26/01/2012

"Son moitos os que cren que a UPG ten secuestrado ao BNG"

Entrevista a Xosé Manuel Beiras por Mario Beramendi en Santiago de Compostela para La Voz de Galicia (26/01/2012).

Líder do nacionalismo galego durante anos, Xosé Manuel Beiras Torrado (Santiago, 1936) volverá ter esta fin de semana un protagonismo central na asemblea do BNG, na que se prevé un récord de participación. A moitos sorprendeulles que aceptara ser o candidato a voceiro da lista alternativa á corrente liderada pola UPG.

-Vostede dixo que ao principio se resistiu a aceptar a candidatura. Que lle levou a tomar a decisión?

-No Encontro Irmandiño había unanimidade de que no caso de que houbera acordo con Máis Galiza nos textos políticos fora eu o que encabezara. Fixen unha reflexión, pedín que se integrara xente e aceptei. No plano persoal tamén houbo algo que fixen toda a miña vida. Non dar por perdidas as batallas. Son unha especie de imprudente temerario.

-Que está en xogo na asemblea desta fin de semana?

-Primeiro, facer política no marco e nas directrices do proxecto estratéxico do nacionalismo galego; que non sexa un eslogan, simplemente xaculatorias que logo na práctica se abandonan. Esa é a refundación. E que se recupere a convivencia interna.

 -A que se refire con iso?

-A que non haxa unha estrutura de partidos, senón de fronte plural; a que se recupere a democracia asemblearia, a toma de decisións de abaixo a arriba; cómpre retomar o respecto recíproco, o principio de que todos somos iguais tendo en conta as diferenzas. Refírome a rematar tamén co pensamento único, coas discriminacións. O BNG non pode estar ao servizo dun aparato. E, xa por último, unha cousa importante: recobrar o diálogo e a confianza cos movementos sociais e cos sectores máis activos da cidadanía. Todo iso está en xogo esta fin de semana.

-Síntese aludido cando dende a dirección do BNG se fala de deslealdade?

-Si porque dentro do proceso de deterioro e dexenerativo do BNG foise creando unha nomenclatura. O discrepante é criminalizado e convertido nun desleal, nun inimigo interior. Unha forza política emancipadora, de esquerda, ten que aprender dos erros cometidos. Se se nega todo iso, convértese nunha dogmática. E o dogma é inimigo da razón. Eu son fillo da Ilustración.

-Existe para vostede algunha posibilidade de que se gaña a ApU se produza a rexeneración que reclaman para seguir no BNG?

-Non, tal e como están as cousas. Non hai máis que ver a tese política da ApU: son fogos de artificio. É máis do mesmo, é puro continuísmo. Que é o que muda? Nada. Falar da Unión Europea e dos monopolios é máis vello que carracuca. Non significa nada. Son todo brindes ao sol. Despois das eleccións municipais, no verán, había certas esperanzas de cambio, mais despois das eleccións xerais, como os resultados non foron desastrosos, pecháronse outra vez en banda.

-Deduzo entón que se gaña a ApU marcharán do BNG...

-Se se impón a UPG, a primeira lectura será que trunfou o inmobilismo. É dicir, un escenario que fai inverosímil que se poda levar adiante o que nós pretendemos. Despois tomariamos unha decisión, pero non creo que sexa o intre de falar disto. Distrae a atención. Interésame estimular o cambio mediante a participación masiva.

 -Qué expectativas teñen a dous días da asemblea?

-Moito mellores das que tiñamos hai dúas semanas. Nós xa logramos dúas cousas moi importantes. Mobilizar militancia pasiva, desencantada: son moitos os que cren que a UPG ten secuestrado ao BNG. E a segunda cousa: exemplificar na práctica que logramos unha entente heteroxénea, capaz de asumir no texto a necesidade de rexenerar o BNG, cunha mensaxe para o conxunto da organización. O feito de chegar a esta candidatura xa é un trunfo.

-Por que?

-O BNG de despois desta asemblea xa non poderá ser nunca o mesmo. Gañarán uns, outros, pero nada volverá ser o de antes. Hai xente que está farta, que entende que o BNG non pode seguir por esta vía.

-Francisco Rodríguez, líder da UPG, deu un paso atrás o mesmo día que vostede presentaba a candidatura.

-O paso atrás, se se pode chamar así, non é aparecer en tal ou cal número porque logo pode haber corrementos de lista, por certo, unha operación xa repetida outras veces. O paso que ten que dar é o de lanzar unha mensaxe distinta ao conxunto da militancia: recoñecer que hai moita xente que discrepa de como están facendo as cousas e entender que o BNG naceu cun espírito plural que hoxe non existe. Agora o que valen son os feitos e as actitudes, e non operacións de enmascaramento e de distracción.

Nenhum comentário: