A opción da soberanía alimentar diante do Consello Informal das ministras e ministros de agricultura da UE
Baixo o lema “Outra agricultura, outra Europa”, a Coordenadora Europea Vía Campesina, canda numerosas organizacións sociais e ecoloxistas do Estado español, mobilizouse o pasado 30 de maio en Mérida en demanda da elaboración dunha nova Política Agraria Común (PAC) baseada en criterios agrosociais, que rache coa actual complicidade entre as políticas agrarias e os intereses das multinacionais dos agronegocios. Diante dos ministros e ministras de agricultura –en xuntanza “informal” eses días en Mérida para debater sobre a PAC que será aplicada a partires do 2013– visibilizamos unha cada vez máis a forte alianza da sociedade civil europea a prol da consecución dunha nova política agraria enmarcada na soberanía alimentar.
Dende o Sindicato Labrego Galego (SLG) facemos fronte á actual concepción capitalista e neoliberal do sistema alimentar da UE, que está a supoñer a desaparición das labregas e labregos de toda Europa, avanzando nunha ditadura de mercado que ameaza con controlar a base da nosa existencia: a alimentación.
A Coordenadora Europea Vía Campesina defendemos unha Política Agrícola e Alimentaria Común (PAC) para o 2013 no marco da soberanía alimentaria, en ruptura co marco actual da PAC, entendida como a Organización Mundial do Comercio do último século, e incapaz de dar resposta aos retos europeos e mundiais do noso tempo. A UE debe en primeiro lugar alimentarse, no canto de ser a primeira exportadora e importadora alimentar. Debe manter unha forte poboación agrícola ben distribuída nas rexións, con explotacións labregas estábeis e multifuncionais. Non poderá facelo sen que as labregas e labregos atopemos unha renda vendendo os nosos produtos, e non dependendo de subvencións que nos atrapan. Para acadar estes obxectivos a UE ten que acabar cos métodos de produción agrícola industrializados que prevalecen hoxe. Trátase de substituír unha agricultura intensiva en insumos e en recursos fósiles, que serán cada vez máis escasos, por unha agricultura intensiva en traballo, no contexto actual da Europa do desemprego. O valor engadido debe distribuírse equitativamente na cadea alimentaria, diminuíndo as marxes actuais da industria agroalimentaria e a gran distribución, en favor das persoas labregas e consumidoras.
A Unión Europea (UE) non parece disposta a cambiar a política neoliberal que globalizou a nosa agricultura e a nosa alimentación, e está a ofrecer ás multinacionais agroexportadoras o control da alimentación, sacrificando a agricultura familiar sustentable e a garantía dunha alimentación sa e segura. Se a UE non actúa, a agricultura europea correrá un serio perigo, o que suporía unha catástrofe social e medio ambiental. Sen labregos/as, quen vai alimentar a poboación? Multinacionais que miran unicamente para os números que lles saen nos seus balances de contas? Como agricultoras/ es europeas/os que somos, precisamos implicar ao meirande número posíbel de persoas aliadas dentro da sociedade para defender unha nova política agraria e alimentaria. O 2010 debe ser o ano dun amplo debate público dentro da UE para que sexan redefinidas as prioridades da política agrícola e alimentaria que se vai aplicar a partir do 2013, antes de que se decidan os orzamentos da UE para ese período. As actuais políticas agroalimentarias e os tratados de comercio afástannos cada vez máis dun modelo social de agricultura, aquel que garante a sustentabilidade e a economía rural. A cidadanía demandamos unha PAC que priorice o comercio local, as prazas de abastos, a venda directa... Loitamos pola soberanía alimentaria, que outorga aos pobos e á UE o dereito a definir a súa política agrícola e alimentaria a partir das necesidades da poboación, e non a partir das regras do comercio internacional inscritas na ideoloxía do capitalismo neoliberal.
Para vivirmos do noso traballo, o Sindicato Labrego Galego, canda as demais organizacións integrantes da Coordenadora Europea Vía Campesina, demandamos:
- O control da produción, que adecúe a produción á demanda na UE. Non liberalizar para ter cheas de produtos que nos merquen as distribuidoras e por tanto as industrias, a prezos de miseria “competitivos” con outras latitudes do mundo.
- A regulamentación dos mercados agrícolas, con transparencia ao longo de toda a cadea alimentaria e limitación das marxes de beneficios da transformación e da distribución, con prezos agrícolas mínimos para o elo da produción.
- O dereito a protexerse das importacións a prezos baixos, incluídos os dos pensos animais, así como acabar de vez co dúmping para a exportación.
- As axudas mediante pagos directos, con máximos por activo agrícola. deben ser establecidas, por unha banda, ás pequenas explotacións e, pola outra, ás explotacións sustentábeis das rexións desfavorecidas agroclimaticamente, que teñen gastos de produción máis elevados.
Nenhum comentário:
Postar um comentário