02/05/2010

Encol da crise: diagnose e alternativas (III)



Se é que non vos indixestáchedes coa enchenta de cereixas do outro día, daquela proseguirei. E fareino pasándomos a examinar, sequer sexa ás apalpadas, as diferentes dimensións da crise. E digo ás apalpadas non porque esteñamos cegos, senón por termos que facer como fan os médicos, ou cando menos facían outrora, facíanos don Felipe, o noso médico de cando eu neno, que nos pousaba os dedos da sua man esquerda no bandullo e marteláballes nos cotenos cos da sua man dereita, e a min fascinábame o enigma desa operación, cómo diaño podería averiguar asi o que pasaba nas miñas tripas, que nen que tivese nos dedos raios equis, que aínda o do fonendo resultábame comprensibel, malia que cando me deixaba facer a proba a min, por enredar, eu non ouvía nada por moito que apretase a orella no chirimbolo, mais iso de darme cotenadas no bandullo non, iso non tiña espricación, pero o caso é que logo, polo que se vía nas resultas, acertabame no diagnóstico. Xa me ensarillei. A ver se recobro o fío.
O aparello ideolóxico do sistema funciona coma un caleidoscopio: o poder métenolo diante dos ollos e fainos ver a realidade através dil. Aplicado á crise, dixéravos, o seu xogo de espellos cria unha fantasmagoría de ilusións ópticas na que semella haber unha diversidade de crises: inmobiliaria, financeira, alimentar, enerxética, climática, e así seguido. Mais non hai tal. Se no canto de enredarmos co caleidoscopio apalpámoslle o bandullo á crise, descobriremos que esa confusa diversidade morfolóxica non é outra cousa ca o repertorio sintomático dunha crise sistémica que se manifesta e proxecta nas diferentes dimensións da realidade. Se reducimos esas dimensións ás tres do espazo euclidián, resultarános a crise "unha e trina" á que xa vos fixera alusión. O ollo clínico da Susan George, a autora do xenial Informe Lugano, fixera un lacónico enunciado desa trinidade: o diñeiro, a desigualdade, o clima. Podería parecervos unha simplificación abusiva, mais non é tal: esa tríada de siñificantes designa a síntese das tres primordiais dimensións da crise sistémica, a saber, a económica, a social e a ecolóxica -que eu prefiro, cando menos neste contexto, denominar "ecosistémica". Vaiamos por partes, logo, para debullarmos esa natureza "trinitaria" -ou digamos tridimensional, se sodes agnósticos- desta crise sistémica.
 *****
 A dimensión económica, primeiro -é dicir, na estrutura da base económica da sociedade. Pra empezar, na fase actual da mundialización capitalista -a da globalización ultra-liberal- exacérbase a contradición entre, por unha banda, as relacións técnicas de produción -os níveis de desenvolvemento tecnolóxico e de "socialización" das forzas produtivas- e, pola outra, as relacións sociais de produción e a sua forma xurídica -forza de traballo asalariada e excluída da propriedade (privada) dos medios de produción e das decisións sobre o seu uso. O primeiro fenómeno, no nível das forzas produtivas, requiriría a aplicación dunha lóxica e uns criterios sociais no aproveitamento dos recursos, no uso da teconoloxía e nas relacións laborais, mais o segundo impón a lóxica (depredadora) do capital e os criterios (mercantilistas) do lucro "individual". Unha mostra límite de mercantilización aberrante éo a dos bens definidos literal e semánticamente como "públicos" e como "sociais", cuxa "privatización" para convirtilos en mercadurías obxeto de compra-venda lucrativa constitue unha auténtica "contradictio in terminis": ensino, sanidade, cultura, seguridade e servizos sociais de toda caste. E unha mostra límite de apropriación e mercantilización "contra natura" de recursos naturais éo a da auga: nos meus tempos de estudante, os manuais académicos de economía, para ilustrar a definición dos "bens económicos" e contrapoñelos aos que non o eran, puñan mesmamente a auga como exemplo de "bens libres", ou sexa non económicos pola sua propria natureza -vivir para ver. Mais a exacerbación da dinámica contraditoria entre as relacións de produción capitalistas e o carácter das forzas produtivas no actual sistema-mundo compróbase tamén a respeito dos recursos normalmente definidos como económicos.
Poñamos por caso a chamada "crise enerxética", que se adoita vencellar ao esgotamento dos recursos enerxéticos fósiles. Eses recursos cada vez máis escasos son en rigor un ben social, patrimonio do común -para empezar, do común dos povos, case todos da periferia do sistema, onde os recursos están localizados- mais son obxeto de apropriación e depredación por empresas que operan co criterio do lucro "individual" e en rexime mercantil de dereito privado -inda que sexan xigantescas coporacións transnacionais. O mesmo ocorre coa propriedade e o control da tecnoloxía que, teóricamente, permitiría racionalizar socialmente o aproveitamento enerxético: invírtese perversamente a potencial "utilidade" do avance tecnolóxico, adquírense "patentes" para inutilizadas, "conxélase" a aplicación de fórmulas enerxéticas alternativas. E outro tanto acontece, mutatis mutandis, cos recursos "renovábeis" -enerxías hidráulica e eólica, mesmo a solar e a xeotérmica.
En Galiza temos xa meio século de amarga experiéncia dunhas e outras. Primeiro cos encoros. Logo cos xacementos de lignito. Despois tamén cos parques eólicos. Inda están por calcular os custes económicos, sociais e ecolóxicos cos que apandou o povo galego, e primordialmente o campesiñado, por mor do sistemático e sistemáticamente abusivo "aproveitamento hidroelétrico integral dos rios galegos". E cos que segue a apandar -como a aberrante falcatruada de Iberdrola nos canóns do Sil, coa delictiva complicidade dos poderes políticos locais, provinciais e autonómico. Os beneficios, en troques, si que é doado calcular a sua magnitude -e identificar aos beneficiarios. Sabíano ben as xentes labregas que, xa nos anos sesenta, loitaran na defensa do val de Castrelo de Miño, e logo, nos setenta, nas Ecncrobas, con Moncho Valcarce, o cura de Sésamo. E sabíano igualmente as xentes galegas do común que proclamaban nas mobilizacións que "esta Terra é nosa e non de Fenosa" -agora xa nen Fenosa é desta terra, senón do Gas Natural.
Eis as contradicións que determinan de raíz a caótica irracionalidade do actual sistema enerxético. Na instancia económica, o resultado directo é unha "crise enerxética" que ven ser irreversíbel dentro das coordenadas do actual sistema-mundo. Pero, alén desa dimensión, proxéctase asimesmo como un dos vectores causais máis determinantes das crises "ecolóxica" e "climática" -ou millor dito, das dimensións ecolóxica e climática da actual crise sistémica.
No entanto, para comprendermos a etioloxía da crise nesta sua dimensión económica, convén coñecer a lóxica do capital nas suas diferentes formas e as fontes da sua valorización e acumulación. Mais isto tentareino debullar convosco un algo outro dia: por hoxe abonda, digo eu.

Nenhum comentário: