Aquela estampa do baril labrego co machado ao lombo que olla en fite e dilles aos raparigos que o arrodean: "A nosa Terra non é nosa, rapaces!". Estouna a ver enmarcada e pendurada na parede do longo corredor da casa da rua do Vilar da miña infancia na compaña doutras varias do álbum "Nós", as máis punxentes se cadra, naquela época na que a obra de Castelao non se non podía ensinar nas escolas nen achar nas librarías e o seu nome non se non podía pronunciar impunemente en público. Quén mo diría daquela: vai aló máis de meio século e o rodopío do tempo, tal miniatura dos corsi e ricorsi de Vico, vólvelle dar vixencia plena á estampa e á espida sentencia do seu pé. Só que gráficamente transmutada pola traumática metamorfose social que extermina aos retratados nela: xa cáseque non hai labregos no agro nen picariños nas aldeas, mais o protagonista simbolizado daquela polo home do machado é este povo, e ise, malia que maltreito, aínda alenta e loita e brada que a nosa Terra non é nosa.
Nen sequer o vento. "Non hai no mundo lugar máis venteado que Elsinor", di o coro no xenial "Don Hamlet" de Cunqueiro. "Aqui en Elsinor todo temos pechado por mor do vento. Todo ten que estar dentro: a xente, o gado, o xardin". Na Galiza, non. En Elsinor-Galiza, neste país hamletián onde os haxa, no lugar máis venteado da fisterra europea, todo estivo sempre aberto ao mar e ao vento tamén. Este povo sempre coidou que o mar e o vento eran libres. Até que viñeron forasteiros e pecháronnolos. Non nos pechamos nós ao mar e ao vento. Viñeron outros de fóra, chegaron de Terra Ancha e inda mesmo de máis lonxe, e non satisfeitos con nos despousiren da xente, o gado, os ríos e o xardín, pecháronnos tamén as portas de acceso ao mar e ao vento que coidabamos seren bens libres ao noso dispor. Até o mar e o vento fóronnos vedados e espoliados.
Volvíanme pasar polas mentes esas recordacións estoutro dia, mentras escoitaba a Rosa Regueiro expór, con moita precisión e galanura, por certo, a sua espléndida tese de doutoramento encol do sector eólico na Galiza actual, que eu lera demoradamente xa. Volvíanme rebulir no esprito as duas sensacións opostas que xa esperimentara na leitura previa desa tese: o disfroite inteleitual dunha esculca ben feita, e a tortura moral de comprobar a persistencia recrudecida dos andacios que eu mesmo denunciara hai trinta e cinco anos, e a xeración de Castelao tres cuartos de século atrás. Cómo era posíbel -perguntábame- que a espoliación colonial dos nosos recursos proseguise durante tres decenios de "autonomía" política, seica, favorecida mesmo polos poderes encarregados do "noso" autogoverno, e inda por riba exacerbada pola brigada de demolicións arestora instalada nas institucións da CAG -léde "Comunidade Autónoma de Galicia". Incomprensíbel, non si?.
Porén, évos así: o feitos son contundentes. En 1995, o fraguismo enceta os "plans de produción de enerxía eólica en Galicia". Entendede ben: simplesmente normas para a concesión de "parques eólicos" á "iniciativa" privada no territorio da CAG -nada de iniciativa pública nen programación racional do aproveitamento da enerxía eólica en clave dunha política autonómica de desenvolvemento endóxeno, nen de beneficio económico e benestar social da cidadanía galega. Nen sequer de promoción do acceso de capital privado indíxena á esplotación dese recurso, no que Galiza vai destacada en cabeza dentro do Estado español. O resultado ven ser como se Noruega e Escocia tivesen ficado á marxe da esplotación do petróleo nas suas augas teritoriais do Mar do Norte.
Reparade, se non. Dende 1995 ao 2007 -en duas fases marcadas por dous sucesivos marcos normativos, 1995-2001 e 2001-2007- enormes grupos transnacionais forasteiros fanse coa parte do león nas concesións. E moi concentradamente: cinco diles acaparan o 85% da potencia autorizada na primeira fase, e o 72 % na segunda. Velos eiqui. ENTRECANALES: 32 e 36 %. IBERDROLA (a autora do consentido atentado ecocida nos canóns do Sil): 21 e 19 %. ACS (do "famoso" Florentino Pérez do RM): 10 e 5 %. ENEL: 15 e 10%. FCC (das "célebres" irmás Koplowitz): o resto. Á altura do 2007, as concesións a empresas galegas non chegan ao 15% da potencia autorizada na ducia de anos transcorridos. A todo isto, a maor parte das concesións invaden montes viciñais en man común -disque protexidos e declarados inalienábeis e imprescriptibeis pola Lei galega do 1989, cando do governo tripartito, e reducida a cinzas polo fraguismo. E a todo isto tamén, nada menos que o 39% dos eólicos están ubicados en territorios declarados espazos naturais protexidos ou mesmo parques naturais. E, agás esceicións, nen as comunidades de viciños, nen os proprietarios dos montes, nen sequer os concellos, pintan nada nas concesións. Isto é Jauja praos depredadores. "Aqui en Elsinor-Galiza téñennos todo invadido por mor do vento".
No 2005 chega o "bipartito" á Xunta e ao cabo, no 2007, por iniciativa do BNG, aproba un decreto que muda para ben o marco normativo do sector eólico. O decreto abre as portas á participación de capital público e máis á implicación dos proprietarios dos montes nos proxectos eólicos, asi como á participación das entidades públicas e os cidadáns no procedemento de implantación dos parques. Non o fai con caráiter obrigatorio, mais estimula aos promotores a escolleren esas fórmulas. Nese novo marco normativo convócase un concurso, resolto a finais do 2008, que comeza a obxetivar e racionalizar os criterios e o proceso de adxudicación en direición a unha estratexia de política enerxética autónoma tendencialmente confluente cos intereses da cidadanía galega -mais, xa que logo, diverxente das pautas impostas nas fases precedentes polos voraces grupos de presión forasteiros. E sobrevén o desastre. Desaloxado o bipartito da Xunta nas eleicións do 2009, os novos ocupantes non só anulan o concurso xa adxudicado -sen que nen os adxudicatarios perxudicados nen a "cega" patronal galega remusguen sequer- senón que derrogan o decreto e cociñan unha nova lei... aberrante.
Si, aberrante. Primeiro, porque no canto dunha lei semella un panfleto de propaganda ideolóxica de ultradereita -ao estilo dos preámbulos das chamadas "leis fundamentais" do extinto (?) rexime franquista. Segundo, porque arremete contra a participación tanto for pública coma cidadán -ou sexa, postulados basilares de calquer sistema democrático- no aproveitamento dun recurso natural enerxético do país. Terceiro, porque enmascara demagóxicamente nun confuso e difuso -mesmo tan etéreo coma o proprio vento- disque Fondo de Compensación Ambiental a entrega da enerxía eólica galega aos mesmos sempiternos depredadores dos nosos recursos enerxéticos, sexan fósiles -lignitos xa totalmente esquilmados- ou hidráulicos -o famoso "aproveitamento integral dos ríos galegos", agora redivivo en disfraz de "mini-centrais" ou sen disfraz ningún, como no Sil.
O andacio social de máis graves consecuencias políticas, entre os moitos históricamente padecidos pola nación e o povo galegos, non radica nos síndromes da patoloxía popular máis consabidos, sexan reais ou ficticios. Non. O andacio máis grave consiste na sistemática pitoñez e deserción das suas elites sociais e grupos dirixentes nas fases máis críticas e decisivas da sua historia. A treición que xa denunciaban os Precursores no XIX, logo as Irmandades e a Xeración Nós no XX, e máis logo aínda as mocedades nacionalistas insurxentes contra o fascismo franquista. A que agora está a consumarse dende a cúpula mesma das institucións estatuídas para servir a este país e este povo, postas "patas arriba" para millor mallar nil. A treicioeira desercíón dos que só ven Galiza coma un "territorio" a espoliar, non como unha cidadanía a servir. Como un couto mineiro e, se cadra, de caza e pesca tamén, nunca como un hábitat natural e humano. Pra éses, o estado de perfeición consistiría en administraren colonialmente un deserto verde e pardo, ou sexa un territorio "despovoado", unha vez exterminados os untermenschen indíxenas.
A Nosa Terra non é nosa, rapaces, certamente. Nen tan sequer o vento é noso tampouco. Pois compre que o sexan, madia leva. Con ese andacio compre acabarmos. Entre tod@s -e de vez.
Nenhum comentário:
Postar um comentário