23/10/2010

Feijóo, concesiones y contratas

Xavier Vence en Xornal (aquí).


Os orzamentos da Xunta para 2011 consagran unha reducción da iniciativa pública dun 10,6%, ao redor de 1.120 millóns de euros menos –sen ter en conta a inflación. O retroceso é xeneralizado pero alcanza proporcións dramáticas nas consellerías que teñen que ver coa economía produtiva: cae un 34% en Economía e Industria; un 21% en Medio Rural; un 18% en Mar e un 33% Medio ambiente, territorio e infraestruturas. Educación, I+D+i e Sanidade experimentan recortes que están entre o 5-7%, que debido ao seu peso absoluto concentran grande parte da merma e, por outra parte, debido ao tipo de gasto que executan verán seriamente afectada a súa dotación de persoal e, polo tanto, na calidade dos servizos que prestan.
Xunta e os seus múltiples valedores mediáticos dinnos que non cabe outra. Hai que reducir o déficit custe o que custe, aínda que este estea nun razoable 2,7% do PIB. Que hai reduccións de gasto que poderían realizarse sen que o benestar e o dinamismo económico se resentisen é algo que calquera estará disposto a admitir –sobre todo á vista de certas obras e gasto suntuario de dubidosa utilidade social– pero tamén haberá que admitir que as reduccións que se están a practicar en Galiza e no Estado español prodúcense nun contexto de alto paro e atonía da demanda que non aconsellan recortar gasto e, ademais, pola súa contía e tipo de servizos afectados van provocar un retroceso notable tanto no benestar coma na creación de recursos para impulsar actividades de futuro. Ninguén nos vai regalar a ciencia, os coñecementos e os equipamentos para participar nas actividades que xiran arredor do novo paradigma tecnolóxico que está a emerxer ao noso redor.
Nin a máis tépeda venda podería ocultar que o acento na reducción do gasto deriva da negativa dos financeiros e rendistas a falar dos impostos, é dicir, introducir ou simplemente recuperar impostos a aqueles grupos sociais que teñen capacidade de pago real e que nas últimas décadas conseguiron un réxime fiscal absolutamente privilexiado. Tan privilexiado como irresponsábel, por ter orientado a asignación de recursos cara as actividades máis lucrativas no curto prazo e con mellor trato fiscal: as financeiras e especulativas. Por iso é unha irresponsabilidade meter a tesoira en capítulos de gasto sen antes falar en serio dos ingresos e sen antes demostrar que todos ese gastos son prescindíbeis e non van ter efectos irreparábeis de cara ao futuro.
Pero a irresponsabilidade agrávase cando, por non querer gravar máis ás fortunas e negocios financeiro-especulativos, se propón suplir a falta de recursos públicos abríndolle as portas á participación do capital privado (504 millóns de euros), que se asegura por esa vía obras, concesións e rendas durante trinta anos. É unha inmoralidade que os gardiáns do déficit e da débeda pública sexan os mesmos que propoñen un mecanismo que incrementa os custes para a facenda pública e crea unha bola de débeda que todos haberemos de ir pagando ao longo de tres décadas. É difícil entender porque o déficit orzamentario é pecado e a débeda extraorzamentaria é fetén. A razón é clara: é un ilusionismo monetario que crea un fabuloso e seguro negocio para o capital financeiro durante trinta anos. É unha das vías a través da que o capital financeiro está tentando unha fuga cara adiante, derivando cada vez máis claramente nun modelo de “capitalismo rendista” –á moda do Antigo Réxime–, onde os pagadores de renda seremos todos os contribuíntes presentes e futuros.
En definitiva, estes orzamentos traducen en cifras unha política que renuncia a usar as pancas do autogoberno para afrontar a crise e liderar con iniciativa e estratexia un futuro para o país. Parece que Feijóo tomou ao pé da letra aquela vella consigna do liberalismo “laissez faire, laissez passer”. Pero “passa” tanto que a súa (in)acción de goberno produce unha estraña sensación onde se mestura a falta de iniciativa e falta de interese, coma se se tratara dun goberno con autoconciencia de estar de sobra. Mesmo parece entender que o orzamento non está tanto para prestar servizos públicos como para dar negocio á empresa privada. Sobre todo se forma parte do conglomerado no que funden os intereses privados, o poder e a acción política, a patria dos sacrificados apóstolos do partenariado público-privado.

Nenhum comentário: