13/05/2010

As políticas promovidas pola Unión Europea son ineficaces e inxustas

Artigo tirado deste site.

O que estamos vendo hoxe é a plena expresión do que adoitaba chamarse “loita de clases”, na que as clases dominantes lideradas polo capital financeiro están impondo as súas esixencias ás clases populares a fin de recuperar a súa rendibilidade. Como ben dixo Warren Buffet, unha das persoas máis ricas do mundo, coñecedor do mundo financeiro empresarial, ao cal pertence, “hai clases e loita de clases, e a miña clase está gañando esta loita”...

Existen moitas interpretacións das causas da enorme crise financeira e económica que estamos sufrindo no mundo e, moi en particular, na Unión Europea e no sur do noso continente. Unha, que pertence á sensibilidade liberal, asume que a culpa a ten o excesivo desembolso do gasto público, que afogou o crecemento económico. Desta interpretación derívanse as propostas de que hai que diminuír tal gasto a fin de reducir o déficit e a débeda pública.

Hoxe, esta visión está xeneralizada na maioría de fórums financeiros, políticos e mediáticos da Unión Europea. Como proba da certeza do seu diagnóstico, amosan que os países que están en peor situación hoxe na Unión Europea son os países do Sur de Europa -Grecia, Portugal e o Estado español-, e Irlanda, que ten uns maiores déficits, como resultado da súa suposta falta de disciplina nas súas políticas de gasto. A suposta exhuberancia de tal gasto (a posibilidade de xubilación aos 55 anos en Grecia, é o caso máis citado) é a causa das súas dores de cabeza. De aí a presión de que deben reducir moi significativamente o seu “esaxerado” gasto público, a fin de se recuperarse e salvar do colapso (e salvar así tamén o euro, que está experimentando dificultades por culpa destes países).

En canto ao elevado desemprego, este atribúese predominantemente ás supostas rixideces do mercado laboral, consecuencia duns sindicatos excesivamente poderosos e influentes que están obstaculizando a recuperación económica, na súa pechada defensa dos traballadores con contrato fixo (e salarios demasiado altos) creando un elevado desemprego.

Desta interpretación das causas das crises derívanse as políticas públicas promovidas pola Unión Europea, que consisten en redución do gasto e emprego público, en diminución dos dereitos sociais e laborais e en desregulación dos mercados laborais. O desenvolvemento de tales políticas (que alcanzan a súa máxima expresión no caso de Grecia), considéranse necesarias para saír da crise. En realidade, é o desenvolvemento das políticas liberais que os mundos financeiros e empresariais desexaron durante moitos anos, e que agora utilizan a crise para levalas a cabo. O seu custo social e humano será enorme, e o seu impacto na crise será maior, acentuándoa.

O que é rechamante é que tal dogma liberal, reproducido nos medios de información e persuasión, ten moi escasa evidencia empírica que o sustente. É doado amosar que a causa dos problemas dos países con grandes dificultades non é o seu excesivo gasto público. En realidade, todos eles (Grecia, Portugal, o Estado español e Irlanda) teñen un gasto público, como porcentaxe do PIB, máis baixo que a media da Unión Europa dos Quince, o grupo de países máis desenvolvidos da UE, ao cal todos eles pertencen. O mesmo ocorre co gasto público social como porcentaxe do PIB, tamén máis baixo que a media da UE-15. Idéntica situación ocorre co emprego público. A porcentaxe da poboación que traballa no sector público en todos estes países é máis baixo que a media da UE-15.

E en canto aos supostamente exuberantes salarios, as cifras amosan que, tomando os salarios dos traballadores da manufactura, como punto de referencia, todos eles teñen niveis salariais máis baixos que a media da UE-15 (máis baixos mesmo do que lles correspondería polo nivel de riqueza que teñen). En troca, os beneficios empresariais e da banca están entre os máis altos, así como a súa fraude fiscal. Todos estes datos amosan que os problemas que teñen non se deben ao seu “excesivo” gasto público e “exuberantes” salarios.

Por iso é polo que sexa moito máis críbel outra explicación da orixe e causas das crises financeiras e económicas, que está sendo marxinada e discriminada nos foros e medios de información e persuasión españois e na UE. As crises actuais son consecuencia directa das políticas liberais promovidas polo establishment europeo que provocou unha enorme polarización das rendas e creación de grandes desigualdades. Os países citados son os máis desiguais na UE, nun continente no que as desigualdades creceron enormemente. As rendas do traballo como porcentaxe das rendas totais foron diminuíndo enormemente, diminuíndo con iso a demanda, unha das causas máis importantes da crise. A outra causa da crise é a falta de crédito, resultado tamén da polarización das rendas co crecemento exuberante dos beneficios do capital, que se investiron predominantemente en actividades especulativas (como as inmobiliarias e o desenvolvemento de instrumentos de alto risco) que crearon as burbullas que ao estouparen provocaron o enorme problema de falta de crédito.

A alternativa progresista

As solucións son doadas de ver. Hai que estimular a demanda naqueles países, así como en toda a UE, a base dunha redistribución das rendas cun incremento da capacidade adquisitiva das clases populares, impedindo baixos salarios (que son a causa da baixa produtividade) e unha enorme expansión do gasto público co obxectivo de crear emprego, precisamente as políticas opostas ás que se están realizando na UE.

Nunca se saíu de ningunha depresión e gran recesión no século XX (como a actual) sen que haxa unha enorme expansión do gasto público e crecemento da débeda. A Gran Depresión resolveuse co New Deal e o enorme incremento do gasto público durante a II Guerra Mundial. En Europa, a reconstrución das economías case destruídas como consecuencia da II Guerra Mundial baseouse nuns enormes investimentos públicos fiscais e sociais, facilitados polo Plan Marshall. Crer agora que se pode saír desta enorme recesión sen tal crecemento do gasto público en toda a UE é ignorar as leccións da historia. Reducir o gasto público é unha nota de suicidio. En realidade, se non fose pola redución do gasto público, o Estado español xa tería saído da recesión.

En canto ao outro gran problema, a falta de crédito, este debe resolverse a base dunha intervención pública, non para axudar os banqueiros, como se está facendo agora, senón para garantir o acceso ao crédito. Como era predicíbel, as medidas de austeridade esixidas ás clases populares por parte da UE van acompañadas con medidas moi xenerosas á banca, tanto a grega como a alemá (entre outras), propietarios da débeda grega.Tal como ben dixo Joseph Stiglitz, se todas as “axudas” á banca se investiran en crear bancos públicos de crédito, a falta de crédito xa se tería resolto. Gastáronse 700.000 millóns de dólares, só en EEUU, para salvar a banca, cando con este diñeiro podería (e debería) estabelecerse unha banca ou bancas públicas que garantisen o acceso ao crédito por parte de empresas (sobre todo medianas e pequenas) e cidadanía. Algo semellante ocorreu na Unión Europea.

O que estamos vendo hoxe é a plena expresión do que adoitaba chamarse “loita de clases”, na que as clases dominantes lideradas polo capital financeiro están impondo as súas esixencias ás clases populares a fin de recuperar a súa rendibilidade. Como ben dixo Warren Buffet, unha das persoas máis ricas do mundo, coñecedor do mundo financeiro empresarial, ao cal pertence, “hai clases e loita de clases, e a miña clase está gañando esta loita”. A famosa frase de apertar o cinto só aplica ás clases dominadas. As dominantes nin sequera levan cinto. A nula regulación da banca, a pesar de ser a causa da crise financeira, dous anos xa tras crear a crise, amosa até que punto o mundo político está configurado por tales intereses financeiros empresariais, que están danando enormemente a economía real. Non é sorprendente que as chamadas democracias teñan problemas tan graves de credibilidade que están cuestionando a súa lexitimidade. A axitación social en Grecia é o inicio dun proceso que porá en vivo o que até o de agora aparecía só en pasivo, expresándose en abstención nos procesos electorais. A transformación de tal abstención pasiva en axitación activa será, a partir de agora, unha constante nos vindeiros anos. O perigo é que esta axitación a capitalicen as dereitas, tal como está ocorrendo en EEUU. Veremos que acontece na Unión Europea.

Nenhum comentário: