27/05/2010

Os mercados financeiros contra a democracia

Carlos Berzosa

Nada do que se propuxo no G-20, como combater os paraísos fiscais,se plasmou en actuacións concretas. Os mercados causantes da crise seguen impondo a súa lei sobre os dereitos de cidadanía e a democracia, o que vai ter consecuencias moi negativas de cara á saída da crise.
En decembro de 1997 Ignacio Ramonet publicou un editorial en 'Le Monde Diplomatic' co título "Desarmar os mercados financeiros" en que dicía, entre outras cousas moi saborosas, o seguinte: "O desarmamento do poder financeiro debe converterse nun interese cívico de primeira magnitude, se se quere evitar que o mundo do próximo século mude nunha xungla onde os predadores impoñan a súa lei". Xa entrados no século XXI podemos contemplar que estas palabras resultaron premonitorias e que, efectivamente, por non desarmar ese poder financeiro desatouse a gran crise que estamos atravesando, e o que é peor, que os mercados seguena impor a súa lei á hora de buscar unha saída a esta situación.
Aquel editorial iniciou o movemento ATTAC. Desde entón este movemento defendeu a necesidade de implantar a Taxa Tobin e eliminar os paraísos fiscais, entre outras reivindicacións, para atenuar ese gran poder do mundo financeiro e sentar algunhas das bases para construír un mundo máis xusto. Conseguiuse mobilizar a moita xente ao ancho do mundo, pero sen éxito á hora de lograr que as propostas se fixesen realidade. O estoupido da crise puxo sobre o tapete a importancia das propostas de ATTAC, e as que eran reivindicacións dun movemento social chegaron a formar parte do discurso dos gobernos máis influentes da economía mundial. No entanto, nada do que se propuxo no G-20, como combater os paraísos fiscais,se plasmou en actuacións concretas.
Os mercados causantes da crise seguen impondo a súa lei sobre os dereitos de cidadanía e a democracia, o que vai ter consecuencias moi negativas de cara á saída da crise. A situación resulta tan escandalosa que até unha persoa tan moderada como Miguel Boyer escribiu un artigo, "Gañar cartos apostando polo desastre" (EL PAÍS, 30-04-2010), en que denuncia con lucidez o que está a acontecer.
Neste artigo ponse de manifesto como as axencias de valoración tiveron unha grande responsabilidade no período anterior á actual crise sobreponderando activos, empresas e solvencias e, xa que logo, contribuíndo en primeira liña á xeración de burbullas desmesuradas no sector inmobiliario e nas Bolsas en xeral, así como a alentar unha errónea confianza dos investidores e das entidades de crédito. Foi aquel sen dúbida -xunto á política de intereses bajísimos da FED, a desregulación financeira e as blindaxes de executivos- un dos factores principais da crise.
Nestes primeiros meses de 2010, segue dicindo Boyer, a orientación cambiou: os que esaxeraron o optimismo e a confianza no auxe pasado agora esaxeran notoriamente o pesimismo sobre a solvencia das débedas públicas e privadas dun certo número de países. A propagación do pesimismo aumenta as primas de risco dos prestamistas de toda clase. Como resultado, os que gañaron co auxe, agora seguen gañando coa caída.
Namentres isto acontece, os traballadores perden o seu emprego ou se reducen os seus salarios, moitos pequenos, medianos empresarios e autónomos pechan os seus negocios, e os gobernos non teñen autonomía para realizar políticas económicas propias, senón que estas veñen ditadas polos poderosos mercados financeiros. O pesimismo non só inflúe en ter que pagar máis pola débeda pública emitida para financiar o déficit, o que hipoteca o futuro dos países con pagamentos excesivos de amortización da débeda, que non poden así tampouco realizar outro tipo de gastos sociais, senón que obriga a reducir o déficit coas políticas de axuste consecuentes.
A economía grega está a vivir un calvario co axustamento que lle obriga a facer para afrontar tanto o déficit como a débeda, que se considera excesiva. A contestación social que está a provocar este axuste xa causou mortos, e estamos asistindo á traxedia grega non como representación teatral, senón como tráxica realidade. A delicada situación económica pola que atravesa está conducindo a unha grande crise social e política. Non convén esquecer os custos económicos e sociais causados polas políticas de axuste que se obrigou a aplicar aos países menos desenvolvidos na década dos oitenta do século pasado.
Porén parece que non se quere aprender. Os custos da crise páganos os de sempre, mentres que os causantes seguen beneficiándose da situación. Hai que acabar coas axencias de valoración, e hoxe máis que nunca hai que expor con forza o necesario desarmamento dos mercados financeiros, se queremos apostar por unha economía máis sa, máis igualitaria e sostíbel. Os mercados financeiros coa súa forza e poder atacan á democracia e os dereitos humanos e de cidadanía. Son un perigo para lograr a convivencia democrática e socavan os fundamentos do desenvolvemento económico e do estado democrático de dereito.
Neste sentido, resulta moi esclarecedora a anécdota que conta Alex Callinicos no seu libro Contra a terceira vía (Crítica 2002)*. Nun momento determinado Blinder e outros economistas asesores do presidente Clinton** dinlle a este que o máis urxente non era levar a cabo as reformas económicas para as que fora elixido, senón diminuír o déficit público para acougar o mercado de bonos. Ante isto Clinton, coa cara acendida pola cólera e a incredulidade dixo: "pretenden dicirme que o éxito do programa e da miña reelección depende da Reserva Federal e dunha puñada de comerciantes de bonos?". Houbo asentimientos en toda a mesa. Nin unha negación. Pareceulle a Blinder que entón Clinton entendeu que a súa sorte pasaba polas mans do non elixido Alan Greenspan e o mercado de bonos. Se isto pasa na economía máis forte do planeta, que non nos pasará aos máis débiles.


O Carlos Berzosa é catedrático de Economia Aplicada e reitor da Universidade Complutense de Madrid desde 23 de junho de 2003, após ser decano durante 14 anos da Faculdade de Ciências Económicas e Empresariais da devandita Universidade. Artigo tirado do portal galego Altermundo, dirigido por Manoel Santos, membro da Comissom da Rolda de Rebeldia, destacado integrante do altermundismo galego e coorganizador do I Foro Social Galego (FSGal) em 2008.
____________________________________________________

* De Alex Callinicos existem algumhas publicaçons na Galiza na editora Laivento. Em Á man esquerda está disponível umha entrevista e o seu livro Contra o Posmodernismo está disponível nesta mesma editora [Nota dos gestores deste blogue].

** Lembre-se que Clinton ganhara a campanha incidindo na econimia ("The economy stupid!") face os republicanos e a sua "exitosa" política exterior que apresentavam como principal logro. Essa mesma incapacidade de mudar rem desde o bipartidismo do centro do Império é agora mais do que palpável com Obama, o novo democrata que chegou à Casa Branca com um feixe de boas intençons que nom se traduzírom em nada que nom for mais militarismo, mas atuaçons a prol das forças de governança global (entre elas as que conduzírom ao desastre ecológico do Golfo de México com BP, mas tamém com o governo americano e a sua falha de controlo efetivo, como principais responsáveis).


Nenhum comentário: