28/09/2009

Liberdade para Palestina

- Nadal, 2008 -


Neste tempo en que algúns celebran o suposto nacemento, hai dous mil anos, dun neno palestino convén reflexionar sobre a situación da Palestina actual, sobre como é a vida dunha crianza nacida hoxe en Belén, na Cisxordania ocupada.


Os seus pais, chamémoslle María e Xosé, viñeron este decembro pasado dende Xericó a Belén por carreteras secundarias, xa que a mellor estrada é de uso prohibido aos palestinos. Voltaban ao seu Belén natal para ter o primoxénito xunto aos avós maternos, que levan cuarenta anos nun campo de refuxiados dende que foron expulsados da súa aldea polas tropas hebreas en 1967. María púxose de parto na madrugada do día 25 e acudiu ó Hospital, onde sufríu horas angustiosas: a luz marchaba cada pouco e esgotáranse os útiles medicos básicos. Cando naceu o pequeno Xesús, María e Xosé preguntáronse como ían sobrevivir pois xa non podían contar ca axuda dos seus tres tíos do Oriente, que morreran nun mercado de Bagdag tempo atrás. “Abrirei aquí unha carpintería”, pensou Xosé, “o meu irmán Abbas ten un baixo na rúa do comercio”. Días despois foi Xosé ver o local ca chama da ilusión dun futuro titilándolle nos ollos; dirixiuse á casa de Abbas e atopouna en ruinas: os tanques israelís derrubárana porque a súa sobriña botara ácido na cara dun soldado tras ser insultada nun control. Xosé pechou o puño e foi maldecindo a todos os presidentes estadounidenses xuntos mentras camiñaba cara o Hospital pensando en que demo era o que había que facer para vivir, só vivir, na propia terra. Logo, a confusión impídenos saber se o pequeno Xesús morreu, coma tantos outros, baixo o fogo israelí do día 27 de decembro de 2008.

Esta sería a realista historia do Xesús do noso tempo, só cambiando a localización de Belén pola franxa de Gaza; porque esta é a realidade da Palestina actual, e nós denunciamos que:


- Dende 1948 centos de miles de palestin@s foron deliberadamente sometidos a limpeza étnica e expulsados dos seus fogares.


- O Estado de Israel somete aos cidadáns que non profesan o xudaísmo a unha especie de aparheid e nos territorios ocupados de Gaza e Cirxordania os palestinos non poden organizarse xa que están rodeados de colonias, controis e bases militares israelís.


- Na franxa de Gaza máis de 1 millón de persoas dependen para a súa subsistencia da axuda internacional, axuda á que o Estado de Israel impón o seu bloqueo dende que Hamás gañou democraticamente as eleccións palestinas de 2006, condenando a Gaza á escaseza de alimentos, enerxía e medicinas.


- A masacre de centos de palestin@s perpetrada por Israel en Gaza este Nadal reponde a unha motivación electoral: os conservadores queren gañar as eleccións de febreiro en Israel colocando como argumento as vidas dos máis débiles.


Defender Palestina non é ser antisemita nin rexeitar a Israel como pobo ou cultura milenaria, que forma tamén parte de nós. Defender Palestina é ser antisionista, é rexeitar o Estado invasor de Israel, é estar contra o seu terrorismo de Estado que aniquilou dende 1948 a milleiros de palestinos, é ser anti-imperialista e loitar pola liberdade.


@s nacionalist@s da Galiza, nación oprimida, solidarizámonos profundamente co pobo palestino e proclamamos a necesidade da emancipación nacional de todos os pobos do mundo, das súas clases traballadoras, coma o antídoto contra a dominación militar, cultural e moral do Imperio estadounidense e dos seus esbirros.


Paula Vázquez Verao, Ventorrillo, Neiras, Sober, Xaneiro de 2009.

Nenhum comentário: