29/09/2009

ANTE A ASAMBLEA NACIONAL DE GN

Nos últimos tempos, especialmente neste periodo interasamblear 2007-2009, Galiza Nova deixou de ser un referente de organización xuvenil transformadora entre a mocidade; xa non é un proxecto ilusionante e revolucionario no que militar dende que se converteu nunha comparsa do BNG no goberno da Xunta de Galiza.

@s moz@s do Encontro Irmandiño, entendendo que no proxecto de emancipación nacional e social de Galiza e fundamental que o nacionalismo volva axir entre a mocidade, analizamos as seguintes eivas de Galiza Nova e as cuestións fundamentais que, ao noso xuízo, deben ser debatidas.

1. Divorcio entre a mocidade transformadora do país e Galiza Nova, resultado da subordinación da organización ao BNG no goberno da Xunta e da moderación dos principios ideolóxicos e políticos, o que produciu escasas campañas nacionais, baleiras de contido.
2. Necesidade dunha organización transformadora entre a mocidade galega que interactúe e dé voz aos movementos sociais.
3. O nacionalismo debe recuperar o seu protagonismo na loita estudiantil, nomeadamente contra a mercantilización do ensino que supón o Plan Boloña.
4. Unha organización con verdadeira vocación de emancipación nacional debe poñer acento na formación sobre as consignas; debe facer pedagoxía revolucionaria e fuxir da retórica vacua e as técnicas de marketing, propias do sistema neoliberal que hai que combater con maior énfase.
5. Desastre organizativo en Galiza Nova. Hai comarcas sen apenas actividade organizativa, non hai un sistema regularizado de cobro de cotas, non existe a transmisión dos acordos nacionais ata as Asambleas Locais, a web nacional fica baleira de contidos …; e todo isto no momento no que a organización conta co maior número de liberados da súa historia.
Cómpre cambiar decididamente este modelo verticalista e “profesionalizado” por unha organización horizontal onde a militancia sexa protagonista, non mera maquinaria a mobilizar para os actos electorais do BNG.

Os mozos e mozas do Encontro Irmandiño entendemos esta deriva da organización xuvenil nacionalista no contexto do descrédito da Política por parte da cidadanía, resultado da transformación das forzas políticas en aparatos ao servizo da consecución do poder, estratexia orquestrada polo Capital, que converte así ás cámaras de representantes e ás institucións en instrumentos ao seu servizo, debate que se analizará na Rolda de Rebeldía, proceso que impulsa o Encontro Irmandiño para procurar un referente político social co que provocar un cambio radical no modelo de sociedade e unha outra Galiza posíbel . [Contacta coa Rolda de Rebeldía: aquí].

A nosa intención é aproveitar a Asamblea Nacional de Galiza Nova do vindeiro Outubro para abrir o debate entre a mocidade galega sobor destas cuestións, para o cal organizaremos varios encontros e nos poñemos a disposición das aportacións que desexe achegar toda a mocidade con espíritu transformador deste país, milite ou non en Galiza Nova – entendemos que os debates plantexados exceden a dimensión interna –, a través do enderezo electrónico


revolta_irmandinha@hotmail.es

Unha aperta irmandiña e á revolta!

7 comentários:

Anônimo disse...

dizer que nom é compresível q se faga a umha crítica a que haja em Galiza Nova máis liberados que nunca e, por outra banda, nom se diga ou se proponha a eliminaçom da figura do liberado em Galiza Nova. umha coussa é o responsável nacional e os evidentes cargos que estám perto dele, mas esso deveria ser regulado dum jeito forte para evitar o caciqueo que ussualmente vemos nalgumhas organizaçons. Assi nas comarcas deveria evitar-se a apariçom do liberado.

Unknown disse...

Eu concordo tamém com isso. A crítica aos liberados deve-se focar a sua supresom agá quiçais no caso do representante nacional.

REVOLTA IRMANDINHA disse...

Si. Hai que incluilo na emenda á tese de organización.

Unknown disse...

Interessante análise do MSG


http://renovarobng.blogaliza.org/2009/09/30/como-chega-galiza-nova-a-asemblea-nacional/#comment-3578

Txiwy disse...

Segundo tenho entendido, em Galiza Nova só hai umha liberaçom completa (a adjunta à Secretaria Geral) e umha parcial adjunta à Responsabilidade de Organizaçom. Coido que nom é tanto como pra dar-lhe a relevância que se lhe dá no texto.

Quiçá o mais interessante do tema seriam as condiçons laborais dessa liberaçom, pra mim desconhezidas, mas agardo que conformes co que o BNG defende no âmbito laboral.

Um saúdo.

Inhigo J. Ansotegi Soares

Paula Verao disse...

Tamén houbo a de Finanzas un tempo, chegou a haber tres liberados neste periodo interasamblear, aínda que neste momento só fiquen dous. O certo é que o que prima é a falta de transparencia neste tema, tanto no número de liberados coma nas condicións laborais. O do manifesto vai no sentido de que, se houbo liberados nacionais adicados á organización haberá que pedir contas por este período de maior inactividade en Galiza Nova.

Paula Verao disse...

(continuación do comentario anterior)... por este período de maior inactividade na historia de Galiza Nova.
Saúdos.