Que ten en común a visita de Rajoy a Melilla, co desembarco do PP catalán –cunha eurodeputada francesa– en Badalona á busca de poblados ciganos, a expulsión masiva de ciganos rumanos de Francia ou Italia, a campaña racista/antimusulmá do Tea Party nos Estados Unidos ou a campaña contra o galego da dereita no noso país? A primeira vista un podería pensar que nada teñen que ver e que se trata de meras coincidencias, pero ao mellor ese tipo de coincidencias non son tan casuais.
Claro está que a situación de crise exacerba os problemas; a caída da actividade económica e do emprego aumenta o volume de persoas que quedan en situación de marxinalidade e, sobre todo, aumenta a intensidade da privación dos que xa se encontraban nesa situación. Iso aumenta os problemas de inseguranza e acentúa os conflitos sociais e a violencia de todo tipo que se vive dentro dos estratos marxinalizados e naqueles que están ao seu redor. Porque é ben sabido que a vivencia cotiá deses problemas só en moi pequena medida afecta aos sectores acomodados que, en xeral, quedan lonxe do alcance deses conflitos de convivencia.
Diante desa situación o discurso da esquerda por toda parte trata de racionalizar a situación, tratando de entender e explicar as raíces económicas do problema. Un modelo neoliberal que crea grandes desigualdades sociais, con amplas capas da poboación que vive na privación relativa ao lado da opulencia doutros e sometidas á tentación e presión consumista duns vendedores ávidos de mercado. Máis aínda, a esquerda trata de explicar como nos períodos expansivos o empresariado atraiu man de obra inmigrante, sobre todo nos sectores de baixa productividade, para poder crecer sen elevar os salarios. E, por fin, esa esquerda trata de explicar que a crise económica que deixa millóns de persoas sen emprego, cuns ingresos moi minguados ou reducidos a cero, está provocada por ese modelo neoliberal que se revela inviable; que á larga non é sostible un modelo onde uns países producen e crean emprego, outros consumen en base a rendas e débedas e outros nin unha cousa nin outra. Trata, en definitiva, de explicar que a exclusión social e os conflitos a ela asociados nacen dun modelo económico que cómpre superar e non das características dunhas etnias ou outras e, menos aínda, do feito de ser inmigrantes ou non.
Para a dereita, en cambio, o problema é completamente distinto. Non se trata de racionalizar o problema senón todo o contrario, aproveitalo para desatar a caixa de pandora dos prexuizos sociais e dos baixos instintos. Fronte ao discurso que trata de evidenciar a natureza complexa dese tipo de problemas sociais, a dereita busca acender a mecha das reaccións máis primarias, cos argumentos máis simples e ofrecendo tamén as solucións máis simples, cando menos aparentemente.
Faino xusto no momento en que as bases do modelo económico que encarna se amosan máis inconsistentes e deslexitimadas. No momento en que se evaporan os argumentos lexitimadores no eido económico bótase mán dos fantasmas que acubillan ao redor do medo ao futuro, a incerteza laboral, a inseguridade cidadá, etcétera. E, para iso, cómpre tapar as ameazas que están detrás de factores máis ou menos distantes e intanxibeis para a xente do común –como os fallos do modelo económico– e aguilloar as ameazas de carne e oso, as dos extraños que nos disputan os empregos, os costumes e os espacios. Cando non se teñen solucións para os problemas de fondo nada mellor que inventar problemas cara os que canalizar a carraxe da poboación. E se iso se pode facer alimentando o odio a algún enemigo fácil de bater pois mellor que mellor: os ciganos, os marroquinos, os inmigrantes en xeral.
Estes argumentos que, por outra parte, sempre están presentes no discurso da dereita, pasan a ocupar o centro da súa estratexia cando unha proporción crecente de xente por toda parte amosa un grao de desafección elevado a respeito deste sistema. Até o ponto de que, como amosan as enquisas, mesmo lle quita o crédito a unha “clase política” que parece incapaz de asumir o poder e a responsabilidade de endereitar a situación en beneficio da maioría. E, sobre todo, a estratexia da dereita radicalízase cando os sindicatos –aínda desde a moderación– empezan a artellar por Europa adiante unha tímida contestación social, que no noso caso se concreta na folga xeral do día 29 e que, para drama dunha socialdemocracia rendida, pilla ao PSOE no goberno.
Os ideólogos da dereita saben moi ben que para desprazar o foco de atención nada mellor que mudar de torneo e buscar outro terreo de xogo. Cómpre tamén que os enemigos que encarnan as ameazas sexan febles, o que lle dá un atractivo escepcional ao seu argumentario fronte ao da esquerda, que non se ocorre mellor idea que escoller como enemigos aos poderosos ou, máis difícil aínda, o sistema como tal. Con tamaña disparidade de enemigos, non hai dúbida de quen ten máis fácil arrecadar seareiros.
Pero o máis patético é cando, a falta dese imposible enemigo “exterior”, a dereita opta por cubrir a súa falla de alternativas erguendo a fronteira interior, facendo do autoodio bandeira tras da que fanatizar a todos os acomplexados do país.
Nenhum comentário:
Postar um comentário