De ben mociña chegou ós galpóns. Comparte o seu lugar de traballo -un cortello- con outras dez compañeiras. Nin moverse case poden. Como din "córtanlles o pico" para que nin das conversacións poidan gozar. A súa xornada laboral non contempla ningún descanso e está prohibido faltar un só día ó traballo. Apenas coñecen o Sol. As lámpadas que nunca se apagan son os seus astros: astros de día e astros de noite. É moita a calor que pasan, corre moi pouco aire fresco e por iso moitas enferman. Se non entregan os ovos previstos cada día serán descartadas, e claro, moitas padecen stress. Para elas a idade é un inconveniente, cando a súa produtividade baixa o negocio esixe o seu sacrificio inmediato. Todo este esforzo para recibir a cambio a súa alimentación: rancho hoxe, rancho mañá e sempre rancho repetido e aburrido. Traballan en condicións inhumanas, son galiñas. Galiñas femias. Galiñas poñedoiras.
Traballa nun compartimento tan estreito que nin darse a volta pode. Se o intenta golpea cos tabiques e férese. Se non o intenta os músculos atrófianselle. O seu rol, reproducirse á máxima velocidade. A súa xornada laboral non contempla ningún descanso e está prohibido faltar un só día ó traballo. Apenas coñecen o Sol. As lámpadas que nunca se apagan son os seus astros de día e de noite. É moita a calor que pasan, corre moi pouco aire freso, e por iso padecen enfermidades pulmonares e outros problemas respiratorios moi contaxiosos. Verdadeiras pestes. Pestes porcinas. Para elas a idade é un inconveniente, cando a súa fecundidade baixa o negocio esixe o seu sacrificio. Traballan en condicións inhumanas, son porcas. Porcos femias. Porcas reprodutivas.
A gandería industrial e capitalista na súa procura do máximo beneficio económico adoptou valores de dominación do ser que se sente superior, de violencia no trato desde o que se cre forte, de opresión, etc. En realidade, como observarían, adoptando valores moi similares á nosa forma de relacionarnos entre seres humanos e que manteñen as desigualdades entre homes e mulleres. Vivimos baixo unhas regras establecidas -o patriarcado- que se asentan na opresión sobre as mulleres e sobre a [muller] Natureza, das que espera: produción e reprodución. Para evitalo feminismo e ecoloxía: ecofeminismo.
Nenhum comentário:
Postar um comentário