21/10/2010

Nacionalismo, autonomia e socialdemocracia (II)

Xosé Manuel Beiras Torrado. Artigo tirado de aqui.

Dicíavos o día pasado que a socialdemocracia nada ten a ver coas políticas que están a aplicar os diversos governos europeus, mesmo os rexentados por partidos que a invocan nos seus rótulos ou que se reclaman desa filiación ideolóxica e política. Pois algo análogo está a acontecer coa autonomía das nacións-sen-estado encorsetadas no actual marco constitucional español. Nalgúns casos porque non as deixan exercela -como evidenciou inda hai pouco o esperpento celtibérico montado encol do Estatut catalán. Noutros porque non o queren as forzas ocupantes das institucións autónomas -como resulta patente no caso galego. Así que tamén neste eido conceitual convirá pormos as cousas nos seus xustos termos.

Para empezar, convirá relembrarmos unha evidencia histórica que hoxe semella esquecida: a "autonomía" política non foi un invento da "transición" española. O invento foino, primeiro, o deseño constitucional do "Estado das autonomías"; segundo, a conceición administrativista da autonomía como artefacto ao servizo da "organización territorial" dun aparello de estado unitario e non do autogoverno dos diversos povos; e terceiro, a imediata deturpación dese mesmo deseño constitucional orixinario meiante o chamado "café para todos", ou sexa, unha especie de "igualatorio" asistencial vello-estilo de autonomías de diversa caste e rango constitucional en orixe -nacións, rexións e até simples provincias ou cidades-enclave coloniais.

O primeiro ingrediente dese invento operou como sucedáneo espúrio do pacto federal necesario para artellar constitucionalmente a realidade plurinacional "hispana" a partir da soberanía das catro nacións que a compoñen. O segundo suplantou a noción política de autonomía, pertencente á teoría do estado e consistente nun espazo de libre decisión para o autogoverno, sustituíndoa pola sua derivada administrativa, propria dos deseños de descentralización funcional e/ou territorial do aparello político-administrativo dos estados. E o terceiro servíu para invalidar de facto a distinción constitucional antre as "nacionalidades históricas" -eufemismo referido ás tres nacións que xa tiveramos autonomía na IIª República- e o resto de comunidades que se poderían ir configurando por agrupación de provincias ou mesmo cunha soa -como Madrid, por caso. O triple resultado foino o escamoteo dun proceso constituínte protagonizado polos povos-nacións como suxeitos de soberanía política, a sustitución do autogoverno dos povos pola descentralización do estado, e a conversión do "mapa" das "comunidades autónomas" nun galiñeiro doadamente manipulábel polas forzas políticas centrípetas de sempre -poisque é sabido: "onde hai galo non canta galiña".

Ora, na tradición histórica do nacionalismo galego, a partir das Irmandades da Fala, a noción de autonomía formulouse como equivalente á disposición dun espazo de libre decisión soberana, só que non en forma dun estado galego independente, senón resultante dun pacto federal-confederal. Así aparece, e con ese contido semántico se emprega, no proxecto de artellamento xurídico-político do espazo estatal español, e inclusive do peninsuar, formulado no Manifesto da "Asambleia nazonalista de Lugo" de 1918. "Autonomía integral pra Galicia", é a expresión empregada no apartado dese documento consagrado a dar resposta aos "Problemas constituentes" que defrontaba daquela a nación galega. A nación, non a rexión: "conquerire autonomía integral da Nazón Galega" é a pretensión que se esplicita dende o preámbulo mesmo do Manifesto polos asinantes que -declaran- "nós, nomeámonos, d-oxe pra sempre, nazonalistas galegos, xa que a verba rexonialismo non recolle todal-as aspiracións nin encerra toda a intensidade dos nosos problemas". Autonomía política, asemade, que os asambleístas diferencian coidadosamente da administrativa "autonomía municipal" propugnada noutro apartado. "Autonomía integral", enfin, que implica exercizo da soberanía nacional para pactar unha "Federación da Ibéria", para esixir o "ingreso das nazonalidades da Ibéria na Liga das Nazóns", e mesmo para reclamar, "dentro d-esta federación, igoaldade de relaciós con Portugal", inlusive antes de "chegare á federación con Portugal" que se propugna no proxecto.

Resulta, portanto, inequívocamente "soberanista" -diríase hoxe- o conceito de autonomía empregado polos nosos devanceiros no Manifesto de 1918. E así seguiría a selo no pensamento e na escrita dos homes da Xeración Nós e do Partido Galeguista, mesmo cando, na prática política, tiveron que renunciar provisoriamente ao propósito de se constituir Galiza en "Estado libre" dentro dunha non-nata "República federal española", previsto en 1931 no anteproxecto de Estatuto do SEG, e conformárense daquela coa autonomía do Estatuto do 36.

Así é como se fai patente ao longo de todo o percorrido ideatorio e temporal do Sempre en Galiza de Castelao, dende os treitos iniciais escritos durante a República -o Adro e o Libro Primeiro- até a derradeira páxina do Libro Cuarto desa magna obra, asinado no Paquebote "Campana" en "xullo-agosto do 1947". Veleiqui algunhas mostras entresacadas no decurso dese periplo odiseico no que infortunadamente Castelao, a diferencia de Ulises, non daría acadado o retorno á sua Ítaca. As primeiras son do treito escrito no 1937, xa durante a guerra portanto, en Valencia e Barcelona. Unha: "Para nós, os galeguistas, Galiza é unha nación e ten o dereito e o deber de orgaizarse autonómicamente". Outra: "Ben estaría eisixir unha manifestación induvidabel da vontade popular (...); pero dispois o seu Estatuto debería ser obra esclusiva do Poder autónomo, ainda que se sometese a referendum (...)". E estoutra: "As nacións non se crean somentes pol-a vontade dos homes, e por moito que abramos os ollos non vemos en Hespaña máis que catro nacionalidades. Nós concebimos a Hespaña como un sóio Estado, constituido pol-o libre consentimento de catro povos: Castela, Cataluña, Euzcadi e Galiza. E dispois todal-as autonomías que poidan concederse dentro de cada nación". Resulta así diferenciada a autonomía (integral) da nación galega, resultante da sua "vontade popular" (soberanía) e "libre consentimento" para "constituir" coas outras "un sóio Estado" (federal), daqueloutras autonomías que logo "poidan concederse dentro de cada nación" federada. Naturalmente, a moi democrática Constitución española postfranquista do 78 só ía contemplar as autonomías desta segunda caste -"concedidas" dentro da "única nación" recoñecida: a española, claro está.

Esa utilización do termo "autonomía", co inequívoco siñificado dunha noción nidiamente política e soberanista, é invariábel ao longo de todo o Sempre en Galiza, até, como xa vos dixen, a mesmiña páxina derradeira dese texto. Nela, Castelao conclue a sua obra enunciando os "catro principios" estruturadores dun edificio institucional en catro andares: Galiza, Hespaña, Penínsua Ibérica e Europa -un enxoito enunciado moi difundido, pero tántas veces utilizado fóra de contexto para deturpar o ideario que sintetiza. Os catro andares son istes, en transcrición literal: "a) Autonomía integral de Galiza para federarse cos demáis povos de Hespaña. b) República Federal Hespañola para confederarse con Portugal. c) Confederación Ibérica para ingresar na Unión Europea. d) Estados Unidos de Europa para constituir a Unión Mundial".

O que me importa hoxe: por mor do que xa levo espricado, resulta evidente que, tamén eiqui, esa "autonomía integral" siñifica libre decisión en institucións políticas soberáns proprias para autogovernármonos e participarmos nun pacto federal-confederal supranacional. O mesmo, xa que logo, que xa siñificaba no Manifesto do 1918. O mesmo principio, tamén, que vai figurar no 1976 nas "Bases Constitucionais do CFPG, e inda máis logo, no 1982, nos documentos fundacionais do BNG.

Nada a ver, portanto, coa "auto-anémica" autonomía actual, parida no marco constitucional español vixente. Mais, nas circunstancias de arestora, nas que mesmo ese fraco sucedáneo de autogoverno está a ser destruído dende dentro polos actuais inquilinos do poder autónomo, xa me daría eu cun canto nos dentes se fosen desaloxados para empregarmos nós a tope as potestades estatutarias a prol do avance do proxecto emancipador do nacionalismo galego. A semellanza da aposta de Castelao e o PG cando do Estatuo do 36. E en congruencia coa aposta do BNG nos anos noventa, cando acordou optar decididamente a governar nesa fraca autonomía pra empurrar avante o seu proxecto estratéxico de autodeterminación do povo galego. Mesmamente aquilo que non deu feito cando accedeu ao governo -esa oportunidade histórica perdida que abriu paso á actual brigada de demolicións, limpeza étnica e ecocidio do noso infortunado país, ou sexa, da inmorredoira "Nazón Galega", o único que dota de sentido político a nosa existencia e a nosa loita.

Nenhum comentário: