26/07/2012

"Creouse algo novo que é o extremismo de centro"

Tariq Ali. Artigo tirado de SinPermiso (aquí) e traducido por Revolta Irmandiña. 23/07/12. Tariq Ali é membro do consello editorial de SEN PERMISO. Un dos seus últimos libros publicados é The Duel: Pakistan on the Flight Path of American Power [hai tradución castelá en Alianza Editorial, Madrid,2008: Paquistán no punto de mira de Estados Unidos: o duelo].



 


A nosa colaboradora Corina Tulbure entrevistou a Tariq Ali para Sen Permiso durante o Congreso Marx is Muss, que tivo lugar en Berlín do 7 ao 10 de xullo. Tamén transcribiu e traduciu a entrevista.

Como ves os países de Europa do Leste? Por unha banda son parte da Unión Europea, pero doutra banda, os seus traballadores son tratados como man de obra barata dunha colonia.

Durante un longo período de tempo, os Estados de Europa do Leste queixáronse por ser Estados satélites da antiga URSS, detalle que, en certo xeito, non dista demasiado da verdade. Con todo, na miña opinión, pasou algo peor: estes países deron un salto e, de satélites da URSS, chegaron a ser satélites dos EEUU. Considero que se trata de países sen unha verdadeira independencia, simplemente transitaron dunha esfera de influencia a outra. Por que a actual influencia sería por defecto mellor que a anterior? Como mínimo, durante a época anterior, refírome ao período socialista, existían vivendas subvencionadas polo Estado, unha saúde pública de acceso universal, unha educación de carácter universal e a diferenza na distribución da riqueza entre a xente do montón e as persoas que pertencían ao aparello burocrático quedaba patente, pero non era unha diferenza tan elevada como a data de hoxe. Cando pensamos en como vivía un membro da cúpula política daqueles momentos, no canto de vivir nun piso cun dormitorio, habitaba un piso con catro dormitorios. Pero iso é nada en comparación coa desigualdade dos nosos días. E a xente esqueceuse deste pasado, pero a antiga xeración aínda o mantén na súa memoria. Por iso considero que o cambio, para moitos dos países de Europa do Leste, non todos, foi un desastre. Desde o punto de vista económico, as condicións de vida da grande masa de xente empeoraron, os prezos en xeral aumentaron e os prezos das propiedades saltaron polo aire. Desde o punto de visto económico son Estados colonizados pola UE, ou, para ser máis preciso, por Alemaña

Pensas que o mesmo proceso pódese identificar nos países do Sur de Europa? Asistimos a unha paulatina "colonización económica" mediante as medidas impostas tras os rescates?

Se miramos a Grecia e Italia, os banqueiros europeos deciden quen vai gobernalos. Finalmente estes países están gobernados basicamente polos banqueiros nomeados pola UE co visto e prace do Goberno alemán. Que é entón a democracia se os banqueiros, os culpábeis da crise, se converten nos nosos mandatarios? España é un país que está en bancarrota e as condicións de vida empeoran a diario. A data de hoxe, en caso de convocar un proceso electoral, o elixido Goberno de dereitas estaría fóra. O Partido Socialista capitulou ante todas as mediadas de austeridade tomadas pola dereita, así que a esquerda debe construír unha nova organización. Esquerda Unida en España, aínda que sexa unha boa opción, debe empezar a actuar, abrirse ao movemento dos indignados, construírse un novo discurso, non enquistarse na antiga forma de facer as cousas. Así que os problemas a afrontar son inmensos, mais tamén existen novas posibilidades para contraatacalos.

Cal é o papel dos partidos políticos a data de hoxe? Moita xente pensa que a votación é un xesto sen efectos. Como te sitúas: deixar de votar, como forma de protesta, ou "ocupar" o político?

Os movementos de ocupación das prazas, dos espazos públicos son moi importantes, mais trátase dun xesto simbólico. Ocúpase un espazo público, mais a política segue por detrás o seu rumbo anterior, por iso o movemento Occupy non formula unha oferta concreta para a xente, unha alternativa, e niso radica o problema. A ocupación das prazas en si simboliza o xesto dun profundo descontento. Tras os masivos movementos de ocupación das prazas de España que pasou? Non tiveron ningún impacto nas eleccións, dado que a maioría da xente nova afirmou que non ía votar, actitude que entendo, mais como mínimo votasen por calquera dos partidos de esquerda que valla a pena. Por suposto que non se trata de votar polos socialistas ou pola dereita, senón votar por partidos de esquerda que mostren unha alternativa válida, é un compromiso cun mesmo, vale a pena levalo a cabo. A data de hoxe non existe unha alternativa que non implique os votos, e aínda non se creou ningunha outra alternativa dentro do político.

Que significa a socialdemocracia actualmente?

A data de hoxe, a socialdemocracia non é nada. Significa ser parte do centro, do centro político, que fundamentalmente non mostra diferenzas esenciais cos conservadores. Significa apoiar as guerras de EEUU e a ocupación de terceiros países e as medidas de austeridade en casa. En consecuencia, cal é a diferenza? De feito, o que vemos é que se degrada e se corrompe o sistema de democracia parlamentaria. E este resultado é unha responsabilidade das políticas de centro, o centro-dereita e o centro-esquerda. Creouse algo novo que é o extremismo de centro. O centro actúa como un bloque cando nota que algo lle pode debilitar.

Ante un problema xeneralizado de degradación das condicións laborais, como se pode reaccionar? Emigrar a outro país, ou quedar no lugar e loitar por cambiar a situación?

É difícil atopar unha solución agora, porque cada un dos países da UE está en crise e os inmigrantes están moi golpeados pola crise. En cada un dos países, a dereita e a extrema-dereita sitúanse contra os inmigrantes, é unha situación clásica nunha crise económica grave. Os traballadores autóctonos de países como Grecia, España, Italia ou Francia deberían unirse cos inmigrantes pobres, porque a situación destes inmigrantes non dista da situación que eles mesmos viven ou vivirán. Todo o contrario, os traballadores nativos destes países serán as seguintes vítimas desta precariedade laboral. Por desgraza, non existe unha resposta potente dos traballadores contra o capitalismo que vivimos hoxe.

Cal sería o papel dos sindicatos nun mundo globalizado? Defender ao traballador local ou optar por unha consolidación dos sindicatos a nivel internacional?

Evidentemente que estaría moi ben conseguir un movemento dos traballadores a nivel internacional, mais debemos empezar polo nivel nacional. A insuficiente maneira en que os sindicatos integraron entre as súas filas aos traballadores inmigrantes é unha mostra da debilidade da súa loita. Á fin e ao cabo, os traballadores inmigrantes van a outros países para facer os traballos que os autóctonos non queren facer, e iso queda patente. Grecia, por exemplo, un país pobre, fomenta a chegada de inmigrantes. En Grecia traballan uns centos de milleiros de traballadores paquistanís, padecendo agresións por parte  dos movementos de extrema dereita e sufrindo ataques ás súas vivendas, nos portos de Atenas. E por que van a Grecia? Para conseguir un traballo, porque existe un tipo de traballo para eles, é dicir as faenas que os traballadores gregos xa non queren realizar, como o facían antes.

Falando da discriminación, crees que a propaganda que existe a data de hoxe en Europa contra os musulmáns ten similitudes coa propaganda desenvolvida pola extrema dereita antes da Segunda Guerra Mundial?

É moi similar, moi parecida a aquel tipo de propaganda. Aínda máis, os mesmos argumentos que se usaron contra os xudeus escóitanse a data de hoxe, en toda Europa, contra os musulmáns: o seu día de oración é diferente, teñen unha alimentación que non nos gusta, visten de maneira estraña, falan unha lingua diferente, en fin, non son parte do noso mundo. Nos tempos pasados aos xudeus considerábaselles "bolxeviques" e agora aos musulmáns táchaselles de "terroristas".


Nenhum comentário: