26/10/2012

Reino de España: segunda transición

Rafael Poch. Artigo tirado de SinPermiso (aquí) e traducido por Á revolta entre a mocidade



España formouse como estado moderno en condicións de ausencia de liberdade. Os poucos períodos de liberdade que tivemos foron breves, botáronse a perder e foron sucedidos polos "grandes retrocesos" que, en palabras de Ramón Carande, caracterizan á nosa historia nacional. Os últimos 37 anos permitiron por primeira vez "respirar" ao corpo social español. Por iso a España de 1978 xa non existe, precisamente porque recibiu osíxeno e utilizouno para desenvolverse e evolucionar. E por iso a España real de agora esixe profundas reformas. Unha segunda transición, como se dixo.

Xa non é viábel un nacionalismo español que se entenda como antagónico cara aos outros nacionalismos que o país contén. En 1978 ese antagonismo resolveuse co disimulo autonómico do "café para todos". Porén hoxe o país liberouse dalgúns dos factores "disuasorios" que determinaron aquel consenso, entre eles o medo a unha reacción militar consagrada no artigo oitavo da Constitución. Por iso é imperativo deixar de aferrarse a aquel consenso, baseado na antiga España de 1978, para impedir un debate de tipo federal e abrirse a iso. Está disposto o nacionalismo español? Pascual Maragall, seguramente o político catalanista máis aberto e universalista, tentou abrir ese debate pero chocou coa oposición do propio PSOE entón gobernante Será o PP capaz de facer o que o PSOE negou?

Pero o tema nacional é só un entre os temas da axenda desa "segunda transición". Está o tema da historia, é dicir da xustiza cara ao holocausto español dos anos trinta e corenta, o que se coñece como "memoria histórica", e está a idea dunha ampla rexeneración democrática xurdida no 15-M, que inclúa unha política anticrisis razoábel e desmarcada da actual estafa social.

Por desgraza non ven grandes posibilidades, nin disposición nin capacidade institucional favorábel, para un proceso así. A menos que o terreo de xogo sexa dinamizado por algún tipo de potente "revolución civil de veludo" desde abaixo, escenario que non pode descartarse en absoluto na actual Europa e particularmente en España, que é o elo máis débil e vulnerábel da crise europea.

O debate separatista, irredentista, independentista, soberanista, como se queira chamar, catalán, é completamente lexítimo desde o punto de vista da historia. Tan lexítimo é falar da España dos 500 anos, como da Catalunya do milenio, coa súa lingua e tradición cultural diferenciada e mesmo anterior á española-castelá. Historicamente o sentimento catalán cara a España coñeceu de todo; desde unha profunda hostilidade e unha alianza antiespañola co rei de Francia no XVII, até o exacerbado patriotismo español da Catalunya próspera de finais do XVIII. O que hai que comprender é que o actual irredentismo catalán é un fillo da liberdade do últimos trinta anos.

A diferenza do catalanismo dos anos setenta, que era pura sociedade civil, o actual inclúe factores institucionais que hoxe están en mans dunha clase política moi desacreditada. Está tamén mediatizado polo filtro de toda unha xeración educada en certo espírito pujolista provinciano, e tamén polos intereses electorais cortoplacistas do partido neoliberal e catalanista que goberna Catalunya. Pero con todos eses defectos, ese catalanismo é un fillo completamente lexítimo da liberdade, da rara liberdade española dos últimos 37 anos. Sempre que Catalunya tivo un pouco desa breve liberdade asomou ese impulso que tanto desagrada a algúns en España.

Hai que comprender que a historia é unha obra en construción, que os amores e desamores dunha sociedade son cambiantes, e que nun matrimonio libre e moderno -aínda que teña fillos e un avultado patrimonio común- inclúese o dereito ao divorcio. Ese dereito é válido mesmo se unha clase política desprestixiada como a catalá, non menos corrupta e inepta que a española, tenta utilizalo como substituto e alternativa á posibilidade dunha marea civil de veludo que reclame unha orde social menos inxusto e máis decente.

Así, a segunda transición non só representa retos para o nacionalismo español, senón tamén para o catalán. Se a primeira transición expresou o noso nivel como país e sociedade, coa segunda pasará o mesmo: obteremos aquilo que sexamos capaces de pelexar, negociar e acordar.

O tres grandes temas da axenda da segunda transición (social, histórico e territorial) non son incompatíbeis senón complementarios, mais os seus adversarios, en Catalunya e en España, tentarán enfrontar a uns contra outros. O seu obxectivo sería que en lugar de debater a lei electoral, a memoria histórica, o referendo sobre a débeda, as responsabilidades polo ladrillo, os pufos da banca, a corrupción política, o paro e os desafiuzamentos, xunto ás maiores ansias soberanistas de Catalunya, Euskadi, Galiza e os que se poidan apuntar, convídese á xente a unha pelexa identitaria baixo diversas bandeiras. Iso canaliza os malos humores sociais cara a un calexón sen saída moi á conveniencia da oligarquía internacional que goberna a crise europea.

O peor que se pode facer ante os independentismos é precisamente o que ten máis posibilidades de ocorrer: que se insulte, descualifique ou deslegitimice o desexo de cambios da poboación, expresado en eleccións, resolucións parlamentarias e presións cívicas maioritarias. Nada será máis contraproducente que a ameaza porque alimentará a pelexa. Se iso ocorre asistiremos a un divorcio desagradábel, porque a posibilidade de meternos nun improductivo charco de mutuo desgaste da man da nosa errada clase política hispano-catalá, é moi grande.

España é un país que pode permitirse certas marxes de demagoxia identitaria na súa periferia. O que é letal para a súa integridade é ese mesmo discurso e actitude no seu matriz castelán-española. A situación non é comparábel en moitos aspectos, mais a URSS morreu, non por mor de Lituania ou Xeorxia, senón cando o seu matriz rusa apuntouse á disolución afirmando un discurso nacional ruso. Tal como se están pondo as cousas en Europa, pronto ao goberno do PP non quedará máis recurso "macho" que exhibir que a defensa nacionalista española do centro contra a periferia. Por iso, calquera reinvención de España en dirección a unha maior democracia, equidade e federalismo precisa un forte vector popular desde abaixo. Sen ese movemento, teremos unha dobre quebra. Quebra social e quebra nacional. España padece a mesma enfermidade que a Unión Europea, aínda que nunha dose máis concentrada.


Nenhum comentário: