Xavier Ron. Artigo tirado de Altermundo (aquí). Nado en Lyon (Francia), 16 de febreiro de 1970. Licenciado en Filoloxía
Románica pola USC. Na actualidade docente de lingua francesa no CPI
Pontecesures. Especialista na lírica dos trobadores románicos. Activista
político e social, milita no Partido Comunista de Galiza, sendo membro
do Comité Central; é igualmente membro da executiva de Esquerda Unida,
onde desenvolve a responsabilidade de Secretario de Movementos Sociais;
coordinador comarcal de Esquerda Unida en Compostela. É membro do Foro
Galego de Inmigración e do Consello Editorial de Altermundo.
0. “No vacilaremos en tomar las medidas
oportunas para lograrlo. Nuestro primer objetivo es el déficit, el
segundo es el déficit y el tercero, el déficit”, así xustificaba o
ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, o maior recorte orzamentario da democracia
no estado español, que se sitúa nos 27.300 millóns de euros. Sirva o
mantra de Montoro para introducir as presentes liñas que falan da
coartada para o recorte, o déficit e, unido a el, a débeda pública.
1. A filosofía ultraliberal imprégnao
todo. Domina a linguaxe e transmite ideas falsas sobre a economía e por
iso vólvese instrumento de segregación e enmascaramento. Fala da
inevitabilidade, como se os mercados fosen entes abstractos, sen nome e
apelidos e sen intereses. Pero non é así. Non hai espírito santo nin
maxias: todo responde a unha decisión política de persoas concretas.
2. A solidariedade é un termo que os
ultraliberais empregan, pero que non saben entender na súa verdadeira
dimensión, de aí que a redución do gasto público, o control das contas
públicas ligado ao déficit e os procedementos de vixilancia sobre os
orzamentos nacionais supoñan unha vulneración das normas democráticas da
soberanía nacional e sexan fondamente insolidarios.
3. As politicas europeas son
insustentables e antisociais. O Colectivo de Economistas Aterrados
afirma, sen ambaxes, que son reformas estruturais perigosas para a
cohesión social e o equilibrio no reparto das posibilidades de
realización [1]. A prolongada política de bonificación ás rendas
elevadas –das que coñecemos unha nova mostra na decisión de Rajoy de
recompensar aos defraudadores nos Presupostos 2012- contrasta coa
ineficaz harmonización fiscal europea.
4. O Banco Central Europeo (BCE) non
serve tal como está concebido, xa que obriga aos Estados membros a
financiar a súa débeda pública nos mercados financeiros, quedando así en
mans de voitres especuladores. Neste eido, particularmente perxudiciais
son os Credit default swaps (CDS), que conforman un mercado especulativo coa débeda soberana, parasitario e desestabilizador [1].
Temos que transformar o funcionamento
institucional e financeiro de Europa, ou imos directos cara ao abismo.
Como afirma Martín Seco, a Unión Europea, “desde su creación, está
inmersa en un lenguaje engañoso e hipócrita” [2].
As normas consignadas nos Tratados
europeos, desde Maastricht, son unha ofrenda ao desastre que estamos
padecendo, tal como alertabamos algúns na década dos 90 do século
pasado, sendo por iso definidos ‘catastrofistas’ ou mesmo, de forma
falaz, ‘antieuropeístas’. Pero o paradoxo é que a UE se fixo de
“espaldas a los ciudadanos, ocultándoles la dimensión y las
consecuencias de los acuerdos y disimulando los intereses económicos que
impulsaban el proceso” [2]. Por iso, non podemos desentendernos de
Europa.
5. A construción europea non pode
facerse tendo en conta estes mecanismos insolidarios. A cláusula de “non
salvamento” (no bail-out) do Tratato de Maastricht é absurda e
incomprensible. O feito de que os países teñan prohibido recorrer ao BCE
para financiar os seus déficits derivou no entreguismo destes países ás
esixenzas da industria financeira, incluíndo ese niño de víboras, as
nefastas axencias de cualificación [2]. A crise actual é unha mostra da
carencia de mecanismos de solidariedade financeira en Europa: os fondos
de rescate non o son, antes ben son unha proba máis da deriva e do
entreguismo.
Entreguismo ben visible na obriga de
introducir a “regra de ouro” nas Constitucións nacionais sobre o déficit
público estrutural limitado ao 0,5% do PIB. Aberrante: o único
beneficiario é toda a engranaxe da industria financeira. E se para iso
hai que dar un “golpe de estado tecnocrático” faise e punto: Grecia
e Italia teñen presidentes que non foron votados pola súa cidadanía. Ao
mesmo tempo, a contracción do gasto público relega a millóns de persoas
a vivir no limite das súas posibilidades de realización, cando non na
pobreza (en España, máis do 21% da poboación).
6. Todas as medidas ultraliberais apelan
a rebaixar o gasto público para controlar o déficit, o anatema dos
ultraliberais, fonte de todo mal. Non obstante, os países como España
deficitarios en infraestruturas e niveis baixos de bens e servizos
sociais, educación, sanidade, protección social, etc., están na obriga
de forma transitoria a endebedarse para mellorar [2]. Lembremos que o
gasto social de España sempre estivo lonxe da media europea. Todas as
medidas actuais hipotecan o noso futuro ao restarnos capacidade de
mellora e facilitar os procesos de privatización [1].
7. Débense impoñer mecanismos de
harmonización fiscal en Europa e nos seus Estados membros. Temos que
conquistar as institucións europeas, democratizalas e mudar o paradigma
económico actual. Entón poderemos impoñer unha serie de medidas de
cooperación: o BCE e os bancos nacionais deben prestar diñeiro, garantir
a débeda pública e incentivar a creación de emprego; impedir a
especulación coa débeda pública; fiscalizar impositivamente as
transaccións financeiras e establecer un imposto excepcional sobre as
grandes fortunas; en definitiva regular os mercados e a industria
financeira, ao mesmo tempo que se fortalece o sector público. Non é
imposible facelo. É cuestión de ideoloxía e vontade política.
Non queda outra, temos que anular o
nefasto poder absolutista da industria financeira e artellar unha
verdadeira solidariedade entre os pobos de Europa…sempre que, claro
está, consideremos que é preciso seguir formando parte da construción
europea do futuro.
Nenhum comentário:
Postar um comentário