25/05/2012

A hora da sociedade civil

Rosa Cobo. Artigo tirado de Público.es (aquí) e traducido por Revolta Irmandinha. Rosa Cobo é profesora titular de Sociología da Universidade da Coruña.



O grande problema do noso país non é só que a dereita se fixese coa maioría do poder institucional ou que decidise nun golpe de man antidemocrático monopolizar a información da televisión pública no seu propio beneficio. O problema de fondo é que a dereita mundial está a utilizar a crise económica como escusa para reducir os dereitos sociais e para recortar ou eliminar as políticas de benestar social. Non estamos só ante outra crise do capitalismo senón ante unha nova estratexia da dereita económica e política para eliminar os estados de benestar e para impedir aos países que non o teñen a posibilidade de crear modelos similares. Non estamos ante unha crise económica como outras anteriores, senón ante un cambio de modelo económico e social que pon fin ás políticas de redistribución keynesianas e propón a redución do estado como instrumento regulador do mercado e como garante dos dereitos sociais. A globalización económica, as novas tecnoloxías informacionais e a crise económica están a ser habilmente aproveitadas polo capitalismo para eliminar os dereitos sociais e económicos que pactou tras a Segunda Guerra mundial co movemento obreiro e que deron lugar en Europa aos estados de benestar. Os resultados desta operación do capitalismo e da dereita política que lle representa están a deixarse ver desde hai anos: aumentan os salarios de pobreza, o traballo mergullado, os contratos non normados, o traballo a tempo parcial e, ademais, se feminizan a pobreza e os traballos de sobrevivencia. E todo iso acompañado de baixadas xeneralizadas de salarios desde fai máis dunha década e de aumento da xornada laboral. Aínda por riba, esta reconversión do capitalismo keynesiano en capitalismo ultraliberal está a expulsar a millóns de persoas do mercado laboral e ampliando o abismo da desigualdade.

Pero este non é o único problema. Hai outro sobre o que tamén convén reflexionar. E é que a dereita está a levar a cabo unha ofensiva ideolóxica tan eficaz e sólidamente articulada que conseguiu desmovilizar a unha grande parte da opinión pública. Tanto foi así que as políticas económicas ultraliberais invadiron as nosas vidas e as nosas cabezas até o extremo de que persoas progresistas aceptan propostas ideolóxicas do discurso ultraliberal e arguméntano coma se fosen procesos de racionalización das nosas redes de benestar social. O discurso ultraconservador e ultraliberal contaminou a nosa forma de analizar a realidade até o punto de que as mobilizacións sociais e as folgas son presentadas á opinión pública coma se fosen accións case terroristas. A deslexitimación do conflito social é a proba contundente da exitosa ofensiva ideolóxica da dereita. Aínda porriba, esas políticas están a ser mostradas á opinión pública coma se fosen irreversíbeis. E, con todo, sabemos que nada de irreversíbel hai na historia.

Mentres tanto, a socialdemocracia mostrouse timorata nas súas críticas ao capitalismo ultraliberal e foi incapaz de ofrecer unha alternativa de sociedade cualitativamente diferente á da dereita. E doutro lado, a esquerda máis radical non foi capaz de convencer á opinión pública de que as súas propostas políticas protexen aos sectores máis débiles da sociedade e ás clases medias. Ante un panorama tan reactivo para os intereses de amplos sectores da sociedade é necesaria unha resposta colectiva rápida e eficaz. E para iso debemos organizarnos pacífica e activamente na sociedade civil. Debemos esgrimir razóns e argumentos para desenmascarar un discurso e unha práctica que nos conducen ao aumento da desigualdade e ao abandono de millóns de persoas á súa sorte. Nestes momentos, a sociedade civil configúrase como o motor de cambio social. Unha sociedade civil plural, con moitas voces, marcada pola diversidade de intereses e de énfases ideolóxicas, mais que os partidos de esquerda teñen a obrigación de escoitar. Agora ben, a pluralidade non debe ser un obstáculo para articular unha proposta de mínimos que faga fronte ás perversas políticas que favorecen ao mercado e empobrecen a grandes sectores da sociedade. Debemos pasar á ofensiva ideolóxica e combater racionalmente, con propostas e razóns, sempre pacíficas, os discursos e políticas que nos conducen ao aumento da desigualdade. Trátase de articular unha resposta colectiva que poña de manifesto que o neoliberalismo non é o fin da historia e que outra historia é posíbel. Esta é a hora da sociedade civil.

Nenhum comentário: