16/11/2009

A doutrina do shock

"Se metía a la gente en la cárcel para que los precios pudiesen ser libres."
Eduardo Galeano
A idea central de A doutrina do Shock. A auxe do capitalismo do desastre, da canadiense Naomi Klein é atacar directamente a concepción de que a difusión do libre mercado vai á par da implantación dunha democracia; e nin sequera dunha democracia ao estilo occidental. Dende o Chile de 1973 ata a invasión de Irak a extensión das desregulacións, privatizacións e recortes sociais no mundo post-primeira-crise-do-petróleo conseguiuse mediante a aplicación dunha violencia explícita por parte do Estado que desactivase, mediante o terror ou o mesmo exterminio, a sindicatos e forzas de esquerda para poder implementar dende os gobernos, elixidos ou xurdidos de golpes militares, as medidas impopulares da Escola de Chicago, o que remata por producir unha violencia inherente ao sistema, moito máis letal aínda que a das salas de torturas: despidos masivos, precarización laboral, xeneralización da miseria.

Esta maneira de aplicar as políticas económicas neoliberais é análoga á terapia de electroshok desenvolvida nos anos 40 en Estados Unidos, experimentos que logo a CIA financiou na década seguinte para aplicar estes coñecementos no estilo de "interrogatorios" difundido pola Axencia de Intelixencia a medio mundo, ao compás da expansión do libremercado. Provocar unha regresión para que o paciente, ou o prisioneiro, proporcione información ou simplemente obedeza non só se aplica aos individuos, senon a sociedades enteiras; e faise conscientemente ["só unha crise -real ou percibida- dá lugar a un cambio verdadeiro. Cando esta crise tén lugar, as accións que se levan a cabo dependen das ideas que flotan no ambiente. Creo que esa debe ser a nosa función básica: desenvolver alternativas ás políticas existentes para mantelas vivas e activas ata que o politicamente imposible se volva politicamente inevitable" Milton Friedman] para crear o clima social que faga que a poboación esté tan atemorizada e desorientada, por unha guerra ou un colapso económico, que a venta do seu Estado ao mellor postor se convirta nun asunto menor ante o impulso da supervivencia, áinda máis, para que as medidas desreguladoras sexan vistas coma a única saída, coma un "tratamento de choque económico", que será "unha amarga medicina" pero curará a enfermidade.

Recentemente, ademais, as cada vez máis numerosas catástrofes naturais, resultado do desatre ecolóxico que acompaña ao capitalismo salvaxe sustentado na utilización dos recursos naturais coma se fosen infinitos, foron aproveitadas polas grandes corporacións, da man de estados conniventes (estados "coorporativistas"), para obter beneficios da reconstrucción, ou, mais ben, da construcción dunha sociedade segundo novos parámetros favorables ao Capital, a tabula rasa soñada polos terapeutas do shock (borrar as mentes dos pacientes para imprimirlles unha nova personalidade; "bombardear países ata devolvelos á Idade de Pedra"), do que a privatización do sitema educativo público de New Orleans tras o Katrina ou a apropiación das costas de Sri Lanka polas empresas hoteleiras despois do tsunami son os principais exemplos. O seguinte paso é que as propias corporacións provoquen os shocks que lles son tan rentables ou que orienten a política dos estados ao mantemento de situacións catastróficas, coma o interese do estado de Israel en manter o xugo sobre Palestina e fomentar a tensión no Próximo Oriente como situacións favorábeis ás industrias de alta tecnoloxía, moitas delas relacionadas coa seguridade e o "antiterrorismo", o 50% das exportacións do país actualmente.

Esta é a lóxica do capitalismo do desastre.

Ao remate da lectura a autora resérvanos unha menxase esperanzadora no medio do caos – o capítulo titulado "O shock gástase" -, ao ver hoxe as ideas cuasi relixiosas dos Chicago Boys rexeitadas en diversos puntos do globo e a moitos dos seus valedores sentados no banquiño dos acusados, optimismo que, quizais, pode verse matizado por algúns acontecementos posteriores ao 2007, ano de publicación da obra, coma o golpe de estado de Honduras, a victoria de Berlusconi en Italia ou a ratificación do Tratado de Lisboa por Irlanda nun segundo referendo.

Naomi Klein ve en Latinoamérica, primeiro espazo xeopolítico en sufrir a doutrina do shock, o maior baluarte de loita contra o sistema*, resaltando como elemento novedoso o enfoque en rede dos movementos populares lationamericanos. Non é casual que o subcontinente fose o primeiro en recuperarse do shock, xa que "a memoria colectiva do pasado, dos shocks de antano, permiten resistir fronte aos novos", por iso un dos primeiros ataques dos defensores do ultraliberalismo é contra á memoria dos pobos, dende os ominosos saqueos do museo de Bagdad á sistémica cocacolonización cultural. Predixo Rodolfo Walsh, asasinado en Buenos Aires en 1977 por escribir unha carta aberta á Xunta Militar na que acusaba ao sistema por ela imposto de causar a "miseria planificada", que en tres décadas as sociedades latinoamericanas se sacudirían dos efectos do terror das salas de tortura e así se cumpre hoxe, en liñas xerais, o desexo dun Allende asediado polas forzas contrarrevolucionarias e son outros os homes e mulleres que avanzan polas grandes alamedas dunha América que camiña cara a súa independencia.

KLEIN, NAOMI (2007); La doctrina del shock. El auge del capitalismo del desastre. Ediciones Paidós. (Accede á ficha do libro e a un interesante vídeo aquí).

Paula Vázquez Verao

NOTAS
* O libro tén unha páxina web propia (http://www.naomiklein.org/shock-doctrine) onde consultar documentos orixinais (coma manuais de torturas da CIA) e outros materiais, froito do incesante "traballo de campo" da autora para ampliar o contido do texto.
* A Tese Política recentemente aprobada pola XI Asamblea Nacional de Galiza Nova coincide con esta visión, considerando aos gobernos latinoamericanos nucleados ao redor do ALBA os principais referentes que se enfrontan á lóxica "mercantilista e imperialista" do capitalismo; así tamén a emenda á totalidade da Tese Política presentada polo EI, elaborada polo compañeiro Antom Fente, coa que tratamos de introducir matices que nos parecen importantes:
Hodierno, os principais referentes neste sentido som as experiências que se desenvolvem em diversos países de hispanoamérica, através de processos onde convergem os postulados socialistas com os do nacionalismo emancipador, na luita por umha segunda independência, desta volta nom apenas nacional – nominal em realidade –, mas tamém social. Estas experiências devem ser olhadas com respeito, compreensom e benevolência até, já que sofrem dia-a-dia os embites das oligarquias locais e as chantages do Imperialismo, através dos EUA com a Doutrina Monroe de fundo, que considera América como o celeiro natural da rapinha usamericana.
Contodo, a ética de esquerdas obriga a nom conformar-nos modelos acríticos e nem Venezuela, nem Bolívia, nem Equador, nem Cuba som panaceias perfeitas nem paraísos. Só desde esta premissa a esquerda ocidental evitará cair numha crise como a produzida após a queda do muro de Berlim. No entanto, todos estes processos merecem o nosso apoio e as nossas saudaçons internacionalistas e parece claro que, neste sentido, a Revoluçom Bolivariana e a Revoluçom Cubana som exemplos de luita, dignidade e resistência, para além de procurar encarnar a utopia e, portanto, executar políticas valentes e decididas de justiça social e exercício pleno da soberania nacional dum povo.

Um comentário:

Anônimo disse...

moi boa achega que nos permite comprender melhor a realidade dum mundo cada vez máis, se quadra, máis surrealista... Hei de mirar de atopa-lo.
Umha aperta.