07/05/2013

Actualidade revolucionaria de Rosa Luxemburg

Michael Löwy. Artigo tirado de Esquerda Anticapitalista Galega (aqui).



Si houbese que destacar o trazo distintivo da vida e do pensamento de Rosa  Luxemburg, tal vez sería o humanismo revolucionario. Tanto na súa crítica do  capitalismo como sistema inhumano, no seu combate contra o militarismo, o colonialismo,  o imperialismo, ou na súa visión dunha sociedade emancipada, a súa  utopía dun mundo sen explotación, sen alienación e sen fronteiras, este humanismo  atravesa como un fío vermello o conxunto dos seus escritos políticos e tamén  a súa correspondencia, as súas emocionantes cartas desde a prisión, que foron  lidas e relidas por xeracións sucesivas de mozos militantes do movemento  obreiro.
Por que esta figura de muller -xudía e polaca, marxista e revolucionaria, tenra  e intransixente, militante e intelectual- séguenos a fascinar? Como permanece  tan próxima 90 anos logo da súa morte? En que consiste a asombrosa actualidade  do seu pensamento, precisamente agora, neste comezo de século XXI?  Vexo polo menos tres razóns para iso:
En primeiro lugar, nunha época de globalización capitalista, de mundialización  neoliberal, de dominación planetaria do gran capital financeiro, de internacionalización  da economía ao servizo do beneficio, a especulación e a acumulación,  a necesidade dunha resposta internacional, dunha mundialización da  resistencia, en resumo, dun novo internacionalismo está máis que nunca  á orde do día. Agora ben, poucas figuras do movemento obreiro encarnaron,  de xeito tan radical como Rosa Luxemburg, a idea internacionalista,  o imperativo categórico da unidade, da asociación, da cooperación,  da fraternidade dos explotados e oprimidos de todos os países e continentes.  Como é sabido, ela foi, xunto a Karl Liebknecht, unha das poucas dirixentes do socialismo alemán en opoñerse á Unión Sagrada e ao voto dos créditos de guerra en 1914. As autoridades imperiais alemás -co apoio da dereita socialdemócrata- fixéronlle pagar caro a súa oposición internacionalista consecuente á guerra, encerrándoa tralos barrotes durante a maior parte do conflito. Confrontada ao fracaso dramático da II Internacional, soñou coa creación dunha nova asociación mundial de traballadores e só a  morte, isto é, o seu asasinato en xaneiro de 1919 polos “Corpos Francos”, chamados a Berlín polo ministro social-demócrata Noske para esmagar a revolta  da Liga Spartakus, impediulle participar, xunto a Lenin e a Trotsky, na  fundación da Internacional Comunista en 1919.
Poucos como ela comprenderon o perigo mortal que representa para os traballadores  o nacionalismo, o chauvinismo, o racismo, a xenofobia, o militarismo e o expansionismo colonial ou imperial. Pódese criticar tal ou cal aspecto da súa reflexión sobre a cuestión nacional, pero non se pode dubidar da forza profética das súas advertencias. Utilizo o termo “profeta” no sentido bíblico orixinal (ben definido por Daniel Bensaïd nos seus recentes escritos), non o de quen pretende “prever o futuro”, senón o de quen enuncia unha anticipación condicional, quen advirte ao pobo das catástrofes que ocorrerán se non toma outro camiño.
En segundo lugar, neste século XX que foi non só o dos “extremos” (segundo a expresión de Eric Hobsbawn) senón o das manifestacións máis brutais da barbarie na historia da humanidade, non se pode deixar de admirar un pensamento revolucionario como o de Rosa Luxemburg, que soubo rexeitar a ideoloxía cómoda e conformista do progreso lineal, o fatalismo optimista e o evolucionismo pasivo da social-democracia, a perigosa ilusión -á que se referiu Walter Benjamin nas súas “Teses” de 1940- de que bastaba con “nadar coa    Corrente” e deixar facer ás “condicións obxectivas”. Ao escribir en 1915, no seu folleto “A crise da social-democracia” (asinado co pseudónimo Junius), a consigna “socialismo ou barbarie”, Rosa Luxemburg rompía coa concepción -de orixe burguesa, aínda que adoptada pola II Internacional- da historia como progreso irresistible, inevitable, “garantido” polas leis  “obxectivas” do desenvolvemento económico ou da evolución social. Unha concepción marabillosamente resumida por Gyorgy Valentinovitch Plekhanov, cando escribía: “A vitoria do noso programa é tan inevitábel como que mañá saia o sol”. A conclusión política desta ideoloxía “progresista” só podía ser a pasividade: ninguén habería ter a desatinada idea de loita, arriscar a súa vida, combater para asegurar a aparición matinal do sol…
Volvamos por un momento ao alcance político e “filosófico” do lema “socialismo ou barbarie”. Atopábase suxerido nalgúns textos de Marx ou de Engels, pero foi Rosa Luxemburg quen lle deu esta formulación explícita e tallante. Implica unha percepción da historia como proceso aberto, como serie de “bifurcacións”, onde o “factor subxectivo” dos oprimidos -consciencia, organización, iniciativa- vólvese decisivo. Non se trata de esperar a que o froito “madure”, segundo as “leis naturais” da economía ou da historia, senón de actuar antes de que sexa demasiado tarde.
Porque a outra parte da alternativa é un sinistro perigo: a barbarie. Con este termo, Rosa Luxemburg non designou unha imposible “regresión” a un pasado tribal, primitivo ou “salvaxe”: tratábase, na súa forma de ver, dunha barbarie eminentemente moderna, da cal sería un exemplo contundente a 1ª Guerra Mundial, moito peor na súa inhumanidade criminal que as prácticas guerreiras  dos conquistadores “bárbaros” do final do Imperio Romano. Nunca antes no pasado, semellantes tecnoloxías -os tanques, o gas, a aviación militar- puxéranse ao servizo dunha política imperialista de masacre e de agresión a tan inmensa escala.
Desde o punto de vista da historia do século XX, a consigna de Rosa Luxemburg foi profética: a derrota do socialismo en Alemaña abriu a vía á vitoria do fascismo hitleriano e, en consecuencia, á 2ª Guerra mundial e ás formas máis monstruosas de barbarie moderna que a humanidade nunca coñecera, simbolizadas e resumidas co nome de “Auschwitz”.
Non por casualidade a expresión “socialismo ou barbarie” serviu de bandeira e signo de recoñecemento a un dos grupos máis creativos da esquerda marxista de posguerra en Francia: reunido en torno á revista do mesmo nome, animada durante os anos 50 e 60 por Cornelius Castoriadis e Claude Lefort. O dilema e a advertencia indicada na consigna de Rosa Luxemburg segue estando á orde do día na nosa época. O longo período de repregue das forzas revolucionarias -do que aos poucos se empeza a saír- veu acompañado da multiplicación de guerras e de masacres de “purificación étnica”, desde os Balcáns ata África, o ascenso de racismos, chauvinismos, integrismos de todo tipo, ata no corazón da Europa “civilizada”.
Pero preséntase un novo perigo, non previsto por Rosa Luxemburg. Ernest Mandel subliñara nos seus últimos escritos que o dilema do século XXI para a humanidade xa non sería, como en 1915, “socialismo ou barbarie”, senón “socialismo ou morte”. Designaba con iso ao risco de catástrofe ecolóxica resultante da expansión capitalista mundial, coa súa lóxica destrutiva da contorna. Se o socialismo non vén interromper esta carreira vertixinosa cara ao abismo  -o ascenso da temperatura do planeta e a destrución da capa de ozono son os seus signos máis visíbeis-, a supervivencia mesma da especie humana estará ameazada.
En terceiro lugar, ante o fracaso histórico das correntes dominantes do movemento obreiro, por unha banda o pouco glorioso derrubamento do pretendido “socialismo real” -herdeiro dos sesenta anos de estalinismo-, e doutra banda a submisión pasiva (ou se trata dunha adhesión activa?) da social-democracia ás regras -neoliberais- do xogo capitalista mundial, a alternativa que representaba Rosa Luxemburg, un socialismo á vez verdadeiramente revolucionario e radicalmente democrático, aparece máis pertinente que nunca.
Como militante do movemento obreiro do Imperio zarista -fundara o Partido Socialdemócrata de Polonia e Lituania, afiliado ao Partido Obreiro Socialdemócrata ruso- criticara as tendencias, na súa opinión demasiado autoritarias e centralistas, das teses defendidas por Lenin antes de 1905. A súa crítica coincidía, neste punto, coa do novo Trotsky en “As nosas Tarefas Políticas” (1904). Ao mesmo tempo, como dirixente da ala esquerda da socialdemocracia alemá, pelexou contra a tendencia da burocracia sindical e política, ou das  representacións parlamentarias, a monopolizar as decisións políticas. A folga xeral rusa de 1905 pareceulle un exemplo a seguir tamén en Alemaña: tiña máis confianza na iniciativa das bases obreiras que nas “sabias decisións” dos órganos dirixentes do movemento obreiro alemán.
Ao ter noticias en prisión dos acontecementos de Outubro de 1917, solidarizouse inmediatamente cos revolucionarios rusos. Nun folleto sobre a Revolución Rusa, redactado en 1918 en prisión, que non foi publicado ata 1921, logo da súa morte, saudou con entusiasmo este gran acto histórico emancipador e rendeu homenaxe aos dirixentes revolucionarios de Outubro:
Todo o valor, a enerxía, a perspicacia revolucionaria, a lóxica de que pode dar proba un partido revolucionario nun momento histórico, foron mostrados por Lenin, Trotsky e os seus amigos. Todo o honor e toda a facultade de acción revolucionaria que faltaron á socialdemocracia occidental, vólvense a atopar entre os bolcheviques. A insurrección de outubro non só serviría para salvar á revolución rusa, senón tamén o honor do socialismo internacional.
Esta solidariedade non lle impediu criticar o que lle parecía erróneo ou perigoso na súa política. Si algunhas das súas críticas -sobre a autodeterminación nacional ou a distribución de terras- son moi discutíbeis, e bastante pouco realistas, outras en cambio, sobre a cuestión da democracia, son completamente pertinentes e dunha notable actualidade. Aínda recoñecendo a imposibilidade, para os bolcheviques, nas dramáticas circunstancias da guerra civil e da intervención estranxeira, de crear “como por encantamento, a máis bela das democracias”, non por iso Rosa Luxemburg deixou de chamar a atención sobre o perigo dunha deriva autoritaria, e reafirmou algúns principios fundamentais da democracia revolucionaria:
A liberdade só para os partidarios do goberno, só para os membros dun partido -por numerosos que sexan- non é a liberdade. A liberdade é sempre a liberdade do que pensa doutro xeito (…). Sen eleccións xerais, sen unha ilimitada liberdade de prensa e de reunión, sen unha libre loita de opinións, a vida se debilita en todas as institucións públicas, vexeta, e queda a burocracia como único elemento activo.
É difícil deixar de recoñecer o alcance profético desta advertencia. Algúns anos máis tarde, a burocracia apoderábase da totalidade do poder, eliminando progresivamente aos revolucionarios de Outubro de 1917, á espera de poder exterminalos desapiadadamente nos anos 30. Unha verdadeira refundación do comunismo no século XXI non pode aforrarse a mensaxe revolucionaria, marxista, democrático, socialista e libertario de Rosa Luxemburg.

Nenhum comentário: