24/04/2012

A Axencia Española de Seguridade Alimentar baixo control de Coca-Cola

Redacción. Elaborado a partir de aquí.

O sector alimentar montou en cólera ao saber que Coca-Cola, o máximo impulsor do lobby que defende os hábitos alimentarios globalizados, tomará as rendas do organismo encargado de velar pola nutrición e de regular a comercialización dos produtos. Non extraña entón a repulsa por parte das asociacións do Estado español se se coñecen as prácticas desta transnacional por toda a parte: desde a explotación e contaminación de auga potábel de acuíferos en zonas pobres da India e América Latina, aos desprazamentos forzados de poboación indíxena e os asasinatos de sindicalistas latinoamericanos.

Por razóns evidentes, os medios de (in)comunicación do Reino de España non informaron sobre esta escandalosa nova.

O presidente no Estado español da transnacional usamericana, Marcos de Quinto, logrou que unha das súas executivas de confianza, Ángela López, dirixa a dirección xeral da Axencia Española de Seguridade Alimentar o 23 de marzo. O Goberno unificou a Axencia Española de Seguridade Alimentar e Nutrición (AESAN) e o Instituto Nacional de Consumo (INC). Tirándolle a independencia a este, que na prática está tamén ás ordes da executiva da transnacional.

A chegada desta executiva de Coca-Cola ao Goberno desamallou a resposta de asociacións pola seguridade alimentar, que foron ignoradas. Non é de extrañar a resposta inmediata, unha das asociacións comunicou que "é unha decisión descarada por parte do PP pór como responsábel da AESAN a unha representante dunha bebida que provocou numerosas intoxicacións e que ten compoñentes nocivos para a saúde e até velenosos como o Aspartamo". 

Porén aínda hai máis. A agora responsábel pública de nutrición e saúde alimentar dos cidadáns do Estado español pediu a excedencia a Coca-Cola para non perder a relación e os intereses derivados do seu traballo na empresa. Ao pedir a excedencia, en vez da baixa voluntaria, incrementa as inquedanzas de que poda favorecer á transnacional. Esta fichaxe do Goberno Rajoy, xa que logo, é de quen traballaba como directora de Asuntos Científicos e Normativos de Coca-Cola Iberia. Con este nomeamento complétase o organigrama da axencia estatal, dependente do Ministerio de Sanidade e presidida pola secretaria de Sanidade e Consumo.

O 23 de abril varios medios e latinoamericanos publicaban que "Coca-Cola e Pepso anunciaron que reducirán un dos seus compoñentes (chamado 4-metilimidazol ou 4-MEI) para non ter que colocar nas latas e garrafas a advertencia de risco de cantro". No entanto, cando o responsábel de "nutrición e saúde" de Coca-Cola no Estado español, Rafael Urrialde, foi inquerido ao respecto afirmou que non pensa retirar esa substancia na Coca-Cola que se distribúa no Estado español xa que "en principio este cambio no se llevará a cabo en el resto del mundo". Nos EUA a FDA (Administración de alimentos e menciñas estadounidense) deu tamén mostras da súa "imparcialidade" ao indicar que "non hai perigo nesa substancia". O mesmo a Asociación Americana de Bebidas (representante de Coca-Cola).

No Estado español a nova foi dada co debido "rigor" e só se reproducían as versións da FDA e de Coca-Cola España. Porén a realidade é ben outra. Como fica claro no documentário O noso veleno de cada día (aquí) moitos estudos científicos independentes demostraron que o químico 4-MEI e o 2-metilimidazol (outro compoñente que resulta desta reacción) en ratos e ratas multiplica os riscos de contraer varios tipos de cancro, incluíndo cancro de pulmón, de tiroides ou leucemia. Se nos EUA o 4-MEI provoca cancro e a Coca-Cola deberá retirar ese composto en varios estados para non incluir unha adertencia de que Tomar Coca-Cola produce cancro como é posíbel que no Estado español ninguén faga nada? Somos os cidadáns do Estado español inmunes por algunha razón que se nos escapa ao 4-MEI? A decisión da presidenta da Axencia Española de Seguridade Alimentar xa coñecemos cal será...



Nenhum comentário: