Alejandro Nadal. Artigo tirado de SinPermiso (aquí) e traducido por À revolta entre a mocidade.
En vista do anterior, unha pregunta chave concerne as causas dese aumento da desigualdade. No medio académico convencional pretendeuse atopar no cambio tecnolóxico a causa desta desigualdade crecente. Esta explicación di que as innovacións introducidas nas últimas décadas substituíron o traballo pouco cualificado con máquinas. Isto tivo un duplo efecto. Desvalorizou o traballo pouco cualificado e reduciu as oportunidades de emprego deses traballadores na escala inferior de remuneracións. Por outra banda, incrementouse a recompensa daqueles traballadores de maior cualificación. Así, como os traballadores menos cualificados non poden adquirir a capacidade técnica de maneira rápida e, ademais, hai menos oportunidades de emprego nos niveis superiores da escala, o cambio tecnolóxico transformou a escala de salarios e promoveu a desigualdade nos últimos decenios.
Esta narrativa séntalle ben á ideoloxía neoliberal. A desigualdade sería un efecto colateral ou accidental das transformacións na base produtiva das sociedades. Non sería a política económica perversa a que está na orixe do problema, senón un proceso natural de cambio técnico. Noutras palabras, estamos fronte a unha explicación politicamente neutra, moi lonxe de temas escabrosos como a ofensiva en contra dos sindicatos que dominou a política social e económica desde hai décadas.
Esta explicación sobre as orixes da desigualdade atópase en moitas investigacións, tanto do mundo académico, como de organizacións promotoras do neoliberalismo. Por exemplo, a OCDE realizou unha investigación na que se conclúe que o "progreso" tecnolóxico trouxo maiores recompensas para os traballadores máis cualificados que para os menos preparados. Segundo a OCDE o proceso de innovacións afectou a estrutura dos salarios entre os traballadores. Ou para dicilo doutro xeito, a principal conclusión da OCDE é que o cambio técnico afectou a desigualdade entre traballadores.
O tema da distribución funcional do ingreso, é dicir, entre traballadores e capitalistas, é tocado só tanxencialmente neste tipo de estudos. Iso é realmente sorprendente se se considera que a participación dos salarios no ingreso nacional sufriu unha redución significativa nas últimas décadas. Pero ese tema está cargado de implicacións políticas e para os economistas neoclásicos é mellor deixalo de lado.
Recorrer á tecnoloxía para explicar a desigualdade ao interior da clase traballadora permite eludir o tema do impacto da política macroeconómica sobre a distribución do ingreso. Así se evita falar sobre como a prioridade da "estabilidade de prezos" (loita contra a inflación) traduciuse nunha postura de contracción fiscal e estancamento.
Quizais o elemento de política macroeconómica que máis impacto tivo sobre a mala distribución do ingreso é o da política de ingresos. A represión salarial foi unha peza chave para conter a demanda agregada e frear así o que o capital financeiro considera a ameaza da inflación. Con todo, os estudos como o da OCDE non conteñen unha discusión seria sobre este tema. Non debe sorprendernos: para a OCDE ou o Banco Mundial a política macroeconómica e os seus instrumentos non debe estar nunca a debate. Isto permite relegar a un segundo plano a análise da distribución do ingreso entre a clase capitalista e os traballadores.
Os estudos que atopan no cambio técnico a principal explicación da desigualdade adoecen de moitos defectos. Na súa versión máis extrema (como nos traballos de Daron Acemoglu, preténdese atopar un proceso de cambio técnico dirixido. Hai décadas foi abandonada a pretensión de explicar o cambio técnico a través de variacións nos prezos relativos por falta de bases teóricas. Hoxe volve renacer ese proxecto, esquecendo as vellas críticas, para explicar a desigualdade como resultado dun proxecto politicamente neutral.
Se a tecnoloxía está relacionada coa historia da desigualdade, debemos entón volver a mirada cara a Marx. O capitalismo está marcado por unha tendencia constante a aumentar a produtividade. É a fame de plusvalía o que impulsa ao capitalismo a estar a innovar constantemente. E iso non só ten un impacto sobre a desigualdade e a distribución funcional do ingreso. Tamén ten profundas consecuencias macroeconómicas que están na raíz da actual crise global.
Nenhum comentário:
Postar um comentário