Agás o primeiro, ningún deses alcumes é da miña autoría. O de "bancocracia" lino nun artigo do economista e xornalista irlandés David McWilliams, publicado a comenzos de maio en The Irish Independent e traducido en "Sin Permiso" (SP). Tocantes a "terroristas do déficit", aparece nun texto do analista norteamericano Marshall Auerback, como alcume alternante co de "falcóns do déficit" pra caricaturizar ás recalcitrantes elites ultra-liberais: "A hipocrisía dos falcóns do déficit, ou cómo as elites percuran destruir o Estado social mesmo a custe de mancar a recuperación económica" -é o encirrante rótulo do seu artigo, publicado tamén o mes pasado en NewDeal2.0 e tamén reproducido en SP.
Así están as cousas e así de quente anda a indignación nos eidos non integristas do stablishment. Dígoo porque nen un nen outro dos dous citados son "extremistas". Son críticos reformistas honestos e rotundos, madia leva, mais non anti-sistémicos. McWilliams é unha "estrela" mediática na televisión pública irlandesa que, a máis diso, promove a crítica política nun insólito "cabaret satírico-político" chamado Leviathan. E Auerback é un veterano membro do Roosevelt Institute e colaborador de NewDeal2.0: abondan esas duas "marcas" para situalo como neo-keynesián, no mesmo ronsel ca un Krugman e un Galbraith Jr -James, o fillo do famoso John Kenneth. Mais, alén dos alcumes que ousan empregar ou mesmo carimbar, vede unhas mostras do que dictaminan.
McWilliams define así a "bancocracia": "é un Estado no que a política do governo pon os intereses dos seus bancos por riba dos intereses dos seus cidadáns". Aplícallo a Irlanda que, di, pasou "a convirtirese dunha democracia nunha bancocracia" -mais ben vos decatades de que o conto venlle cuspidiño igualmente ao Reino de España. Nefeito, esprica il: "O noso governo actua de canle de transferencia de riqueza, dos nosos "outsiders" [os que fican fóra] -neste caso, a xente do común- aos nosos "insiders" [os que están dentro, no choio] do sistema bancario. Mais agora resulta inclusive pior, poisque transfire esa riqueza aos "insiders" doutros países". Está clariño, non si?. Ou sexa -digo eu- se iso é exercizo de soberanía, seráo en sentido e direición inversos ao definitorio do conceito democrático: esbullar aos cidadáns do común pra bombear o botin cara arriba... e afóra -como os virreinatos coloniais cara as oligarquias das colonias e da metrópole.
Pero o que nos ven máis a conto do artigo do irlandés é o diagnóstico que enuncia no seu tíduo -"A fadal atracción polo euro tróuxonos ao borde do abismo"- e máis a suxerente analoxía que establece antre a actual crise do euro e a do patrón ouro na década dos anos vinte do século pasado. Léde vós mesm@s: "Na década de 1920-30 o patrón ouro, coma hoxe o euro, era considerado artículo de fe por bancos, financeiros, funcionarios públicos e políticos. Non podían nen imaxinar un mundo no que o diñeiro non estivese ligado ao ouro. Quen quer que puxese en custión o patrón ouro víase ridiculizado. Foi Keynes quen arremeteu contra o consenso e sostivo que o patrón ouro obrigaba aos governos a faceren recortes, cando deberian estar facendo gasto durante a Depresión. Ríronse dil. Logo afirmou que debía abandonarse o patrón ouro: puxérono en ridículo" -considerábase que o seu "heterodoxo" pensamento "minaría a credibilidade do sistema". A tráxica continuación desa historia énos ben coñecida. Mais a leición non foi adeprendida: o euro "operou do mesmo xeito que o patrón ouro. A moeda única incitou aos bancos a faceren apostas arriscadas, dando por seguro que, mesmo en caso de crise, o euro sería tan sacrosanto para a mentalidade política imperante que tódolos préstamos serían devoltos, pois actuar doutro xeito "minaría a credibilidade do sistema"". Xa!. Foi á inversa: o euro-monetarismo minou as bases reais da vizosa economía produtiva da UE, tal coma os ocos das toupeiras nas raigañas das plantas.
Cando do Tratado de Maastricht, durante a campaña alertadora á que me referín o día pasado, eu adoitaba advirtir que era unha temeridade apostar polo euro (inda non-nato daquela) como pear da construción dunha unión económica (UEM) na recén constituída UE, dado que compría facelo no marco dun SIM (sistema monetario internacional) despóticamente rexido polo dolar como patrón-divisa non convertíbel -quer dicir: non atado pola obriga de responder coas reservas USA da sua convertibilidade en ouro, característica do patrón divisa-ouro configurado en Bretton Woods, e suprimida por Nixon. Nesas condicións, o SMI convirtírase no que Peter Gowan gráficamente bautismara como SD-WS (sistema dolar-wall street), onde o dolar imperaba sen posíbel control internacional, manexado arbitrariamene polo Departamento do Tesouro ianqui ás ordes de Wall Street, e convirtía a tódolos Estados do planeta en tributarios seus. A UE podía criar unha moeda única, mais compríalle construir a integración polìtica, e portanto o aparello de poder confederal europeu, que utilizase e controlase esa moeda como instrumento no escenario do sistema-mundo. E inda así non podería competir co dolar en condicións equiparábeis: o dolar seguiría a ser a valuta do SMI, e o euro non. Mais a UE non só non abordou esa construción política, senón que até renunciou ao control político do Banco Europeu e, xa que logo, do "manexo" do euro. E por riba inda o empiorou co bastardo Tratado de Lisboa -demencial trapallada suicida en pleno prólogo da crise financeira do sistema.
Agora, hai poucas semanas, publicou un contundente artigo Pierre Charasse -diplomàtico francés de recoñecida solvencia, asesor nos primeiros governos Mitterand, e cunha prestixiosa traxectoria ulterior en orgaismos e misións internacionais. Tidúase "Xeopolítica da desaparición do euro" . Si, di "desaparición". Veleiqui algunhas mostras do seu contido.
Primeira. "A crise grega confirmou que Europa, como unión política, xa non existe. O euro non resistiu ás ofensivas que sufriu, pesia ser a moeda dunha das rexións máis ricas e industrializadas do mundo, sinxelamente porque non tiña o respaldo dun sistema político sólido e coerente. Os ideólogos que inventaron a moeda europea decidiron aplicar con rigor o principio do "laissez-faire", proibindolles aos governos interviren nas políticas do BCE (Banco Central Europeu). Os governos da zona euro auto-mutiláronse ao aceitaren o dogma da independencia do BCE, renunciando a calquer posibilidade de someter as políticas financeiras a condicións polìticas. E (agora) ningún governo, á vista do desastre social que supoñen os plans de axuste impostos polo BCE e o FMI, quixo opór políticas a contracorrente da "doxa" ultraliberal" (sic: non son o único en pór "ultra" no canto de "neo"!).
Segunda. "Coa intervención do FMI, USA ten agora o dereito de intervir na economía europea. Todas as decisións do FMI requiren a aprobación do governo estadounidense, se é que non proceden direitamente dil: na reforma dos dereitos de voto no FMI, USA conserva intacta a minoría de control co 16% dos votos, (mentras) á UE pedíuselle reducir a sua parte pra aumentar a dos países emerxentes. Obama exerce plenamente o poder que lle dá a nova arquiteitura financeira internacional, chamada "governanza mundial", e esixe de Grecia e outros países europeus que rebaixen os salarios dos seus funcionarios, reformen o rexime das xubilacións e reduzan o gasto público en xeral. E os europeus obedecen. Coa crise financeira europea está a darse un paso máis no sometemento a vasalaxe de Europa".
Terceira. "Consecuencia dos plans de axuste estrutural impostos como remedio seráo a "tacherización" da Europa continental, ou sexa o fin do modelo social europeu. Gran Bretaña, aliado incondicional dos USA, e coa sua libra esterlina fóra da eurozona, será o grande vencedor desta crise, coa imposición do seu modelo económico e financeiro a toda Europa e o afortalamento da City como praza financeira impermeábel a calisquer intentos de regulación para previr novas catástrofes financeiras mundiais".
E cuarta. "Co Tratado de Lisboa, a UE entregou a sua defensa á OTAN. E agora, cunha polìtica financeira controlada polo FMI, a UE renuncia a un pear esencial da sua independencia. Sen a defensa e a moeda non lle fica ren para afirmar a sua independencia. Fálase dunha posíbel "dolarización" da zona euro. Con iso ponse o ramo á construción dun espazo europeu subsidiario do territorio estadounidense para formar un bloque perfeitamente homoxéneo baixo a direición de Washington. A desaparición de Europa como actor político e financeiro autónomo é o prezo a pagar para que "Oucidente" siga a controlar o mundo frente aos países emerxentes".
Comprenderedes agora por que titulei "Soberanía de cartón" esta miña prédica de hoxe. Nos comenzos da autonomía galega os nacionalistas "radicais" alcuñabamos de "parlamento de cartón" ao Parlamento recén instalado en Fonseca -e eu até infiltrara subliminalmente esa denostación, invertíndolle os termos, no rótulo xenérico dunha colaboración miña desa época no "Correo Gallego": "O cartón do Parlamento". Non imaxinaba daquela que un día ese sarcástico alcume sería predicábel -e non como caricatura senón como retrato- de institucións tan soberanamente soberbias e fachendosas como as Cortes Españolas, por caso. Parlamentos de cartón de runfantes Estados investidos de soberanías de cartón. Confesareivolo: como cidadán galego de nación-sen-estado, síntome máis aliviado.
Nenhum comentário:
Postar um comentário