26/05/2011

A arrogancia do imperio

Leonardo Boff. Artigo tirado de Altermundo (aqui).

Cóntome entre os que se entusiasmaron coa elección de Barack Obama para presidente dos , especialmente vindo despois de G. Bush Jr, presidente belicoso, fundamentalista e de pouquísimas luces. Cría este na inminencia do Armagedón bíblico e seguía ao pé da letra a ideoloxía do Destino Manifesto, texto inventado pola vontade imperial norteamericana para xustificar a contra México, segundo o cal EUA sería o novo pobo escolleito por Deus para levar ao mundo os dereitos humanos, a liberdade e a . Este convencemento da propia excepcionalidade traduciuse nunha arrogancia histórica que fixo que EUA arrogase o dereito de lle impor ao mundo enteiro, pola política ou polas armas, o seu estilo de vida e a súa visión do mundo.
Esperaba que o novo presidente non fose xa refén desta nefasta e imaxinaria elección divina, pois anunciaba no seu programa o multilateralismo e non a hexemonía, pero tiña as miñas dúbidas, pois por detrás do Yes, we can podía agacharse a vella arrogancia. Ante a crise económico-financeira pregoaba que EUA demostrara na súa historia que podía todo, e que ía superar a actual situación. Agora, con ocasión do asasinato de Osama ordenado por el –nun estado de dereito, que separa os poderes; ten o executivo o poder de matar, ou iso é competencia do xudicial que manda prender, xulgar e castigar?– caeu a máscara. Non puido agochar a arrogancia atávica. O presidente, de extracción humilde, afrodescendente, nado fóra do continente, primeiro musulmán e despois evanxélico convertido, dixo claramente: "O que aconteceu o domingo é unha mensaxe para todo o mundo: cando dicimos que nunca imos esquecer, estamos falando en serio", que é como dicir: "terroristas do mundo enteiro, imos asasinalos".

Aí revélase, sen medias palabras, toda a arrogancia e a actitude imperial de se poñer por riba de toda ética.

Isto faime lembrar a frase dun teólogo que serviu doce anos como asesor da ex-Inquisición en Roma e que veu solidarizarse comigo cando sufrín o proceso doutrinario. Confesoume: "Aprenda da miña experiencia: a ex-Inquisición non esquece nada, non perdoa nada e cóbrase todo; prepárese". Efectivamente, así foi o que sentín. Peor lle ocorreu a un teólogo moralista, queridísimo en toda a cristiandade, o alemán Bernhard Häring. Cun cancro de gorxa que case non lle permitía falar foi sometido a un rigoroso interrogatorio na sala escura daquela instancia de terror psicolóxico por causa dalgunhas afirmacións sobre a sexualidade. Ao saír confesou: "Este interrogatorio foi peor que o que sufrín baixo as SS nazis durante a guerra", o que significa: pouco importa a etiqueta, católico ou nazi, todo sistema autoritario e totalitario obedece á mesma lóxica: víngase de todo, non esquece e non perdoa.

Así o prometeu Obama e proponse levar adiante o estado terrorista creado polo seu antecesor, mantendo a Lei Patriótica que autoriza a suspensión de certos dereitos e a prisión preventiva de sospeitosos sen avisar sequera os seus familiares, o que se converte en secuestro.

Non sen razón escribiu o noruegués Johan Galtung, o home da cultura da paz, creador de dúas institucións de investigación sobre a paz e inventor do métodoTranscend na mediación dos conflitos –unha especie de política do gana-gaña: tales actos aproximan a EUA a un estado fascista.

A verdade é que estamos ante un imperio. É a consecuencia lóxica e necesaria do presunto excepcionalismo. É un imperio singular, baseado non nunha ocupación territorial ou en colonias, senón en 800 bases militares espalladas polo mundo, a maioría innecesarias para a seguridade estadounidense. Pero están aí para meter medo e garantir a súa hexemonía no mundo. Nada diso foi desmontado polo novo emperador, que non pechou Guantánamo como prometera e aínda enviou trinta mil soldados a Afganistán para unha guerra perdida de antemán.

Podemos estar en desacordo coa tese básica de Samuel P. Huntington no seu discutido libro O choque de civilizacións, pero hai nel observacións dignas de atención: "a crenza na superioridade da cultura occidental é falsa, inmoral e perigosa". Mais aínda: "a intervención occidental probabelmente constitúe a fonte máis perigosa de inestabilidade e dun posíbel conflito global nun mundo multi-civilizacional". Pois ben, as condicións para semellante traxedia están sendo creadas por EUA e os seus aliados europeos.

Unha cousa é o pobo estadounidense, bo, traballador, e algo inxenuo, que admiramos, e outra o goberno imperial, que non respecta os tratados internacionais que van contra os seus intereses e que é capaz de todo tipo de violencia. Pero non hai imperios eternos. Chegará o momento en que será un número máis no cemiterio dos imperios desaparecidos.

Nenhum comentário: