24/11/2011

Onde é que está o tsunami?

Vicenç Navarro. Artigo tirado de aquí e traducido por nós para o galego. Ilustración Mikel Jasó.

Non hai plena conciencia nos maiores centros dos establishments políticos e mediáticos españois do grao de descontento da maioría da poboación cara á clase política. Unha das expresións utilizadas polo Movemento 15-M para manifestar o seu desacordo coas políticas públicas altamente impopulares aprobadas durante os anos de crises por maiorías nas Cortes españolas (e en varios parlamentos autonómicos), é que tales políticos "non nos representan", palabra de orde que goza dunha simpatía xeneralizada entre a poboación. As enquisas de opinión popular expresan que a clase política converteuse nun dos maiores problemas que existe no Reino de España.

Este desapego coas institucións políticas está baseado, en parte, na natureza pouco representativa do Parlamento, resultado dun sistema electoral pouco representativo, feito que se mostrou con toda claridade nas eleccións do 20-N.

A interpretación máis común nos medios de maior difusión españois é que a poboación se moveu cara á dereita, elixindo masivamente ao partido conservador. Con iso sinálase por parte de tales medios que existe un amplo apoio ás propostas electorais de tal partido, que se centran na necesidade de facer recortes masivos de gasto público. Rajoy sinalou en campaña que, excepto as pensións, ningún outro capítulo do orzamento salvaríase das reducións de gasto público.

 A vitoria do PP está a presentarse, pois, como unha vitoria abafadora, utilizándose o termo tsunami con grande frecuencia. E como mostra deste tsunami apreséntase o mapa electoral de España cuberto de azul, a cor do PP, excepto en Catalunya e no País Vasco. Tal tsunami preséntase tamén como un mandato para facer políticas de austeridade. Por certo, en Catalunya, a vitoria de CiU tamén se presentou como unha aprobación masiva por parte do pobo catalán das políticas de recortes que realizou tal partido no Goberno.

En todas estas interpretacións ignórase a escasa calidade democrática do sistema electoral español. Vexamos os datos. O PP conseguiu só o 30% do voto do censo electoral, é dicir, de todos os españois adultos que podían votar. Iso quere dicir que o 70% non lle votou. Non é certo, por tanto, que o pobo español que inclúe, ademais dos votantes do PP, aos abstencionistas e aos votantes doutras opcións políticas, dese o seu apoio ao PP e ás súas políticas de austeridade. A grande maioría do pobo español non votou ao PP, nin apoia as súas políticas.

É máis, os datos tampouco confirman que houbese un movemento do pobo español cara á dereita. O voto do PP foi do 30,27% de todas as persoas que podían votar, que foi só un 0,96% (repito, só un 0,96%) máis do que conseguiu en 2008 nas anteriores eleccións lexislativas (un 29,31%). É difícil soster que houbo un tsunami a favor do PP, a expresión utilizada na maioría dos medios. Continúa sendo un partido que, baixo un sistema proporcional que dese o mesmo peso a todos os votos, sería minoritario. O seu aumento acentuado de número de parlamentarios débese primordialmente ao colapso do PSOE, que pasou de representar o 32,19% do censo electoral ao 19,49%, precisamente por facer os recortes que agora o PP quere expandir. Non é coherente argumentar que hai un mandato popular para realizar as políticas de austeridade do PP cando o PSOE foi expulsado do Goberno precisamente por levar a cabo tales políticas.

Unha situación mesmo máis acentuada ocorre en Catalunya con CiU. Este partido conseguiu só o voto do 18,8% de todos os cataláns que podían votar, o cal quere dicir que o 81,2% non lle votou. Deducir diso -como concluíu o presidente de tal partido e da Generalitat- que o resultado das eleccións é unha mostra de apoio do pobo catalán aos seus recortes é unha lectura excesivamente sesgada que carece de credibilidade. Aquí, de novo, o feito de que se apresentase a toda Catalunya baixo as cores de CiU débese predominantemente ao descenso tan notábel do PSC, que pasou de cultivar o apoio dun 31,74% do censo electoral (de todos os cataláns que podían votar) a un 17,1%, resultado en grande parte da identificación do PSC cos recortes do Goberno Zapatero.

 Non hai, pois, un mandato popular para que o PP ou CiU realicen as políticas de recortes, se por mandato enténdese o desexo da maioría da cidadanía. En realidade, as enquisas que temos dispoñíbeis mostran que a maioría da poboación non está de acordo con tales políticas, favorecendo outras alternativas, moitas das cales nin sequera están a ser consideradas (enquisa do CIS de 2010 e 2011).

 Vemos, pois, que o partido que gobernará é un partido minoritario entre a poboación española, aínda que teña grande maioría en escanos. Por iso é polo que cando o Movemento 15-M denuncie ás Cortes españolas por realizar as políticas impopulares de recortes, por non representar á maioría da poboación, levará toda a razón, pois representarán só a unha minoría. O PP terá un control case absoluto sobre os aparellos do Estado sen que lle votara a maioría dos españois, por moito que os medios pinten en azul o mapa de España. Non hai dúbida de que, de levarse a cabo tales políticas de recortes, ademais de xerar grande conflito social, desacreditarán aínda máis á clase política e á democracia española. As novas xeracións, educadas xa en valores democráticos, son máis esixentes que as que lles precederon e non aceptarán a democracia limitada que temos, resultado dunha Transición inmodélica que determinou unha democracia incompleta, responsable dun benestar insuficiente.

Nenhum comentário: