02/09/2013

REPARANDO EN SIRIA

 Artigo tirado de http://anovamocidade.com/2013/09/02/reparando-en-siria/

 “Se podes olhar, vê. Se podes ver, repara.”

 Así é como comeza a famosa obra de Saramago Ensaio sobre a cegueira. E é precisamente en momentos como o que está a vivir o escenario internacional que as forzas de esquerda e con conciencia nacional deben trascende – lo verbo ver e acada-lo reparar.
 
 No meu outro artigo “Espírito internacionalista para un mundo en cambio” falaba da necesidade para Anova e para as forzas e movementos políticos que se lle asemellan, de ver o que acontece no eido internacional e saca-las conclusións de porqué acontece, en base a que mecanismos e regras, que intereses e loitas de poder están detrás, etc. En definitiva, reparar, e polo tanto analizar, estudar, sacar conclusións e construír todo un discurso propio e conectado coa realidade.

  Deste xeito, semella absolutamente necesario reparar no que nestes días está acontecendo ó redor da guerra civil en Siria. Por que existe este conflito? Cales son as partes involucradas? Que apoios internacionais teñen cada unha delas? Que intereses moven a estes apoios? Pode a diplomacia e a ONU pórlle fin á violencia en Siria? Que implicaría un ataque con armas químicas? Cal é a continuación do conflito? E finalmente, cal é a repercusión deste conflito na zona, no eido internacional e na vida cotiá dos europeos e galegos? Estas son só algunhas das moitas preguntas que xorden case que de xeito espontáneo e que son de obrigada resposta.

 En primeiro lugar, a razón deste conflito non é outra que económica. Sorprenderalle a moitos, ou non, esta rotunda aseveración, pero o certo é que tanto o conflito sirio, como o resto de revoltas e guerras civís do mundo árabe na actualidade teñen un detonante nitidamente económico. Concretamente de cariz capitalista, na súa fase de desenvolvemento, con aumentos de prezos e crise de abastecemento de bens básicos no medio oriente (e non so), como consecuencia da crise das subprime.
 Foi fai uns anos, co comezo da crise na que aínda andamos inmersos, cando moitos dos popes financeiros que fixeron fortuna cos negocios hipotecarios decidiron reciclarse e cambiar de sector. Pero como bos lampedusianos fixeron ese cambio para que nada cambiase. Deixaron o campo da inversión financeira a un lado xa que a volatilidade nese sector, e polo tanto o risco de perda de capitais, era inmensamente alto. No entanto botáronlle o ollo ós sectores máis constantes e fixos na súa rendibilidade, os fondos de inversións socialmente responsables.
 Tempo atrás, cando as hipotecas eran un artigo do máis común, determinados brokers decidiron tentar limpa-la súa conciencia e constituír fondos de inversión que non xogasen en exceso ó azar. Basearon eses fondos en artigos e bens que pouco podían interesar ó común dos brokers, xa que a súa rendibilidade era baixa e relativamente constante: soia, millo, carne, arroz… en definitiva, produtos de alimentación básica. Coa chegada a estes fondos de novos inversores acostumados a outras prácticas, e xunto con determinadas circunstancias climáticas, así como o aumento dos biocombustibles, os prezos dos produtos de primeira necesidade e alimentación aumentaron nos mercados internacionais. Este feito tivo como consecuencia que a media das familias no mundo árabe (países en desenvolvemento con grandes diferenzas sociais) dedicasen antes da crise un 40% da súa renda a gastos de alimentación, mentres que despois de 2008 estimábase que esa porcentaxe acadara entre o 60% e o 75%. Este aumento dos gastos das familias en alimentación tivo como consecuencia unha caída da economía deses países, así como do nivel de vida dos seus habitantes. Xunto con isto, altos niveis de paro xuvenil, con capas mozas relativamente ben preparadas, sen un bo sistema de benestar e con nulas perspectivas de futuro, fixeron da beira sur do Mediterráneo, un campo de cultivo perfecto para as revoltas que se produciron nestes últimos anos e que coñecemos como “Primavera Árabe”.

aaa

 Pero cada país ten a súa propia casuística, e a de Siria é realmente peculiar. En tódolos casos o papel da relixión, e en concreto dos salafistas e dos grupos apoiados por Riad e as monarquías da península arábiga, está a ser un elemento máis de desestabilización da zona. En Siria, a diferenza de outros casos como Exipto ou Iemen, estes sectores eran relativamente minoritarios. Porén, na actualidade están a ter un papel vital no bando rebelde.
 Atopámonos con salafistas que loitan xunto a islamistas moderados (os dous sunitas na súa inmensa maioría) e que teñen relación con kurdos. Os tres comparten un inimigo en común: o réxime dos Al – Assad, que os mantivo totalmente reprimidos durante o mandato do pai e tamén durante o presente mandato do fillo. Pero, pola contra, non comparten un proxecto común, xa que os salafistas loitan nunha yihad (guerra santa), para que se impoña sobre a poboación a sharia (lei islámica) e acada-la tan ansiada umah (termo que significa comunidade harmónica con e baixo as costumes árabes e islámicas); os moderados teñen en mente un Estado similar ó arxelino ou ó xordano; e os kurdos pretenden abrir unha “Primavera kurda”, ampliando a autonomía kurda en Irak cunha en Siria e complementándoa con outra turca (o PKK xa ten ben avanzadas as negociacións ó respecto con Ankara), consolidando así a visión dun único Kurdistán.

bbb

 Defronte sitúase o Estado Sirio, fortemente armado e baseado no poder da rama alauita do islam. Pouco a pouco, baixo o propio avanzar do conflito e xunto coas presións internacionais, foi relaxando a súa man de ferro, aceptando un futuro Estado con sufraxio universal e cancelando a lei marcial que impoñía o estado de excepción. Pero semella que non é suficiente para os “rebeldes”, que continúan a loitar polas súas reivindicacións.
 E tanto un bando coma outro continúan as hostilidades e as continuas e constantes matanzas de civís inocentes e de combatentes caídos. Continúa tamén o continuo e constante fluxo de refuxiados, moitos deles nenas e nenos, cara ós países veciños, sobrepasando tódolos medios da Axencia para o refuxiado da ONU (ACNUR). Certamente a comunidade internacional non pode, ou non quere pórlle fin a este conflito, a pesares de que tanto un bando coma outro contan con poderosos aliados.
 Os “rebeldes” vense beneficiados do apoio dos EE.UU. e de Europa (fundamentalmente de Francia, antiga potencia colonial na zona), tamén da Liga Árabe (fundamentalmente das monarquías petrolíferas) e, finalmente, de Turquía (potencia media na zona). Os tres actores internacionais teñen intereses diversos e ás veces contrarios no conflito e na zona.
 Occidente pretende un futuro seguro para os seus aliados na zona (Israel e Xordania) coa conseguinte estabilización dos prezos dos hidrocarburos e a relativa seguridade no seu abastecemento. Ademais, tanto Israel coma EE.UU. ven en Siria unha cabeza de ponte respecto de Irán, que consideran un factor de gran inestabilidade en Oriente Medio. Para apoia-los rebeldes (fundamentalmente ós kurdos e ós islamitas moderados), apórtanlle material de todo tipo, así como adestramento en combate e financiamento. Sen esquece-la importancia das tarefas de intelixencia.

ccc
 Riad e o resto de monarquías arábigas teñen como principal interese a defensa de Xordania e o establecemento dun novo réxime en Siria que favoreza a súa posición xeoestratéxica fronte á de Irán e á de Turquía e que continúe coa consolidación de réximes de tendencia sunita na zona. O seu aliado fundamental no conflito é o islamismo radical, aínda que tamén, en certa medida, o moderado. Porén, o financiamento que os petrodólares permiten destínanse ós sectores máis feroces e combativos: os que toda a comunidade internacional liga co salafismo e a yihad.
 E en terceiro lugar, Turquía. Ex potencia colonial e neopotencia rexional. O fluxo de gas de oriente a occidente, así como a posición xeoestratéxica do Estado turco centran as motivacións de Erdogán por entrar no conflito. Ademais, os dous países comparten fronteira. Fronteira na que o kurdos teñen moito que dicir. De feito, na pretensión interna de Erdogán de pacifica-lo Estado turco, meses atrás comezara a negociar co PKK a posibilidade de implantar unha autonomía turca, está en consonancia co relativo apoio ós kurdos en Siria. Evidentemente estes contactos favorecen un clima de entendemento entre os intereses turcos na rexión e os intereses kurdos na construción nacional do Kurdistan. De tódolos xeitos, incluso dentro dos kurdos existen diferencias.
 Fronte a estes apoios, os do réxime de Al – Assad non se quedan atrás. Fundamentalmente estamos a falar de Rusia, China, Irán e Hezbolá. Os intereses Chinos son os máis curiosos e importantes polo pouco que teñen que gañar de xeito material pero si de forma política a nivel internacional.
 China ten capacidade de veto no Consello de Seguridade da ONU, e faino valer neste conflito, por que? A posición do xigante asiático no taboleiro da política internacional é clave para entende-lo devir da política e da economía. China non se pode permiti-lo luxo de non dicir nada en Oriente Medio, tanto pola necesidade de combustible (que podería ter solventado por outros medios) como pola necesidade de plantexarse como potencia mundial fonte ós EE.UU., Europa e demais actores (Turquía, petromonarquías, países latinoamericanos, India, Rusia…). Debido ó seu tamaño e á súa importancia debe ter algo que dicir e non pode permitir que a influencia occidental e arábiga inunde todo Oriente Medio sen eles ter máis ca un legame con Iran.
 Rusia comparte en certa medida a visión chinesa, tanto na lóxica dos seus intereses, como nos mecanismos de apoio ó réxime sirio. Pero ademais, Rusia está intimamente interesada no mercado dos hidrocarburos como produtor e distribuidor de gas a Europa. Pretende ter a chave do suministro gasístico do centro e leste do continente europeo. Para iso, Siria e o levante mediterraneo é fundamental. Para isto, o Kremlin tamén lle da apoio militar, económico e de intelixencia ó réxime sirio.
 Finalmente Iran e Hezbolá xogan a carta chiíta. Os aiatolás consideran a Siria unha máis das súas provincias (igual que acontece con Barehin) e non permitirán que os sunitas e occidente poidan controla-lo país. Quizais estea aquí o nodo gordiano do conflito sirio. Tódalas accións que poidan acontecer no país son vistas como un posible adestramento dun hipotético conflito con Irán.
 Semella que nin as recentes eleccións do mes pasado foron capaces de modifica-las relacións entre Irán e EE.UU. Mentres iso non cambie e mentres Rusia e China sigan ligados ós aiatolás, polas razóns antes indicadas, a diplomacia e os mecanismos da ONU de pouco servirán. Irán e Hezbolá suminstran armas, homes e adestramento ó réxime sirio. Resúltalle tan beneficioso ós Al – Assad a axuda chiita que foi precisamente coa entrada en escena da milicia libanesa, cando se efectuou o maior avance en meses para o réxime sirio.

ddd 

 Polo tanto, se a guerra continúa como ata o de agora, Al – Assad vai camiño de vencer o conflito. O prezo pode ser ben alto: miles de mortos, millóns de desprazados, bloqueos comerciais practicamente seguros así como as conseguintes sancións. De tódolos xeitos manterán o poder e os seus aliados gañarán unha batalla na loita xeoestratéxica en Oriente Medio. Deste xeito, nin a Rusia nin a China lles interesa que a ONU solucione o conflito. Ademais, as solucións da ONU serían, moi previsiblemente, solucións para occidente e non para tódolos actores involucrados.
 Unha vez declarada morta a vía da ONU, que acontecerá en Siria? Se finalmente EE.UU. considera que o réxime sirio realizou un ataque con armas químicas, verase obrigado a actuar. Meses atrás, a Casa Branca asegurara que a liña vermella para unha intervención directa en Siria sería o uso de armas químicas por parte de Al – Asaad. Agora debe facer boa a súa palabra e realizar esa intervención directa. Se non o fixese estaría a dar unha mensaxe negativa para os intereses dos EE.UU. así como dos seus aliados na zona. Pero, pode arriscarse Obama a rematar en Siria igual que en Irak? Rotundamente non. De feito, baixo as análises militares e de intelixencia de EE.UU., Reino Unido e Francia, xunto con Israel, a Liga Árabe e Turquía, un futuro post Al- Assad sería peor que o actual presente. Precisamente por iso a intervención será limitada e máis propia de Guderian que de D. Haig ou de Von Falkenhayn. Basearase nun rápido ataque, probablemente con misís lanzados dende barcos de guerra no Mediterráneo e, quizais, con algún ataque aéreo. Resultando beneficiadas as industrias armamentísticas.
 A intervención será rapidamente condenada polos aliados de Siria e pola opinión pública internacional. Pero non asistiremos a ningún enfrontamento entre a marina estadounidense e as forzas rusas desprazadas ata o levante mediterráneo. Tódolos diferentes actores son conscientes de que esta intervención producirá un estancamento no conflito, pero as forzas gobernamentais continuarán a ter tódalas papeletas para vence-la guerra. A cuestión de fondo é o mensaxe que EE.UU. manda principalmente a Irán. Dille que non poderá realizar ningunha acción que a Casa Branca determinara ou calificara como liña vermella sen acata-la debida represalia.

eee 

 Unha vez analizadas as causa, o transcurso e o posible devir da guerra en Siria, é o momento de deterse nas consecuencias que para o noso máis inmediato entorno ten e terá este conflito. Vimos como unha acción reactiva por parte do gran capital financeiro internacional constituíu un dos factores das revoltas no mundo árabe. Vimos tamén como os intereses xeoestratéxicos dos diferentes Estados, así como os intereses económicos dos mesmos e das empresas e capitais que eles defenden acentuaron e acentúan o conflito sirio. En breves, padeceremos o aumento dos prezos dos combustibles e, como consecuencia, da inmensa maioría de produtos. Veremos como en situacións de recortes sociais se gastarán millóns de euros en dispendios militares. Veremos protestas das opinións públicas en Londres, Washington e París. Veremos como a medio prazo nada cambiará, agás as relacións de poder entre os diferentes actores internacionais e moitas familias destrozadas pola violencia. E veremos como, unha vez máis, o papel internacional do estado español queda relegado ó de mera comparsa dalgunha potencia europea.
 E baixo este escenario que debe face-la esquerda? Sen dúbida critica-la guerra e os motivos da mesma. 

 Debe socializar as causas e os seus precursores para que a cidadanía identifique ós verdadeiros responsables das diferentes matanzas en Siria e en todo o mundo árabe. Pero debe tomar partido por algún dos bandos? Non o vexo necesario nin moito menos útil. Ante un conflito tan lonxano no espazo físico e psicolóxico, no que os medios de comunicación bombardean con información/opinión contra o réxime sirio calificándoo de cruel ditador e asasino, e no que ningún dos dous bandos son “hermanitas de la caridad”, que gañaría a esquerda posicionándose alén dunha percepción por parte da sociedade de política afastada da realidade e dos seus propios intereses?
 No caso concreto de Anova, este particular debe servirnos para varias cousas. En primeiro lugar contribúe á termos unha cosmovisión do mundo capitalista actual e das súas ramificacións nunha rexión tan importante como Oriente Medio. En segundo lugar serve á forma de actuar de Anova – Irmandade Nacionalista respecto da opinión pública mobilizada por un feito concreto nun período de tempo determinado: debemos acompañar calquer acción ou protesta pacífica contra a guerra, xa que nos nosos principios políticos, Anova defínese como antiimperialista e pacifista. Este acompañamento debe basearse no respecto mutuo entre a sociedade e nós, xa que si non fose así, se tentásemos conduci-las protestas, estaríamos a ir contra o noso propio discurso de ser un actor máis na sociedade, camiño da rebelión cívica. Rebelión que debe ser organizada pero que non será eficaz e útil se nela participan grupos con vontade de vangarda. E en terceiro lugar debe servirnos para clarificar o proceder da nosa propia organización no ámbito do reparto de competencias entre as diferentes esferas nas que traballa o noso partido. As cuestións coma esta, de ámbito internacional, son loxicamente materia para os órganos nacionais. E non so porque o indica unha lóxica funcional e baseada na mellor actuación e coherencia da organización, senón que tamén o indican de xeito indirecto os nosos principios organizativos cando din que as asembleas son soberanas no seu ámbito local, confederándose para ser un actor político nacional. Ademais, nos mesmos estatutos, cara o final atopamos outro precepto que nos indica que o ámbito competencial das asembleas locais será aquel que verse sobre as temáticas que afecten directa ou indirectamente á localidade, debendo coordinarse co nivel organizativo que corresponda en situacións coma esta.

  Implica todo isto que as asembleas locais non poden dicir nada sobre política internacional? Absolutamente nada máis lonxe da realidade! As localidades, sobre todo si a temática ten acollida nas e nos veciños, deben tomar parte no tema en cuestión, pero sempre gardando a coherencia que se exprese na visión nacional. Independentemente de todo isto, a capacidade que cada asemblea teña de articular un discurso sobre temáticas similares e que rematan por estar relativamente afastadas das preocupacións máis urxentes e directas da xente do común, non pode ir en detrimento dun traballo de proximidade. É dende os concellos e os barrios e parroquias dende onde se constrúe un país e un mundo mellor. Teñamos iso ben presente no noso actuar, denunciando as inxustizas alí onde se presenten xa sexan en Siria ou en Forcarei, conectando a realidade cotiá co sistema mundo e sempre sendo audaces e intelixentes á hora de comunicarnos coa sociedade. Reparando na xente e nas súas necesidades e inquedanzas, pois unha esquerda desconectada da realidade está condenada ó liliputismo.
 

Nenhum comentário: