Mostrando postagens com marcador Minsky. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Minsky. Mostrar todas as postagens

19/11/2013

A Teoría Monetaria Moderna, a crise do capitalismo financiarizado e a catastrofe das políticas económicas de austeridade. Sin Permiso entrevista a Randall Wray

Entrevista publicada en SinPermiso (aquí) e traducida polos autores deste blogue, militantes de Anova-Irmandade Nacionalista.  Entrevista realizada, transcrita e traducida para www.sinpermiso.info por: Laura De La Villa e Ayoze Alfageme. Randall Wray é un dos analistas económicos máis respectados de Estados Unidos. Colabora co proxecto newdeal 2.0 e escribe regularmente en New Economic Perspectives e en Economonitor.com. Profesor de economía na University of Missouri-Kansas City e investigador no Center for Full Employment and Price Stability. Foi presidente da Association for Institutionalist Thought (AFIT) e formou parte do comité de dirección da Association for Evolutionary Economics (AFEE). Randall Wray traballou durante moito tempo na análise de problemas de política monetaria, macroeconomía e políticas de pleno emprego. É autor de Understanding Modern Money: The Key to Full Employment and Price Stability (Elgar, 1998) e Money and Credit in Capitalist Economies (Elgar 1990).


 


 Durante os días 8 e 9 de Novembro celebrouse en Atenas a conferencia organizada polo Levy Economics Intitute baixo o rótulo: "A crise da Eurozona, Grecia e a experiencia da austeridade". O Levy Economics Institute representa un dos centros académicos que con maior rigor describiu a crise económica mundial e a súa concreción na Eurozona. Isto levoulle a acertar nas súas predicións económicas e a ir tomando maior peso tanto académico como político e nos medios de comunicación. Desde o Levy desenvolveuse tamén a chamada Teoría Monetaria Moderna, un penetrante conxunto de hipóteses científicas que vén soster, entre outras cousas, que a soberanía monetaria dun Estado permítelle poder aumentar o gasto público e incorrer en déficit case tanto como se estea disposto a facer politicamente, xa que como emisor de moeda, nunca poderá quedar sen ela. Un dos máximos expoñentes (e creador en boa medida deste enfoque) é o profesor Randall Wray, antigo discípulo de Hymann Minsky co que coincidimos en Atenas e que amabelmente nos concedeu o seu tempo para a entrevista que segue, realizada para Sinpermiso polos nosos colaboradores, os novos economistas Laura Da Vila e Ayoze Alfageme.


As conferencias deron para moito e non foron poucas as acertadas análises e as propostas para solucionar o envurullo ao que se levou aos países da Eurozona. Pero quizá se podería resumir coas propias palabras de quen nos concede esta entrevista: "O difícil non é atopar a solución económica ao problema, o difícil está en atopar a disposición política para arranxalo".
O traballo de Keynes é fundamental para o desenvolvemento da Teorís Monetaria Moderna. Podes describir cales son as principais achegas deste autor?
Se se quere resumir a Teoría Xeral de Keynes, que é o seu libro máis importante, diría o seguinte: as empresas producen tanto produto como cren que serán capaces de vender, e dan traballo á cantidade de traballadores que esas empresas cren que necesitarán para producir a cantidade de produto que pensan vender.
Esta é a esencia que podería resumir a Teoría Xeral, e, resulta que é un punto de vista totalmente diferente do da visión ortodoxa da economía. Xa que a economía ortodoxa cre que, por exemplo, o desemprego é causado porque os salarios son demasiado altos, polo que a solución serían menores salarios. Keynes di: non; tes desemprego porque as empresas non queren empregar máis traballadores xa que non cren que poidan vender máis produtos. Desde este punto de vista, a solución ao desemprego é que ti tes que incrementar a cantidade de produto que as empresas poden vender antes de que elas comecen a incrementar o emprego. Non hai nada que resolver no mercado de traballo: a produción non depende do mercado de traballo; depende do que as empresas pensen que poden vender.

Outra diferenza importante de Keynes ten que ver coa noción do diñeiro, moi distinta da dos economistas ortodoxos. Cal é esa noción do diñeiro coa que Keynes traballa?


O diñeiro é sempre crédito,
IOU [I owe you: pagarei], e o sistema monetario é sempre un sistema de créditos e débitos. Unha vez máis, esta visión é completamente diferente da visión dos economistas ortodoxos, a cal é historicamente falsa. Tan lonxe como retrocedamos, sempre atopamos que o diñeiro é IOU, un crédito. Existe a fantasía de que houbo un tempo en que tiñamos a mercadoría-diñeiro, que é a idea de que se ti tes unha moeda de ouro, o valor desa moeda está determinado pola cantidade de ouro que contén, mais isto é falso. Agora sabemos que as moedas circulaban normalmente moi por encima do seu valor en ouro. Sabemos que na corte, se volvemos aos tempos antigos, o valor das moedas era determinado pola corte, e o valor era nominal, non real. Polo que o valor da moeda vale polo que o emisor desa moeda lle dá como valor, e non pola cantidade de ouro que contén. Así que esta visión de que temos algo chamado diñeiro-mercadoría é falsa.
As moedas sempre foron emitidas como pagareis, como créditos da coroa, e o seu valor determínase polo valor que dixese a coroa.
Se miras en todas as moedas, nunca está escrito unha libra e nada máis. Está a fotografía dun rei nun lado e probablemente unha figura mística no outro lado, e vale o que o rei di que vale, e son aceptadas polo rei como pago conforme a ese valor declarado. Iso é o que determina o seu valor, non o ouro.
A pregunta que suscita inmediatamente esta explicación é: se non había nada que soportase o valor das moedas, por que eran aceptadas?

As moedas son sempre redimíbeis ou reembolsábeis,
tal e como o é un pagarei, un crédito. A redención consiste en que calquera emisor dun pagarei debe aceptalo como pago ou reembolso. Esta é a lei fundamental dun pagarei, e é certa para calquera emisor de pagarés. Os bancos aceptan como pago os seus propios créditos ou pagareis cando o teu devolves un préstamo, polo que o banco crea un pagarei cando concede un préstamo e acepta como pago o que chamamos unha demanda de depósito, aceptando de volta o mesmo pagarei, cando pagas o préstamo. Nese punto, este pagarei crúzase nas follas dos seus balances.

Co Estado pasa o mesmo: emite un pagarei ao que nós chamamos moeda, e acéptao de volta como pago. A maioría de pagos que facemos ao Estado son impostos, mas no pasado eran taxas, multas, dezmos e tributos ou tarifas. O que apoia a aceptación da moeda é a promesa de que será aceptada nos pagos ao Estado, normalmente impostos. Por iso dicimos nós que "os impostos impulsan o diñeiro". Noutras palabras, é o sistema tributario o que está detrás da moeda, é o que lle dá valor.
A xente aceptará esa moeda polo menos até o valor de pago que teñan que facer en impostos, e probabelmente bastante máis que iso.
Outro autor fundamental para entender a Teoría Monetaria Moderna é Hyman Minsky, quen dedicou grande parte do seu traballo a realizar unha interpretación do traballo de Keynes afastada da síntese neoclásica do "keynesianismo bastardo", aínda que tamén desenvolveu as súas propias ideas. En que puntos foi o traballo de Minsky máis aló do traballo do propio Keynes?


Definitivamente o traballo de Minsky vai máis aló do explicado na Teoría Xeral. Nesta Keynes di que os detalles monetarios quedan en segundo plano. Isto déixao claro no libro e céntrase na teoría da demanda efectiva e nunha teoría do investimento e en como o investimento impulsa a demanda (esta é a idea do multiplicador económico, que se converteu nun dos principios básicos en economía). Ao ser o investimento impulsor do sistema económico, a teoría de keynesiana do ciclo económico é unha teoría do modo en que o investimento determina o ciclo económico. O investimento está, á súa vez, determinada polas expectativas a longo prazo, e estas son realmente volátiles. Polo que cando as expectativas son baixas, o investimento descende e atopámonos cunha depresión.

Esta é unha versión moi resumida da teoría do ciclo económico de Keynes. O que Minsky engade a isto é unha teoría financeira do investimento. Se ledes a Teoría Xeral, darédesvos conta enseguida de que [Keynes] deixa fóra como se financia o investimento. O que Minsky achega a esta teoría do ciclo económico é a teoría financeira do investimento, cuxo núcleo é a soada Hipótese de Inestabilidade Financeira.

É verdade que Keynes falara antes sobre o financiamento do investimento, mais non na Teoría Xeral. Así que, dalgún modo, Minsky volveu atrás para recuperar a teoría financeira de Keynes e actualizala para a situación en que el mesmo viviu, xa que o sistema financeiro evolucionara moito desde os tempos de Keynes. En resolución: a maior achega de Misnky é a súa actualización a teoría financeira.
Minsky falou nos seus últimos traballos dun "capitalismo de xestores do diñeiro"; outros introduciron o neoloxismo "financiarización" para referirse ao mesmo proceso. Como podemos analizar desde a súa perspectiva a crecente importancia das finanzas nas dúas últimas décadas, e que ten que ver iso coa actual crise global?


No último traballo de Minsky, dalgún modo, volveu ás ideas do seu titor de tese doutoral,
[o economista austriaco Joseph Alois] Schumpeter. Schumpeter tiña un enfoque por etapas da evolución da historia económica, de acordo co cal os bancos eran os éforos da economía. Tamén desenvolveu unha teoría da innovación para dar conta do cambio no proceso produtivo. Minsky recolleu todas estas ideas e elaborou o seu propio enfoque, porque Schumpeter só chegou a prestar atención á parte non financeira da innovación, mentres que Minsky concentrouse nas innovacións financeiras.

O resultado arroxou unha perspectiva analítica en que as innovacións financeiras determinaban o paso dunha etapa a outra.
Pódese dicir que Minsky adaptou as ideas de Schumpeter a outra realidade, e sacou unhas conclusións diferentes. No enfoque de Misnky, no capitalismo configurouse cedo a etapa comercial do capitalismo: uns poucos bancos comerciais eran as institucións financeiras dominantes da economía e fornecían financiamento a curto prazo para cubrir os pagos da masa salarial e os vencementos a curto dos préstamos.

Despois, nos primeiros anos do século XX, desenvolveuse o "capitalismo financeiro", un termo acuñado por Hilferding e Veblen, e desenvolveuse a teoría do ciclo económico empresarial. Ese capitalismo financeiro colapsou coa Grande Depresión. A mellor interpretación dese proceso ofereceuna o libro
[clásico] de John K. Galbraith The Great Crash, onde se describía a financiarización, a manipulación, a corrupción e a especulación que levaron ao esborralle. Na visión de Minsky, 1929 foi o final da etapa do capitalismo financeiro. Saíuse da Segunda Guerra Mundial coa entrada nunha nova etapa do capitalismo, á que el chamou Welfare State Manager, ou de xestión do Estado de Benestar, coñecido en Europa como o Estado Democrático e Social de Dereito da socialdemocracia de postguerra.

Unha etapa do capitalismo en que as finanzas case non teñen importancia e en que o sistema financeiro foi drasticamente reducido e severamente regulado, e en que foron estritamente separadas a banca de investimento e a banca comercial
(polo menos, nos Estados Unidos). Acumulouse grande cantidade de débeda pública, polo que as carteiras de investimento mantivéronse seguras e tíñase un grande Estado capitalista onde o goberno xogaba un papel moi importante en punto a manter alta a demanda agregada.

Esta estapa do capitalismo foi, e por moito, a mellor época do capitalismo en termos de crecemento económico e estabilidade: non houbo unha soa crise financeira en dúas dúas décadas. Porén,
como adoitamos dicir, a estabilidade [capitalista] é desestabilizadora, e un tipo de capitalismo realmente estábel fomenta innovacións financeiras que van facendo o sistema máis e máis fráxil, até que atopamos que o capitalismo se converte no que Minsky chamou Money Manager Capitalism ou Capitalismo dos Xestores do Diñeiro. En boa medida, iso é un regreso ao capitalismo financeiro.

Así que retrocedemos no tempo até principios do século XX. E cultivamos practicamente o mesmo resultado: eles tiveron o 29 e nós temos o 2007, cando ocorreu o colapso financeiro mundial. A diferenza co capitalismo financeiro é que agora temos bancos centrais e un grande sector público. É basicamente por iso polo que non entramos nunha gran depresión (aínda).
Nos trinta, así pois, apuntouse ao corazón do sistema financeiro para combater a depresión?
Así é. Nos anos trinta matamos o sistema financeiro e puxemos brida aos financeiros, co que non puideron levantarse: levoulles máis de trinta anos recuperarse e crear outra grande crise financeira. O problema agora é que, no canto de derrocalos, fechar as grandes institucións financeiras, reformar o sistema financeiro, etc, agora dixémoslles que volvan ao mesmo e que o fagan outra vez. Polo que probabelmente dirixímonos a un novo colapso. As dúas grandes diferenzas serían: agora temos un grande Estado e grandes Bancos Centrais, e agora non tocamos un pelo ao sistema financeiro.
De maneira resumida, cales serían os puntos máis importantes da Teoría Monetaria Moderna (TMM)? 

A TMM comeza coa descrición do gasto público e explica por que un Estado soberano que emite a súa propia moeda non é como un fogar, unha empresa ou un Estado que non emite a súa propia moeda. As opcións políticas dun Estado que emite a súa moeda son completamente diferentes.
O caso é que, desde os 60, impúxose na opinión pública a idea convencional de que un Estado é como un fogar: esa falsa idea converteuse nun lugar común. Aí tendes a Obama, servíndose tan tranquilo desta analoxía de mal sentido común, e dicindo que o Estado, o mesmo que calquera fogar privado, non pode incorrer continuamente en déficit, o cal é completamente falso.
Continuemos co enfoque dos balances sectoriais usado na TMM. Poderías explicar de que se trata e como desde esta visión a austeridade non ten ningún tipo de sentido?

Ao final todo se resumen en que os balances deben cadrar. A idea de que a austeridade, que busca reducir o déficit orzamentario, é boa para a economía carece de calquera tipo de sentido. Non fai falta ser un keynesiano para entender que se recortas o orzamento público e aumentas os impostos, estás a empuxarche á recesión. Esta é unha idea keynesiana moi sinxela.

O volume do déficit orzamentario do Estado ten que ser consistente cos balances dos outros dous sectores (sector privado interno ou nacional e sector exterior). Isto nunca estivo en cuestión. O que se suxire agora é que, se o Estado o quere realmente, pode reducir o seu déficit, o cal non é certo. Ti non podes reducir o teu déficit orzamentario, a menos que algo ocorra nun dos outros dous balances, ou en ambos. En definitiva, que o comportamento dos outros balances che permita facelo.

De feito é moi pouco probábel que ao tratar de reducir o déficit público, os outros dous balances se movan na dirección correcta. Se reduces o déficit orzamentario aumentando impostos e recortando o gasto público, para algúns países pode significar unha mellora na conta corrente, probabelmente importen menos e poida que exporten algo máis, sempre á conta de frear a súa economía. O máis probábel é que o sector privado se mova na dirección que non desexas, porque cando este sector se asusta, prefire aforrar máis e gastar menos, mais non poden aforrar máis se o goberno está a reducir o seu déficit orzamentario. O déficit público é o modo polo cal o sector privado aforra.
Así que esta fórmula da austeridade non vai funcionar.
Cando entendes que o sector privado no seu conxunto normalmente quere ter superávit (queren gastar menos e aforrar máis) e acumular riqueza financeira, entón tórnase claro que tes que ser un país como Alemaña, que sempre pode ter un superávit por conta corrente, ou se non, tes que incorrer sempre en déficit público. Ou unha cousa ou a outra. Estados Unidos non pode ter un superávit comercial, polo que temos un grande déficit público, que debe ser polo menos tan grande como para cubrir ao sector privado e ao déficit por conta corrente.
En tempos normais, nos EUA o déficit debe ser do 6% do PIB, que é un grande déficit. Moitos economistas ortodoxos, ben nin moitos, mais si moitos keynesianos ortodoxos aceptarían 6% de déficit en malos tempos, mais pensan que, en condicións normais, iso é demasiado
.
Desde esta perspectiva queda claro o fracaso das políticas practicadas nos países da zona euro como Grecia ou España...
Eu non poría a énfase nos países de forma individual. Unha vez entendes a TMM e o enfoque dos balances sectoriais, diría que todo o estabelecido é incorrecto.

Divorciouse a cada país da súa propia moeda
(por iso non culpo aos países de maneira individual, xa que iso xa estaba feito), e unha vez aí, xa non foron nunca máis emisores de moeda, foron usuarios dunha moeda: perderon o espazo político para facer o que un Estado emisor de moeda pode facer. Co que non se pode dicir que debían facer isto ou aquilo; simplemente non podían.

O segundo punto é que cando creas unha unión monetaria, sabes que dentro da unión, por cada país que teña un superávit comercial debe haber polo menos outro incorrendo en déficit para compensalo. Estabeleceuse un sistema en que, a través da eurozona, os balances deben cadrar.
É certo que se podería ter un superávit contra o resto do mundo; con todo, isto non vai ocorrer; non, polo menos, cun volume significativo. Porque Europa é demasiado grande e enfróntase ao mesmo problema que os EUA e ao mesmo problema con que se atopará China no próximos cinco anos. O mundo non é suficientemente grande como para que a Eurozona teña un superávit comercial suficientemente grande.
A demanda mundial non é nin de lonxe tan grande para que a Eurozona sexa un exportador neto...

Ademais, debe competir con 2 mil millóns máis de traballadores que se uniron á forza de traballo mundial en India e China. Non só non hai suficiente demanda; é que non pode competir tampouco baseándose nos salarios. Agora mesmo, calquera cousa que en Europa se poida fabricar, China pódeo facer moito máis barato, e mentres siga habendo máis ou menos un libre mercado comercial, non hai modo de poder competir con China.
Simplemente, non hai modo de que Europa poida chegar a ser un exportador neto. De modo que os superávits exportadores serán en contra dos Estados membros da Eurozona.

Na Unión Monetaria Europea, a súa maior economía, Alemaña, quere ter sempre, continuamente, un superávit comercial, e seguro que o quererá no futuro e que actuará en consecuencia. Ese superávit é moi grande: o 6% do seu PIB. Polo que, sendo Alemaña un 40%, máis ou menos, do total da economía da Eurozona, e sabendo que só o 50% dunha economía pode estar en superávit, e que, por tanto, o outro 50% ten que estar en déficit, vese claro que se terá a uns cuantos países da Eurozona incorrendo perpetuamente en déficit comercial.

Supoño que con isto xa está o fracaso asegurado. Unha vez cediches o espazo para a túa política fiscal e tendo presentes os balances do tres sectores, non hai modo de que o sector privado dos países da periferia poidan ter un superávit. Xustamente é o contrario. Tivestes un grande déficit do sector privado, unha grande acumulación de débeda privada e unha grande crise financeira. Non se pode ter un déficit comercial e un sector privado aforrando, a menos que se incorra nun forte déficit público.

Así que un déficit de 10% do PIB nos países da periferia debería ser a norma. Igual que en EEUU o normal é un déficit do 6%. O voso déficit debe ser maior, porque tedes esa grande economía alemá que insiste en ter un perpetuo superávit comercial. Entón, se tedes un grande déficit comercial e o sector privado querendo aforrar, o sector público debe incorrer en déficit, pero tedes unha restrición política que vos impide poder facelo: o sistema non debería poder funcionar.

Ben, que estivo pasando entón?

Durante a última década, os españois estiveron dispostos a incorrer nun déficit privado e acumularon unha grande chea de débeda, peor que nos EUA. O que temos, pois, é unha economía que incorreu de maneira insustentábel nun déficit do sector privado. Logo está Italia, que adoitaba ter un grande superávit privado, pero estiveron dispostos a reducilo considerabelmente. Aquí está outro punto que lle permitiu a Alemaña continuar co seu grande superávit. Os españois dispostos a comprar, Italia reducindo o seu aforro para comprar máis e enviando toda a produción a Alemaña. Doutra banda estaba Grecia, unha pequena economía, incorrendo nun grande déficit exterior e o goberno incorrendo en déficits moito maiores dos que recoñeceran, igual que Italia. Con esta situación podías ir tirando un tempo, mais non demasiado, xa que era insustentábel. E segue sendo insustentábel, xa que nada mudou realmente.

Durante as conferencias, entre outras, presentáronse dúas solucións. A proposta de Jörge Bibow, coa creación dun Tesouro público Europeo, que emita bonos e reparta a recadación entre os Estados membros da Eurozona en proporción ao seu PIB. Pola súa banda, Robert Parentau presentou a opción de emitir por parte do goberno o que chamou Títulos G, unha especie de bonos estatais, con cero por cento de intereses, transferíbeis para facer pagos, mais denominados en euros e que serían utilizados para financiar programas de creación de emprego. Na túa opinión, cales serían as mellores solucións?
As dúas propostas van na dirección correcta. O plan de Bibow é ter unha autoridade fiscal central que financie a construción de infraestruturas públicas, e que todos os países obteñan un 3% do seu GDP. Polo que sería un financiamento de infraestruturas e consumo desde a autoridade central que incorrería en déficit. Polo que os países evitarían  ter eses déficits, xa que o gasto vén da autoridade central. Gastaría deficitariamente, emitiría bonos e non sería a débeda das nacións individuais, sería a débeda da Unión Monetaria Europea. É un plan na boa dirección, mas  3% do PIB non é suficiente, se non se resolve o problemón que significa ter a Alemaña cun superávit comercial de 6%. De media, necesitarás un 6% do PIB como déficit para cubrilo: o 3% non é suficiente.

Tamén estimularía a economía en Alemaña, porque eles tamén recibirían ese 3% do PIB, e Bibow espera que isto poida presionar os salarios á alza e poida que tamén a inflación e facer así aos outros países máis competitivos e, ao final, poida que tamén reducir o superávit comercial alemán.

En calquera caso, ese 3% non é suficiente, e con total certeza non é suficiente cando estás nunha depresión económica. Necesítase un déficit maior, e un investimento só en infraestruturas non é suficiente. Se es unha sociedade envellecida, necesitarás tamén infraestruturas públicas para facilitar o coidado das persoas maiores. Necesitarás fogares para os anciáns, un mellor transporte público que as persoas maiores poidan usar, máis hospitais, etc.
Todo isto será necesario, e pódese usar o plan de Bibow para comezalo.

No entanto, non será suficiente, porque necesitades empregos e só coa construción de infraestruturas non se poden crear empregos bastantes. Se tes un desemprego do 30% en Grecia ou de máis do 25% en España, isto non se resolve con infraestruturas. Necesitas un garantizador de emprego ou empregador de último recurso (Job Guarantee ou Employer of Last Resort), e debe ser financiado por unha autoridade fiscal sen restricións que poida financiar pleno emprego en todos os países.

A proposta de Parentau era usar eurobonos para moito máis que para infraestruturas, facendo posíbel que unha autoridade central financie o gasto necesario.
Probabelmente tamén necesitades unha autoridade central que, ademais de gastar, poida recadar impostos de maneira centralizada na Unión Monetaria. Nos EUA, a autoridade fiscal central gasta e recada impostos por un montante en torno ao  20-25% do PIB, mais a autoridade fiscal Europea gasta e recade menos de 1% do PIB. Sería necesario aumentalo ao 10%, e con esa autoridade fiscal incorrendo en déficit, igual que en Washington.
Seguramente coñeces a Modesta Proposición para a Eurozona presentada por Yannis Varoufakis, Stuart Holland e o teu colega Jamie Galbraith. Se consideramos atractiva esta proposta, entre outras cousas, é porque propón recuperar o crecemento e competitividade das economías da periferia mediante o investimento do Banco Europeo de Investimentos financiado cos seus propios fondos, sen restricións orzamentarias, mais dunha maneira centralizada, atendendo aos desaxustes comerciais dos países. Por outra banda, non implica cambios institucionais importantes na Eurozona, polo que sería de implementación inmediata. Que opinas desta proposta?
Nos EUA temos unha unión monetaria, temos o dólar. Temos estados membros, 50, e non temos dúbidas de que hai algúns con déficits comerciais e outros con superávit, mais non recollemos os datos. Poderías facelo, pero sería algo complicado. O punto importante é que te podes imaxinar que Nova York será un exportador neto e Mississippi será un importador neto. Temos tamén doce Bancos Centrais por distritos e, en substancia, en Europa tedes o mesmo con Bancos Centrais do Banco Central Europeo. Pero os vosos Bancos Centrais están en cada nación.
Pódese seguir colleitando os datos e ver como van os fluxos desde Italia, España ou Grecia cara a Alemaña. Os nosos Bancos Centrais están repartidos a través de toda a unión. Poderiamos facelo como en Europa e ver como van os fluxos de diñeiro desde Mississipi cara a New York e despois compensar o desaxuste. Pero non nos fixamos nisto.

Fixámonos na pobreza, niveis de educación, desemprego e vemos que hai diversidade, igual que en Europa. Temos rexións que son pobres rexións que son ricas, ou rexións con maior nivel de educación e outras con menor. Polo que temos o mesmo tipo de diferenzas que podedes ver entre Portugal e Alemaña.


En definitiva, nós gastamos máis en Mississippi e vós debedes gastar máis en Portugal. Debedes ter unha autoridade fiscal central, a cal é o Parlamento Europeo, con capacidade de gastar en Portugal. En realidade iso xa se fai, mais o problema é que o orzamento para facelo é menos de 1% do PIB da Eurozona, que está moi lonxe do que se necesita.

O punto relevante para isto non é se Alemaña ten un superávit comercial; o punto relevante é que nivel de pobreza hai en Portugal ou no Reino de España e decidir gastar máis alí para crear empregos, aumentar o nivel de educación ou crear máis infraestruturas públicas.
Así é como se debería lidar con estes problemas. Esta é a miña visión. En lugar de dicir que se debe transferir diñeiro. Se nós dicimos que imos transferir diñeiro de Nova York a Mississippi, automaticamente estamos a enfrontalos. Quen en Nova York di "Si, quero enviar diñeiro a Mississippi!?". Ninguén quere facelo. Creo que ese o modo equivocado de encarar o problema. Así se enfrontará aos alemáns cos gregos, e xa se odian entre eles. Débese esquecer a idea das transferencias, e seguro que politicamente non debedes chamalo así.

 
Nos EUA é a dereita a que fala de transferencias de riqueza entre Estados. Desafortunadamente adoitaba ser a dereita, mais agora tamén na esquerda hai quen di: "temos que subir os impostos aos ricos para darllo aos pobres". Isto é incorrecto, ti non necesitas captar impostos dos ricos para darllo aos pobres; simplemente necesitas gastar máis diñeiro nos pobres. Poida que teñas que subir os impostos aos ricos, porque son demasiado ricos. Pero non se deben unir os dous problemas, xa que inmediatamente estase creando un problema político entre as dúas partes. Os ricos dirán que non se lles suban os impostos a eles para darllo aos pobres, que son demasiado nugalláns como para traballar.

O único que hai que facer é dicir que hai xente pobre á que necesitamos mellorar as súas condicións de vida. E despois, se se quere, debater se subir os impostos aos ricos, se os ricos teñen demasiado diñeiro e necesítase recadar máis deles. Débese ter o debate deste xeito, en lugar de seguir a lóxica de sacar diñeiro aos ricos para darlla aos pobres, xa que é falsa. Non se necesita tomar nada dos ricos para gastar máis nos pobres.

16/04/2012

Krugman contra Minsky: en quen deberíamos acreditar en cuestións bancarias?

Randall Wray. Artigo tirado de SinPermiso (aquí) e traducido por Revolta IrmandiñaRandall Wray é un dos analistas económicos máis respectados de Estados Unidos. Colabora co proxecto newdeal 2.0 e escribe regularmente en New Economic Perspectives. Profesor de economía na University of Missouri-Kansas City e investigador no Center for Full Employment and Price Stability. Foi presidente da Association for Institutionalist Thought (AFIT) e formou parte do comité de dirección da Association for Evolutionary Economics (AFEE). Randall Wray traballou durante moito tempo na análise de problemas de política monetaria, macroeconomía e políticas de pleno emprego. É autor de Understanding Modern Money: The Key to Full Employment and Price Stability (Elgar, 1998) e Money and Credit in Capitalist Economies (Elgar 1990). 

"Sempre houbo outra tradición, a cal se remonta á Escola Bancaria de principios do século dezanove, que pasa por Marx e Keynes, por Schumpeter, Gurley e Shaw, Minsky, N. Kaldor, B. Moore, e finalmente, o seu seguro servidor nos 80. Chámase o enfoque do "diñeiro endóxeno", e insiste en que os bancos centrais non poden controlar a creación de diñeiro privado polos bancos mediante o control das reservas."



Os próximos 15 e 16 de abril celebrarase en Berlín un importante Simposium científico, que reunirá a unha boa parte dos máis destacados economistas críticos ou heterodoxos do mundo. Steve Keen publicou hai pouco máis dunha semana na súa bitácora un pequeno resumo do seu relatorio berlinés. Esa publicación foi replicada por Krugman na súa bitácora (Debtwatch), e esa réplica desencadeou nuns poucos días unha copiosa e interesante polémica teórica con múltiplos participantes, que en certo xeito vén revivir a vella polémica -Cambridge contra Cambridge, Mass.- que fai preto de 50 anos enfrontou aos discípulos directos de Keynes en Cambridge, Reino Unido, co "keynesianismo bastardo" (Joan Robinson) da "síntese neoclásica" de Samuelson e os seus alumnos norteamericanos de Cambridge, Mass. O que entón non pasou dunha polémica que os ortodoxos, aínda perdéndoa, conseguiron confinar nas publicacións e os recintos puramente académicos, é agora unha polémica pública, que se desenvolve en blogues de acceso aberto aos leigos e que versa, non sobre un tema teórico-abstracto -o concepto de "capital"-, senón sobre un asunto de máxima e perentoria actualidade política e práctica, cal é o do papel que a teoría económica concede á moeda, á actividade bancaria, e en xeral, ás institucións financeiras. Reproducimos nesta entrega a réplica de Seteve Keen á primeira crítica de Krugman, así como o artigo que segue, de grande eficacia didáctica, escrito por Randall Wray sobre o alcance da polémica e as limitacións neoclásicas de Krugman como fonte da súa incomprensión dos problemas monetarios e financeiros.

A semana pasada destaquei a relevancia de Minsky, explicando as súas principais contribucións. Pódense ler en: http://www.economonitor.com/lrwray/2012/03/27/why-minsky-matters-part-one/#idc-container

Isto deu, en parte, como resposta ao blogue de Paul Krugman no que se desestimaba a importancia de tentar descifrar "o que Minsky en verdade quería dicir". Ver: http://krugman.blogs.nytimes.com/2012/03/27/minksy-and-methodology-wonkish/

Con todo, máis importante aínda, significou unha resposta á súa defensa dun modelo simplista da dinámica de deflación de débeda que presentaba aos bancos coma se estivesen fose de escena. Segundo Krugman, os bancos non son relevantes xa que o único que fan é intermediar entre quen aforra e quen inviste, recibindo ingresos e converténdoos en préstamos.

No meu blogue, a semana pasada, prometín profundar no enfoque bancario de Minsky. Xusto a tempo, Krugman estendeuse nas súas opinións, as cales poden lerse no seguinte post: http://krugman.blogs.nytimes.com/2012/03/27/banking-mysticism/

Agora sei que a especialidade de Krugman non son os sistemas monetarios nin os bancarios, así que non se lle pode esixir unha comprensión profunda dos detalles técnicos. No entanto, é un destacado columnista e escritor de libros de texto, así que se pretende explaiarse sobre "que fan os bancos", debería polo menos comprender as ideas básicas correctamente.

Por desgraza non ocorre así. De feito, o seu enfoque pertence ao século pasado, se non máis atrás. Pode alguén imaxinarse a un científico que escriba no NY Times e presente a física newtoniana como estado da arte?

En caso de existir un "misticismo" bancario, estaría máis ao lado do que Krugman presenta, que do do que argüen os seguidores de Minsky. É certo, necesitamos a Minsky, cuxo enfoque, incluso o dos anos 1950, revélase máis válido no mundo bancario actual que o de Krugman.

Non pretendo faltar a ninguén o respecto. Como o resto dos seguidores de Krugman, creo que é un dos mellores columnistas do NY Times, e cobre un amplo espectro de temas con grande profundidade. Con todo, un non pode fiarse del en temas monetarios, pois simplemente non os comprende. O que nos presenta é unha estraña combinación das teorías de principios do século vinte cunha visión moi particular que se remonta ao século dezanove, baseada nunha historia sobre un ourive aínda máis antiga. Explicareime.

A partir dos anos 20 do século pasado, propagouse un peculiar malentendido segundo o cal a cantidade de reservas bancarias emitidas pola Fed poderían dalgún modo controlar os préstamos bancarios e a creación de depósitos. Isto chamouse enfoque do "diñeiro exógeno" (o diñeiro fornecido contrólao de forma "exógena" o banco central mediante a restrición da cantidade de reservas fornecidas). Converteuse no punto de partida do monetarismo de Milton Friedman (que finalmente acabou no desastroso Grande Experimento do Monetarismo de principios dos 80 nos EUA e Reino Unido, no cal os bancos centrais tentaron unha focalización formal do crecemento da inxección de diñeiro).

Non funcionou, e todos os bancos centrais nacionais abandonaron a focalización do diñeiro inmediatamente nos 90.

Sempre houbo outra tradición, a cal se remonta á Escola Bancaria de principios do século dezanove, que pasa por Marx e Keynes, por Schumpeter, Gurley e Shaw, Minsky, N. Kaldor, B. Moore, e finalmente, o seu seguro servidor nos 80. Chámase o enfoque do "diñeiro endóxeno", e insiste en que os bancos centrais non poden controlar a creación de diñeiro privado polos bancos mediante o control das reservas.

Todo isto parece demasiado retorto para un blogue como este; mais a idea, de forma simple e breve, reza así: os bancos centrais modernos son responsábeis de manter un sistema de pagos que opere sen complicacións, o cal, entre outras cousas, require responsabilidades bancarias claras desde o principio (que un depósito dun dólar en Chase se valore o mesmo que un depósito dun dólar no Banco de America). A Fed asegúrase de que os depositantes poidan utilizar os caixeiros automáticos. Isto significa que os bancos deben ter tantas reservas como se requira. Por tanto, o control da Fed baséase no "prezo" e non na "cantidade": pode fixar a taxa de xuro á cal preste reservas aos bancos, mais non determinar a cantidade.

Máis aló da teoría, os requirimentos de reserva bancaria (os coeficientes obrigatorios) calcúlanse en base aos depósitos creados até seis semanas antes. Así, a cantidade de reservas que se require aos bancos para manter sistemas como o que utilizamos nos EUA. (coa proporción de reserva obrigatoria) é sempre unha función dos depósitos históricos. De novo, o control do banco central recae sobre o prezo, non sobre a cantidade. Finalmente, os bancos centrais modernos traballan con obxectivos de taxa de xuro (a Fed estipula os seus obxectivos de taxa de fondos fed), o cal de novo significa que a Fed pode fixar o "prezo" e despois inxectar as reservas necesarias para alcanzar os obxectivos de taxas de fondos fed.

Aínda así, custou moito tempo que os libros de texto estadounidenses se puxeran ao día, e Krugman non é o único escritor deste tipo de libros que aínda non o comprende (nótese que sigo amentando aos escritores de libros de texto estadounidenses, pois aqueles fóra dos EUA fixeron un traballo moito mellor; por exemplo, Charles Goodhart no Reino Unido escribiu hai tempo un libro de texto no que se comprendía perfectamente estas ideas).

No entanto, no seu blogue, os erros de Krugman van máis aló do típico erro de libro de texto. Argüe que os bancos en verdade non crean diñeiro "da nada" ou "do aire", senón que recibirían depósitos e canalizaríanos en préstamos. Este é un erro que mesmo os peores libros de texto xa non cometen.

Citarei só tres pasaxes relevantes de Krugman para resumir o seu enfoque:
 "os autoproclamados verdadeiros Minskystas ven os bancos como institucións que dalgunha maneira sáense das regras que se aplican ao resto da economía, que teñen poderes únicos sobre o ben e o mal...
Primeiro de nada, calquera banco individual ten que, de feito, prestar o diñeiro que recibe en depósitos. Os oficiais de préstamos bancarios non poden emitir cheques se non os sacan dalgún sitio; como empregados de calquera intermediario financeiro, deben comprar activos cos fondos que teñen en man. Espero que isto non resulte polémico, a pesar de que, sabendo o que ocorre sempre que discutimos sobre bancos, xa asumo que esta mera proposición provocará un escándalo...
Si, un préstamo xeralmente é depositado noutro banco, mais o destinatario do préstamo pode, e ás veces faio rapidamente, retirar os seus fondos, non en forma de cheque, pero si de divisas. Ademais a subministración de divisas está limitado, e o límite márcano as decisións da Fed. Así que non existe un proceso automático polo cal un incremento dos préstamos bancarios produza o suficiente aumento de depósitos para apoiar os devanditos préstamos, e o factor limitador clave do volume do estado financeiro dos bancos é a cantidade de base monetaria que crea a Fed, mesmo aínda que os bancos non posúan reservas...".

Veremos máis adiante o especiais que o propio Minsky consideraba aos bancos. De momento, centrémonos no enfoque de Krugman: os bancos poden emitir cheques "sacados do aire" mais deben, mellor, utilizar "os fondos que teñen en man". Ademais, os bancos están limitados polas divisas que se "fornecen de forma limitada", límite fixado polas "decisións da Fed".

Krugman dá marcha atrás á teoría monetaria até polo menos un século.

Scott Fullwiler fixo unha análise moi bela sobre Krugman: http://neweconomicperspectives.org/2012/04/krugmans-flashing-neon-sign.html. Nel analiza o estado financeiro e rebate a Krugman punto por punto. Non hai motivo para repetir unha refutación tan detallada.

Prefiro ofrecer, en troques, unha visión xeral do enfoque de Minsky sobre a natureza do sistema bancario. Que é o que fan os bancos? Os lectores deberán primeiro de nada entender este punto básico, despois ler o artigo de Scott para entrar en detalle e, finalmente, decidir se optan por confiar en Minsky ou en Krugman na cuestión dos bancos.

Porén antes de proceder, mirémolo deste xeito: un depósito bancario é o pagarei do banco, que demostra o grao de confiabilidade do estado financeiro do banco. Os bancos teñen billóns e billóns de dólares destes pagarés nos seus estados financeiros (nos EUA temos dous bancos cada un dos cales por si só emitiu 2 billóns de dólares en pagarés, e outros tantos que non son moito menores). Os pagarés son "pasivos continxentes" no sentido de que os acredores dos bancos poden insistir en "pago" ou "conversión a efectivo" ben sobre demanda ("depósito á vista"), ben tras un período de espera ("depósito temporal") ou ben tras algún evento especificado.

O erro de Krugman está en pensar que os bancos operan como "prestamistas de diñeiro" que esperan nas esquinas das rúas de Chicago, tomando depósitos de moeda e prestándoos logo a taxas de xuro máis altas (usureiras). Supostamente os bancos gardan algo do diñeiro como reservas para cubrir a retirada de depósitos. Con todo, como a Fed limita a cantidade de diñeiro, os préstamos bancarios están limitados.

Pero como ía ocorrer así? En primeiro lugar, as matemáticas non cadran. A cantidade total de efectivo existente é menor dun billón de dólares, e estímase que polo menos a metade está fóra dos EUA, utilizado principalmente para financiar actividades ilegais en mercados negros, tráfico de armas e de drogas (o cal é tamén principalmente para o que se usa o efectivo dentro dos EUA). Así que só unha pequena porción do efectivo total está dispoñíbel para que os bancos o recíban en depósitos e poidan conceder préstamos. A pesar de todo, teñen billóns e billóns de depósitos no seu estado financeiro e emitiron unha cantidade equivalente en pagarés.

Pense na última vez que foi ao banco... seica levou unha carretilla repleta de diñeiro para depositar, coa intención de que o seu estimado banqueiro puidese conceder uns cantos préstamos hipotecarios?

Sinceramente, só lembro unha vez no últimos cinco anos en que fixese un ingreso abundante en efectivo. Recibira uns 4000 dólares en reembolso de diñeiro de viaxe en Colombia (nunha oficina de intercambio de divisas escura e dalgunha forma horríbel) e vaguei polas rúas de Bogotá cun enorme e sospeitoso vulto de estampillas de Ben Franklin no meu peto. Por sorte cheguei a casa san e salvo e inmediatamente depositeino na sucursal máis próxima.

A parte desta, todas as miñas transaccións monetarias ocorreron ao revés (extraccións no caixeiro automático). Se un pensa niso, poucas veces se ve a alguén facendo depósitos de grandes cantidades nos bancos. A non ser que se teña un negocio que manexe efectivo a grande escala (tráfico de drogas ou recollida de lixo), un non recibe o diñeiro suficiente para manter ao seu banco abastecido de papel verde.

O que hoxe en día vexo é que case todo o mundo que vai ao banco saca diñeiro! Os bancos provén diñeiro, non o reciben para poder conceder préstamos. Entón, como poden funcionar? Pois cada vez que os bancos necesitan efectivo para cubrir as demandas de retiro, non acoden aos depositantes senón á Fed. A Fed envía diñeiro aos bancos para almacenar nos caixeiros automáticos. A cambio, carga a débito reservas bancarias obtidas da propia Fed (estas non son máis que as "contas correntes" do sistema de banca privada da Fed).

Que pasa entón, se un banco ten poucas reservas? Negarase a Fed a enviar efectivo? Non. A Fed presta reservas para cubrir as necesidades de efectivo. En caso contrario, o banco tería que fechar, rexeitando cubrir as demandas de efectivo, o cal aterraría aos depositantes, quen fuxirían inmediatamente dos bancos. Así que, a non ser en casos excepcionais, un non atopa nunca os caixeiros automáticos fóra de servizo ou as portas dos bancos fechadas debido á falta de efectivo. De feito, a maioría de textos que coñezo sobre bancos ou diñeiro insisten en que o público non bancario determina a subministración de efectivo; xa que os bancos prometen unha subministración sobre demanda, a Fed proporciona aos bancos todo o que necesitan para cubrir as extraccións de diñeiro.

É a Fed a que trae as carretillas repletas de diñeiro aos bancos, NON os depositantes. Ademais a Fed non proporciona o efectivo para que os bancos poidan conceder préstamos, senón máis ben para cubrir as extraccións de depósitos.

Entón de onde saca a Fed as reservas que abona nas "contas correntes" dos bancos na Fed? De golpes de tecla "no ar". De onde saca a Fed os billetes verdes que envía aos caixeiros automáticos? De golpes de tecla no ar que dan a orde de imprimir máis.

Hai algún patron apreciábel? O diñeiro sempre se crea "do ar".

Así que parece que Krugman non entendeu do todo o negocio bancario. Calquera depósito que se ingrese nos bancos convértese case completamente en depósitos de pagarés bancarios. É todo diñeiro dos bancos. De onde saíu? Pois dos bancos. De onde o sacaron? Pois creárono. Como? Sacárono do ar.

Poñámolo doutro xeito. Un pode escribir un pagarei ao seu veciño: "déboche cinco pesos". É a túa responsabilidade financeira e o activo financeiro do veciño. De onde sae? Do ar.

Houbo que sacar efectivo primeiro para poder escribir o pagarei? Non. Hai que ter cinco dólares en efectivo para escribir o pagarei? Non.

Agora, hai que cancelar a débeda nalgún momento. Se o veciño presenta o pagarei para cancelar, haberá que proporcionarlle o diñeiro, escribir un cheque a conta do depósito bancario ou proporcionarlle algo que teña un valor mutuamente aceptado como equiparábel. Cando xa se cancelou a débeda, o veciño devolve o pagarei e escáchese en anaquiños.

Neste proceso "creouse  diñeiro" sacado do "ar"; o "diñeiro" era o pagarei denominado en dólares. (O diñeiro creado destrúese unha vez se pagou a débeda).

Pódese obxectar: pero como pode iso ser diñeiro? Se tan só era a miña débeda co meu veciño! Se nin sequera circulou! Se o meu veciño non puido comprar nada con el! Si, todo iso é certo.

Doutra banda, é concebíbel que un sexa ben coñecido e toda a veciñanza confíe nun. En tal caso, o veciño que recibiu o pagarei podería certamente transferilo como pago ao seu propio pagarei con outro veciño (un "terceiro"). Nese caso, este outro veciño podería presentarllo a un para cancelalo. Ou o veciño podería contratar a un mozo para cortar o céspede e que o mozo o presente para cancelar. Así, polo menos en teoría, o pagarei podería circular para pagar débedas ou contratar servizos.

Como sempre dixo Minsky: calquera pode crear diñeiro; o problema é que este diñeiro se acepte.

Ao que imos é ao grao de "monetización". Non pretendo dicir que este pagarei sexa tan válido como o dun banco; claramente non é o caso. Os bancos son especiais. A parte das divisas propias do goberno, nada cumpre mellor a función do diñeiro que os depósitos bancarios de pagarés.

Con todo, as liñas divisorias sempre foron difusas e hoxe en día sono aínda máis debido á batería de innovacións por parte dos bancos e outras institucións financeiras (o que agora chamamos "bancos na sombra"). Por exemplo, excepto en época de crise, os fondos de investimento do mercado monetario (emitidos polos bancos na sombra) son case equivalentes aos depósitos bancarios. En crise, de calquera forma, os rescates proporcionados polo goberno aos bancos en forma de seguros FDIC e as promesas de préstamos da Fed como último recurso fixeron dos pagarés bancarios apostas moito máis seguras que os pagarés dos bancos sombra.

Por tanto, a non ser que teñamos ao Tío Sam velando por nós, os pagarés serán "menos líquidos" e por tanto un diñeiro "inferior" en comparación cos depósitos bancarios. (Para dicilo todo, hai outros motivos polos cales os bancos son especiais, os cales inclúen a súa especialización en avaliacións, como determinar o valor dos créditos, a pesar de que está claro que os bancos máis consolidados esquecéronse de como facelo. Porén iso é outra historia).

Todo isto é un preámbulo a Minsky. A miña primeira lección sobre bancos e diñeiro obtívena de John Ranlett, quen utilizou o seu propio libro de texto (segue sendo unha boa fonte, en caso de poder atoparse). Ademais, por pura coincidencia, a miña compañeira Stephanie Kelton tamén estudou sistemas bancarios e monetarios con Ranlett. Cando Ranlett me ensinaba o "multiplicador de depósitos", entendíao como unha relación entre reservas e depósitos, non como que os bancos aceptaban literalmente depósitos e os canalizaban en préstamos. Máis aínda, sendo o único entre os libros de texto máis recentes, o seu mostraba que os gastos públicos incrementaban as reservas bancarias (non un tema para hoxe, pero si recoñecido pola Teoría Monetaria Moderna) as cales, tamén, créanse do "ar".

Só co feito de que Krugman estudase a Ranlett, nunca cometería un erro tan grave.

Afortunadamente, entón continuei estudando a Minsky, o cal probabelmente entendía o sistema bancario mellor que calquera economista académico.

Nalgún momento de 1983 pasoume un artigo escrito por Basil Moore sobre "contabilidade de reservas contemporánea" (máis adiante publicada na revista Journal of Post Keynesian Economics) e pediume que o lese e lle dese a miña opinión. O artigo versaba sobre os intentos da Fed por focalizar o crecemento de subministración monetaria a través do control de reservas, e argumentaba que mesmo cambiando os procedementos empregados para calcular as reservas obrigatorias (discutidos anteriormente) non terían éxito. Basil defendía que a Fed debía acomodarse á demanda de reservas dos bancos, e continuaba dicindo que deberiamos pensar na subministración de reservas como "horizontal" no obxectivo de taxa de xuro. Máis tarde, en 1998, publicou un libro co título Horizontalists and Verticalists. Baixo a dirección de Minsky, escribín unha tesiña e un libro (Money and Credit in Capitalist Economies) cun enfoque un pouco distinto do mesmo tema.

Non é necesario entrar en detalles. No entanto, si é importante dicir que hai toda unha literatura desenvolvida segundo os enfoques de persoas como John Ranlett, de forma que entre os economistas de hoxe, así como entre os lexisladores, o enfoque dominante é o do "diñeiro endóxeno". Resulta fácil atopar citas de economistas da Fed, o BIS, e outras axencias financeiras internacionais que apoien estes argumentos.

O que Krugman nos apresenta é equivalente á física do século XIX, tan pasada de moda, que non só é errónea, senón que, encima, resulta incómoda. Os seus enfoques sobre o control de préstamos bancarios por parte do banco central a través de restricións cuantitativas sobre as reservas foron rexeitados no tres últimas décadas por practicamente toda persoa competente neste campo. A súa visión dos bancos ingresando efectivo para despois conceder préstamos foi ademais desbotada xa nalgún momento do século XIX.

(Por último, segundo Krugman, "ao final, os bancos non cambian a noción básica das taxas de xuro determinadas pola súa preferencia de liquidez e os fondos prestábeis; si, os dous, porque a mensaxe de IS-LM [modelo Investimento/Aforro-Preferncia de Liquidez, polas súas siglas en inglés] é que ambos os enfoques, correctamente entendidos, son válidos". Aínda así o modelo do ISLM de síntese da teoría de preferencia de liquidez e fondos prestábeis mostrouse como unha confusión lóxica por parte de Keynes en 1937. En 1975 Duncan Foley demostrou que as relaciones fluxo-existencias do modelo son sospeitosas. Mesmo John Hicks, o creador do modelo, abandonouno por confuso e sensentido nos 1980. Ademais a corrente principal da macro finalmente refugou a curva LM tras o "Novo Consenso Monetario" desenvolvido a partir de 1990. Tamén niso resulta extemporáneo. Ben, mais todo isto é demasiado complicado para un blogue.)

Resumamos o enfoque de Minsky sobre bancos e diñeiro. En moitos dos seus escritos destacou seis puntos principais:

1. unha economía capitalista é un sistema financeiro;

2. a economía neoclásica non é útil, xa que nega a importancia do sistema financeiro;

3. a estrutura financeira volveuse moito máis débil;

4. esta fraxilidade fai probábel a posibilidade dun estancamento ou mesmo unha grande depresión;

5. unha economía capitalista estancada non fomentará o desenvolvemento do capital;

6. de calquera forma, isto pódese evitar cunha reforma apropiada da estrutura financeira en conxunción cun uso apropiado dos poderes fiscais do goberno.

Resulta capital no seu argumento entender o concepto de bancos desenvolvido por el mesmo. Centrareime no enfoque xeral de Minsky sobre as institucións e políticas financeiras; non farei ningunha recomendación específica sobre reformas de políticas.

Segundo Minsky, "Unha economía capitalista pode describirse como un conxunto de estados financeiros e de ingresos interrelacionados". Os activos nun estado financeiro son, ou ben financeiros ou ben reais, fixados para producir ingresos ou para ser vendidos ou cedidos en aval. As responsabilidades representan un compromiso prioritario para realizar pagos sobre demanda, nunha data especificada ou cando ocorre algunha continxencia. Os activos e as responsabilidades fíxanse denominados no diñeiro da conta e o excedente do valor dos activos sobre o valor das responsabilidades cóntase como valor neto nominal.

De feito, todas as unidades económicas (familias, empresas, institucións financeiras, gobernos) poden analizarse como "bancos", xa que todos toman unha posición nos activos ao emitir pasivos, mantendo marxes de seguridade para a súa protección. Unha marxe de seguridade é o exceso de ingresos que se espera xerar por propiedade de activos sobre as obrigacións de pago entrañadas polos pasivos. Outro é o valor neto (para un fluxo esperado de ingresos dado, canto maior é o valor dos activos relativo aos pasivos, maior é a marxe de seguridade). Outro máis é a liquidez da posición: se os activos poden venderse rapidamente ou garantirse como avais nun préstamo, a marxe de seguridade é maior.

Se o tempo de duración dos activos excede o dos pasivos en calquera unidade, entón as posicións deben ser refinanciadas contínuamente. Isto require "o funcionamento normal de varios mercados", incluíndo os mercados seguros no caso de que as canles normais de refinanciamento creben ou se volvan demasiado "caras".

Se ocorre un desaxuste, as unidades económicas que requiren un acceso continuo ao refinanciamento tentarán "tomar posicións" "vendendo posicións" (vendendo activos para cubrir as obrigacións de efectivo). Posto que os activos financeiros e os pasivos iguálanse a cero, a dinámica dunha venda xeneralizada consiste en conducir os prezos dos activos cara a cero, o que Irving Fisher chamou un proceso de deflación de débeda.

As institucións especialistas en finanzas poden tentar protexer os mercados estando preparadas para comprar ou prestar contra os activos, previndo así que os prezos caian. De calquera xeito, estarán atafegados por contaxio, e entón fecharán o garito e negaranse a proporcionar financiamento. Por este motivo, requírense as intervencións do banco central para protexer polo menos a algunhas institucións financeiras proporcionándolles temporalmente financiamento mediante facilidades de préstamo de último recurso. Como creador de diñeiro de alto poder, só o Estado (banco central máis facenda) pode comprar ou prestar en contra dos activos sen límite, proporcionando unha inxección infinitamente elástica de diñeiro de alto poder.

Estes son os argumentos xerais que se poden aplicar a calquera tipo de unidade económica. É ao que Minsky se refería cando dixo que calquera unidade pode ser analizada coma se fose un "banco", tomando posicións mediante a emisión de débeda.

Aínda así, as institucións financeiras son "especiais", porque operan con taxas de alto apalancamento: por cada dólar de activos, poden emitir 95 céntimos de pasivos; as súas posicións nos activos son realmente posicións "financiadas". Aínda máis, algúns tipos de institucións financeiras especialízanse en tomar posicións en activos financeiros de máis longo prazo á vez que emiten responsabilidades de curto prazo (isto é, colócanse intencionadamente na posición de requirir contínuamente refinanciamento).

Un exemplo extremo sería unha caixa de aforros de principios dos 80, que posuía hipotecas a 30 anos con taxas fixas á vez que emitía depósitos á vista. Tal institución require un acceso continuo ao refinanciamento en termos favorábeis, posto que a taxa de xuro que gaña é fixa e porque non pode vender activos facilmente. Isto pode describirse como unha posición carente de liquidez que require acceso a unha fonte de liquidez (bancos Federal Home Loan ou a Fed).

Aínda así hai outro tipo de institucións finacieras (bancos de investimento) que se especializan en preparar financiamentos mediante o posicionamento de accións ou débeda en carteiras utilizando os mercados. Baséanse máis tipicamente en cargos por ingresos que en xuros. En circunstancias normais, non tomarían estes activos directamente, mais se os mercados se desestabilizan, poderían ficar con activos despois difíciles de vender (aos prezos que prometeron), e por tanto, necesitarían acceso a un financiamento dos seus inventarios de accións e bonos. Algúns poden negociar activos por conta propia, xerando ingresos e gaños de capital, ou poden facelo para os seus clientes.

Por tanto, hai moitos tipos de institucións financeiras. Minsky distinguía entre bancas comerciais tradicionais, bancas de investimento, bancas universais e modelos de sociedades controlantes públicas.

Unha banca comercial tradicional concede unicamente préstamos a curto prazo que se avalan con bens de produción e distribución. Os préstamos convértense en bens axiña que se venden (este é o modelo da vella doutrina que Real Bills tiña en mente. As posicións da banca fináncianse mediante a emisión de responsabilidades a curto prazo, tales como depósitos á vista e de aforros, ou, no século XIX, cheques bancarios). As conexións dentro do banco, a "subministración de diñeiro" e a produción real aseméllanse (o tipo de relación que a teoría cuantitativa do diñeiro dá por sentada).

Esencialmente, a empresa adquire un préstamo para pagar os soldos e materias primas, e o banco avanza depósitos á vista recibidos dos traballadores e subministradores. Cando os produtos se venden, as empresas poden cancelar os préstamos. Os bancos cargan os préstamos con xuros máis altos que os depósitos que pagan (de forma que a marxe de xuro neto proporciona beneficios ao banco).

Cabe mencionar que os bancos non esperan de brazos cruzados a recibir depósitos para poder prestar. Máis ben o proceso ocorre ao revés: os bancos aceptan o pagarei da empresa que necesita pagar os seus ordenados e materias primas e despois crean o depósito (ou, antigamente, un cheque bancario) que a empresa utiliza para as súas compras. Como din os partidarios do diñeiro endóxeno: "os préstamos crean depósitos" (non nun sentido metafísico, senón no de que o banco "compra" o pagarei da empresa emitindo o seu propio depósito de pagarés. Así "financia" a súa posición no pagarei da empresa emitindo o seu propio depósito de pagarés).

Unha vez a empresa conclúe a produción e vende o produto final, recibe depósitos e utilízaos para cancelar o préstamo a curto prazo. Seguindo o que discutimos anteriormente, a empresa "redímese" devolvendo ao banco o propio pagarei do banco; o repago do préstamo "destrúe" os depósitos do banco (os préstamos e os depósitos no estado financeiro do banco cárganse de forma simultánea).

Agora, é probábel que moitas das vendas que realiza a empresa estexan destinadas a consumidores que utilizan outros bancos, de forma que a empresa reciba cheques bancarios emitidos noutros bancos (e os cancele no seu propio banco). Con todo, estes cheques cancélanse (ben a través da Fed, ou nun sistema interbancario privado) no seu valor nominal. Así que non é necesario que a empresa devolva ao seu banco o seu propio pagarei (os de calquera banco son válidos).

Se os depósitos pretenden manter a súa paridade (con outros bancos e con efectivo), as perdas nos activos deberán ser moi pequenas, posto que as accións da banca comercial deben absorver calquera redución de valor dos activos. É o deber do banqueiro comercial permanecer escéptico; como gostaba de dicir a Minsky, o clixé dun banqueiro é: "nunca vin unha Pro forma que non me gustase" (os prestamistas sempre presentan unha análise favorábel das súas perspectivas). Por iso é tan necesario avaliar con sumo coidado.

Mentres que resulta certo que os préstamos poden facerse contra avais (por exemplo, bens no proceso de produción e distribución), un banco exitoso apenas se verá forzado a aceptar o aval. Un banco non debería operar como unha casa de empeño. Como di Martin Mayer, a banca sempre foi un negocio en que o beneficios chegan co tempo, cando os prestatarios pagan os xuros. Alude á moralidade do prestamista, cuxo éxito depende do éxito do prestatario. Non di que apostar sobre o fracaso de quen nos concede o préstamo significa para un banco comercial atentar aos seus deberes. (Goldman Sachs debería prestar atención a isto).

O banqueiro ten a chave (é o "éforo do capitalismo", tal e como o chamaba o director orixinal da tesiña de Minsky, Josef Schumpeter), posto que os empresarios non só deben ser o suficientemente optimistas para investir, senón que ademais deben atopar un banqueiro que estea disposto a avanzarlles o custo dos soldos para poder obter resultados do investimento.

Ao financiar o custo dos soldos dos traballadores no sector de bens de investimento, os bancos comerciais fomentan o desenvolvemento do capital na economía aínda que non proporcionen financiamiento real para a toma de posicións en bens de investimento. Por tanto, podemos diferenciar entre producir bens de produción e telos en propiedade.

Para Schumpeter, e para Minsky tamén, o "éforo do capitalismo" rompe o ciclo básico de produción e consumo de bens salariais (no cal os bancos simplemente financian a produción de bens de consumo polos traballadores, cuxo consumo esgota exactamente o custo dos soldos requirido para producilos). Noutros termos, o éforo permite a xeración de beneficios mediante o gasto en financiamento por parte daqueles que non están directamente involucrados en producir bens de consumo.

Entrar en detalle conduciríanos a unha materia demasiado complicada. O seguinte paso sería discutir o papel da banca de investimento, cuxo banqueiro financia posicións a longo prazo en activos de capital. Esta é unha actividade moi distinta, que permite aos depositantes optar entre activos líquidos (financeiros) ou posicións en activos reais (ben directamente, posuíndo unha empresa, ou indirectamente, mediante a propiedade de accións). Glass Steagall mantivo a separación das funcións da banca de investimento e a comercial. As liñas non estaban moi claras cando ao principio permitíuse ás sociedades controlantes posuír ambos os tipos de bancas, e despois esnaquizou e revogou a Glass Steagall. Para aqueles interesados no enfoque de Minsky acerca destes temas, vexan a miña publicación no Levy Institute: http://www.levyinstitute.org/publications/?docid=1301

Recapitulemos:
1.-A banca non debe describirse como un proceso no que se aceptan depósitos para conceder préstamos.

2.- Máis ben, os bancos aceptan os pagarés dos prestatarios e despois crean depósitos de pagarés que os prestatarios poden gastar.

3.- De feito, é frecuente que o banco simplemente acepte o pagarei dun prestatario e logo cre o pago para devandito prestatario (asinando un cheque para o concesionario, por exemplo).

4.- Como todas as unidades da economía, os bancos financian posicións nos seus activos (incluíndo pagarés de prestatarios) mediante a emisión das súas propios pagarés (incluíndo depósitos á vista).

5.- Os bancos utilizan as reservas para compensar con outros bancos (e co goberno, un tema que non tratamos aquí). Os bancos tamén utilizan as reservas para cubrir as retiradas de efectivo dos clientes. As reservas bancarias no banco central cárganse a débito cando necesitan efectivo para as dicir retiradas.

6.- Nalgúns sistemas, incluíndo o dos EUA, o banco central fixa un coeficiente obrigatorio de reserva. No entanto, isto non proporciona ao banco central un control cuantitativo de préstamos e depósitos. Máis ben, o banco central fornece reservas sobre demanda, mais fixa o prezo ao cal fornece ditas reservas cando o seu obxectivo é a taxa de xuro do día seguinte. Nos EUA o obxectivo principal é a taxa dos fondos da Fed. O control da Fed sobre os bancos baséase nos prezos, non na cantidade de reservas.

Isto devólvenos ao enfoque bancario do século XX. Krugman podería obter un grande beneficio subíndose aos ombreiros dun xigante como Minsky.

15/04/2012

Metafísica contra maquinaria: Marx. Keynes, Minsky e a crise

Alejandro Nadal. Artigo tirado de SinPermiso (aquí) e traducido por nós.



Unha versión moi popular sobre as orixes da crise sostén que a avaricia conduciu aos operadores do sector financeiro ao exceso que xerou o desastre. É unha interpretación da crise que atopa moitos adeptos porque permite atopar fallas nas debilidades e vicios dunhas cantas persoas. O sistema está ben, só que sempre hai unhas cantas mazás podrecidas que todo o botan a perder.

De entrada esta representación da crise ten un problema. Suponse que o mercado é un dispositivo que se nutre do egoísmo e da ambición individual. Como di Adam Smith, é precisamente porque os individuos son egoístas e perseguen o seu interese persoal que se logra unha situación de harmonía social en e polo mercado. De aí a súa metáfora: é coma se cada un fose guiado por unha "man invisíbel" e polo seu egoísmo terminase facendo o ben para todos os demais. Como é que agora a ambición desmedida provoca as crises?

Ben, tamén se di que a desregulación do sector bancario fixo posíbel o desastre. A ambición sería o motor, mais a eliminación de controis sobre o sector bancario e financeiro abriu o camiño para o despregamento desas paixóns, traendo consigo graves implicacións macroeconómicas.

Porén aquí hai algo interesante. Resulta que se son as paixóns desmedidas as que procrean a crise, entón o que se necesita para previla é estabelecer os límites adecuados a tal frenesí. No caso actual, a crise teríase evitado se se puxesen límites á ambición desmedida. En síntese, o sistema económico está ben, mais ás veces algúns seres humanos descarrílano pola súa conduta malévola ou torta.

Claro, a retórica que utiliza a teoría económica busca expurgar calquera referencia á moral e prefírese usar a palabra "expectativas" en lugar de "paixóns": os axentes económicos teñen expectativas que se forman de maneira máis ou menos racional. E así, desde Keynes até Lucas, pasando por Minsky, os planos de investimento e consumo dos axentes que integran unha economía fórxanse a través dos esforzos para enfrontar a incerteza (Keynes) ou para frustrar as intervencións do goberno (Lucas).

A análise de Minsky é máis sofisticada, mais descansa na mesma idea. Do mesmo xeito que outros autores post-Keynesianos, Minsky ofrece un modelo máis serio sobre o funcionamento dunha economía monetaria capitalista que o que propón a teoría convencional. Na súa explicación sobre a dinámica dunha economía capitalista, o endebedamento e os bancos teñen un papel importante. (Aínda que os lectores sorprenderanse, nos modelos da teoría convencional, a que é utilizada para facer a apología do ultraliberalismo, os bancos non aparecen por ningún lado. Si, así como o len: nos modelos dos economistas do sistema, nin os bancos, nin o endebedamento teñen o lugar que merecen. Porén estoume  desviando do tema).

Aquí o importante é destacar que no modelo de Minsky sobre as crises financeiras o papel das expectativas é crucial. Nas fases de tranquilidade nunha economía capitalista, os axentes económicos, empresarios na economía real ou prestamistas no sector financeiro atopan que as súas expectativas sobre a evolución favorábel da economía están a confirmarse. Proceden a corrixilas á alza e iso conduce á apreciación dos seus activos, o que lles permite maior apalancamento e endebedamento. E iso conduce novamente a novas correccións na súa conduta como tomadores de risco e así sucesivamente. No entanto, aos poucos o proceso esgótase e arrinca un proceso de deflación. É a crise e no seu desenvolvemento, o compoñente subxectivo (a formación de expectativas) desempeña un papel fundamental.

Existe outra visión sobre as desfeitas que sofren as economías capitalistas. Nela o sistema económico conduce á crise independentemente da formación de expectativas ou das motivacións da conduta dos axentes. Nesta percepción o sistema económico é como unha maquinaria cuxas contradicións internas imprimen o dinamismo que conduce ás crises. Non se trata aquí de saber que pasa cando os axentes abrazan prognósticos máis ou menos optimistas sobre o futuro da economía, ou cando se equivocan nas súas anticipacións. A economía funciona de tal maneira que a crise é inevitábel, calquera que sexa o proceso e o resultado da formación de expectativas.

É ao que conduce a análise de Marx. As contradicións do capitalismo, e en especial a loita de clases, son a incubadora da(s) crise, independentemente das motivacións e expectativas dos axentes. Nin o sub-consumo, nin a sobre produción son suficientes para deter permanentemente o proceso de acumulación capitalista. En cambio, a lei tendencial sobre a caída da taxa de gaño erixe unha barreira para a expansión do capital que soamente pode resolverse en e a través da crise. Esa lei maniféstase sen implicar unha referencia ás anticipacións dos axentes.

É certo que hai paralelismos entre a análise de Keynes-Minsky e de Marx. Sen dúbida as súas análises son complementares e desembocan claramente na mesma conclusión: unha economía capitalista é inherentemente inestábel. Keynes diría que, ademais, é capaz de manter niveis socialmente inaceptábeis de desemprego durante moito tempo. Por iso é necesaria a acción do goberno e ábrese o debate sobre os diferentes méritos da política fiscal versus a monetaria, etc. Porén a diferenza profunda entre Marx e Keynes-Minsky é que no primeiro non hai maneira de evitar a crise. O capitalismo non é só "inherentemente inestábel", senón que é sinónimo de desigualdade e crise. A saída non é unha regulación adecuada ou unha intervención eficaz, senón a transición a un sistema socialmente desexábel.