crendo tirarlle estas tímidas propostas ao goberno, no tira e puxa socialdemócratas e verdes caeron en realidade xustamente, como lles ocorre aos gatos ensoberbecidos pola súa propia astucia imaxinada, no saco que Angela Merkel dispuxera para eles, ao momento que no debate parlamentario que precedeu á aprobación os deputados da coalición conservadora-liberal puideron permitirse, para o pasmo da suposta oposición, ironizar sen traba algunha sobre como a Axenda 2010 -aprobada polo goberno vermello e verde de Schröder- achandou o camiño das actuais medidas, como fixo Volker Kauder (CDU), ou  o súbito interese dos verdes polo crecemento, ao que tradicionalmente se opuñan como forza ecoloxista, como fixo Philip Rösler (FDP).[2]

Nos días precedentes Os Verdes dobregaron rapidamente a unha débil oposición interna, mentres que o Partido socialdemócrata alemán (SPD) podería facer costado polo menos á proposta de François Hollande de renegociar o Pacto Fiscal, pero preferiu facer política nacional no peor e máis estreito de miras sentido do termo, o que, unido ao trato de leproso que recibe actualmente o PASOK grego por parte dos seus colegas europeos, demostra o estado de cousas que reina na Internacional Socialista. Co seu "si" ao Pacto Fiscal, socialdemócratas e verdes vendéronse por un panciño» e convertido, así, en «o canciño faldeiro da señora Merkel», segundo as duras palabras da presidenta da Esquerda Katja Kipping nunha rolda de prensa que tivo lugar uns días antes na Karl-Liebknecht-Haus.[3] Un mes antes a prensa invocara o «espírito de agosto de 1914: a patriótica unión sacra -escribe Rafael Poch- que levou aos socialdemócratas alemáns a abandonar o internacionalismo e votar disciplinadamente a favor dos créditos de guerra que conduciron aos obreiros, franceses e alemáns, ás trincheiras da primeira guerra mundial. O contrario sería traizoar ao káiser. A analogía sería grotesca se Die Welt non utilizase antonte o termo <<3traizón á patria". Se o SPD convértese en abanderado de Hollande, "rozaría a traizón á patria", dicía o diario.» [4] Non houbo tal cousa: a oposición vermella e verde segue apostando á baixa para non perder a oportunidade de formar coalición cos conservadores no 2013.

O debate, nunha xornada que moitos diarios cualificaron de histórica,[5] foi tenso. Entre as continuas impertinencias do resto de deputados que trataban de interromper o seu discurso, a deputada da Esquerda Sahra Wagenknecht, que levara o seu rexeitamento ao Pacto Fiscal mesmo á prensa británica, falou de «putsch contra a Lei Fundamental» e dirixiuse ao resto de deputados acusándoos de actuar «como marionetas, os titiriteros son os bancos e acordan tratados onde os cidadáns son utilizados como fichas para rescatar a fortuna dos máis ricos e manter en marcha o casino dos mercados financeiros. [...] A Europa actual [...] é un proxecto de destrución da democracia e a xustiza social [...] un proxecto do Deutsche Bank, Goldman Sachs e Morgan Stanley para o saqueo dos contribuíntes europeos.» [6] Pola súa banda, Gregor Gysi lembrou na súa intervención que, se do que se trata é de fins recadatorios, poden aumentarse os tipos impositivos ás rendas máis elevadas ou preparar unha iniciativa europea para acabar cos paraísos fiscais, maneiras de obter diñeiro que nin sequera se contemplan nunha sociedade onde, a por de repetila os medios de comunicación, está a instalarse na conciencia da poboación o nacionalismo económico mediante a metáfora cognitiva da facéndosa e aforradora "ama de casa suaba". Unha analoxía falsa, segundo Katja Kipping, «pois os suabos non son coñecidos soamente pola súa frugalidade, senón tamén polas súas casas unifamiliares», unha referencia indirecta á casa común europea da que falou Alexis Tsipras en Berlín, na que non existe un propietario, senón que todos son inquilinos cos mesmos dereitos e deberes. [7]

O vivido no parlamento alemán o pasado venres coa demagoxia populista ao redor da "traizón á patria" que o precedeu e o ensalzamento dos máis rancios valores patrios que terminou co si ("Ja") ao Pacto Fiscal lembra tanto á fábula de Heinrich Heine,[8] que non pode concibirse mellor maneira de acabar este artigo que citando ao grande poeta alemán:

O comité dos asnos era

dirixido por vellos orelludos;

levaban as cabezas adornadas

con escarapelas negro, vermello e ouro.


Había un pequeno partido cabalar

pero non se atrevía a intervir;

tiña medo do alboroto

dos feroces vellos orelludos.



Pero cando un recomendou

a candidatura do cabalo,

un vello orelludo interrompeulle

gritándolle: "Es un traidor!"

[...]

Así falou o patriota. Na sala

os asnos aclamárono.

Todos eles eran nacionais

e cos cascos patearon.




NOTAS: [1] "Abstimmung zum Fiskalpakt: Merkels Eurokurs auf Talfahrt", taz, 29 de xuño de 2012.
[3] Katja Kipping, "Dean Fiskalpakt stoppen", 25 de xuño de 2012. 
[4] Rafael Poch, "Os socialdemócratas alemáns teñen a chave do pulso europeo", La Vanguardia, 12 de maio de 2012.
 [6] Sahra Wagenknecht, "Dás ist ein kalter Putsch gegen dás Grundgesetz", discurso ante o Bundestag, 29 de xuño de 2012.
 [7] Katja Kipping, "Sparsam stirbt am schnellsten", der Freitag, 28 de xuño de 2012.
 [8] Heinrich Heine, "O asno electo", en Radikal. Una antología (Madrid, Hiperión, 2008), p. 155-161. Tradución de Jesús Munárriz.

 

Nenhum comentário: