24/04/2012

Os maiores de 26 anos que nunca cotizaran terán que pagar a sanidade

Redacción.



A nova non deixará indeferente a niguén cando é coñecida a taxa de desemprego entre os menores de 30 anos no Estado español e que atinxe xa, cando menos, a un de cada dous mozos. Na reforma sanitaria apresentada polo Goberno de Mariano Rajoy, publicada hoxe no BOE, fíxanse as condicións que estabelecen o aseguramento universal dos cidadáns do Estado español.

Unha das medidas instauradas pola reforma, publicada no artigo 3 do decreto, afecta aos maiores de 26 anos, que até esa idade poderán ser beneficiarios dun asegurado, sempre que residan no Estado. No ar fican os maiores de 26 anos que non estexan asegurados e que non cotizaran nunca, que só poderán obter a prestación de asistencia sanitaria mediante o pagamento da correspondente contraprestación ou cota derivada da subscrición dun convenio especial.

Esta norma estabelece que, para poder ter unha cobertura total da Sanidade Pública, débese «ostentar a condición de asegurado», que engloba a aqueles que sexan traballadores ou pensionistas, que cobren algún subsidio ou, no caso de esgotar as prestacións, estexan apuntados ao paro, sexan cónxuxes ou fillos ata os 26 anos e non cheguen a un nivel máximo de ingresos. Fóra fican os mozos de 26 anos ou máis que excedan ese nivel mínimo de ingresos e nunca cotizaran á Seguridade Social, por exemplo opositores ou estudantes universitarios. Unicamente poderían obter unha cobertura sanitaria se o Estado lles recoñecese como persoa sen recursos.

Este polémico cambio, é un dos argumentos que levou á Xunta de Andalucía a pór aos seus servizos xurídicos a estudar a posíbel inconstitucionalidade do Real Decreto Lei. A Xunta advirte de que os mozos maiores de 26 anos e sen emprego previo (principalmente estudantes) non terán agora dereito á atención sanitaria non urxente «salvo que soliciten e acrediten estar por baixo dos ingresos que se determinen regramentariamente».

A Xunta de Galiza xa puxera esta marcha esta medida antes da reforma do Goberno central. O 29 de setembro do 2011 o Sergas enviou un protocolo de traballo ás unidades que tramitan os cartóns sanitarios nos centros de saúde e nas direccións provinciais. Nese protocolo especificábase que as persoas sen recursos só poderían ser atendidos en urxencias mentres estaban a tramitar a tarxeta sanitaria, que é o carné que acredita o dereito á asistencia.

Desde a Consellería de Sanidade, cuxos técnicos estudaron hoxe o decreto publicado no BOE, aseguran que o parágrafo no que se deixa no ar a asistencia sanitaria gratuíta dos maiores de 26 anos refírese unicamente aos estranxeiros. Desde o Gabinete do Ministerio de Sanidade e limitáronse a contestar que «todos os españois e estranxeiros con situación regularizada poden ter a condición de asegurado pola vía do apartado 1 do artigo 1 do Real Decreto Lei».

Nenhum comentário: