02/12/2011

11.274 parados máis en Galicia en novembro

Nova tirada de aquí.

O número de parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego (antigo Inem) subiu en 11.274 persoas en novembro en Galiza, en relación ao mes anterior, o que supón o maior ascenso en termos absolutos do Estado, por diante dos incrementos rexistrados en Baleares (10.396) e Andalucía (8.315).

En termos relativos, a suba do desemprego en Galicia é a terceira maior, pois o incremento galego é do 4,66% (por detrás unicamente do 11,96% de Baleares e o 5,15% de La Rioja), segundo os datos publicados este venres polo Ministerio de Traballo e Inmigración.

En toda España, o número de desempregados marcou unha nova marca histórica en novembro ao situarse en 4.420.462 persoas, tras subir no mes en 59.536 desempregados (un 1,37). Trátase do terceiro maior repunte experimentado polo paro nun mes de novembro dende 1996, cando arranca a serie histórica comparable. En concreto, o peor novembro da serie foi o de 2008, cando o desemprego creceu en 171.243 persoas, seguido do de 2009, no que 60.593 persoas quedaron sen emprego.

En Galiza, o total de parados situouse o pasado mes en 253.416 persoas, tras rexistrar un aumento do 9,36% no último ano, o que supón que se anotaron nas listas de desempregados 21.695 persoas máis. Neste caso, a galega é a sexta comunidade na que máis crece en número de parados, aínda que na comparación relativa é a oitava.

O desemprego creceu máis entre os homes que entre as mulleres en novembro, a subir un 5,99% no primeiro caso e un 3,46% no segundo. Non obstante, o paro feminino segue superando, con 132.776 desempregadas, o masculino, con 120.640 desempregados, en termos absolutos.

Ademais, o paro entre os menores de 25 anos tamén se incrementou, un 7,81%, en novembro, ata alcanzar as 21.768 persoas. Delas, 12.028 son homes e 9.740 son mulleres, de acordo cos datos do ministerio.

OS SERVIZOS, OS QUE MAIS PARADOS SUMAN

O sector dos servizos situouse un mes máis como o que suma un maior número de parados, ao incrementarse en 5.785 e alcanzar un total de 137.811. Na construción anotáronse en novembro 2.347 persoas máis, o que deixa a cifra global en 41.843; mentres que na industria se incrementa en 1.692 a lista de parados, ata os 38.759.

Pola súa banda, 533 persoas engrosan as listas na agricultura (son 6.977 en conxunto) e o colectivo sen emprego anterior suma 917 persoas e sitúase en 28.026.

PONTEVEDRA SUPERA OS 100.000 PARADOS

Por provincias, o maior ascenso corresponde en novembro a Lugo, que sobe un 7% as súas listas do paro, ao se anotar 1.637 persoas máis (o total sobe ata os 25.021 parados). Ségueo Ourense, cun 6,98% e 1.832 persoas máis (en total son 28.069). Na Coruña o ascenso é do 4,06% (súmanse 3.873 persoas e alcanzan as 99.344) e en Pontevedra crece un 4,05% (3.932 parados máis, ata os 100.982).

Na comparación interanual, o maior incremento é o da provincia pontevedresa, cun 11,03%; por diante do 8,52% de A Coruña; o 8,49% de Lugo e o 7,29% de Ourense.

CONTRATOS

En Galiza asináronse 50.400 contratos en novembro, o que supón un descenso de 6.729 (un 11,78% menos) que o mes anterior. Se se compara cos datos do mesmo mes do ano pasado, a caída é do 7,73%, ao rexistrarse 4.220 contratos menos.

O 92,7% dos contratos asinados son de carácter temporal (46.719) e o resto corresponden a algún dos tipos de indefinido.


DATOS DE ESPAÑA

A suba de novembro é ademais a cuarta consecutiva tras as de agosto, setembro e outubro, cando 51.185, 95.817 e 134.182 persoas máis sumáronse ás listas de parados, e multiplica por máis de dous a experimentada en novembro do ano pasado (24.318 desempregados). Nos últimos doce meses, o paro aumentou en 310.168 desempregados, un 7,5% máis.

Por sexos, a suba do desemprego en novembro afectou algo máis os homes. Así, o paro masculino creceu en 31.610 homes (+1,5%) respecto ao mes de outubro, mentres que o feminino se incrementou en 27.926 desempregadas (+1,2%). Desta forma, ao finalizar novembro, o número de homes en paro sumaba 2.179.563, mentres que o de mulleres desempregadas era de 2.240.899.

Por sectores económicos, o desemprego só baixou na agricultura, con 2.571 desempregados menos (-1,6%), mentres que subiu no resto, especialmente nos servizos, onde o número de parados aumentou en 48.788 persoas (+1,9%), concentrando así o 82% da suba mensual do desemprego.

Tras os servizos situáronse a construción, con 5.769 desempregados máis (+0,7%); o colectivo sen emprego anterior, que sumou 4.161 novos parados (+1%), e a industria, que gañou 3.389 desempregados (+0,7%).

MADRID SÁLVASE

Por idades, o desemprego dos mozos menores de 25 anos subiu en novembro en 9.455 persoas (+2%), fronte a un aumento do paro entre os maiores de 25 anos de 50.081 persoas (+1,3%).

Entre os estranxeiros, o paro subiu en novembro en 9.664 persoas, un 1,6% respecto a outubro, ata sumar o total de inmigrantes en paro os 625.429 desempregados. No último ano, os parados estranxeiros aumentaron en 19.103 persoas (+3,1%).

O desemprego aumentou en novembro en todas as comunidades autónomas, menos en Madrid, onde o paro baixou en 4.013 persoas. Os maiores repuntes do desemprego rexistráronse en Galicia (+11.274 parados), Baleares (+10.396) e Andalucía (+8.315 desempregados).

Por provincias, o paro subiu en 44 delas, lideradas por Málaga (+5.557 parados) e Tenerife (+4.566), e baixou en oito, principalmente en Madrid (-4.013), Jaén (-3.030) e Córdoba (-1.954).

SÓ O 6,9% DOS CONTRATOS SON INDEFINIDOS

En canto á contratación, en novembro rexistráronse nos servizos públicos de emprego un total de 1.217.830 contratos, un 3,15% menos que en igual mes de 2010.

Só o 6,89% do total dos contratos de novembro, é dicir 83.919 contratos, foron de carácter indefinido, un 22,4% menos sobre igual mes do ano anterior.

En novembro efectuáronse 8.631 contratos formativos e o resto, 1.217.830, eran outro tipo de contratos temporais, dos que o 30,19% eran de obra ou servizo e o 26,16% estaban subscritos baixo a modalidade de eventuais por circunstancias da produción.

Nenhum comentário: